ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 

-  Laudo 5/02

Benigno Sánchez García, con DNI 33.832.475-G, e domicilio a efectos de notificacións en r/ Algalia de Abaixo, 24, de Santiago de Compostela, designado árbitro en virtude de acta de sometemento a arbitraxe, asinada no día de onte, polos suxeitos, lexitimados para iso, do conflicto suscitado na empresa CESPA-Compañía Española de Servicios Públicos Auxiliares, S.A. (en adiante CESPA, S.A.), sobre determinación dos servicios de seguridade e mantemento a prestar na devandita empresa durante a folga convocada nos seus centros de traballo do Concello de Santiago de Compostela, e logo das actuacións practicada, ás que máis en adiante se aludirá, ven de dictar LAUDO ARBITRAL, en base as seguintes consideracións:

ANTECEDENTES

1. A Empresa CESPA, S.A. ten conferida polo Concello de Santiago de Compostela a prestación dos servicios de mantemento e conservación das zonas verdes dese Concello.

2. O Comité de empresa de CESPA, S.A., en reunión de 18.2.2002, convoca folga indefinida por considerar infructuosas as negociacións levadas ata ese momento coa dirección da Empresa sobre a proposta de “pacto laboral para o persoal dedicado á conservación das zonas verdes de Santiago de Compostela”. A folga convocada iniciouse o pasado día 18 de marzo.

3. O día 8.3.2002 asínase pola Dirección da empresa e o Comité de Folga un acta na que queda reflectido o desacordo na determinación dos servicios de seguridade e mantemento (chamados “mínimos” na acta referida), o presentar a Dirección uns servicios que supoñían a prestación de servicios do 40% do total do cadro de persoal, fronte a posición do Comité de Folga, que contemplaba unicamente o 50% dos servicios de vixilancia, con afectación dun único traballador.

4. Por Decreto do alcalde do Concello de Santiago de 14.3.2002 acórdase advertir a empresa CESPA, S.A. “...que en cumprimento dos servicios mínimos que legalmente estableza, priorice os aspectos relacionados co interese público, prestando substancial preferencia á limpeza dos residuos perigosos que poidan incidir na saúde pública, tales como botellas, xiringas e outros”. Este Decreto recoñece que “... non se trata dunha concesión de servicios esenciais ...” aínda que “... contempla non obstante aspectos relacionados co interese público ...” polo que a empresa “ ... ten o deber de garanti-los servicios mínimos esenciais, previas as negociacións pertinentes no seo da mesma”.

5. O día 15.3.2002 celébrase  unha  nova xuntanza entre o Comité de Folga e a Dirección da empresa na que esta presenta uns “servicios mínimos” que implican, en síntese, o traballo de 7 xardineiros a tempo completo de luns a venres; 2 xardineiros que traballarían, tamén a tempo completo, pero só 3 días á semana; 7 xardineiros para traballar só os sábados laborables, cada 15 días, e durante 5 horas; e dous vixiantes a tempo parcial, ademais de 1 un oficial (capataz, se di) a tempo completo de luns a venres. Tal presentación inclúe, para cada sector de traballo, ademais do persoal xa relacionado, as zonas afectadas, a frecuencia, o horario e os traballadores concretos a realizar tales labores.

O Comité de Folga manifesta o seu desacordo con esta proposta, presentando como alternativa un único vixiante no horario normal de laborables e festivos, rematando a xuntanza sen acordo.

6. O mesmo día 15.3.2002 a Dirección da Empresa remite escritos ós traballadores afectados nos que lles participa a súa obriga de atende-los chamados “servicios mínimos”, con indicación dos días da semana e do horario a levar a cabo, así como das consecuencias de orde disciplinario dunha posible negativa á súa realización.

