ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 

-  Laudo 14/02

Benigno Sánchez García, con DNI 33.832.475-G, e domicilio a efectos de notificacións en r/Algalia de Abaixo, 24, de Santiago de Compostela, designado árbitro en virtude de acta de sometemento a arbitraxe asinada, o día 5.7.2002, polos suxeitos lexitimados para elo que máis adiante se dirá, do conflicto suscitado na empresa SGL Carbón, S.A., na súa fábrica da Coruña, todo iso ó amparo do Acordo Interprofesional Galego sobre solución extraxudicial de conflictos colectivos de traballo (AGA), e logo das actuacións practicadas, ás que tamén máis adiante se aludirá, ven de dictar LAUDO ARBITRAL, en base as seguintes consideracións.

ANTECEDENTES

1. O día 5.7.2002, en acto presidido por Dna. Pilar Cancela Rodríguez , Secretaria do Consello Galego de Relacións Laborais, Dna. María Rosenda Campos Campos, en representación da empresa S.G.L. Carbón, S.A., en tanto que responsable do seu departamento de Recursos Humanos para a fábrica de A Coruña, e D. Rosalino Villoria Barrero, na súa condición de presidente do Comité de Empresa, asinaron acta de compromiso arbitral para resolver dese xeito as discrepancias entre as partes sobre o goce de cinco días adicionais de vacacións polos traballadores adscritos a Sección de Impregnación da Empresa. Expresamente requiridas as partes para que manifestasen ó arbitro o criterio (de dereito ou de equidade) ó que debería someter a súa decisión, ambos manifestaron que deixaban en mans de quen subscribe a utilización dun dos dous.

2. O mesmo día 5.7.2002, ás 11 horas, o árbitro mantén reunións, conxuntamente e por separado, con cada unha das representacións. Asisten ás mesmas tres dos traballadores directamente afectados polo conflicto, D. Antonio Docampo Carro; D. Manuel Blanco Ventureira e D. Antonio Pérez Castro.

3. O día 17.7.2002 o árbitro resolve, ó amparo do disposto no artigo 24 do AGA, amplia-lo prazo para dictar laudo arbitral ata o máximo de vintecinco días hábiles a partir da súa designación, por ser “… relevante obte-la testemuña do xefe das seccións de Impregnación e Cocción, sr. Carreira Díaz”, o que, ata ese momento, non tiña sido posible.
4. O día 31.7.2002, ás 9,30 horas, o árbitro mantén xuntanzas na sede da empresa, ás que asisten a sra. Campos Campos, o sr. Carreira Díaz, o sr. Villoria Barrero e cinco dos traballadores afectados, sres. Díaz Redondo, Docampo Carro, Pérez Castro, Blanco Ventureira e Ruipérez Valdueza, ademais do sr. Cal Faraldo (vicepresidente do Comité de Empresa).

FEITOS ACREDITADOS NO PROCEDEMENTO ARBITRAL

1. Desde 1983, os traballadores da Sección de Impregnación (naquel momento: D. José Rouco Vázquez; D. José Antonio Díaz Redondo e D. Jacinto Fernández García, este último desvinculado da empresa desde 1987), que atendían esta sección en réxime de tres quendas, viñeron gozando, de xeito ininterrompido ata 2002, de cinco días adicionais de vacacións, a sumar anualmente ós 28 días laborables que corresponden a todo o persoal da empresa que traballa a tres quendas.

2. Posteriormente, fóronse incorporando a tal sección D. Carlos Ruipérez Valdueza (en 1988); D. Antonio Pérez Castro (en 1991); D. Antonio Docampo Carro (en 1993); D. Manuel Rey Mella (en 1992);      e D. Manuel Blanco Ventureira (en 1996). A sección segue a estar atendida en tres quendas, de oito horas de traballo teórico efectivo cada un deles, se ben, en cada quenda, hai dous traballadores. Todos estes traballadores, desde o momento da súa incorporación á sección, veñen gozando ininterrompidamente deses cinco días adicionais de vacacións.

