ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 

-  Laudo 15/03

LAUDO ARBITRAL


JOSE Mª CASAS DE RON, designado polas partes árbitro en acta de compromiso arbitral de data 6  de xuño de 2003, en procedemento de solución de conflictos, en base ó establecido no Capítulo III do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflictos de Traballo (AGA), procedemento número de referencia 15/03, no que son interesados, dunha parte a empresas ASTILLEROS ARMON VIGO, S.A. e de outra a representación dos traballadores, partes asinantes da acta de compromiso arbitral citada e lexitimados no conflicto sobre diverxencias xurdidas entre as mesmas por diferencias na negociación do convenio colectivo ano 2003-2005 no relativo a horarios. Visto o expediente e oída-las partes, resolvo a cuestión suscitada por medio do presente laudo en base ós seguintes

ANTECEDENTES:

1.- As discrepancias xurdidas en canto a horarios na negociación do convenio colectivo para os anos 2003-2005 non permitiron acadar ás partes un acordo nas diversas reunións que mantiveron a tal efecto. Esgotada-las canles de solución internas, tal e como consta na citada acta de compromiso arbitral, as partes acoden ó sistema de solución extraxudicial de conflictos colectivos.

2.- Os antecedentes propios son os seguintes: o artigo 6º do convenio colectivo de empresa publicado no D.O.G. de 12.09.00, regula a xornada laboral e horario de traballo para os anos 2000, 2001 e 2002. E o último parágrafo do citado artigo di: “A partir do 16.12.02 a empresa analizará os resultados obtidos na xornada continuada e en función deles tomará a decisión da xornada que se vai realizar a partir do 1 de xaneiro de 2003”.

Durante o período 01.01.02  ó 31.12.02 mantívose, a título experimental, unha xornada de traballo continuada, con horario de 7,00 a 15 h. Con data 17.12.02, reunidos empresa e comité, acordan, e así o recollen na acta, retornar á xornada partida mantendo o horario de 8,00 h. a 13,00 h. e de 14,30 h. a 17,30 h., deixando sen efecto o horario establecido experimentalmente de xornada continuada. O 20.12.02 a empresa comunica a tódolos seus traballadores que, a partires do 1 de xaneiro de 2003, o horario de traballo será o mencionado no parágrafo anterior, sen que por parte dos traballadores se aceptase este.

En data 12.05.03 elabórase por parte de empresa e comité un acta na que recollen, no seu punto 8º, que en materia de horario acórdase someterse ó AGA, toda vez que as partes non logran pórse de acordo neste punto final que impide o remate da negociación do convenio colectivo.


PROCEDEMENTO:

1.- O árbitro designado constituíu a mesa de arbitraxe en data 6 de xuño asistindo a dita mesa representantes das dúas partes en litixio e especificamente representando á empresa o seu Director D. Laudelino Alperi Baragaño, asistido pola asesora Dª Miriam Blázquez Astorga e polos traballadores D. José Carlos Gómez Parente, presidente do comité de empresa, D. Fernando Iglesias Serantes, D. José Ernesto Crispín Otero, D. Carlos García Lago e D. Julio López Comesaña, membros do comité de empresa, e D. José Cameselle Romero, secretario comarcal da Federación de Minero-Metal de CC.OO.

O árbitro comunica que no procedemento garantiranse os principios de audiencia, contradicción e igualdade, podendo as partes efectuar calquera alegación que serva como defensa das súas posicións e que á vez serva para ilustrar ó árbitro nos matices do asunto que se somete á súa decisión, así como a renuncia durante a tramitación do presente procedemento a medidas de conflicto colectivo e folga.

2.- Nesta reunión as partes expoñen ó actuante as diverxentes posicións sobre tal materia que non puideron solucionarse nas diversas reunións mantidas.

En síntese, e como desenvolvemento dos extremos consignados no apartado dos antecedentes, obsérvase que despois do cambio de titularidade por compra dos estaleiros a partir de 1999, producíronse unha serie de investimentos para recupera-la carteira de pedidos, renovando o proceso productivo, recuperando a confianza dos armadores – clientes, e reincorporando a 80 traballadores.

Neste contexto presentouse a negociación colectiva para o 2000/2002, e plasmouse como fundamento empresarial do novo tempo, a xornada partida, incluíndo un sistema de proba de xornada continuada, cunha avaliación a partires de decembro do 2002, avaliación que a xuízo da empresa é negativa, pois dita xornada provoca alteracións na productividade, afecta á prevención de riscos, desvíase do sistema de xornada do grupo empresarial, e desencáixase coa de provedores e incluso de estaleiros da propia Ría, que non teñen este réxime de xornada.

