ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 

-  Laudo 21/03

   LAUDO ARBITRAL


CARLOS DOMENECH DE ASPE, designado árbitro en acta de compromiso arbitral de data 7 de xullo de 2003 subscrita polas representacións das empresas auxiliares do complexo Sogama e dos Comités de empresa  e centrais sindicais UXT e CIG, en base ó establecido no Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflictos de Traballo (AGA), visto o expediente e oída-las alegacións das partes, dicta o presente

LAUDO
OBXECTO DA ARBITRAXE

“Falla de acordo acerca de se determinados traballadores poden seguir contratados como eventuais ou son tributarios dun contrato de obra” debéndose cingui-la arbitraxe “sobre se os contratos actuais (eventuais por circunstancias da producción) deben transformarse ó remata-la súa vixencia en contratos de obra ou servicio determinado”  

ANTECEDENTES

En data 31 de xaneiro de 2003 subscríbese un acordo entre as representacións das empresas que prestan servicios no Complexo Medioambiental de Cerceda e os seus Comités de Empresa que, no seu punto 6, establece: “As empresas comprométense ó estudio de posibles irregularidades á hora da contratación por acumulación de tarefas e ó cambio deste tipo de contratos a fin de obra ou servicio no prazo dun mes contado a partir da data desta reunión”
En data 13 de maio de 2003 e con desconvocatoria dunha folga anteriormente convocada, chégase ó acordo de que, unha vez analizado-los contratos eventuais pendentes de vencemento e vixentes nesa data, tomarase unha decisión ou, no seu defecto, acudirase a unha arbitraxe a través do procedemento previsto no AGA

En data 7 de xullo de 2003 subscríbese acta de compromiso arbitral.

Na mesma data o árbitro convoca ás partes, coa asistencia de ambas representacións, expoñendo ó árbitro os puntos e formulando as alegacións que estimaron convenientes.

A representación das empresas e a representación social, nas manifestacións efectuadas na comparecencia a requirimento do árbitro, coinciden nos seguintes puntos:
A cuestión sometida á arbitraxe afecta ós contratos eventuais subscritos con seis traballadores, contratos dos cales o vencemento se producirá nos meses de xullo e agosto.
Os contratos expresan como causa dos mesmos a descrición de “acumulación de tarefas”
Os traballadores afectados participan na producción coa realización de tarefas normais nas mesmas condicións que o resto dos traballadores e integrados nas quendas de traballo.
Existen contratacións eventuais posteriores doutros productores que non son cuestionados na arbitraxe e que, segundo as manifestacións, desenvolven outros servicios distintos ós estrictamente propios da producción.


