ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 

-  Laudo 16/03

LAUDO ARBITRAL

JOSE Mª CASAS DE RON, designado polas partes árbitro en acta de compromiso arbitral con data 22 de maio de 2003, en procedemento de solución de conflictos, en base ó establecido no Capítulo III do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflictos de Traballo (AGA), procedemento número de referencia 16/03, no que son interesados, dunha parte a empresa VIGUESA DE TRANSPORTES, S.A. (VITRASA) e doutra a representación dos traballadores da dita empresa, partes asinantes da acta de compromiso arbitral citada e lexitimados no conflicto sobre discrepancias relativas ó incremento salarial pactado no art. 11 do Convenio Colectivo de Viguesa de Transportes, S.A. 2001-2003, publicado no BOP de 3 de xullo de 2001 (núm. 127), á vista dos antecedentes, documentación, e especificamente acta de 1 de xuño de 2001, levantada na Delegación de Xustiza, Interior e Relacións Laborais de Pontevedra; Visto o expediente e oídas as partes, resolvo a cuestión suscitada por medio do presente laudo en base ós seguintes


ANTECEDENTES:

1.- O artigo 11 do Convenio Colectivo de Viguesa de Transportes, S.A. 2001-2003, di: “Retribucións. Para o ano 2001, as retribucións do persoal afectado por este Convenio serán as que constan nas táboas anexas. Para o ano 2002 incrementaranse co I.P.C. previsto máis un 0,80 % con cláusula de revisión. Para o ano 2003 incrementaranse co I.P.C. previsto máis un 1 % coa mesma cláusula de revisión.  Ó obxecto de garantir ós traballadores o poder adquisitivo, para os anos 2002 e 2003 o incremento salarial pactado revisarase á alza a partir do intre en que o I.P.C. real superará ó incremento salarial establecido, efectuándose a correspondente regularización unha vez que sexa publicado o I.P.C. real definitivo. Se o I.P.C. real non superara o incremento salarial establecido non se producirá corrección á baixa... “

2.- As discrepancias relativas á interpretación do contido deste artigo non permitiron acadar ás partes un acordo nas diversas reunións que mantiveron a tal efecto, recollidas en distintas actas da mesa negociadora. Estas discrepancias deron lugar a unha convocatoria de folga, convocatoria que foi desconvocada despois dunha reunión mantida entre as partes, con data 01.06.01, previa citación do Ilmo. Sr. Delegado Provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, e na que estivo presente o agora árbitro. Na dita reunión chegouse a un acordo que se recolle textualmente: “Incremento salarial: 2001: Subida lineal de 9.500 ptas. /mes por 12 meses e 9.500 ptas. en cada unha das tres pagas extras. 2002: IPC previsto + 0,80 con revisión Fórmula VITRASA proposta pola Dirección; 2003: IPC previsto + 1 con revisión Fórmula VITRASA proposta pola Dirección... Vinculación: catro quinquenios de 90.000 ptas. cada un”.  

3.- En acta da reunión bimensual celebrada o 22.01.03 entre a dirección da empresa e o comité, en canto á revisión salarial recóllese textualmente que “O Comité manifesta o seu completo desacordo co exposto pola Dirección na reunión previa do pasado venres día 17.01.2003. O Comité mantén que as táboas salariais do ano 2002 deben de consolidarse cun incremento do 4,80 % regularizando as diferencias a partir de que o IPC real supere ó IPC previsto, isto é, o 2 % dende que se produciu. E as táboas salariais do ano 2003 se incrementen cun 3 % sobre as táboas consolidadas do ano 2002.

4.- Esgotadas as canles de solución internas, tal e como consta na citada acta de compromiso arbitral, as partes acoden ó sistema de solución extraxudicial de conflictos colectivos.


PROCEDEMENTO:

1.- O árbitro designado constituíu a mesa de arbitraxe con data  22 de maio asistindo á dita mesa representantes das dúas partes en litixio e especificamente representando á empresa D. Luciano Martínez Covelo, director xeral e D. Francisco Javier Pérez Bravo, director de Recursos Humanos; e pola representación dos traballadores D. Manuel Marque López, presidente do Comité de Empresa (UXT), D. Angel Alonso Otero (CIG, D. Nicasio Herrero Ferro (CC.OO), D. José Amosmede López (Sindicato Independente), os tres últimos membros do Comité de Empresa, D. Emilio Bahamonde López, secretario nacional de Estradas da FNTCH de UXT, D. Marcos Rodas Fernández, da Federación Galega de Transportes de CIG, e D. Joel  Vázquez Alcántara, do Sector de Estradas de Vigo – Baixo Miño de CC.OO.

