ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 

-  Laudo 4/02

LAUDO ARBITRAL

JOSÉ MARÍA CASAS DE RON, designado polas partes árbitro en acta de compromiso arbitral de data 22 de febreiro de 2002, en procedemento de solución de conflictos, baseándose no establecido no Capítulo III do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflictos de Traballo (AGA), procedemento número de referencia 4/02, no que son interesados, dunha parte, a representación legal dos traballadores a través do seu delegado de persoal, e doutra as empresas AUXIVIGO, S.L. e AUCALSOL, S.L. mediante acta de compromiso arbitral remitida con data 22 de febreiro de 2001, como partes lexitimadas do conflicto sobre diverxencias xurdidas entre as partes en canto á arbitraxe  prevista na acta de mediación de 30 de novembro de 2001, visto o expediente e oídas as partes, resolvo a cuestión formulada por medio do presente laudo, baseándome nos seguintes:

ANTECEDENTES:

Con data do 30.11.01, e como consecuencia do expediente de mediación do Acordo Interprofesional Galego de Solución Extraxudicial de Conflictos Colectivos de Traballo, expediente 21/01, en conflicto salarial, seguido nas empresas AUXIVIGO, S.L.  e AUCALSOL, S.L., chegouse ó seguinte acordo, que se reproduce literalmente:

-“Deixar sen efecto a comunicación remitida pola empresa AUXIVIGO, S.L. e AUCALSOL, S.L. á representación dos traballadores de cada unha delas, con data 13 de novembro deste ano.

-Incremento de partida do 5%, tomando como referencia o valor de 3 horas extraordinarias diarias correspondentes a cada unha das categorías profesionais.

-As partes determinarán por acordo, a partir do 15.01.02, a nova estructura salarial, como consecuencia da introducción do incremento que resulte da aplicación do establecido no apartado anterior.

-No caso de que non se consiga chegar ó acordo de referencia na negociación que comezarán as partes en xaneiro do ano 2002, a cuestión obxecto desta someterase á decisión arbitral do mediador designado neste procedemento.

-Acórdase, por último, a desconvocatoria da folga vixente nestes intres nas dúas empresas referidas ó comezo desta acta”.

As partes en conflicto presentáronse ante o mediador designado no anterior procedemento en reunións que se celebraron os días 13 e 20 de febreiro de 2002, asistindo respectivamente o primeiro día o comité de empresa e delegados de persoal das empresas AUXIVIGO, S.L. e AUCALSOL, S.L., e o segundo, a representación empresarial das citadas sociedades.

En síntese, as partes comunican ó actuante que non consiguen chegar a acordo na nova estructura salarial por aplicación dun novo plus, nin nas condicións nas que se aplicará o novo concepto salarial. Como consecuencia, en ámbalas dúas reunións, e despois dunha valoración dunha e outra parte, estas acordan dar por finalizada a fase de mediación –negociación, e abri-lo procedemento de arbitraxe ó que se fai referencia no acordo de mediación referido do 30.11.01.

Efectuado o compromiso arbitral, fixado o litixio, e designado árbitro, constitúese a mesa arbitral con data 22.02.02, asistindo, por parte das empresas, e na súa representación, D. José Luis Callego Cruz e o seu asesor, o letrado D. Jorge Llorens Fernández; e por parte dos traballadores, D. José Codesido Baamonde, D. José Luis Fernández Pereiro e D. Julio Vila García do comité de empresa de AUXIVIGO, S.L.; don Breogán Ruibal Rúa, y don Carlos Area Iglesias, delegados de persoal de AUCALSOL, S.L.; D. José Cameselle Romero, do sindicato de CC.OO., e D. Manuel Simón Graña, do sindicato da C.I.G. Ademais, asisten os representantes de persoal de AUXIVIGO, S.L., D. Manuel Soto Vázquez, D. Arturo Mouco Dovalo, D. Fran Francisco Ulla Otero, D. Ramón Ventoso Durán y D. Francisco Cruz Riveiro, e o de AUCALSOL, S.L., D. Angel Pesado Ventura.

Aberta esta fase, o árbitro comunica ás partes que en todo o procedemento cumpriranse os principios de audiencia, igualdade e contradicción, paro o cal ambas poderán efectua-las alegacións que consideren pertinentes e poñer en coñecemento do árbitro calquera cuestión que sirva para ilustrarlle  e facilitarlle a mellor resolución do procedemento; así mesmo, fíxase o suposto litixioso, que se centra na introducción dun novo plus dentro da estructura salarial das empresas, no seu importe, e nas condicións de aplicación do citado plus con respecto á realización de horas extraordinarias, absentismo e facultades disciplinarias da empresa.

O acto transcrito de mediación, e punto de partida no presente procedemento, é o acordo de incremento do 5%, tomando como referencia o valor de tres horas extraordinarias diarias correspondentes a cada unha das categorías profesionais e determinando as partes a nova estructura salarial resultante, como consecuencia da introducción do citado incremento salarial, sendo esta, xustamente, a primeira das cuestións sobre as que o árbitro entenderá, no sentido de que, efectuadas variadas consideracións sobre tal cuestión, e propoñendo o propio árbitro, sobre a base de proposta efectuada no transcurso das negociacións pola empresa dun incremento do 6,5%, fixa o actuante xustamente nesta porcentaxe do 6,5% o valor de referencia para o incremento salarial en litixio.