Os feitos reflectidos nos puntos 1 e 2 anteriores resultaron acreditados pola testemuña coincidente e indubitada da representante da dirección da empresa, dos traballadores afectados ós que este árbitro puido entrevistar, relacionados nos antecedentes números 2 e 4 desde laudo, e do xefe das seccións de Crudos e Impregnación..

3. Segundo a testemuña dos sres. Docampo Carro, Díaz Redondo e Ruipérez Valdueza, D. José Luis Cabarcos Sanjurjo na súa condición de director técnico da fábrica de A Coruña, fíxolles o ofrecemento de que a súa incorporación á Sección de Impregnación levaría aparellada a concesión de cinco días adicionais de vacacións anuais, a cambio de que a media hora (considerada como de traballo efectivo) de que goza o resto do persoal da empresa, entre as 10 e as 10,30 horas, para “toma-lo bocadillo” fose desfrutada de modo flexible no conxunto do horario da quenda, ante a necesidade de que a sección estivera controlada en todo momento, pola especial delicadeza das tarefas que na mesma se desenvolven. Este árbitro non puido confirmar esta afirmación co sr. Cabarcos Sanjurjo. Nembargante, a sra. Campos Campos amosou a súa desconformidade con tal versión afirmando que os cinco días adicionais de vacacións foron a contraprestación da renuncia dos traballadores afectados a desfrutar da “media hora de bocadillo”.

4. Os sres. Blanco Ventureira e Pérez Castro afirmaron que o desfrute de cinco días adicionais de vacacións foilles ofrecido polo xefe da sección, sr. Carreira Díaz, a cambio da flexibilidade no desfrute da media hora ó longo do horario da quenda, versión coincidente coa do sr. Carreira Díaz, quen, ademais manifestou que, o por el ofrecido, non era se non o que xa viñan desfrutando os traballadores que estaban adscritos á Sección de Impregnación con anterioridade.

5. Resulta acreditado igualmente, segundo versión coincidente de tódalas testemuñas recollidas, que, desde 1983 e ata o día de hoxe, os traballadores da Sección de Impregnación viñeron desfrutando do tempo necesario para “toma-lo bocadillo”, o que se viu favorecido desde que a Sección pasou a estar atendida por dous traballadores por quenda, o que posibilitou o relevo entre eles durante eses minutos, sen quedar en momento algún desatendidas as labores de vixilancia estricta que as tarefas de tal sección comportan.

6. A petición da dirección da empresa, e no marco dun amplo estudio de reorganización emprendido por esta, os traballadores da Sección de Impregnación fixeron en 1998 a análise correspondente a tal sección, elaborando un informe no que se incluían 7,30 horas de traballo efectivo, sen contemplar, polo tanto, a “media hora de bocadillo”. Recibido o estudio polo sr. Cabarcos Sanjurjo, este non fixo reparo nin observación algunha respecto do contido do mesmo, no que ó punto que interesa a este laudo ten que ver, nin ó sr. Carreira Díaz, nin ós traballadores afectados.

7. Con data 7.1.2002, en nota da dirección da empresa asinada polo seu conselleiro delegado e director xerente, D. Alberto Martínez Martínez, se comunica a todo o persoal da empresa que “El RD 665/1997 y RD 374/2001 … prohibe que los trabajadores coman, beban o fumen en las zonas de trabajo en la que exista riesgo. En aplicación de los citados decretos, a partir de la fecha, queda prohibido comer, beber o fumar en los talleres de Crudos e Impregnación… los responsables de las distintas secciones organizarán escalonadamente, si es necesario, el tiempo del bocadillo para todo el personal”.
Posteriormente, e como consecuencia do contido da nota reflectida, ó persoal da Sección de Impregnación foille comunicado que, desde este ano de 2002, deixarían de desfrutar dos cinco días adicionais de vacacións.

8. O xefe de Sección de Impregnación, sr. Carreira Díaz, afirmou non ter recibido indicación ou instrucción algunha en todo este tempo, e ata os primeiros días de 2002, de parte da dirección da empresa, sobre o modo en que se estaba a proceder, en canto á “media hora de bocadillo”, polos traballadores de tal sección.