7. Diante da demanda presentada pola representación social, o día 27.3.2002, pola titular do Xulgado do Social nº 2 de Santiago de Compostela díctase auto no que, en síntese, se considera que “... a frecuencia e número ... resultan excesivas e deixan sen contido o contido do dereito fundamental ...”, cominándose “... ás partes en conflicto para que cheguen a un acordo que garanta o dereito de folga e a protección do ben colectivo saúde pública ...”, decidindo, ademais, “... a suspensión do acordo da empresa CESPA, S.A. relativo á fixación de servicios mínimos.”.

8. Con data 1.4.02, celebran unha nova xuntanza a Dirección de CESPA, S.A. e a representación social, sendo a proposta da primeira uns servicios integrados por 2 equipos de tres persoas, en horario de 7.45 a 13 horas, máis un vixiante en horario de tarde, de 16.15 a 20.15 horas, e domingos e festivos de 10 a 20.15 horas. A proposta social concrétase nun vixiante en horario de tarde de 16.15 a 20.15 horas e domingos e festivos de 10 a 20.15 horas, ademais dun retén cun encargado máis un xardineiro ”... que estará en la nave.”, se di.
Remata a xuntanza sen acordo.

9. Finalmente o día 4.4.2002, na sede do Consello Galego de Relacións Laborais, as partes en conflicto asinan un acta de sometemento a arbitraxe, ó amparo do previsto no capítulo IV do Acordo Interprofesional Galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos colectivos de traballo (AGA), designando, de común acordo, árbitro a quen subscribe.

A través da secretaria do Consello Galego de Relacións Laborais, o árbitro convoca ás partes para comparecer na sede do mencionado Organismo, o que se efectúa as 17.30 horas do mesmo día 4.4.2002. Asisten o comité de folga, dunha parte, e, doutra, e en representación da dirección de CESPA, S.A., D. Luís Incera Martínez, técnico responsable de servicios, con categoría de xefe de servicio.

O árbitro mantén reunións conxuntamente e por separado con cada unha das partes, para, logo de recadar toda a información precisa, e garantindo os principios de audiencia, contradicción e igualdade, dar por rematada a comparecencia.

FEITOS ACREDITADOS NO PROCEDEMENTO ARBITRAL

1. Para a execución dos servicios concertados do Concello de Santiago de Compostela, a empresa CESPA, S.A. conta na actualidade cun cadro de persoal de 46 traballadores.
A efectos organizativos, as áreas de traballo concéntranse en 13 sectores, que inclúen a totalidade dos parques e xardíns públicos do Concello.

2. CESPA, S.A. realiza nesas zonas verdes a totalidade das tarefas de xardinería e limpeza, incluíndo a xardinería, limpeza e rastrexado dos enarenados dos parques públicos infantís.

3. Do total de horas empregadas neses labores, ás que se dedican un número estable de en torno a 40 traballadores, aproximadamente un 15% desas horas están dedicadas ás tarefas de limpeza propiamente ditas, sendo o 85% restante horas de traballo dedicadas os labores de xardinería.

Todos estes extremos foron confirmados a través da testemuña indubitada do representante da empresa na comparecencia ante quen subscribe no día de onte, e contrastados punto por punto coa representación social na mesma comparecencia.

FUNDAMENTOS XURÍDICOS DO LAUDO

1. Corresponde a este árbitro resolve-la cuestión presentada polas partes nos termos en que foi presentada, esto é, a fixación dos servicios de mantemento e seguridade a que se refire o número 7 do artigo 6 do Real Decreto-Lei 17/1997, de 4 de marzo, sobre Relacións de Traballo (BOE do 9 de marzo), únicos servicios que poden ser obxecto do procedemento articulado no capítulo IV do AGA, ó amparo do que as partes suscitaron a arbitraxe que hoxe se plasma neste laudo.

2. A pesares do que se ven de dicir, non é posible eludir o impacto que para a saúde pública teñen parte das actividades desenvolvidas por CESPA, S. A., as de limpeza. Este é un elemento de suma importancia no que, por outra banda, existe unha ampla coincidencia entre as partes en conflicto, como quen subscribe puido percibir na comparecencia do día de onte.

