|
Non hai mellor expoñente de normalidade e modernidade nas relacións laborais que a existencia dunha comunicación fluída, un diálogo sereno e un entendemento sensato entre os protagonistas do eido laboral: as organizacións empresariais e sindicais.
Xa van máis de 20 anos da creación do Consello Galego de Relacións Laborais, e durante este tempo o Consello amosouse como ese eixo central de diálogo, permanente e fóra de coxunturalidades ou oportunismos puntuais.
Se o consello desenvolve activamente un papel de órgano consultivo emitindo ditames a todos os proxectos normativos, se exercita unha intensa actividade de fomento do debate social con cursos, xornadas, seminarios e publicacións, e se actúa apoiando á negociación colectiva galega e á solución extraxudicial dos conflitos colectivos, tamén e predominantemente actúa como casa común, punto de encontro e espazo de acordo dos axentes sociais galegos.
A presente páxina web, creada no ano 2003 e reformada e ampliada no ano 2009, pretende ser unha ferramenta de axuda para todas aquelas persoas que teñen que ver co eido laboral galego.
A actividade do Consello, as publicacións, os convenios colectivos e a lexislación laboral, os ditames emitidos, ou a actuación en materia de mediación e arbitraxe son algúns dos elementos que se ofrecen nesta páxina que ten unha vocación de utilidade pública e que pretende aportar un gran de area na mellora da cuestión sociolaboral galega.
Que cumpra con estas expectativas e coa ilusión coa que foi creada é o desexo de todos os que compoñemos o Consello Galego de Relacións Laborais.
Un cordial saúdo.
Demetrio Fernández López
Presidente do Consello
|