ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 

-  Laudo 6/03

LAUDO ARBITRAL

JOSE Mª CASAS DE RON, designado polas partes árbitro en acta de compromiso arbitral con data 14 de febreiro de 2003, en procedemento de solución de conflictos, en base ó establecido no Capítulo III do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflictos de Traballo (AGA), procedemento número de referencia 6/03, no que son interesados, dunha parte a empresa VIGUESA DE TRANSPORTES, S.A. (VITRASA) e de outra a representación dos traballadores da dita empresa, partes asinantes da acta de compromiso arbitral citada e lexitimados no conflicto sobre discrepancias relativas ó acordo número 3 do pacto celebrado en Vigo o 22.08.02, na empresa, para os efectos de dirimir as cuestións que se producen no sistema de tempos de receso nas cabeceiras de liña e toma e deixa do servicio, unha vez establecido o desacordo final no proceso negociador seguido. Visto o expediente e oídas as partes, resolvo a cuestión suscitada por medio do presente laudo en base ós seguintes


ANTECEDENTES:

1.- Con data 22.08.02, e debido á declaración de folga na empresa de referencia, mantivéronse reunións na Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais diante a Autoridade Laboral provincial, con representantes da propia administración, da empresa, o comité de folga e asesores sindicais de CC.OO, UGT e CIG. No apartado 3 de acordos que motivaron a desconvocatoria de folga, con avinza das partes, dispúxose o seguinte: “Establécese unha comisión de estudio da que a primeira reunión terá lugar o vindeiro día 5 de setembro para analiza-los tempos de receso nas cabeceiras de liña e toma e deixa de servicio, dos servicios que estime a comisión, que deberá chegar a conclusións no prazo dun mes a partires da súa constitución, fixándose a mediación do xefe da Inspección de Traballo e Seguridade Social para dirimi-los desacordos que se produzan na negociación, comprometéndose as partes a acata-la súa decisión”. No apartado 4º sinala que “Antes do 31-12-2002 adoptarase o novo sistema de recadación”.

2.- Este compromiso arbitral executouse na data e circunstancias establecidas no encabezamento do presente documento, con intervención do actuante pola designación arbitral citada. Ademais da acta da Autoridade Laboral provincial referida, é necesario ter en conta a regulación convencional prevista no convenio colectivo de aplicación sobre xornada de traballo no seu artigo 8 e no seu artigo 30 sobre presentación de liquidacións, convenio colectivo de empresa publicado no B.O.P. do día martes, 3 de xullo de 2001.

3.- Esgotadas as canles de solución internas, tal e como consta na citada acta de compromiso arbitral, as partes acoden ó sistema de solución extraxudicial de conflictos colectivos.


PROCEDEMENTO:

1.- O árbitro designado constituíu a mesa de arbitraxe con data  14 de febreiro asistindo á dita mesa representantes das dúas partes en litixio e especificamente representando á empresa D. Francisco Javier Pérez Bravo, director de Recursos Humanos; e pola representación dos traballadores D. Manuel Marque López, presidente do Comité de Empresa (UGT), D. Marcos Rodas Fernández, da Federación Galega de Transportes de CIG, e D. Manuel Bastón Entenza e D. Nicasio Guerrero Ferro, de CC.OO.

2.- O árbitro comunica que no procedemento se garantirán os principios de audiencia, contradicción e igualdade, podendo as partes efectuar calquera alegación que serva como defensa das súas posicións e que á vez serva para ilustrar ó árbitro nos matices do asunto que se somete á súa decisión.

3.- Pola complexidade do asunto que implica a revisión de toda a documentación a que se fará referencia, o presente procedemento acóllese ó sistema de prazos especiais previsto na normativa do Acordo Interprofesional, tal como tamén se efectuou no laudo simultáneo sobre revisión salarial para a mesma empresa e da mesma data.

4.- O árbitro deu prazos, prorrogados a petición das partes, para a entrega das respectivas documentacións fundamentatorias das peticións respectivas, que se concretaron por ámbalas dúas partes en sendas propostas para as cuestións suscitadas, así como 7 anexos sobre horarios de conductores e servicios, datos de tempo rexistrados polo Sistema de axuda á explotación en tempo real, horarios reflectidos polo servicio de axuda á explotación nas liñas de Vitrasa en días laborables e festivos, ademais doutra documentación solicitada polo propio árbitro e referida ó convenio colectivo e outros.