En resumen, e como presentación xeral destas alegacións, á empresa convenlle a estabilidade, e esta estabilidade tamén debe de conseguirse polos procedementos negociais de condicións de traballo;  tería sido importante poder incluír tamén os aspectos relativos á distribución de horarios. A empresa continúa a súa alegación no sentido de que espera que sexa este o último conflicto, sinala que o precedente establecido no convenio colectivo 2000-2002, a propia organización da empresa e a paz social, implican a necesidade dunha solución, e de aí a súa confianza no presente procedemento extraxudicial de conflictos.

As alegacións dos traballadores, en primeiro lugar efectuadas a través do presidente do comité de empresa, comezan manifestando ó árbitro que a xornada continuada é xornada tradicional do estaleiro e que mesmo habería un sustento legal, pois existe un acta de 15.07.99 na que se facía referencia á xornada tradicional continua.

Co cambio de propiedade, os traballadores que van entrando na empresa inclúen nos seus contratos a xornada partida, e no ano 2000, en convenio colectivo, pactouse unha xornada partida cuns períodos probatorios para a xornada continuada, cunha análise de resultados; pois ben, a xuízo dos traballadores, a xornada continuada é válida mesmo desde o punto de vista da análise de resultados / productividade, pois no ano 2002 entregáronse 9 barcos (con meses de xornada continuada) e en 2001 entregáronse 8 barcos (con xornada partida). Ademais, sinala que a xornada partida prexudícalles economicamente, pois polas dificultades de tráfico en Vigo moitos traballadores non poden, durante a interrupción, acudir a comer ás súas casas, o que lles supón un desembolso dun termo medio de 7 euros por día, ó ter que comer en locais de comidas da zona, e ademais afectando todo iso ó que é unha práctica productiva consolidada no sector como a realización de horas extraordinarias, ademais de producirse outros menoscabos para os traballadores como é que dita xornada partida aféctalles para poder dedicarse na tarde a asuntos particulares o persoais. De todo este conxunto de razóns veñen as medidas de presión colectivas, pois a empresa segue sen querer saber nada da xornada continuada.

O Sr. Cameselle, dirixente e asesor de CC.OO., pregúntase neste intre se a productividade é medible, se a xornada continuada presenta problemas coas empresas auxiliares, considerando que a empresa é dos poucos estaleiros con xornada partida; que están moi condicionados polo feito da compra, en 1999,  en medio dunha crise e que os traballadores cederon, nun principio, para xerar confianza, pero que hoxe non hai razóns que diferencien a este estaleiro doutros que teñen xornada continuada, e que ademais preséntase un problema de aparcamento porque, ó entra-los traballadores máis tarde, atópanse con tódolos lugares nos que é factible aparcar vehículos totalmente ocupados.

Na quenda de réplicas, a representación da empresa sinala que a productividade é medible, e que cando a representación de persoal falou de 9 barcos en 2002 e 8 en 2001, compara parámetros diferentes, pois non tódolos barcos son iguais, os criterios de organización son diferentes e en todo caso habería que ve-las toneladas de rexistro de buques (Rexistro GTC). Así mesmo, sinala que nos estaleiros pequenos (e cita unha relación), teñen xornada partida, e que no seu grupo empresarial a filosofía é a de xornada partida. Sinala que non pode entrar na problemática que se presenta sobre a comida, aínda que recoñece que moita xente vai comer á súa casa, e que hai que aceptar que cando a nova organización propietaria chega ó estaleiro, faino cunha idea e compromisos de futuro que cren que van cumprindo e consolidando a situación empresarial, incluídas a estabilidade dos traballadores no seu posto de traballo. Por outra parte, tódolos datos ofrecidos son coñecidos polo comité de empresa e hai estudios que o demostran.

Por parte dos traballadores, na segunda quenda de réplica, exponse ó árbitro que non houbo unha clara fundamentación /demostración da maior productividade da xornada continuada, que cada estaleiro é distinto e que estarían plenamente de acordo se este se dedicara á reparación; lembra que a comida é un grave problema sobre todo motivado por cuestións de tráfico, ademais do problema do aparcamento. (Intervén neste punto a representación da empresa para clarexar ó árbitro que hai unha rúa cega na entrada dos estaleiros no que aparcan os traballadores e que palía, nalgunha medida, o problema cos vehículos presentado).

