ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 

-  Laudo 12/03

LAUDO ARBITRAL

JOSE Mª CASAS DE RON, designado polas partes árbitro en acta de compromiso arbitral de referencia, en procedemento de solución de conflitos, baseándose no establecido no Capítulo III do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflitos de Traballo (AGA), no que son interesados, dunha parte a empresa TREVES GALICIA, S.L.U., e doutra a representación legal dos traballadores, partes asinantes da acta de compromiso arbitral citada e lexitimados no conflito sobre discrepancias na valoración da actividade produtiva, por remisión ós procedementos do AGA previstos na cláusula 6ª do pacto de empresa de data 20 de marzo do ano 2003 acordado entre as partes deste procedemento; Visto o expediente e oídas as partes, resolvo a cuestión formulada por medio do presente laudo baseándose nos seguintes

ANTECEDENTES:
As discrepancias xurdidas na definición e valoración da actividade productiva, non permitiron alcanzar ás partes un acordo nas diversas reunións que mantiveron para tal efecto. Esgotadas as canles de solución internas, asínase o compromiso arbitral previsto no Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Conflitos de Traballo (AGA), no que se nomea árbitro ó que subscribe, todo iso no contexto das previsións establecidas no pacto de empresa asinado o 20 de marzo do ano 2003 e vixente ata o 28 de febreiro do ano 2007.


PROCEDEMENTO:
1. - O árbitro designado constituíu a mesa de arbitraxe en data 30.09 04 asistindo á devandita mesa representantes das dúas partes en litixio e especificamente representando á empresa D. Salvador Tourón Pujador, Director Xeral, e D. Santiago Codina Blasco, Director de Recursos Humanos, e doutra os representantes dos traballadores D. Felix Alvarez Filloy e D. David Couñago Louriño, delegados de persoal, e D. Rafael Iglesias García, Secretario Comarcal de Pontevedra de C.I.G. Previamente a esta constitución formal da mesa o árbitro mantivo reunións con ámbalas dúas partes co fin de delimita-lo suposto obxecto de arbitraxe.


2. - O árbitro comunica que no procedemento se garantirán os principios de audiencia, contradición e igualdade, podendo partes efectua-las calquera alegación que sirva como defensa das súas posicións e que á vez sirva para ilustra-lo árbitro nos matices do asunto que se somete á súa decisión.

3. - A representación empresarial formula que ten establecido un sistema de obxectivos empresariais en función do número de pezas fabricadas, as cales valoradas as incidencias, é dicir, os índices de rexeitamento, permiten establecer unha remuneración salarial en función de tales obxectivos. Se se alcanza aboaríase e no caso contrario non existiría. Este sistema é similar ó doutros centros de traballo do grupo empresarial e así vénse utilizando.

Non é, pois, un sistema convencional nin tampouco ó seu xuízo é unha prima de produción, senón un sistema de xestión da dirección empresarial fundamentado como se dicía nos propios obxectivos empresariais.

4. - A parte social manifesta que os traballadores teñen que ter un sistema delimitado e medido na valoración da súa produción e que, por consecuencia, as cantidades por salarios recollidos na nómina incluído o que formula o presente litixio ten que estar perfectamente definido e establecido.

5. - En definitiva, o que ás partes separa e separou nos últimos tempos é a distinta valoración sobre o carácter e natureza do que para a empresa sería unha especie de remuneración graciable en función de obxectivos empresariais por calidade e para os traballadores, pola contra, sería un concepto salarial non dispoñible en función dunha determinada produtividade. Así mesmo convén matizar que as diferenzas de cantidade que poden existir actualmente entre as quendas establecidas no sistema produtivo do centro de traballo, non pode significar impedimento na configuración da natureza da percepción, que ten que realizarse independentemente da ordenación do traballo que pola súa conta algún líder ou encargado das diferentes seccións poida efectuar, sobre a base de que os obxectivos de calidade da empresa son globais e colectivos, e en función da dilixencia normal esixible ós traballadores no desempeño ordinario das súas funcións profesionais.

6. - O árbitro observa que a estrutura salarial da empresa se conforma cun salario base, antigüidade en quinquenios, dúas pagas extraordinarias, unha paga de beneficios que equivale ó 10,04% do salario anual rateada mes a mes e como consecuencia de acordos do 20 de marzo de 2003, unhas melloras por antigüidade e un denominado plus de flexibilidade. Así mesmo, nas nóminas figura na estrutura do salario unha remuneración ZAP (obxectivos de zona autónoma de produción) fixada en función dunhas escalas de incidencias.

