ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 

-  Laudo 29/03

Benigno Sánchez García, con DNI 33.832.475-G, e domicilio a efectos de notificacións en r/ Algalia de Abaixo, 24, Santiago de Compostela, designado árbitro en virtude de acta de sometemento a arbitraxe, asinada o día 20 de outubro de 2003 polos suxeitos, lexitimados para elo, do conflicto colectivo suscitado na empresa Viproga, S.A., e logo das actuacións practicadas, ás que máis adiante se aludirá, ven de dictar LAUDO ARBITRAL, en base ás seguintes consideracións.


ANTECEDENTES

1. Que con data 15.10.2003, representantes da dirección da Empresa e da parte social da mesma presentan, diante do Consello Galego de Relacións Laborais, escrito solicitando a intervención deste organismo, a fin de activar os mecanismos previstos no Acordo Interprofesional Galego de Solución Extraxudicial de Conflictos Colectivos de Traballo (AGA), para solventar o conflicto suscitado na empresa en materia de horarios e quendas dos traballadores que prestan os seus servicios no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (en adiante, CHUS), o que plantean en dúas etapas, unha primeira de conciliación e outra posterior de arbitraxe para o caso de que na primeira non fora posible acadar un acordo entre as partes. Para levar a cabo tanto o proceso de mediación coma o de arbitraxe, as partes proceden á designación de quen subscribe.


2. Con data 20.10.2003, celébrase a xuntanza de constitución da Comisión de Conciliación-Mediación prevista no AGA, na que o conciliador non chega a propoñer solución algunha para o conflicto, pola necesidade de non comprometer a súa imparcialidade para o suposto de que, finalmente, houbera que acudir a unha solución arbitral, e limitando, polo tanto, a súa función á de exhortar ás partes a acadar un acordo, e a trasladar nalgún caso á contraparte as propostas  de solución da outra. Tal xuntanza remata sen acordo, subscribindose de inmediato, e unha vez constatada tal circunstancia, a acta de compromiso arbitral que da lugar ó presente Laudo.


3. Tal acta de compromiso arbitral sinala como cuestións que se someten á arbitraxe as “Discrepancias sobre a idoneidade de que a empresa proceda á cobertura das dúas horas e media que o traballador D. Francisco M. Abeijón Costa deixará de traballar no turno de noite- a raiz da sentencia de 26.8.2003, do xulgado nº 2 de Santiago- coa totalidade do persoal do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), ou ben mediante a contratación de novo persoal interino. A solución que ó árbitro se lle pide afectará á totalidade dos centros que integran o CHUS”.


4. O día 28.10.2003 comparecen as partes en conflicto diante do árbitro que suscribe, celebrándose xuntanzas conxuntamente e por separado con cada unha delas, a fin de que se posicionaran definitivamente respecto da cuestión debatida. Previamente, as partes consideraron  necesario precisar con maior claridade o obxecto da arbitraxe, asinando a tal fin unha acta na que acordan “Concretar o obxecto da acta de compromiso arbitral asinada o pasado 20 de outubro, engadindo ó sinalado naquela – reprodúcese íntegramente o seu contido, tal e como aparece no punto 3 anterior- que o árbitro se pronuncie expresamente sobre si autoriza o procedemento elixido pola empresa ata o momento para a cobertura das mencionadas horas, e para tódolos centros de traballo que integran o CHUS”.


FEITOS DECLARADOS PROBADOS

1. A empresa Viproga, S.A. ten concedido o servicio de vixiancia do CHUS de Santiago desde 1990, que integraba entonces catro centros hospitalarios: Hospital Gil Casares, Hospital Psiquiátrico de Conxo, Hospital Médico-Quirúrxico de Conxo. e Hospital Xeral de Galicia, engadíndose, en 1999, o Hospital Clínico, de nova creación. Na actualidade a empresa emprega para atender os servicios do CHUS unha plantilla media anual que está no entorno dos trinta e cinco traballadores.