2.- O árbitro comunica que no procedemento garantiranse os principios de audiencia, contradicción e igualdade, podendo as partes efectuar calquera alegación que serva como defensa das súas posicións e que á vez serva para ilustrar ó árbitro nos matices do asunto que se somete á súa decisión.

3.- O presente procedemento acóllese ó sistema de prazos especiais previsto na normativa do Acordo Interprofesional, toda vez que a presente cuestión se someteu ó procedemento arbitral simultaneamente a outro procedemento arbitral que afecta a unha complexa materia de organización empresarial con respecto ós servicios dos conductores. Á vista de que ámbalas dúas problemáticas poderían ter unha solución que implicase unha visión concertada de ámbolos dous asuntos, decidiuse polo actuante simultanear a solución no tempo. Así mesmo comunícase que, con coñecemento de ámbalas dúas partes, mantivéronse outras reunións, aparte das establecidas no procedemento, a fin de que o árbitro tivese unha maior capacidade na toma da súa decisión arbitral.


FUNDAMENTO DA RESOLUCIÓN:

O conflicto que se presenta ó árbitro é un conflicto sobre interpretación de norma á vista do artigo 11 do convenio colectivo de empresa 2001/2003, reflectido en apartados anteriores, e no que se establece, no seu parágrafo segundo,  o sistema de garantías ós traballadores do seu poder adquisitivo en forma dunha cláusula de revisión salarial, cláusula que non suscita outro problema que o de establecer o sistema e momento no que se aplica a citada revisión mantedora dos niveles salariais garantidos no convenio colectivo para os traballadores. Para o árbitro, esta é a cuestión principal, sen prexuízo de que nas reunións mantidas na larga fase de audiencias ás partes no presente procedemento se teñan feito outras interpretacións en función dos intereses respectivos, pero alleos ó punto litixioso que se establece como petitum arbitral e que é sobre o que o árbitro, en definitiva, decide.

O artigo 11 sinala que “ó obxecto de garantir ós traballadores o poder adquisitivo para os anos 2002 e 2003, o incremento salarial pactado revisarase á alza a partires do momento en o que o I.P.C real superará ó incremento salarial establecido, efectuándose a correspondente regularización unha vez que se publique o I.P.C. real definitivo. Se o I.P.C. real non superara o incremento real establecido, non se producirá corrección á baixa.”

Con independencia de calquera outra consideración, o litixio enfócase á luz de se na aplicación do anterior parágrafo, se utiliza o que as partes denominan Fórmula VITRASA de revisión, fórmula á que se refire a acta asinada na Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, na súa Delegación Provincial de Pontevedra, o 01.06.01, nunha reunión convocada pola Autoridade Laboral, e á que asistiron, ademais dos representantes da Administración, as partes lexitimadas precisamente para poder asinar o convenio colectivo de empresa, convenio bloqueado na súa negociación e que motivara unha convocatoria de folga, desconvocada precisamente polo acordo reflectido na citada acta da Autoridade Laboral asinada por tódolos asistentes con excepción dos dous representantes de UXT, e na que, para os tres anos, establecéronse as seguintes previsións: “Incremento salarial: 2001: Subida lineal de 9.500 ptas. /mes por 12 meses e 9.500 ptas. en cada unha das tres pagas extras. 2002: IPC previsto + 0,80 con revisión Fórmula VITRASA proposta pola Dirección; 2003: IPC previsto + 1 con revisión Fórmula VITRASA proposta pola Dirección... Vinculación: catro quinquenios de 90.000 ptas. cada un.”

Tres cuestións se aparecen ó árbitro neste iter: 1) Qué interpretación xurídica, conforme ós criterios que para a interpretación das normas dispón o noso ordenamento. 2) Se existe unha denominada Fórmula VITRASA. 3) Se en definitiva a cláusula reflectida na citada acta de 1 de xuño de 2001 foi consecuencia da negociación colectiva para supera-la folga e desbloquear o convenio colectivo.

