ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 

-  Laudo 8/02

CARLOS DOMENECH DE ASPE, designado árbitro en acta de compromiso arbitral de data 24 de abril de 2002, subscrita polas representacións da empresa INSTITUTO MUNICIPAL DE FACENDA DO CONCELLO DE FERROL (IMFACOFE) e O COMITÉ DE FOLGA en base ó establecido no Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflictos de Traballo (AGA, Expediente 8/02), visto o expediente e oídas as alegacións das partes, dicta o presente

                                                     LAUDO

ANTECEDENTES

En data  24 de abril, en presencia do árbitro designado e coa asistencia de Dna. Pilar Cancela Rodríguez, secretaria xeral do Consello Galego de Relacións Laborais, comparecen: Dna. Hortensia Freire Blanco, D. Rafael Fernández Beceiro e D. Eugenio Peña Sueiras en representación do Comité de Folga,  así como Dna. María Luísa Sabio Maroño e D. Manuel Lorenzo López, en representación da empresa IMFACOFE, así como D. Leopoldo Moure García, secretario xeral do Concello de Ferrol, expoñendo ó árbitro o punto de desacordo consistente na designación dos traballadores que deben de constituírse como servicios de mantemento na folga convocada polo persoal laboral que ten encomendadas funcións de recadación no citado Concello.

CONSIDERACIÓNS E FUNDAMENTOS XURÍDICOS

Díctase a presente arbitraxe en virtude do sometemento das partes e conforme ó artigo 26 do “Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflictos de Traballo” que establece este procedemento en caso de desacordo na determinación de servicios de mantemento en caso de folga.

Deben contemplarse polo árbitro, en consecuencia, exclusivamente aqueles “servicios necesarios para a seguridade das persoas e das cousas, mantemento dos locais, maquinaria, instalacións, materias primas e calquera outra atención que fose precisa para ulterior reinicio das tarefas da empresa” tal e como sinala o artigo 6-7 do Real Decreto-Lei 17/1977 de 4 de marzo de Relacións de Traballo, cuestión á que debe cinguirse a arbitraxe que se contempla no AGA, pois calquera outra consideración excedería das competencias que nel se acordaron e que debería ser encamiñada por outra vía procedimental.

A peculiaridade da actividade recaudatoria e a situación dos tributos dos que a recadación está asumida por competencia municipal no Concello de Ferrol no momento actual, tal e como se recoñeceu polos comparecentes, non xustifica a necesidade do mantemento dunha actividade, nin sequera en previsión da posible concorrencia de prexuízos ó administrado que, en gran medida, poden ser evitados cunha mínima información do propio Concello e a expedición dunha constancia formal que garanta o exercicio dos dereitos daquel. Por isto, estímase polo árbitro que unicamente é necesario o exercicio da actividade por un só traballador con custodia e acceso a arquivos e documentación do cal a categoría non pode concretarse dada a falta de determinación profesional posta de manifesto na reunión mantida coas partes e na que se concretou a súa designación en función da incorporación ou non de tódolos traballadores á folga.

Por outra parte é necesario ter en conta a posible duración da medida acordada polos traballadores e, considerando as previsións recaudatorias municipais, a actividade que sería precisa para o ulterior reinicio das tarefas conforme ó disposto no precepto citado do R. D-L  17/1977. De acordo con isto e coas manifestacións das partes comparecentes, tanto na recadación do imposto sobre vehículos, do que o comezo está previsto o día 15 de maio, como para a apertura do período recaudatorio establecido legalmente no 15 de setembro, é precisa a previa adecuación informática a fin de prepara-lo cobro, sendo, en consecuencia, necesaria a actividade preparatoria dun traballador capacitado para a realización de tal cometido e polo tempo necesario para levala a cabo.

Polo que se refire ó segundo período citado, na comparecencia púxose de manifesto a necesidade dunha previa formación para efectuar actualmente dita recadación, polo que dita actividade formativa, precisa para o reinicio da actividade en aquela data, poderá ser impartida, no tempo inmediatamente anterior á súa execución, ós traballadores para os que sexa necesaria.

Por tódalas consideracións apuntadas dicta a seguinte


RESOLUCIÓN


En atención ás circunstancias sinaladas e en aplicación do artigo 6-7 do Real Decreto-Lei 17/1977 de 4 de marzo, fíxanse servicios de mantemento na empresa IMFACOFE co número e condicións que se desenvolven nas CONSIDERACIÓNS E FUNDAMENTOS XURÍDICOS

O presente Laudo poderá ser impugnado ante la Xurisdicción Social de acordo co punto 5 do artigo 24 do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflictos de Traballo.  

Dado na Coruña, a 25 de abril de 2002
      

O árbitro
Carlos Domenech de Aspe