FUNDAMENTO DA RESOLUCIÓN:

Dúas son as cuestións que se presentan á solución arbitral que, se ben teñen denominador común, ó ser materias que afectan á organización do tempo de traballo na empresa, teñen enfoque e sistemática distinta e van  ter un tratamento separado para os efectos de exposición no presente laudo, referíndose o árbitro en primeiro lugar á problemática dos tempos de axuste e descansos, recesos, e en segundo lugar á denominada toma e deixa do servicio.

1.- Tempos de axuste e descansos

O servicio urbano que presta a concesionaria Vitrasa na cidade de Vigo, nos últimos dez anos, vai substituíndo as denominadas liñas diametrais de principio e fin por liñas circulares, sendo a primeira delas a Circular C1, creada en 1992. Nos seguintes anos vanse creando novas liñas circulares, proceso que se acentúa a partir das remodelacións que se van implantando a partir do 2001. Tódalas cuestións relacionadas cos tempos de receso en cabeceiras de liña foron tendo un tratamento ó longo dos anos nas diversas comisións conformadas entre representantes empresariais e sindicais, co fito significativo de que no ano 2002 se presentaron nesta materia medidas colectivas de presión, en forma de declaración de folga, e entre os que se atopaba, como motivo de reivindicación, unha modificación nos denominados tempos de receso. Estes tempos de receso non teñen unha regulación específica, salvo a prevista no artigo 8 do vixente convenio colectivo, todo isto dentro dos parámetros do artigo 34 do Estatuto dos Traballadores.

As posicións das partes son diverxentes neste punto,  no sentido de que para a empresa 1) non é máis que unha simple execución do poder de organización e dirección desta; 2) que se legalmente se entendera que o exceso da xornada ordinaria, o período de descanso non tería a consideración de tempo efectivo; 3) que se se implantara un sistema de xornada partida, non habería necesidade de articular tempos de descanso – receso en cabeceira, e que, 4) en definitiva o sistema de receso nunca ofreceu problemas, pois tal como se comunicou ó árbitro expresamente, a empresa nunca sancionou nin se amoestou ó persoal por efectuar paradas nin nos puntos establecidos nin en calquera outro punto do itinerario con motivo de que xurdira algún imprevisto ou necesidade. A empresa busca, en definitiva, unha flexibilización no horario de liñas que permitira un maior tempo de receso nas cabeceiras, tratando de organizar na medida do posible a realización da xornada laboral, sen necesidade de incrementala co tempo de descanso a cargo do traballador, e tendo en conta que estamos diante a prestación dun servicio público ó cidadán. Así mesmo, dende 05.09.02, celebráronse 8 reunións dunha comisión de estudio e análise dos tempos de receso en liña e toma e deixa do servicio, que finalizan coa de 20.01.03, na que se solicita a apertura das previsións do apartado 3º da acta da autoridade Laboral provincial de 22.08.02.

Esta posición é contraria á social. Por parte dos traballadores da empresa, sinalar que todo o comité se suma á proposta de CIG na problemática para os tempos de receso e de toma e deixa nos servicios da empresa, proposta que, como se dicía antes, tamén se fixo chegar ó árbitro. Motivándose nas necesidades fisiolóxicas, descansos mínimos, estrés do traballo do conductor, problemáticas do tráfico e velocidade dentro do casco urbano, presión do sistema de control SAE implantado, e na evidencia de que os períodos e tempos sumados de parada poden computar coma hipotético tempo total de descanso, a proposta dos traballadores non pode considerar suficiente o descanso mínimo establecido pola lei, e que, por razóns organizativas, tampouco se pode fixar un tempo de descanso concreto para tódalas liñas polas diferencias de servicio de cada unha delas; propoñen en definitiva que se fixe como mínimo dous descansos de 15 minutos cada un ou, no caso de liñas de servicios máis longas, un descanso mínimo de 10 minutos ó finalizar cada carreira sempre a cargo da empresa e dentro da xornada de 8 horas. Ademais, estes descansos deben poder realizalos (os conductores) en lugares con mínimos servicios básicos para poder desfrutalos adecuadamente, como é un lugar onde poder realizar as súas necesidades fisiolóxicas ou tomar un bocadillo, un café, etc.

