ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 

-  Laudo 2/03

LAUDO ARBITRAL


JOSE Mª CASAS DE RON, designado polas partes árbitro en acta de compromiso arbitral de data 17 de febreiro de 2003, en procedemento de solución de conflictos, en base ó establecido no Capítulo III do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflictos de Traballo (AGA), procedemento número de referencia 2/03, no que son interesados, dunha parte as asociacións patronais ASIME, ATRA, FECA, FONCALOR e INSTALECTRA, e da outra a Federación do Metal de C.I.G., a Federación Mineiro Metalúrxica de CC.OO., e M.C.A.-U.G.T., partes asinantes da acta de compromiso arbitral citada e lexitimados no conflicto sobre diverxencias xurdidas entre as mesmas por falla de acordo na interpretación do artigo 45 c) relativo á revisión salarial do convenio do metal para empresas siderometalúrxicas sen convenio propio da provincia de Pontevedra (D.O.G. 13.07.2000); Visto o expediente e oída-las partes, resolvo a cuestión plantexada por medio do presente laudo en base a los seguintes

ANTECEDENTES:

1.- As discrepancias xurdidas na interpretación do sistema de revisión salarial para o ano 2002 non permitiron acadar ás partes un acordo nas diversas reunións que mantiveron a tal efecto, incluída-las reunións celebradas os días 16 e 20 de xaneiro do presente ano da Comisión Mixta e Paritaria do Convenio Colectivo. Non consta no expediente que nas revisións salariais dos dous anteriores anos de vixencia do convenio colectivo houbese desacordos. Esgotado-las canles de solución internas, tal e como consta na citada acta de compromiso arbitral, as partes acoden ó sistema de solución extraxudicial de conflictos colectivos.

2.- Os antecedentes propios son os seguintes: o art. 45 do convenio establece: “c) Revisión salarial ano 2002. Se a 31 de decembro de 2002 o IPC de dito ano superase o IPC previsto polo Goberno para dito ano, efectuarase unha revisión salarial, axiña se constate tal circunstancia, no exceso sobre a indicada cifra. Esta cantidade aplicarase con carácter retroactivo dende o mes en que se supere dita porcentaxe. Tal incremento servirá como base de cálculo para as táboas salariais do ano seguinte.” Los apartados a) e b) do citado artigo, revisión salarial para los años 2000 e 2001 respectivamente, son de idéntica redacción.


PROCEDEMENTO:

1.- O árbitro designado constituíu a mesa de arbitraxe en data 17 de febreiro asistindo a dita mesa representantes das dúas partes en litixio e especificamente representando ás asociacións empresariais D. José Manuel Rodríguez Simón, e polos sindicatos de C.I.G., CC.OO. e U.G.T., respectivamente, D. Emilio Alonso Nogueira, D. José Cameselle Romero e D. José Antonio Alvarez González, en nome das Federacións de rama correspondentes.

O árbitro comunica que no procedemento garantiranse os principios de audiencia, contradicción e igualdade, podendo as partes efectuar calquera alegación que sirva coma defensa das súas posicións e que á vez serva para ilustrar ó árbitro nos matices do asunto que se somete á súa decisión.

2.- Nesta reunión as partes expoñen ó actuante as diverxentes posicións sobre tal materia e que, ademais, non puideron solucionarse nin nas reunións da citada Comisión Mixta e Paritaria do citado Convenio Colectivo nin noutras que se teñen seguido ó efecto. Entenden as partes que unha vez que o árbitro coñeceu as diferencias na interpretación dos cómputos temporais que marca, a xuízo dunha e outra parte, o citado artigo 45 do convenio, non cabe outra solución que a decisión arbitral. Neste mesmo acto, o árbitro solicita das partes séxalle remitida diversa documentación referida á cuestión, e que se concreta en copia das actas da mesa de negociación, e da mesa de redacción do Convenio Colectivo que conteñan algunha mención ás cuestións sobre revisión salarial para os anos 2000, 2001 e 2002. Así mesmo solicita as actas da Comisión Mixta e Paritaria nas que se tratara sobre tales cuestións, documentos estes que poden servir ó árbitro coma elementos de base na interpretación do citado precepto, e que foron remitidos ó árbitro polo Secretario da mesa de negociación do citado Convenio, D. Leonardo Pérez Alonso, en data 20.02.03, data que se considera referente ós efectos do prazo para dictar laudo establecido no artigo 24.2 regulador do procedemento de arbitraxe do AGA.

