ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 

-  Laudo 32/03

LAUDO ARBITRAL


CARLOS DOMENECH DE ASPE, designado árbitro en acta de compromiso arbitral de data 27 de novembro de 2003 subscrita polas representacións da empresa  ALCOA ALUMINIO ESPAÑOL S.A.   e por membros do Comité de Empresa en base ó establecido no Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflictos de Traballo (AGA), visto o expediente e oída-las alegacións das partes, dicta o presente

LAUDO
OBXECTO DA ARBITRAXE


Desacordo na valoración do posto de traballo Polivalente “A” Picado Central, pertencente ó departamento de Electrólise, e, consecuentemente, na aplicación do nivel retributivo correspondente a este posto de traballo.

ANTECEDENTES

En acta da Comisión Paritaria de Valoración (CPV) de data 14/10/2002 reflíctese o desacordo en canto á calificación final asignada ó posto de traballo Polivalente “A” Picado Central de Electrólise, nos seguintes termos:
“Tras las reuniones mantenidas el 12/09/02 y el 09/10/2002 entre los RT y los RD en las que como único punto, a petición de los RT, se analizó y debatió la valoración del PT “Polivalente Picado Central “A”, se concluyen los siguientes puntos:
Por parte de la RD se presentó Valoración del PT Polivalente Picado Central “A” elaborada por los Técnicos de Valoración en la que la puntuación resultante es de 103,5 puntos, que se corresponden con un nivel retributivo 27.
Por parte de los RT se discutieron las diferencias en la Valoración do PT, proponiendo estos la puntuación final resultante de 126 puntos, lo que corresponde según baremo a un nivel 28.
En consecuencia existe desacuerdo en cuanto a la calificación final asignada al PT”


Solicitada a mediación ó Consello Galego de Relacións Laborais e como consecuencia de acta de constitución da comisión de conciliación e mediación prevista no artigo 15 do AGA desenvólvese unha negociación chegándose a un acordo en data 22 de xaneiro de 2003, subscrito polas representacións de empresa e traballadores, os termos do cal son os seguintes:
1) Revisaranse conxuntamente, de maneira previa e no prazo dun mes as valoracións de ámbalas partes referentes ó posto de traballo polivalente A de picado central.
2) En caso de non chegar a un acordo no nivel correspondente a este posto de traballo, someteranse as dúas partes a unha arbitrase técnica e vinculante a efectuar por personas designadas de común acordo.


Existindo desacordo na revisión efectuada polas partes, ínstase novamente a utilización do AGA, en cumprimento do punto 2 do acordo anterior, subscribíndose a acta de compromiso arbitral en data 27 de novembro de 2003 nos locais da empresa. Nesta mesma reunión, na que se acorda o nomeamento coma árbitro do que subscribe, desígnase o técnico D. Ramón García Mateo a fin de que emita o informe técnico necesario para a decisión arbitral.

Na data indicada son oída-las partes, efectúase unha visita ás instalacións onde prestan servicios os traballadores afectados e requírese polo técnico designado, a empresa e representación dos traballadores, a documentación necesaria para a elaboración do informe, documentación que é remitida posteriormente.

En data 29 de decembro de 2003 emítese informe polo técnico que se incorpora como anexo a este laudo.

CONSIDERACIÓNS E FUNDAMENTOS XURÍDICOS

A controversia sometida a laudo arbitral limítase a determina-la puntuación que técnicamente debe de ser asignada ó posto de traballo “Polivalente “A” Picado Central” do Departamento de Electrólise en virtude da valoración do PT, sobre a que existe discrepancia entre as partes.
Consecuentemente, isto levará aparellada a determinación do nivel retributivo correspondente expresando o chanzo, dentro das Bases de partida da política salarial, no que queda integrado.
A valoración debe de realizarse en virtude do establecido no artigo 9 do Convenio Colectivo de aplicación e, para isto, utilízase o Manual de Cualificación de postos de traballo do método BEDAUX, téndose utilizado a Guía-Baremo para executantes e xefes de equipo elaborada por Bedaux Española S.A.
A asignación de nivel retributivo efectúase en virtude dos consignados nas Bases de Partida da Política Salarial aportadas pola empresa e que, referíndose ós dous sobre os que existe discrepancia para este posto de traballo, establece que, para o intervalo entre 95,5 e 111 puntos, corresponde o chanzo 27 e, entre 111,5 e 128 puntos, corresponde o 28.
Tendo en conta os parámetros e consideracións que prolixa e detalladamente recolle o informe técnico, chégase á conclusión de que a este posto de traballo deben de asignárselle 113 puntos, valoración que asume o árbitro e, por iso, a súa decisión está determinada por ela.

Por tódalas consideracións apuntadas dicta a seguinte

RESOLUCIÓN

Ó posto de traballo “Polivalente “A” Picado Central” correspóndelle unha valoración de 113 puntos, segundo o sistema Bedaux, e, por iso, debe ser de aplicación o nivel retributivo correspondente ó chanzo 28.

O presente Laudo poderá ser impugnado perante a Xurisdicción Social de acordo co punto 5 do artigo 24 do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflictos De Traballo.  

Dado na Coruña a 30 de decembro de 2003
O ÁRBITRO