Estas son, en definitiva, as dúas posicións, dúas posturas que argumentadamente baséanse en sendos estudios sobre os horarios en días ordinarios e festivos das liñas de Vitrasa.

Quere sentar o árbitro unha primeira premisa. Estamos diante unha materia que, sen prexuízo de que no ano 2002 e en sede administrativa, as partes decidiran someterse a un procedemento arbitral, estamos, se dicía, diante unha materia que, por afectar á organización empresarial na súa faceta máis complexa, tendo en conta que esta organización do servicio público afecta á prestación de servicios ordinarios, e á vista por unha parte da propia normativa establecida no convenio e por outra parte sendo escasas as normas de dereito necesario contidas no Estatuto dos traballadores, é polo que o árbitro senta, como se dicía, como premisa previa ou primeira, o feito de que debe de ser a autonomía colectiva, a través do convenio de empresa, quen regule de forma concertada estas cuestións, por ser parte dun todo que, en calquera caso, un laudo arbitral non pode afrontar, e por outra parte por ser asunto case imposible de fixar de forma material estrictamente, debido a que a propia necesidade organizativa ten que permitir, pola actividade, unhas marxes de flexibilidade que xuridicamente son imposibles de fixar taxativamente.

Dito isto, o árbitro quere fixar algúns aspectos relevantes que ten en conta na súa decisión, decisión que, insístese, hai que enmarcar nesa sistemática de necesidade que sexa a través do convenio colectivo como se regule, tanto esta materia como a que a continuación se vai expoñer no segundo punto deste laudo, que é a referida ás tomas e deixas do servicio. Sen prexuízo disto, o árbitro quere fixar, dicía, algúns feitos relevantes. A actividade da empresa necesariamente como concesionaria do servicio público, ten que acoller uns criterios de flexibilidade; de flexibilidade polo peculiar e complexo traballo dos seus conductores que afrontan tódalas incidencias relacionadas cun servicio complicado, ó servicio dos cidadáns, e nun marco, que non se pode deixar de recoñecer como extremadamente dificultoso pola propia configuración urbana e pola propia organización do tráfico, e por outra parte tamén necesitado de flexibilidade porque o propio servicio público ten que ir continuamente adaptándose ás necesidades que a propia entidade municipal e o propio servicio público demandan, mellorando, reorganizando, ou introducindo novas alternativas, e que necesariamente afectan ás liñas ou  ó réxime de traballo.

O árbitro, neste punto, e quere ser claro, diante a prestación dun servicio público, neste marco complexo, non pode senón dicir que dialecticamente o vector que implica a necesidade de prestar o servicio é decisivo para os efectos de aceptar unha potente capacidade de organización e dirección como a que Vitrasa ten que exercer para poder cumprir os seus cometidos sociais e cidadáns; en palabras más sinxelas, para o árbitro o poder de organización e dirección de Vitrasa está potenciado polo carácter de servicio público e pola complexidade do propio servicio que se presta.

Das reunións mantidas coas partes e tamén cos traballadores en sesións separadas, o árbitro colixe que, sen entrar na aplicación de norma algunha que non sexa o costume ou uso profesional ou empresarial, aplicable ós recesos, estes se efectúen por norma consuetudinaria a iniciativa do traballador, sen outro control que  a súa profesionalidade, que se demostra, e todo isto no marco organizativo do sistema de control de liñas e horarios que a concesionaria pública ten necesariamente que ter disposto para poder prestar o servicio. E este sistema consuetudinario, cunha flexibilidade que este árbitro non pode menos que valorar, debido ós variadísimos modelos de recesos que os conductores adoptan en función das súas necesidades; sistema consuetudinario e variado e que por estar baseado na profesionalidade dos conductores non motivou, e así se certificou ó árbitro, ningunha sanción ós conductores ó longo da historia empresarial.

Este árbitro, analizados os tempos das follas do servicio de axuda á explotación, tanto en días ordinarios como en sábados ou festivos, enténdeos como razoables e matizados por ese consuetudinario e profesional uso que os mesmos, e para as súas necesidades, fan os conductores.

