ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 

-  Laudo 7/03

LAUDO ARBITRAL


PILAR SÁNCHEZ-CUERVO PEÑA, nomeada árbitro en acta de compromiso arbitral de data 28 de febreiro de 2003, en procedemento de solución de conflictos, en base ó establecido no Capítulo III do acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflictos de Traballo (AGA), procedemento número de referencia 7/03, no que son interesados, dunha parte, a representación legal dos traballadores a través do seu Comité de Empresa, e doutra a empresa FERROPLAST, SL mediante acta de compromiso arbitral remitida en data 25 de febreiro de 2003, como partes lexitimadas  do conflicto sobre diverxencias xurídicas entre as partes, visto o expediente e oídas as partes, resolvo a cuestión presentada por medio do presente

LAUDO

OBXECTO DA ARBITRAXE

Interpretación do apartado b) do artigo 43 que figura baixo a rúbrica “Revisión Salarial año 2002” do Convenio Colectivo da Empresa FERROPLAST, SL para los años 2001-2002.

ANTECEDENTES

As discrepancias xurdidas na interpretación do sistema de revisión salarial para o ano 2002 non permitiron ás partes chegar a un acordo nas diversas reunións mantidas a tal efecto. Esgotadas as vías de solución internas, optaron por acudir ao sistema de solución extraxudicial de conflictos colectivos.
O antecedente fundamental e o artigo 43.b) do Convenio citado, que textualmente establece “Si a 31 de diciembre de 2002 el IPC de dicho año superase el IPC previsto por el Gobierno para dicho año, se efectuará una revisión salarial, tan pronto se constate tal circunstancia, en el exceso de la indicada cifra. Esta cantidad se aplicará con carácter retroactivo desde el mes en que se supere dicho porcentaje. Tal incremento servirá como base de cálculo para las tablas salariales del año siguiente”.
A árbitro convocou ás partes para o día 5 de marzo de 2003, comparecendo á citación D. J. Ignacio Inzunza Urrutia e D. Mario Prieto gil en representación da empresa, e D. Xosé Carlos Alvarez Lago, Dª Marina Pérez Rodríguez e Dª Dolores Araujo Valverde en representación do Comité de Empresa, sendo membros pertencentes ás centrais sindicais C.I.G. e U.G.T.
Os citados manifestan que os feitos que motivan o conflicto é o relativo ao distinto modo de ver o “tempus” desde cando debe aplicarse a revisión salarial derivada da evolución do IPC no ano 2002.
Os representantes da empresa declaran que a revisión salarial para o ano 2002 debe facerse desde o mes de agosto, por canto é a partir dese mes cando a subida do IPC consolídase por riba do 2% previsto, nun ano en que o índice sinalado experimentou varias fluctuacións.
Os representantes da parte social sosteñen, polo contrario, que o alcance temporal da revisión salarial debe retrotraerse ao mes de abril do 2002, xa que o Convenio establece que as diferencias salariais aplicaranse desde o mes en que se supere a porcentaxe do IPC previsto.
Preguntadas as partes si nas actas da mesa de negociación do Convenio contense algunha referencia sobre a cuestión debatida, a presposta é negativa.
Dos datos ofrecidos polas partes ao árbitro no trámite de audiencia, non se extraen conclusións que poidan servir como elementos directos da interpretación da norma.
En consecuencia, a árbitro, tan só conta co texto do citado precepto, e coas declaracións das partes acerca do alcance temporal das tantas veces referidas previsións revisoras salariais de aplicación no ano 2002.

FUNDAMENTOS XURÍDICOS

Ante o conflicto xurídico suscitado, disponse, como xa se expresou, do apartado b) do artigo 43 do convenio, que ten que ser obxecto dunha interpretación conforme as regras establecidas no artigo 3 do Código Civil: “Las normas se interpretarán según el sentido propio de sus palabras, en relación con el contexto, los antecedentes históricos y legislativos, y la realidad social del tiempo en que deben ser aplicados, atendiendo fundamentalmente al espíritu y finalidad de aquellas”.
Pois ben, o artigo en cuestión, establece expresamente que a cantidade, a resultante do exceso entre o IPC previsto para o ano 2002 e o real a 31 de decembro, aplicaráse con carácter retroactivo desde o mes en que se supere dito porcentaxe. Por iso, a primeira regra de interpretación das normas a ter en conta, segundo xa se indicou, e a que fai referencia, ben á literalidade, ou á conformidade cos propios termos da norma, atendendo mesmamente ao espíritu e finalidade daquelas.
É precisamente nesa liña de razoamento onde se significa, por unha banda, que os termos da cláusula obxecto de análise son taxativos, sen deixar lugar a dúbidas no tocante ao alcance temporal da retroactividade, xa que expresa textualmente que “Esta cantidad se aplicará con carácter retroactivo desde el mes en que se supere dicho porcentaje”, sen empregar outras distincións con respecto a períodos mensuais nos que o IPC acumulado non sobrepase o previsto ou á necesidade de “consolidación” do incremento do mesmo por riba o inicialmente determinado; por outra, cumpre sinalar que a finalidade desde tipo de cláusulas de revisión salarial non é outra que a de manter o poder adquisitivo dos salarios.
Polas consideracións descritas, díctase a seguinte

RESOLUCIÓN

A interpretación do apartado b) do artigo 43 do Convenio Colectivo da empresa FERROPLAST, S.L., é a de que a cantidade resultante da diferencia entre o IPC previsto para o ano 2002 e o IPC real a 31 de decembro do mesmo ano, debe aplicarse con carácter retroactivo desde o mes de abril do 2002, inclusive.
O presente LAUDO poderá ser recorrido diante a Xurisdicción do Social nos termos establecidos no apartado 4) do artigo 24 do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflictos de Traballo (AGA).

Dado en Ourense, en data 7 de marzo do ano 2003.
A árbitro