9. Con anterioridade a 1983, na Sección de Cocción, tamén a cargo do sr. Carreira Díaz, a dirección da empresa chegou a un acordo cos traballadores daquela para abonar una prima a cambio de non desfrutar da “media hora de bocadillo”, prima que, abonada en metálico, tería un equivalente, no día de hoxe, a 108 horas/ano, esto é, a 13,50 días de descanso, segundo cálculos da sra. Campos Campos, feitos a solicitude desde árbitro.

FUNDAMENTOS DO LAUDO

1. Unha vez acreditado, segundo se dixo nos puntos 1 e 2 dos Feitos Declarados Probados no Procedemento Arbitral que, de xeito ininterrompido, os traballadores da Sección de Impregnación veñen desfrutando de cinco días adicionais de vacacións anuais retribuídos, ademais do tempo necesario para “toma-lo bocadillo”, a única cuestión que podería quedar por dilucidar radica en saber si tal desfrute foi o producto dun acordo explícito, aínda que verbal, entre cada un dos traballadores e a dirección da empresa, que incluía a súa disposición a flexibilizar o desfrute concreto e día a día da “media hora de bocadillo”, versión que parece a mais verosímil, ou ben si tal desfrute foi a contrapartida dunha renuncia á “media hora de bocadillo”, o que parece menos verosímil, por canto esa renuncia nunca chegou a producirse na práctica nestes últimos 19 anos.

A maior abondamento, cabe dicir que, cando a dirección da empresa tivo intención real de elimina-lo tempo “de bocadillo”, o fixo (caso da Sección de Cocción) a cambio dunha prima que  supón, se fose posible a súa traducción en días de descanso, practicamente o triple dos ofertados e aceptados polos traballadores da Sección de Impregnación (Feito Acreditado número 9).

2. En calquera caso, a incógnita a despexar resulta baladí a efectos de determinar os concretos días de desfrute de vacacións que, en adiante, corresponde desfrutar ós traballadores hoxe adscritos á Sección de Impregnación, sobre todo nunha arbitraxe que, como esta, se decidirá conforme a criterios de equidade, pero non o sería tanto si do que se tratase fora de fixa-las condicións que, nesta concreta materia, rexerían para a Sección de Impregnación en canto a tal, fosen cales fosen os traballadores que desenvolvan a súa actividade nesta no futuro.

3. Ligado ó anterior está o feito, en absoluto intranscendente, de que o acordo (fose na realidade o que fose) non tivo como interlocutores á dirección da empresa e o seu Comité de Empresa, o que, ademais de permitir coñece-lo seu tenor literal (ante a mais certa probabilidade da súa forma escrita), seguramente permitiría formular un alcance colectivo, para a sección en canto tal, das condicións pactadas no mesmo.

En consideración a canto antecede, garantidos no presente procedemento os principios de audiencia, contradicción e igualdade, e en exercicio das atribucións conferidas polas partes na acta de compromiso arbitral subscrita, e do establecido nos artigos 25 a 26 do AGA, a parte dispositiva deste laudo, que se somete ó criterio de equidade, concrétase na seguinte

RESOLUCIÓN ARBITRAL

ÚNICO.- D. José Rouco Vázquez ; D. José Antonio Díaz Redondo; D. Carlos Ruipérez Valdueza; D. Antonio Pérez Castro; D. Antonio Docampo Carro; D. Manuel Rey Mella; e D. Manuel Blanco Ventureira manterán o dereito ó desfrute dos cinco días adicionais de vacacións anuais retribuídas, nas mesmas condicións en que os viñan desfrutando con anterioridade, e en tanto permanezan adscritos á Sección de Impregnación.
O que se ven de dicir non prexulga e deixa a salvo o que se estableza en virtude de pactos de carácter colectivo que, no futuro, podan alcanzar a dirección de SGL Carbon, S.A. e o seu Comité de Empresa.

O presente laudo poderá ser recorrido diante da xurisdicción social nos termos establecido no número 4º do artigo 24 do Acordo Interprofesional Galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos colectivos de traballo.

O que se di en A Coruña, a 2 de agosto de 2002

O árbitro
Benigno Sánchez García.