É dicir, o incremento aplicado será o do 6,5% sobre o valor de tres horas extraordinarias diarias correspondentes a cada unha das categorías profesionais. Fixada a porcentaxe, queda determinar a nova estructura salarial. Apréciase, desde unha primeira lectura, que estamos ante un concepto salarial que prima unha maior actividade, polo cal semella claro que estamos ante un plus salarial de actividade ordinaria, sendo esta a solución que o actuante adopta, co fin de encaixalo na estructura salarial da empresa.

Resoltas estas dúas cuestións, outras cinco son as que se tratan a continuación, como resultante da introducción do citado plus de actividade, como é 1) a súa vinculación ou non á realización de tres horas extraordinarias, 2) as limitacións en función de incumprimentos por parte dos traballadores en materia de prevención de riscos 3) ou por incumprimentos de falta de puntualidade, 4) o seu ámbito temporal, e 5) a situación que se produza con respecto ó citado plus unha vez que esgote a súa vixencia o convenio colectivo de aplicación ás empresas.

Sistematicamente, abórdase, en primeiro lugar, a cuestión da vinculación da percepción do citado plus á realización de tres horas extraordinarias.

Neste punto,  o árbitro é taxativo cando sinala que o non acadarse acordo colectivo na realización de tres horas extraordinarias, a única vinculación do citado plus é coa realización dalgunha hora extraordinaria, é dicir, que o citado plus non se vincula á realización de tres horas extraordinarias, senón á realización de horas extraordinarias, cumprindo así o sentido do artigo 35 do Estatuto dos Traballadores e concordante do convenio colectivo.

En segundo lugar, formulouse polas partes que se ligara o devandito devengo ó cumprimento das medidas de prevención de riscos esixibles, como é obvio, en todo caso, e neste sentido o árbitro considera axeitado vinculalo ás sancións firmes por incumprimentos graves que se produzan xustamente na realización das horas extraordinarias, posto que a percepción do citado plus de actividade está ligado á realización de xornada extraordinaria, incorporándose así os requisitos de culpa e proporcionalidade esixibles nun procedemento sancionador e de vinculación coa actividade extraordinaria.

En terceiro lugar, formúlase a súa vinculación co cumprimento da xornada ordinaria por parte dos traballadores, e neste sentido as partes barallaron diversas variables en función de incumprimentos horarios, cometidos nos meses correspondentes.

Pois ben, o árbitro considera que ó ser un plus de actividade extraordinaria, este absentismo horario ou falta de puntualidade debe ligarse xustamente coa xornada ordinaria correspondente ó día no que se realicen horas extraordinarias, e como consecuencia destas se devengue o citado plus, e todo iso, obvio é, respectando os procedementos de xustificación e sen prexuízo das facultades disciplinarias comúns do empresario.

Dúas cuestións quedan por resolver, e ámbalas dúas refírense á aplicación do que, en definitiva, se vai incorporar ó convenio colectivo, ó incluírse na parte dispositiva do presente laudo, como son o seu ámbito temporal ou de vixencia e a súa posible prórroga, denunciado e esgotado o convenio.

O árbitro, na primeira das cuestións, referirao ó período natural do 1 de xaneiro ó 31 de decembro, e con respecto á segunda das cuestións, ó ser materia salarial incluída dentro do contido normativo do convenio, queda vinculada a tal categoría normativa, permanecendo vixente mentres non sexa substituído por novas claúsulas colectivas negociadas en materia salarial.

Analizados tódolos puntos que foron obxecto de litixio, o árbitro acordou que o presente pronunciamento arbitral se faga en equidade, pois non existe norma legal ou convencional preexistente que recoller, ó tratarse dun novo concepto salarial que se introduce como consecuencia dunha maior actividade dos traballadores na empresa con certas cláusulas limitativas, polo que, baseándose nas consideracións expostas, resolvo a  cuestión en equidade, de acordo co art. 21.4º.b) do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Conflictos Colectivos de Traballo, dictando o seguinte

LAUDO

1º) Establécese un plus de actividade salarial, con efectos desde o 1 de xaneiro de 2002.

2º) O citado plus será equivalente ó 6,5% do valor de tres horas extraordinarias para cada unha das categorías de oficial de 1ª, oficial de 3ª, peón especialista e peón ordinario.

3º) O devengo do plus de actividade queda vinculado á realización de horas extraordinarias.

4º) Os traballadores que sexan sancionados de xeito firme por faltas graves cometidas durante a realización de horas extraordinarias por incumprimentos de medidas de prevención de riscos, seguridade e hixiene no traballo, non poderán percibi-lo plus correspondente ó mes de comisión da falta.

5º) A falta de puntualidade inxustificada por parte dos traballadores na súa xornada ordinaria, producirá o non devengo do plus de actividade o día correspondente a tal falta, e todo iso sen prexuízo das facultades disciplinarias ordinarias que competen ó empresario e establecidas na norma legal e convencional.

6º) Mentres o presente réxime salarial de plus de actividade non sexa substituído por norma colectiva pactada, incorpórase, con carácter normativo, ó réxime salarial aplicable ós traballadores das empresas de referencia, estendéndose a súa vixencia temporal de acordo co resto da estructura salarial regulada polo convenio colectivo de aplicación ás dúas sociedades.

O presente laudo poderá ser obxecto de recurso ante a xurisdicción social nos termos establecidos no pr. 4 do artigo 24 do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflictos de Traballo (AGA).

Dado en Vigo, a 1 de marzo de 2002.
O árbitro