Outro sistema alternativo, por exemplo as partes falaron sobre xornada partida, tería que ser obxecto de negociación colectiva, e máxime cando a empresa está nun proceso continuo de modificación de liñas e expresamente nestes últimos tempos nos que practicamente xa se adaptaron as liñas ás novas necesidades, superándose o sistema primitivo de liñas diametrais, e chegando a acordos nos tempos de receso en varias liñas circulares e ordinarias; Como resumo desta situación, a Comisión de estudio e análise dos tempos de receso en cabeceira de liña e toma e deixa do servicio acadaron acordos de reforma en catro das seis liñas analizadas no momento de presentación de solicitude de arbitraxe.

2.- Tomas e deixas do servicio

Parecida problemática nos presenta o seguinte dos puntos que se someten á arbitraxe, debendo tamén neste caso, sentar o árbitro, como premisa previa, a súa opinión de que tamén unha modificación radical da toma e deixa do servicio debera realizarse a través da canle natural da negociación colectiva. Quedou definido que a problemática se suscita na denominada deixa do servicio, é dicir, finalización dos recorridos por parte dos conductores e diversas operacións realizadas polo conductor co seu vehículo e que afectan ás incidencias e recadación. Sinalar así mesmo que a deixa do servicio que ofrece problemas non é a da quenda de mañá, que se realiza en función do convenio colectivo ás 14 horas, en ruta, e de común acordo entre conductor entrante e saínte, sistema este previsto á luz do artigo 8 do convenio colectivo relacionado tamén co artigo 30 do citado texto legal, en canto á denominada presentación de liquidacións ou entrega de recadacións, e que, como no caso dos recesos, tamén se ve afectada por un costume empresarial ou uso profesional que, en definitiva, supón un sistema operativo para as partes ó cal se poden aplicar as mesmas consideracións e pronunciamentos que se fixeron para o sistema de recesos. A deixa do servicio en cocheiras consiste nas seguintes operacións: entrada do autobús en cocheiras, descarga automática de datos nos terminais habilitados, pase do vehículo polo tren de lavado, aparcamento, sinatura diante a  Inspección de Servicios, con entrega de lectura de quilómetros. Os retrasos sobre horarios fixados na deixa do servicio motivan a elaboración por parte do conductor dun parte de incidencias xustificativo a través do cal se aboan os tempos de exceso de xornada motivados polo atraso na deixa do servicio. A discrepancia aparece porque os traballadores propoñen unha modificación dos tempos de toma e deixa tanto afectando tamén ós que se realizan nos cambios de quenda en mediodía, que provocan, a xuízo da parte social, uns retrasos que habería que pagar ou compensar, e tamén unhas incidencias non compensadas na deixa do servicio en cocheiras, propoñéndose polos traballadores a fixación dun tempo de toma e deixa de 20 minutos por servicio efectuado na quenda de mañá ou calquera outro que non finalice na central de Vitrasa e non poda acceder á máquina de fichar. Para os servicios que terminan na central computarase a xornada ata a hora rexistrada pola máquina de recadación. O tempo de exceso de xornada sería computado e abonado mensualmente como horas extras. Significan os traballadores que a problemática haberá que trasladala á negociación do próximo convenio colectivo, entendendo, dende a responsabilidade, que o cambio debe ser paulatino para causar os mínimos prexuízos á organización da empresa.

Fixados estes antecedentes, o árbitro, reiterando que a súa posición neste caso é a que manteñen os traballadores con respecto ó tratamento que por convenio colectivo debe facer desta problemática e polas razóns anteditas, observa dúas problemáticas distintas con respecto á deixa do servicio. Na quenda de mañá, a substitución de conductores faise, como se dicía, de forma profesional polos mesmos, provocando as mesmas alteracións ou desfases para o servicio e mediante un costume ou uso empresarial aceptado, e que comporta unha flexibilidade que non se cuestiona por ningunha das partes, tal como se acreditou nas comparecencias efectuadas na mesa de arbitraxe. Non presenta problema ó árbitro, salvo unha modificación de maior alcance á que aquí se suscita, a xornada partida, e que tería que realizarse na negociación colectiva, a deixa do servicio nestes relevos intermedios na mesma xornada en liñas servidas por conductores con réxime de xornada continuada e que se realiza de acordo ó expresado uso ou costume empresarial. Por outra parte, as incidencias que o árbitro revisou no último ano supoñen menos dun 0,5 % de incidencias de reclamación de horas por exceso de xornada, entendéndose pois que tal sistema flexible da solución operativa ós relevos entre conductores que se realizan a partires das 14 horas, non presentando problemas a entrega de recadación tal e como está previsto no convenio colectivo, no seu artigo 30, salvo que efectivamente se quixera modificar por convenio colectivo.