Así finaliza esta fase.

FUNDAMENTO DA RESOLUCIÓN:

A cuestión que se presenta á  solución arbitral consiste na fixación dunha proposta dirimente nun conflicto de intereses entre dúas opcións de xornada conforme ó artigo 34 do Estatuto dos Traballadores e artigo correspondente do convenio colectivo en fase final de negociación, que substitúa ó vixente para o período 2000-2002.

Quedaron suficientemente explicitadas as dúas posturas en litixio; corresponde pois, ó árbitro, decidir sobre tal cuestión, tendo en conta tódolos antecedentes e as realidades que presenta tal cuestión para o colectivo de traballadores e para os intereses empresariais.

Parte dunha cuestión o árbitro. Cada organización empresarial dispón a súa actividade cunha filosofía ou modus operandi que, evidentemente, entre outros importantes e decisivos aspectos, afectan ás cuestiones relacionadas coa xornada, os horarios e quendas; elementos, os tres, claves na distribución e organización do traballo. Nunha primeira visión, é importante dilucida-lo que é esencial a cada empresa e a cada filosofía empresarial o de grupo, coma elemento  interno, elemento que logo haberá que contrastar, haberá de medirse cos sistemas organizativos nestas cuestións que teña o resto do sector, empresas ou instalacións comparables. O feito de que a empresa actúe na súa organización de grupo coma outros estaleiros, se ben non todos, cun sistema productivo que implica a xornada partida, é un feito relevante, é un feito que pertence a ese entramado decisorio esencial de cada organización e que, por iso, tamén é relevante coma punto de partida para o árbitro actuante. Sobre esta base decisoria tamén é de reseñar como importante, o conxunto regulador desta cuestión e a percepción que del teñen os traballadores, como outro factor decisivo dentro da organización empresarial, e se ben o árbitro considera que non pode entrar en temas que afectan ós traballadores coma cidadáns desta difícil cidade que é Vigo en canto ó tráfico, e por outra parte tampouco entraría nunha posible compensación por manutención, por entender que esta sería materia típica salarial de negociación colectiva, si evidentemente quere entrar, e entra, en que o convenio colectivo anterior xa establecía uns meses de xornada continuada que, por outra parte, en canto ó tempo, coinciden con períodos moi ó uso para a implantación de tales xornadas continuadas na estación  estival, comúns en tódolos sectores e con dimensión xa de práctica social.

Este árbitro, e nesta solución en equidade que é a que cabe aplicar ó presente litixio, e poder desta forma por remedio á negociación do convenio colectivo para os próximos anos, entende que se pode retoma-lo tempo fixado no anterior convenio ó que se fai referencia e si establecer un período dentro do ano de xornada continuada que, dalgunha forma, atenúa sen grave quebranto productivo, o réxime de xornada partida inherente nestes tempos á filosofía do grupo empresarial que reflotou e tenta consolida-la actividade dunha empresa importante para o sector na Ría de Vigo.

En resumen do antedito, o árbitro tentará concilia-lo que é unha realidade empresarial coa posibilidade de determinado período de xornada continuada, polo que vísta-las últimas posicións das partes, que encaixan dentro das previsións establecidas no artigo 34 do Estatuto dos Traballadores, e establecidas no artigo 6 do convenio colectivo anteriormente vixente da empresa, publicado no D.O.G. de 12.09.02, resolvo a cuestión presentada en equidade dictando o seguinte laudo, vista a documentación aportada, cumpridos os principios de garantía do procedemento, resolvo a cuestión xurídica presentada dictando o seguinte laudo conforme ó artigo 24 do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflictos Colectivos de Traballo publicado no D.O.G. de 04.05.95.

ÚNICO: O convenio colectivo de empresa para os anos 2003 – 2005 de  Astilleros Armón Vigo, S.A. recollerá, dentro da regulación de xornada laboral e horario de traballo que a xornada diaria será partida en todo o ano e na distribución que se concerte, salvo os meses de xuño, xullo e agosto, en que se realizará a xornada diaria continuada, e con efectos inmediatos dende a mera comunicación do presente laudo.

O presente laudo poderá ser recorrido perante a xurisdicción social nos termos establecidos no apartado 4 do artigo 24 do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflictos de Traballo (AGA).

Dado en Vigo, a  13 de xuño de 2003
O árbitro