Por tal motivo, este laudo non se pode limitar, estrictamente, a atender ós requirimentos contemplados no artigo 6.7 do Real Decreto-Lei antes mencionado, o que levaría á fixación duns servicios de mantemento de carácter anecdótico, no mellor dos casos. Pola contra, o laudo debe considerar os requirimentos de saúde pública como un ben xurídico a protexer.

3. En todo caso, ese ben xurídico merecedor de protección non pode deixar sen contido o exercicio dun dereito fundamental, especialmente protexido pola nosa constitución, como é o dereito de folga, como resalta a abundante xurisprudencia, tanto ordinaria como constitucional, que de xeito sistemático se ten producido sobre o particular.

4. Segundo se desprende do feito acreditado número 3 deste procedemento arbitral, do total da actividade de CESPA, S.A. para o Concello de Santiago de Compostela, tan só un 15% está dedicado propiamente a labores de limpeza, que son as únicas que poden conectarse directamente cun posible impacto negativo para a saúde pública, de ser completamente desatendidas. Esto supón que, nunha situación de normalidade laboral, 6 traballadores serían teoricamente suficientes para atende-la totalidade das tarefas de limpeza. Quen subscribe é consciente de que tal operación puramente aritmética non reflicte por enteiro a realidade do traballo diario e concreto, pero non deixa de ser un elemento obxectivo que permite a este árbitro construír unha necesaria liña de razoamento lóxico.

En consideración a todo canto antecede, e en exercicio das atribucións conferidas polas partes na acta de compromiso arbitral subscrita, e do establecido nos artigos 25 e 26 do AGA, a parte dispositiva deste laudo concrétase na seguinte


RESOLUCIÓN ARBITRAL

1. As tarefas a desenvolver por CESPA, S.A. en tanto dure a folga convocada desde o día 18.3.2002, serán as estrictamente necesarias para a limpeza de residuos perigosos, tales como botellas, xiringas, e outros, con especial incidencia nas zonas públicas de divertimento infantil, pola transcendencia que, desde o punto de vista da saúde pública, poden representar.

2. Estas tarefas serán desenvolvidas por catro traballadores (incluíndo, nesta “cota” máximo de 4 traballadores, no seu caso, os que sexan necesarios para traballos de coordinación), en horario, de luns a venres desde as 7.45 ata as 15.15 horas, e os sábados desde as 7.45 ata as 12.45 horas.

Ademais, prestará os seus servicios un vixiante, en horario, de luns a sábado, desde as 16.15 ata as 22 horas. Os domingos e festivos, a vixilancia abarcará desde as 10 ata as 22 horas, incluíndo neste caso o descanso previsto para o almorzo. Este alongamento do horario de peche ven xustificado pola entrada en vigor, desde o pasado día 1 deste mes de abril do disposto, como horario de verán, no artigo 2.3 letra e) do prego de condicións técnicas do Concello de Santiago de Compostela.

3. A Dirección de CESPA, S.A. e o Comité de Folga designarán de común acordo os traballos concretos que teñan que presta-los servicios anteriores, respectando o criterio de rotación de tódolos traballadores afectados polo conflicto e excluíndo da inicial rotación ós que viñeron traballando entre os días 18 e 27 de marzo pasados. Este criterio de rotación foi presentado pola representación social na comparecencia do día de onte e aceptado sen reservas pola Dirección da empresa.

4. Con suxeición ós anteriores criterios, o traballo de quen teñan que presta-los seus servicios en cumprimento deste laudo será organizado polos responsables de CESPA, S.A., en tanto que detentadores do poder de dirección no seo da empresa.

5. O Comité de Folga terá a obriga de garanti-lo recto e estricto cumprimento do resolto neste laudo.

O presente laudo poderá ser recorrido diante da xurisdicción social nos termos establecidos no número 4º do artigo 24 do Acordo Interprofesional Galego sobre procedementos extraxudiciais de conflictos colectivos de traballo

O que se di en Santiago de Compostela, a 5 de abril de 2002


O árbitro
Benigno Sánchez García