A deixa do servicio ó finalizar a xornada de prestación de servicios da liña, ten uns tempos fixados pola empresa en función de cronometraxes que foron examinados e desagregados por este árbitro. Supoñen 15 minutos dende o momento de entrada en cocheiras e a operación final de comprobación. Este tempo de 15 minutos foi previo á introducción de medidas de automatización para a obtención de datos e conteo de recadación, polo que evidentemente novamente nos encontramos diante o feito de que a diverxencia que se establece entre a posición dos traballadores e a da empresa, é a que se significa entre a posición da parte económica no sentido de que existe un sistema implantando con tempos e que provoca un escasísimo número de incidencias (nos últimos 9 meses, 118 incidencias con parte, para 24.000 servicios), e por outra parte a petición social, baseada nuns criterios de mellora de condicións de traballo para os efectos da implantación dun período de descanso de 20 minutos, descanso retribuído para todo o persoal de servicio na quenda de mañá ou para o persoal que non finalice en cocheiras e non poida acceder á máquina de fichar, e entendéndose por outra parte que, para os servicios que rematan na central da empresa que a xornada tería que computarse ata a hora rexistrada pola máquina de recadación e non en función da que en definitiva se realiza segundo cadro horario complementado cos oportunos partes de incidencia.

Nada pode dicir o árbitro sobre esta cuestión, pois, a pesar de que se lle presentaran dúas propostas diferentes, entende que unha delas é típica de negociación colectiva e que se efectivamente é alternativa diante a colisión que se produce, obxecto da arbitraxe, é certo tamén que o presente procedemento non pode ser nunca substitución da canle natural da negociación colectiva, e por outra parte, a empresa preséntanos unha organización productiva e horaria baseada nas actuais normas e en cambio a parte social  propón unha revisión dos sistemas de xornada, horarios, descansos e retribucións que o seu propio enunciado leva necesariamente á autonomía colectiva. Xa en xullo de 2002 a Inspección de Traballo postulou que as modificacións deberan de selo a través de convenio colectivo, significando o árbitro que tamén aquelas que pola súa transcendencia podan ser consideradas modificacións substanciais das condiciones de traballo conforme ó artigo 41 do Estatuto dos traballadores, como efectivamente o serían algunha das propostas e examinadas ó largo do presente procedemento arbitral.


Por isto, conforme ós propios termos das normas citadas, vistas as regras de interpretación do Código Civil, a documentación aportada, as declaracións das partes, cumpridos os principios de garantía de procedemento, e aplicados os prazos excepcionais de resolución polas razóns anteditas, resolvo a cuestión xurídica suscitada, dictando o seguinte laudo conforme ó artigo 24 do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflictos Colectivos de Traballo publicado no DOG de 04.05.95.

Un: En base ó artigo 8 do vixente convenio colectivo, e á vista do artigo 34 do Estatuto dos traballadores, e non tendo o período de descanso sobre xornada continuada consideración de tempo de traballo efectivo, enténdese que o actual sistema de recesos é compatible coa regulación legal xeral existente en materia de descansos, debéndose en todo caso modificar o status actual en negociación colectiva entre empresa e representantes dos traballadores, debendo, en calquera caso, dispoñerse unha información prolixa, completa e previa ás modificacións que se establezan na liñas, como consecuencia dos traballos da Dirección ou de Comisións de estudio na materia.

Dous: En relación coas deixas de servicios, enténdese vixente o sistema actual en tanto non sexa substituído tanto nos relevos de mediodía coma nos de final de servicio en cocheiras, por norma colectiva convencional, debendo comunicar mensualmente ós membros do Comité de Empresa as incidencias que se ocasionen para o seu control e seguimento, e debendo fixar publicamente para coñecemento de tódolos traballadores as normas directivas sobre as fases que a toma e deixa do servicio teñen que cumprimentarse por tódolos conductores e traballadores afectados polas ditas operacións.

O presente laudo poderá ser recorrido diante a xurisdicción social nos termos establecidos no apartado 4 do artigo 24 do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflictos de Traballo (AGA).

Dado en Vigo, a 22 de xullo de 2003
O árbitro