ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 

-  Laudo 23/04

PILAR CANCELA RODRIGUEZ con DNI 33280610R, e domicilio a efectos de notificacións na r/Algalia de Abaixo, nº 24 en Santiago de Compostela, nomeada árbitro en virtude de acta de sometemento a arbitraxe asinada o día 17 de xuño do 2004, polos suxeitos lexitimados ó efecto no conflito colectivo suscitado na empresa SOGARISA da provincia de A Coruña, e logo das actuacións desenvolvidas que se referirán logo, ven de ditar LAUDO ARBITRAL, en base ás seguintes consideracións:

ANTECEDENTES

PRIMEIRO.- Que con data 9 de xuño de 2004, a empresa Sociedad Gallega de Residuos Industriales S.A. (SOGARISA) a través dos seus representantes lexitimados e a representación dos traballadores na mesma, presentou diante do Concello Galego de Relacións Laborais escrito solicitando a intervención deste organismo, a fin de activa-los mecanismos previstos no Acordo Interprofesional Galego de Solución Extraxudicial de Conflitos Colectivos de Traballo (AGA), concretamente os de arbitraxe. A finalidade do mesmo é solventa-lo conflito existente na empresa de referencia baseado nas diverxencias de interpretación entre as partes interesadas respecto do establecido no punto 9, parágrafo 10 do Pacto de Empresa asinado o 17/112003, referente ás Gratificacións Extraordinarias que di:
“Establécense dúas pagas extras adicionais por importe de 450 euros cada unha que se abonarán nos meses de marzo e setembro de cada ano”.
Tal solicitude de arbitraxe é presentada unha vez cumprimentado o trámite de insta-lo pronunciamento da Comisión Paritaria do referido pacto de empresa. Non acadado consenso no seo desta, deciden somete-las discrepancias subsistentes, de mutuo acordo, ó AGA a través dunha arbitraxe, propoñendo a quen subscribe como árbitro.
SEGUNDO.-  Que con data de 17 de xuño de 2004 asínase acta de compromiso arbitral.
Por parte da dirección da empresa SOGARISA, subscribe D. Raúl Vieira Miguel e Dona Rebeca Santí Vivero, e por parte da representación dos traballadores D. Andrés Seijas Chao (delegado de persoal); D. Alberto Rey Paz (delegado de persoal); D. Juan José Criado Bello (delegado de persoal); D. Juan Francisco Pérez Blanco (asesor de UGT Galicia) e D. Roque Vidal Macías (secretario xeral do Sindicato Comarcal FIA-UGT FERROL).
Na acta de compromiso de arbitraxe reitérase como obxecto do mesmo o parágrafo primeiro do punto 9, referente ás gratificacións extraordinarias do pacto de empresa do 17 de novembro do 2003; a designación do arbitro, e ademais fíxase ó criterio de equidade como principio ó que debe axustarse a decisión arbitral.
TERCEIRO.- Na mesma data do 17 de xuño do 2004, a árbitro designada celebra     xuntanzas conxuntas e por separado coas partes en conflito, a fin de acceder unha posición definitiva e dar cumprimento ó trámite de audiencia e ós principios de igualdade e contradición.

CONSIDERACIÓNS

PRIMEIRO.- A empresa SOGARISA carece de convenio colectivo propio polo que é de aplicación, segundo a súa actividade, o XIII convenio xeral para a Industria Química, de ámbito estatal.
No seu capítulo V, regulador da “Política Salarial”, en concreto, o artigo 30 parágrafo 2ª, establece “Respectando os posibles sistemas existentes ou os acordos que se poidan acadar no seo das empresas, a distribución do salario farase en doce mensualidades mais dúas pagas extraordinarias, que se abonarán, como data límite, o 15 de xullo a de verán e o 15 de decembro a de Nadal”.
Así pois, ademais destas dúas pagas extraordinarias correspondentes ós meses de xullo e nadal, o pacto de empresa do 17 de novembro de 2003 establece, como xa se explicitou no seu artigo 9 parágrafo 10 , dúas pagas extras a maiores: “Establécense dúas pagas extras adicionais por importe de 450 euros cada unha, que se abonarán nos meses de marzo e setembro de cada ano”.
SEGUNDO.- As partes en conflito interpretan este precepto de xeito diverxente no que se refire o devengo destas dúas pagas establecidas polo pacto de empresa, así como o intre temporal do seu abono efectivo.
A empresa considera que o pago das mesmas debe facerse efectivo a  ano vencido dado que as circunstancias que as orixinaron deben cumprise no ano do seu devengo, polo que as pagas correspondentes ó ano 2003 aboaranse no ano 2004, e así sucesivamente.
1.- Cando a empresa fai referencia “ás circunstancias que as orixinan” está a falar, en concreto, da paga correspondente ó mes de setembro que, segundo propia literalidade do artigo 9 do Pacto de referencia, está condicionado ó cumprimento dunha serie de obxectivos ou condicións.
a.- Que a porcentaxe de absentismo global de todo o cadro de persoal non exceda do 5% sobre o total do ano.
b) O cumprimento e observancia estrita das normas de seguridade no centro, tal e como son coñecidas por todo o persoal de SOGARISA, o devandito aspecto será cuantificado mediante apercibimento por escrito ante o mínimo incumprimento das mencionadas normas de seguridade. O número máximo de apercibimentos individuais non poderá supera-los 3/anos (3) e os do correspondente departamento non superará os seis/ ano (6).
c) Unha entrada anual de residuos por peso igual ou superior a 100.000 toneladas /ano)”.
A representación sindical, pola súa banda, considera que o abono destas dúas pagas de marzo e setembro debe facerse efectivo no ano en curso, tal e como quedou patente durante toda a negociación do pacto, e así o da a entender a empresa tamén cando lle solicita á outra parte que o pago das devanditas gratificacións correspondentes o ano 2003 se faga efectivo en tres mensualidades: febreiro, marzo e abril do 2004, dado que o pacto se asinou en novembro do 2003, e xa procedeu ó abono dunha destas gratificacións vencidas no mes de febreiro do 2004.