3.- Da análise da documentación aportada e dos datos ofrecidos polas partes ó árbitro no trámite de audiencia ás partes consignada anteriormente, non se observan referencias que podan servir ó árbitro coma elementos directos de interpretación na cuestión plantexada. Soamente existen referencias a tal cuestión nun acta da reunión ordinaria da Comisión Mixta e Paritaria do Convenio Colectivo celebrado en data 08.03.01, pero sen que as actas de negociación e das da Comisión de redacción do citado Convenio ofrezan luz no sentido que se demanda na presente cuestión.

O árbitro, pois, soamente ten o texto do citado precepto e las matizacións e alegacións plantexadas polas partes sobre o alcance temporal das citadas previsións revisoras de salarios e especificamente aplicables para o ano 2002 posto que non constan documentalmente cuestións que puideran ter afectado ó ano 2000 e 2001.

FUNDAMENTO DA RESOLUCIÓN:

Ante o conflicto xurídico que se plantexa, o árbitro dispón, como se dicía, do propio texto do artigo 45, no seu apartado c), que ten que ser obxecto dunha interpretación conforme ás reglas establecidas no artigo 3 do Código Civil e por outra parte e como ferramentas para determina-lo alcance do que en tal norma se establece, deberá de examinalo á luz doutros sistemas de revisión comparables e das solucións que a través de tales sistemas se teñan acadado, e todo elo no marco indubitado y recoñecido polas partes e especificamente polos representantes das Asociacións do metal que son parte no presente conflicto, que explicitaron ó árbitro que o que as dúas partes querían era que os traballadores mantivesen, durante a vixencia do convenio, o seu poder adquisitivo. A cuestión concreta é que, se ben ámbalas dúas partes teñen traballado neste senso, ó que non chegan é a precisa-lo alcance da expresión contida na citada letra c do artigo 45, cando sinala que a revisión salarial se efectuará “axiña se constate tal circunstancia... Esta cantidade  aplicarase con carácter retroactivo dende o mes en que se supere dita porcentaxe”. Esta falta de acordo na interpretación dos termos do artigo provoca que as partes non se poñan de acordo nos efectos económicos que implica a revisión salarial para o ano 2002.

O árbitro estima que a primeira das diverxencias reflectidas non ofrece dúbida en canto á súa solución. É de común aceptado que cando se fai referencia á constatación do incremento de IPCs anuais (“axiña se constate tal circunstancia”, sinala o Convenio) é simplemente o momento no que o Goberno fai público de forma definitiva o incremento do índice de prezos ó consumo para cada ano natural, e é precisamente nese momento cando, coñecido o dato, vanse calcula-las desviacións sobre das previsións efectuadas a fin de mante-lo nivel adquisitivo global por parte dos traballadores., proxectándose temporalmente dita revisión, baseada na desviación incremento/IPC real, debendo de terse en conta que o precepto convencional non permitiría a utilización do coñecido e común sistema xeral de aplicación de revisión salarial utilizado polas entidades xestoras da Seguridade Social para a revisión anual das pensións por desviación no IPC previsto polo Goberno.