Á primeira das cuestións, o árbitro resposta no sentido que a continuación se expón, manifestando que o mesmo, como inspector de Traballo e Seguridade Social, asistiu, representando á Administración, a aquel proceso de intento de conciliación e desbloqueo de convenio colectivo. A interpretación sistemática a que se refire o Código Civil implica, en xustiza, ligar as expresións fixadas para o 2002 e 2003 “con revisión Fórmula VITRASA proposta pola Dirección” coa revisión lineal para o 2001 dentro dun sistema de equilibrio e compensacións nos conceptos salariais para o período de vixencia previsto no convenio colectivo; é dicir, as previsións salariais de revisión ou subida para os tres anos estaban interrelacionadas entre a subida lineal para o 2001 e a revisión para 2002 e 2003, de acordo a unha determinada fórmula proposta pola Dirección da empresa, fórmula que en definitiva só garante que os traballadores, a partires de que o I.P.C. real supere o previsto incrementado no aumento fixado colectivamente, non perdan nivel adquisitivo.

En segundo lugar, o árbitro non pode, ó fío desta primeira constatación, senón responder afirmativamente á pregunta de que efectivamente existe, e así figura en actas anteriores, ademais da fundamental e decisiva acta da Autoridade Laboral, unha fórmula que propuxo a Dirección, coñecida polas partes, documentadas, e que é a que as partes denominan Fórmula VITRASA que non é, nin máis nin menos, que un dos sistemas de revisión salarial e que por certo empregou este árbitro en anterior laudo sobre industria metalúrxica provincial na súa revisión salarial para o ano 2002.

Sobre a terceira das cuestións sobre as que o árbitro se interrogaba, hai que sinalar que, efectivamente, a acta da Autoridade Laboral de 01.06.01 foi un acta de acordo sobre convenio colectivo dentro da negociación do convenio de empresa para os anos 2001, 2002 e 2003.

Todas estas cuestións pódeas fixar o árbitro, ademais de pola súa persoal participación antes e despois, e tanto no 2001 coma no 2003,  por outra parte, pois púidose contrastar todo o anterior cos outros representantes da Administración por seguir estes en activo dentro do ámbito laboral administrativo provincial.

En resumo, o árbitro entende que na presente cuestión as interpretacións sistemáticas do convenio e literal da acta de 01.06.01, compaxínanse perfectamente coa análise histórica de ámbolos dous pactos, que serven á finalidade do mantemento do poder adquisitivo dos traballadores coma elemento central da discusión, mantemento que se fixo mediante unha fórmula de proposta empresarial, fórmula VITRASA, e que en definitiva é a que, conforme ás anteriores argumentacións, debe de aplicarse no previsto no artigo 11 do convenio colectivo, por habelo así decidido as partes, e porque esta decisión tomouse no libre exercicio da autonomía colectiva, expresión da cal foi a cláusula pactada polas partes na citada acta de 1 de xuño.

Por isto, conforme ós propios termos das dúas normas citadas, vistas as regras de interpretación do Código Civil, as actas aportadas, as declaracións das partes, cumpridos os principios de garantía de procedemento, e aplicados os prazos excepcionais de resolución polas razóns anteditas, resolvo a cuestión xurídica suscitada, dictando o seguinte laudo conforme ó artigo 24 do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflictos Colectivos de Traballo publicado no D.O.G. de 04.05.95.

ÚNICO:  A revisión salarial á alza prevista no parágrafo 2º do artigo 11 de retribucións do convenio colectivo de empresa Viguesa de Transportes, S.A. (Vitrasa), publicado no BOP do martes, 3 de xullo de 2001, efectuarase conforme á fórmula denominada VITRASA, ó ser esta a fixada na acta da Autoridade Laboral da provincia de Pontevedra o 01.06.01, e servir ó fin previsto de garantía ós traballadores do seu poder adquisitivo para os anos 2002 e 2003.

O presente laudo poderá ser recorrido diante a xurisdicción social nos termos establecidos no apartado 4 do artigo 24 do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflictos de Traballo (AGA).

Dado en Vigo, a 22 de xullo de 2003
O árbitro