2. Ata o mes de setembro de 2003, o réxime de turnos e horarios dos diferentes centros sanitarios para os traballadores da empresa Viproga, S.A. era o seguinte: Hospital Gil Casares e Hospital Clínico, turnos de mañá (06.30/14.30), tarde (14.30/22.30) e noite (22.30/06.30), de luns a domingo. A maiores, no Hospital Clínico hai un turno, de luns a venres, de 07.30/15.30; Hospital Xeral de Galicia, de luns a venres, dous turnos, o primeiro de 07.15/15.00, e o segundo de 15.00/23.00; Hospital Psiquiátrico de Conxo, cun único turno de noite de 22.00/07.00; e Hospital Médico Quirúrxico de Conxo, que conta cos mesmos turnos xerais que o Clínico e o Gil Casares e, a maiores, con dous turnos máis, de 06.30/14.00 e de 14.00/21.30.


3. Con data 26.8 2003, o xulgado do Social número dous de Santiago de Compostela dicta sentencia pola que se recoñece ó traballador da empresa, D. Francisco Manuel Abeijón Costa, nos últimos tempos adscrito ó servicio do Hospital Clínico, a reducir un tercio a súa xornada de traballo e a que esa reducción se opere no turno de noite (como antes se dixo, no Hospital Clínico tal turno se da en horario de 22.30/06.30), todo elo para que o devandito traballador poda facer efectivos os dereitos que, para atender ó cuidado do seu fillo menor de seis anos, prevé o artigo 37.5 do Estatuto dos Traballadores. A referida sentencia, polo demáis firme, determina que, unha vez operada tal reducción de un  tercio, a xornada do traballador se  “...desenvolva no horario que vai das 1.00 horas ás 6.30 horas.”


4. A dirección da empresa, para cubrir ese vacío que, como consecuencia do anteriormente sinalado, se produce no turno de noite do Hospital Clínico, entre as 22.30  e a 01.00 horas, decide establecer, a partir do mes de setembro, un sistema rotativo entre os traballadores de tal centro de traballo, para cubrir esa franxa horaria, o que supón unha modificación substancial das súas condicións de traballo que, trala correspondente impugnación, por sentencia do xulgado do Social número 1 de Santiago de Compostela foi declarada “...injustificada...dejándola sin efecto y condenando a la demandada a...que reponga a los trabajadores afectados a sus anteriores condiciones de trabajo...”


5. Diante da situación xurídica creada por ámba-las dúas sentencias mencionadas, a Dirección da empresa decide  “adscribir”  ó traballador afectado pola reducción horaria ó servicio do Hospital Gil Casares, por entender que a segunda das sentencias citadas afectaba ós traballadores do Hospital Clínico, de tal maneira que, cando a empresa entrega ós cuadrantes de servicios para o mes de outubro do Hospital Gil Casares ós traballadores a él adscritos, entre as quendas a realizar figuran os días nos que deberían realizar o turno de noite en horario de 22.30/1.00 horas. Impugnada, de novo, esta decisión empresarial, as partes acordan en conciliación prexudicial diante da titular do xulgado do Social número 2 de Santiago de Compostela, someter toda esta contoversia a conciliación e, no seu caso, arbitraxe, o que da orixe ó escrito de data 15.10.2003 reflectido no punto 1 dos Antecedentes deste Laudo e, por conseguinte, a esta mesma  resolución arbitral.


6. Ó longo de todo o proceso descrito, a posición da dirección da Empresa foi a de entender que, para cubrir a franxa horaria que o  traballador D. Francisco M. Abeijón Costa deixaba descuberta como consecuencia da sentencia de 26.8.2003, o máis operativo era acudir a un sistema de rotación entre o persoal, mentres que a representación social veu sostendo que o procedente era cubrir ese baleiro coa contratación dun traballador interino.


FUNDAMENTOS DO LAUDO

1. A cuestión a resolver reside, en definitiva, en determinar cual das duas posicións, nos termos planteados no punto 6 dos Feitos Declarados Probados, debe prevalecer, e que consecuencias debe ter tal prevalencia en orden a posibilidade de que a dirección da Empresa poda modificar os turnos e horarios do conxunto dos traballadores que para ela prestan servicios de vixiancia no CHUS.