En base a todo isto, quedan, a xuízo do árbitro, claras dúas cousas: unha, o mecanismo de revisión ten que esperar indispoñiblemente a que se coñeza o dato do IPC real facilitado polo Goberno, e por outra parte o artigo en cuestión e a diferencia doutros artigos que se establecen noutros convenios colectivos para a revisión salarial, establece expresamente que esta cantidade se aplicará con carácter retroactivo dende o mes en que se supere dita porcentaxe. Dicíase que a estes efectos son de aplicación as reglas de interpretación do Código Civil e a primeira é que se interpreten as normas conforme ós seus propios termos, interpretación literal que ademais, no presente suposto, compadécese coa fin que buscaban as partes e tamén sistematicamente con outros artigos en iguais termos incluídos en numerosos convenios e que por ser coñecidos son de ociosa cita (neste sentido, unicamente consignar que dentro do mesmo sector, o convenio propio da maior empresa do metal da provincia contén un mecanismo similar ó establecido no precepto en litixio cando sinala “... con efectos a partires do mes en que o IPC superara dita porcentaxe” – Convenio Colectivo 2001/2003).

Todo isto lévanos a colixir que, unha vez que se coñeceu o dato do IPC real en función da inflación do ano 2002, os cálculos aplicables da revisión salarial para o ano 2002, toda vez que a 31 de decembro de dito ano superouse a porcentaxe fixada como subida salarial no artigo 45 c), motiva indispoñiblemente como se dicía que se ten que revisa-la súa contía entre o exceso entre o IPC real do conxunto do ano 2002 e a citada porcentaxe pactado aplicándose pois ó fío desa interpretación literal e sistemática necesariamente dende o mes en que se superou dita porcentaxe.

Non caben outras interpretacións aínda que efectivamente caberían outros sistemas. Dise isto porque ó árbitro, no trámite de audiencia, foille explicado pola parte empresarial un sistema de proxección das desviacións do nivel adquisitivo en función dos IPCs superiores ó previsto mensuais ó longo do ano 2002. A xuízo deste árbitro, e examinado con detalle o asunto ata os seus últimos extremos, e aclarando previamente que ó seu xuízo a única interpretación posible no presente caso sometido á interpretación arbitral é a interpretación primeira e preferente que esixe o Código Civil, estima que ditas proxeccións, a fin de que foran absolutamente exactas, obrigarían a calcular ditas desviacións utilizando integrais, sistema que por unha parte o árbitro cre que non é o que se debe de aplicar por decisión da propia norma e que por outra parte oponse a un presuposto común tradicional no noso ordenamento normativo en materia salarial como é que conceptos e cálculos salariais sexan facilmente perceptibles para aqueles que perciben retribucións polo seu traballo por conta allea.

En resumo, o árbitro entende que na presente cuestión, sometida á súa decisión, so cabe esta interpretación literal, que se compaxina perfectamente cunha análise histórica e sistemática destas cláusulas cando teñen a expresión literal do mes en que se debe de aplicar con carácter retroactivo, que a interpretación arbitral serve á finalidade establecida polas partes como é o mantemento do poder adquisitivo dos traballadores coma elemento central da discusión, que ademais é un sistema claro e perceptible polos interesados, e que en definitiva soluciona con acordo a un sistema común e ordinario o litixio salarial, sen perxudicar, ademais, ás últimas posicións das partes nesta materia, comunicadas ó árbitro e que, a estes efectos, o mesmo ten en conta.

Por elo, conforme ós propios termos do artigo 45 c) é as reglas do artigo 3 do Código Civil, vista a documentación aportada, cumprido-los principios de garantía do procedemento, resolvo a cuestión xurídica plantexada dictando o seguinte laudo conforme ó artigo 24 do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflictos Colectivos de Traballo publicado no D.O.G. de 04.05.95.

ÚNICO:  Procederase a unha revisión salarial cuxa contía será o exceso entre o IPC real do conxunto do ano 2002 comunicado polo Goberno e a porcentaxe pactada para o citado ano no convenio colectivo, aplicándose con carácter retroactivo dende o mes de abril do citado ano, incrementándose así os salarios totais dos traballadores a fin de mante-lo seu poder adquisitivo. Estes salarios servirán de base para a aplicación de niveis salariais sucesivos.

O presente laudo poderá ser recorrido perante a xurisdicción social nos termos establecidos no apartado 4 do artigo 24 do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflictos de Traballo (AGA).

Dado en Vigo, a  28 de febreiro de 2003
O árbitro