ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 

-  Laudo 11/03

LAUDO ARBITRAL


JOSÉ Mª CASAS DE RON, designado polas partes árbitro na acta de compromiso arbitral con data 21 de maio de 2003, en procedemento de solución de conflictos, en base ó establecido no Capítulo III do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflictos de Traballo (AGA), procedemento número de referencia 11/03, no que son interesados, dunha parte a empresa SETEX- APARKI, S.A., e doutra os traballadores da citada empresa, partes asinantes da acta de compromiso arbitral citada e lexitimados no conflicto sobre diferencias insalvables na fixación da porcentaxe – suba salarial para o Convenio Colectivo de empresa para o ano 2003; Visto o expediente e oída-las partes, resolvo a cuestión presentada por medio do presente laudo en base ós seguintes

ANTECEDENTES:

1.- As discrepancias xurdidas na fixación da porcentaxe – suba salarial para o Convenio Colectivo de empresa para o ano 2003 non permitiron acadar ás partes un acordo nas diversas reunións que mantiveron a tal efecto. Esgotada-las canles de solución internas, constitúese a comisión de conciliación e mediación prevista no artigo 15 do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Conflictos de Traballo (AGA), tal como consta na acta de constitución, asinada en Ourense o 5 de maio de 2003, na que se nomea conciliador-mediador ó que subscribe.

2.- Nas dúas primeiras reunións da mesa de mediación celebradas nos días 5 e 12 de maio na Confederación de Empresarios de Ourense, reunións ás que asistiu Dª María de Miguel Pérez, asesora do Departamento Xurídico da citada Confederación, ademais das persoas consignadas máis abaixo, achegáronse as posicións pero sen chegar a acordo. No transcurso da terceira reunión, celebrada en Vigo o 21.05.03, e ante a persistencia no desacordo sobre os incrementos salariais a fixar no Convenio colectivo, as partes concertaron nomear ó mediador árbitro e que por este procedemento se solucionase o conflicto.

PROCEDEMENTO:

1.- O árbitro designado constituíu a mesa de arbitraxe o mesmo día 21 de maio constituíndo a dita mesa representantes das dúas partes en litixio e especificamente en nome da empresa Dª Mª Lourdes López Aguilar e D. Luís Ponte Herranz, e doutra o delegado de persoal dos traballadores D. Cesar Gutiérrez Martínez e o representante da Federación de Transportes de U.G.T. Galicia D. Emilio Bahamonde López.


2.- O árbitro comunica que no procedemento garantiranse os principios de audiencia, contradicción e igualdade, podendo as partes efectuar calquera alegación que serva como defensa das súas posicións e que á vez serva para ilustrar ó árbitro nos matices do asunto que se somete á súa decisión.

CONSIDERANDOS DA DECISIÓN ARBITRAL

1.- O conflicto estriba sinxelamente en que as partes, pese á mediación practicada, non foron capaces de establecer un acordo sobre a suba salarial, dado que a pesares de que no citado procedemento de mediación se achegaron as dúas posicións,  que na primeira das reunións observábanse moi distintas, toda vez que a empresa ofrecía o IPC previsto máis o 0,50 e os traballadores solicitaban unha suba que se podería avaliar nun 14,98 % nos conceptos salariais, pese ó achegamento que como se dicía se produciu nas tres reunións de mediación, o mesmo non foi suficiente como para que as partes acadaran unha posición concertada.

2.- Dado que o conflicto é de intereses, o actuante, xa constituído como árbitro dirimente e seguindo unha doutrina na solución de conflictos pola vía arbitral coñecida, tivo en conta as últimas posicións das partes como límites da súa decisión arbitral, para o cal solicitou por escrito a ambas  a fixación das súas últimas posicións económicas para que serviran de elementos ó árbitro na fixación da súa decisión. Previamente a isto, as partes concertaron no trámite de mediación, que o incremento salarial para o ano 2003 se substanciase nun concepto salarial na forma de plus de convenio, a tódolos efectos salarial, cotizable por suposto á Seguridade Social, e consolidable para os efectos da súa integración ordinaria na estructura salarial e ser tido en conta na subseguinte negociación colectiva, plus que ademais terá a consideración de aumento lineal para tódolos traballadores.

3.- Sendo este o único punto de litixio, e tendo en conta as últimas posicións das partes presentes ó árbitro por escrito, resolvo en equidade a cuestión presentada, vista a documentación aportada, e cumpridos os principios de garantía do procedemento, dictando o seguinte laudo conforme ó artigo 24 do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflictos Colectivos de Traballo publicado no D.O.G. de 04.05.95.

ÚNICO:  A suba salarial para o Convenio Colectivo da empresa SETEX-APARKI, S.A. (Servicio de ORA de Ourense) para o ano 2003, será unha suba lineal de tódolos conceptos e para tódolos traballadores, por importe de 44,00 euros, que se devengará nun plus de convenio salarial cotizable e consolidable a tódolos efectos, en todas e cada unha das pagas fixadas no Convenio Colectivo citado.

O presente laudo poderá ser recorrido perante a xurisdicción social nos termos establecidos no apartado 4 do artigo 24 do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflictos de Traballo (AGA).

Dado en Ourense, a  23 de maio de 2003
O árbitro