CONSIDERACIÓNS E FUNDAMENTOS XURÍDICOS

É preciso en primeiro lugar concreta-lo obxecto deste laudo arbitral que se cingue exclusivamente á transformación, que debe de efectuarse ó remate da súa vixencia, dos contratos eventuais subscritos cos seis traballadores especificados nas negociacións mantidas entre as partes e referido á opción entre a posible continuidade contractual eventual ou a subscrición de contratos de obra ou servicio determinado. Por elo, non debe de entrar a cuestionar ou xulga-lo árbitro a idoneidade dos contratos subscritos, que nin sería da súa competencia nin é obxecto da decisión solicitada, limitándose ó punto de controversia consistente na disxuntiva de cal das dúas modalidades, eventual ou para obra ou servicio determinado, debe de se-la contractualmente adoptada.
Examinando en primeiro lugar a existencia do contrato eventual por circunstancias da producción do cal a prórroga se pretende, deixando a salvo o posible exceso dos límites temporais, é preciso face-las seguintes consideracións:
O contrato está concertado en virtude do artigo 15-1-b) do Estatuto dos Traballadores “cando as circunstancias do mercado, acumulación de tarefas ou exceso de pedidos así o esixiran, aínda tratándose da actividade normal da empresa” e, para elo, esíxese que “o contrato deberá de identificar con precisión e claridade a causa ou a circunstancia que o xustifique e determina-la duración do mesmo” (Artigo 3-2 a) do Real Decreto 2720/1998).
Este contrato destínase a satisface-lo incremento temporal ou excepcional do volume de traballo que non pode ser cuberto pola plantilla fixa da empresa, pero que, pola súa propia transitoriedade, non xustifica tampouco unha ampliación permanente da propia plantilla.
Non se esixe soamente que esas labores non sexan permanentes ou que as circunstancias sexan excepcionais; a Lei require un efecto moi preciso de ditas causas: que as mesmas " así o esixiran ". A eventualidade defínese por circunstancias do mercado, acumulación de tarefas ou exceso de pedidos, segundo a cal aquelas necesidades de realización de traballos que non podan atenderse cos traballadores normais da plantilla, xeran unha acumulación de tarefas, que poden ser provisionalmente atendidas mediante contratos de eventualidade, en evitación de non desexables aprazamentos de aqueles necesarios traballos (STSJ País Vasco de 24 de xuño de 1994).
E, por outra parte, no aspecto formal, “non só require que “se concerten para atende-las esixencias circunstanciais do mercado, acumulación de tarefas ou exceso de pedidos, aínda tratándose da actividade normal da empresa”, senón ademais que, ó ser concertado, sexa consignada con precisión e claridade a causa ou circunstancias que o xustifique e que, no desenvolvemento da relación laboral, o traballador sexa ocupado na execución de tales tarefas” (STS 18/11/1998)
Non podería admitirse a temporalidade, vía contrato eventual, “sen necesitarse —ou, polo menos, sen acreditar necesitarse—, nin antes nin despois do contrato de traballo, nin con relación a esas labores nin con relación ás labores asumidas polo traballador substituído, a existencia dun incremento da actividade productiva xustificativa dun paralelo incremento da forza laboral para atender dito pico da producción” (STSX Galicia 30/4/2002)
No caso concreto sometido a arbitraxe, os traballadores realizan as tarefas normais de producción sen acreditarse un exceso sobre o que é a actividade normal da empresa e, no aspecto formal, carécese nos contratos dunha concreción da labor que esixe a subscrición da modalidade eventual, xeneralizándose a causa “acumulación de tarefas”.
“A validez de calquera das modalidades de contratación temporal causal, polo propio carácter desta, esixe en termos inescusables, que concorra a causa obxectiva especificamente prevista para cada unha delas. O decisivo é, por conseguinte, que concorra tal causa. Pero a temporalidade non se supón. Antes ó contrario, os artigo 8.2 e 15.3 do ET, e 9.1 do Real Decreto 2720/1998 de 18 de decembro que o desenvolve, establecen unha presunción a favor da contratación indefinida. De aí que no apartado 2.a) dos artigos 2, 3 e 4 do R.D. citado, se impoña a obriga, en garantía e certeza da contratación temporal causal, de que no contrato se expresen, con toda claridade e precisión, os datos obxectivos que xustifican a temporalidade: A obra ou servicio determinado, as circunstancias da producción, ou o nome do traballador substituído e a razón da substitución. É certo, non obstante, que a forma escrita e o cumprimento dos citados requisitos non constitúe unha esixencia “ad solemnitatem”, e a presunción sinalada non é “iuris et de iure”, senón que permite proba en contrario, para demostra-la natureza temporal do contrato” (STS 21/3/2002).
E todo elo leva ó exame da adecuación á modalidade de contrato para obra ou servicio determinado que contempla o artigo 15-1 a) do Estatuto de os Traballadores dentro do posible contexto temporal que elo supón.
E esta temporalidade é clara para os intervenientes neste proceso dada a situación de subcontratistas de Sogama das empresas afectadas. En consecuencia, é admitido polas partes que existe un traballo temporalmente limitado para as empresas cun límite temporal previsible na medida en que a actividade se realiza en virtude de concesión ó remate da cal pode finaliza-la prestación dos servicios como subcontratista.
Existe doutrina xurisprudencial unificada no sentido de considerar que xustifica a celebración de contratos para obra determinada os que unha empresa contratista poda celebrar con ocasión das diversas contratas que vaia, á súa vez, contratando. Admítese, en consecuencia, a celebración deste contrato para a realización dunha actividade contratada cun terceiro por tempo determinado, estendéndose a súa duración polo tempo que abrangue a contrata (SSTS de 15 de xaneiro de 1997, 25 de xuño de 1997 e 8 de xuño de 1999)
E, nese sentido é significativa a sentencia do Tribunal Supremo dictada en unificación de doutrina de data 20 de novembro de 2002 que textualmente sinala: “A cuestión debatida céntrase en determinar se a realización de traballos durante a vixencia da contrata pode ser un obxecto lícito do contrato de obra ou servicio determinado regulado no artigo 15.1.a) do Estatuto dos Traballadores e nos artigos 2 do Real Decreto 2104/1984 e do Real Decreto 2546/1994, vixentes nos momentos en que se realizou esta contratación e a resposta debe de ser afirmativa, de conformidade coa doutrina das sentencias de 15 de xaneiro de 1997,18 e 28 de decembro de 1998 e 6 de xuño de 1999. Nestas sentencias establécese que, aínda que en casos como o presente “non existe propiamente un traballo dirixido á execución dunha obra entendida como elaboración dunha cousa determinada dentro dun proceso con principio e fin, e tampouco existe un servicio determinado entendido como unha prestación de facer que conclúe coa súa total realización” , apréciase, sen embargo, a concorrencia “dunha necesidade de traballo temporalmente limitada para a empresa e obxectivamente definida e esa é unha limitación coñecida polas partes no momento de contratar e que opera, polo tanto, como un límite temporal previsible na medida en que o servicio se presta por encargo dun terceiro e mentres se manteña este”  . Esta conclusión non se altera polo feito de que o servicio contratado “poda respostar a unha esixencia permanente da empresa comitente, pois o que interesa aquí é a proxección temporal do servicio sobre o contrato de traballo e para elo, salvo supostos de cesión nos que a contrata actúa só como un mecanismo de cobertura dun negocio interpositorio, o decisivo é o carácter temporal da actividade para quen asume a posición empresarial nese contrato”
Por tanto este árbitro estima que, dentro da disxuntiva suscitada neste procedemento, deben de ser realizados os contratos para obra ou servicio determinado.  

Por tódalas consideracións apuntadas dicta a seguinte

RESOLUCIÓN


Os contratos eventuais dos traballadores obxecto da controversia deben de ser transformados, ó remate da súa vixencia, en contratos para obra ou servicio determinado.

O presente Laudo poderá ser impugnado perante a Xurisdicción Social de acordo co punto 5 do artigo 24 do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflictos De Traballo.  

Dado na Coruña a 9 de xullo de 2003
O ÁRBITRO