E hai que concluir que se a finalidade das normas que regulan os beneficios ó alcance dos traballadores por razóns de maternidade/paternidade é favorecer o exercicio tales responsabilidades, removendo parte dos obstáculos que dificultan a súa compatibilidade co traballo por conta allea, mal se conseguirían tales obxectivos facendo recaer sobre o conxunto ou parte dos compañeiros de traballo de quen pretenda facelos efectivos  a carga derivada de tal exercicio, como palmariamente ocorre no presente caso.

Se ó anterior engadimos que a normativa vixente estimula os mecanismos de substitución dos traballadores que se atopen en circunstancias como a presente, a solución que se propugna pola representación social da empresa parece a máis conveniente.

2.En coherencia co anterior, deben ser mal vistas as iniciativas que a dirección da Empresa  adopte para resolver o problema organizativo que plantea a reducción horaria que disfruta o señor Abeijón Costa, cando tales iniciativas pasen por modifica-los horarios e/ou réxime de turnos dos demáis traballadores da empresa no CHUS.

3.Resulta obvio, polo demáis, que este Laudo non debe impoñer á empresa unha determinada forma de resolve-lo problema organizativo apuntado. De forma que, unha cousa é que quen subscribe entenda como máis axeitada unha determinada solución a tal problema (neste caso, a contratación dun traballador interino que cubra a xornada  no turno de noite entre as 22.30 horas e a  01.00), e outra que tal opinión se convirta nun mandato imperativo para a empresa e nun límite insalvable á hora de poñer en marcha outras hipotéticas solucións, o que, como se ven de dicir, este Laudo non debe facer.  

4.Convén facer a advertencia de que a imposibilidade que, como consecuencia deste Laudo, a Empresa terá de modificar os horarios e/ou réxime de turnos dos traballadores se circunscribe a aquelas modificacións que teñan como causa facer fronte á necesidade de cubrir o horario que no turno de noite deixa baleiro o señor Abeijón Costa, sen abarcar, polo tanto e como é lóxico, calquera outra modificación das condicións de traballo que a dirección da Empresa poda acometer, por calquera outras circunstancias, no marco e a través dos cauces previstos no artigo 41 do Estatuto dos Traballadores.

5.Por último, esta resolución ten que prever a posibilidade de que a representación social e a dirección da Empresa podan acadar unha solución negociada no futuro sobre a cuestión agora sometida a  arbitraxe, polo que este Laudo non pode ser un obstáculo para o caso de que se produza tal eventualidade.


En consideración a canto antecede, en exercicio das atribucións conferidas polas partes e do establecido nos artigos 25 e 26 do AGA, e garantidos os principios de audiencia, contradicción e igualdade daquélas no presente procedemento arbitral, a parte dispositiva deste Laudo concrétase na seguinte


RESOLUCIÓN ARBITRAL

Os traballadores da Empresa Viproga, S.A. que prestan servicios de vixiancia nos diferentes centros de traballo do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS) non poderán ver modificados os seus actuais turnos de traballo, nin horarios, de xeito unilateral por parte da dirección da Empresa, sempre que tales modificacións teñan por obxecto a cobertura da parte da xornada que no turno de noite deixa polo momento baleira a situación de reducción de xornada de que disfruta, por sentencia de 26.8.2003, o traballador D. Francisco M. Abeijón Costa. O que se ven de dicir, deixa a salvo os posibles acordos que, sobre o particular, podan acadar no futuro a dirección da Empresa e o Comité de Empresa.


O presente Laudo poderá ser recurrido diante da Xurisdicción Social, nos termos establecidos no número 4º do artigo 24 do Acordo Interprofesional Galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos colectivos de traballo (AGA).

O que se di en A Coruña, a 30 de outubro de 2003

O ÁRBITRO