FUNDAMENTOS DO LAUDO

PRIMEIRO: A cuestión a resolver reside en determinar cal das dúas interpretacións respecto do devengo e data de pago efectivo das pagas extras correspondentes os meses de marzo e setembro, debe prevalecer. Compre pois discernir cal é o sentido que se debe dar o artigo 9 do Pacto de empresa do 17 de novembro do 2003, para o cal, é preciso acudir ó preceptuado no artigo 3 do Código Civil, segundo o cal haberá que estar, ó sentido das propias palabras da norma a interpretar, en relación có contexto, os antecedentes históricos e lexislativos, e a realidade social do tempo no que deben ser aplicadas, atendendo fundamentalmente ó espírito e finalidade daquelas.
SEGUNDO.- Do exame da literalidade do expresado no parágrafo 1º do artigo 9 do Pacto de empresa que nos ocupa, a esta árbitro non lle cabe ningunha dúbida que o espírito das partes na negociación e a súa intencionalidade ó redactar o precepto, constatada a obriga de abonar efectivamente as pagas extraordinarias correspondentes ós meses de marzo e setembro no ano en curso de que se trate, de aí, precisamente que a parte empresarial procedera xa a abonar en febreiro do 2004 unha das pagas extraordinarias correspondentes ó 2003.
Esta interpretación é acorde ademais, coa xurisprudencia seguida pola sala 4 do Social do Tribunal Supremo, en reiteradas sentencias (STS 6 de maio de 1999; de 12 de xuño de 2000).
TERCEIRO.- Nembargante, e tendo en conta que as partes do conflito solicitaron a aplicación do criterio de equidade para dilucida-la cuestión sometida a arbitraxe, a árbitro cabe ter en conta outras cuestións referentes a intereses da partes manifestadas no preceptivo trámite de audiencia e que inciden directamente na cuestión de fondo. Así, é ineludible ter en consideración a muda que se produce na propiedade da empresa SOGARISA  a finais do ano 2003, en concreto en decembro, ó ser adquirida polo grupo empresarial FERROVIAL (polo tanto, con posterioridade á  sinatura do pacto  de empresa do mes de novembro) e que condiciona de xeito determinante a actuación posterior da dirección de SOGARISA ó ter que aplicar novos parámetros de actuación na orde socio-laboral, condicionados polas novas directrices do grupo empresarial ó que se incorpora, de carácter orzamentario e financeiro.
CUARTO.-  A vontade inequívoca da empresa de satisface-los importe das pagas extraordinarias devengadas e non pagadas correspondentes a setembro do 2003 e marzo de 2004, así como a necesidade imprescindible de flexibiliza-lo pagamento das devengadas no futuro durante a vixencia do Pacto de empresa de novembro do 2003 (2003-2005) unido ó talante de consenso e  bo clima de diálogo social permanente entre as partes, que se traduce na intencionalidade manifestada expresamente pola parte social de que esa flexibilidade teña lugar, fan, en suma, que se dite a seguinte

RESOLUCIÓN ARBITRAL

ÚNICO. As gratificacións extraordinarias establecidas no artigo 9 do Pacto de empresa do 17 de novembro de 2003 aboaranse nas seguintes datas:
• A paga extraordinaria de marzo do 2003, xa foi abonada na nómina de febreiro do 2004.
• A paga extraordinaria de setembro do 2003, aboarase na nómina de xuño do 2004.
• A paga extraordinaria de marzo do 2004, aboarase na nómina de setembro do 2004.
• A paga extraordinaria de setembro do 2004, aboarase na nómina de xaneiro do 2005.
• A paga extraordinaria de marzo do 2005, aboarase na nómina de marzo do 2005.
• A paga de setembro do 2005, aboarase na nómina de xaneiro do 2006.
O presente laudo poderá se impugnado diante da Xurisdición Social de acordo có establecido no artigo 24.5º do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de solución de conflitos colectivos de traballo (AGA).
O que se di en Santiago de Compostela, a 25 de xuño de 2004.

A ÁRBITRO