Estas incidencias que son, en definitiva, as pezas rexeitadas ou con defectos, constitúense nun ratio ou indicador que valora estas incidencias, que poden ter unha orixe interna ou unha orixe externa, é dicir, poden ser pezas detectadas no propio centro de traballo ou detectadas polo sistema de calidade do cliente. A empresa establece determinadas porcentaxes para períodos prefixados, que se constitúen no ratio ou módulo que serve para o cálculo e establecemento da remuneración por obxectivos a que se facía referencia. Para estes efectos, o árbitro comprobou que nas dúas “Áreas sociais” existentes no centro de traballo da empresa, existen senllos taboleiros de anuncios nos que se fixa documentalmente mediante sistemas de gráficas, para as distintas seccións, os indicadores alcanzados e a cantidade que corresponde a tal indicador.

7. - Pois ben, o árbitro entende, formulada así a cuestión, e sobre todo á vista do significado que autenticamente para as partes adquire o sistema, que ante o que está non é ante unha compensación económica de disposición libre por parte da empresa, nin tampouco ante un sistema de medición do rendemento ó uso sen tempos, cal fose un sistema por Kb ou de tipo centesimal, etc., dado que esa remuneración retribúe de forma periódica unha calidade i toda vez que o sistema produtivo empresarial nas súas operacións non formula un sistema de tempos medidos e con descomposición das operacións. Ante o que está, a xuízo do árbitro, é ante unha auténtica prima por calidade colectiva, para as tres quendas, que en ningún caso pode ser considerado un concepto graciable e que está fixada en función duns obxectivos de calidade, obxectivos obviamente empresariais, pero que se constitúe como un complemento salarial ordinario.

8. - Co anterior quedan definida a natureza da remuneración, remuneración que implica por unha parte unha necesaria obxectivización das súas circunstancias e condicións e por outra todos aqueles controis que os complementos salariais teñen no noso ordenamento legal e convencional. En definitiva, fixada a natureza da remuneración, debe de quedar establecida convencionalmente ou por pacto a súa valoración, o que sexa de coñecemento xeral para todos aqueles traballadores ou traballadoras implicados na súa percepción, que quede determinada a súa inclusión en nómina como tal prima de calidade, i finalmente de qué xeito a representación dos traballadores poderán revisar e fiscalizar a devandita prima salarial, tanto dende o punto de vista dos dereitos colectivos da representación legal, previstos no artigo 68 da Lei do Estatuto dos Traballadores, como dende o punto de vista do control que se exerce por parte dos representantes dos traballadores en todo o relativo á ordenación do salario e a súa percepción polos traballadores.

9. - En definitiva, o presente laudo ten como misión definir, en función dos anteriores termos, a natureza da remuneración referida e establece-las liñas mestras de necesaria concreción en negociación das partes a fin, de que configurado o complemento salarial, unha e outra parte, se saiban a qué ater con respecto ó seu funcionamento.

Por isto debe consensuarse en pacto colectivo a valoración dos distintos POD (pezas operario día) das seccións, os ratios ou indicativos de pezas rexeitables co seu valor así como as rexeitables por clientes, as comprobacións oportunas do sistema informático i a extracción de datos, así como a obriga empresarial de que todo o persoal coñeza e perciba a estrutura salarial en uso e especificamente a da prima de calidade, así como aquelas cuestións que en orde á información e revisión se establezan para os representantes dos traballadores dentro do capítulo dos dereitos de participación establecidos no Estatuto dos Traballadores e no convenio colectivo de aplicación na empresa.

Cumpridos os principios de garantía do procedemento, resolvo a cuestión xurídica formulada ditando o seguinte laudo conforme ó artigo 24 do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflitos Colectivos de Traballo publicado no D.O.G. de 04.05 95.

UNICO:  
A remuneración con denominación en nómina de ZAP non é un concepto retributivo discrecional por parte da empresa nin se corresponde cun sistema de rendemento medido, senón que é un complemento de natureza salarial configurado como unha prima de calidade, fixada colectivamente en función de ratios que necesariamente compatibilizarán os obxectivos empresariais i a seguridade salarial esixible para os traballadores, consensuándose en pacto polas partes a difusión dos indicadores da devandita prima de calidade colectiva, o seu coñecemento por todos os seus perceptores, así como os dereitos de información, participación e control dos representantes legais dos traballadores.

O presente laudo poderá ser recorrido ante a xurisdición social nos termos establecidos no apartado 4 do artigo 24 do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflitos de Traballo (AGA).

Dado en Vigo, a 5 de outubro de 2004.
O árbitro