ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 

-  Laudo 24/04

CARLOS DOMENECH DE ASPE, designado árbitro en acta de compromiso arbitral de data 21 de xuño de 2004 subscrita pola representación da empresa NERVIÓN MONTAJES Y MANTENIMIENTOS, S.L. e o delegado de persoal e representantes das centrais sindicais UXT e CIG, en base ó establecido no Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflitos de Traballo (AGA), visto o expediente e oídas as alegacións das partes, dita o presente

LAUDO

OBXECTO DA ARBITRAXE

Determinación do Convenio Colectivo aplicable a “un grupo de traballadores que fan o mantemento nas instalacións de SOGAMA en Cerceda” pertencentes á empresa NERVIÓN MONTAJES Y MANTENIMIENTOS, S.L.

ANTECEDENTES

A empresa NERVIÓN MONTAJES Y MANTENIMIENTOS S.L. é subcontratista da empresa UTE OU.I.M. SOGAMA, realizando, no que se refire ós traballadores afectados por esta arbitraxe, incluídos os denominados “rondistas”, funcións de mantemento no complexo medioambiental de Cerceda.

A empresa aplica a estes traballadores, segundo recoñece na comparecencia, o Convenio Colectivo de siderometalurxia da provincia de Biscaia.

A representación dos traballadores presenta Conflito Colectivo solicitando a aplicación do Convenio Colectivo de centro de traballo das empresas que prestan servizos no Complexo Ambiental de Cerceda, como subcontratistas da Sociedade Galega de Medioambiente (Sogama).

Na conciliación celebrada polas dúas representacións, de empresa e traballadores, acordan somete-lo punto controvertido a unha arbitraxe do AGA, polo que a decisión sobre a aplicación ou non do Convenio citado sométese á presente resolución arbitral no marco do AGA mediante compromiso de data 21 de xuño de 2004.

O árbitro convoca ás partes, comparecendo en data 21 de xuño de 2004, coa asistencia de ámbalas dúas representacións, expoñendo ó árbitro os puntos e formulando as alegacións que estimaron convenientes.

A representación da empresa argumenta, en síntese, que entende que o Convenio aplicable debe se-lo de metal xa que a función de mantemento que desempeñan estes traballadores, a diferenza doutros produtores da empresa neste centro de traballo, está directamente relacionada con esta actividade.

Pola súa parte, a representación social manifesta que o ámbito de aplicación do Convenio Colectivo de centro de traballo das empresas que prestan servizos no Complexo Ambiental de Cerceda, como subcontratistas da Sociedade Galega de Medioambiente (Sogama) claramente inclúe a estes traballadores, polo que debe de ser considerado coma o axeitado legalmente para aplica-las condicións de traballo.

CONSIDERACIÓNS E FUNDAMENTOS XURÍDICOS

A controversia sometida a laudo arbitral limítase á determinación de se é aplicable o Convenio das empresas subcontratistas de Sogama e, para isto, é preciso acudir ó contemplado no artigo 1º de dito Convenio que textualmente di no seu primeiro parágrafo: “Este Convenio Colectivo será de aplicación a tódolos traballadores e empresas que presten actualmente ou poidan prestar nun futuro os seus servizos nun centro de traballo do Complexo Ambiental de Cerceda (Sogama), fixos e eventuais, calquera que sexa a súa modalidade de contrato ou a súa categoría profesional.”

Da lectura deste precepto, nunha primeira apreciación, é clara e non deixa lugar a dúbida algunha a aplicación do Convenio ós traballadores da empresa NERVIÓN MONTAJES Y MANTENIMIENTOS, S.L. que desenvolven a súa labor no recinto de Sogama, independentemente da modalidade de contrato e categoría profesional, xa que se trata dunha empresa que, na súa calidade de subcontratista desta, presta os seus servizos neste centro de traballo.

É necesario, non obstante, examina-lo resto do artigo por se puidese estar afectada a empresa nalgunha das exclusións que contén.

O segundo parágrafo determina: “Quedan expresamente excluídos os traballadores de empresa que poidan prestar algún tipo de colaboración accesoria en traballos que non sexan da propia actividade destas instalacións”. Da realidade examinada e posta de manifesto polas partes na comparecencia ante o árbitro, non pode deducirse que a labor encomendada a esta empresa poida cualificarse de accesoria, xa que o mantemento normal é necesario e esencial para o funcionamento da actividade produtiva e, loxicamente, é consubstancial á actividade das instalacións, feito que referenda a antigüidade de grande parte dos produtores afectados que, como prestación de servizos normal, levan desenvolvendo este traballo no complexo.

O terceiro parágrafo do artigo 1º establece: “Así mesmo quedan excluídas as empresas ou traballadores que, con convenio propio ou sectorial, teñan condicións superiores ás deste convenio en cómputo anual”.
Nin a empresa ten convenio propio nin o que manifesta estar aplicando, o de metal de Biscaia, polo seu ámbito xeográfico, pode entenderse legalmente aplicable, sen prexuízo de que, no caso de que o resultado de feito tivera sido a concesión de condicións máis beneficiosas, sería de aplicación, como “garantía ad personam”, o artigo 5º do Convenio Colectivo. Por outra parte, a posible aplicación dun convenio sectorial debería de engadir, á inclusión no seu ámbito, a consideración de “ter condicións superiores”, feito que, independentemente da súa compoñente subxectiva recoñecida doutrinal e xurisprudencialmente, non recoñecen os traballadores afectados pola inaplicación do convenio de centro de traballo ó que consideran máis beneficioso.

En consecuencia, estando incluído no seu ámbito de aplicación e non apreciándose que se estea incurso nalgunha das exclusións que se sinalan no seu articulado, considérase, a xuízo deste árbitro, que ós traballadores afectados por esta decisión arbitral elles de aplicación legalmente o Convenio Colectivo de centro de traballo das empresas que prestan servizos no Complexo Ambiental de Cerceda, como subcontratistas da Sociedade Galega de Medioambiente (Sogama).

Por tódalas consideracións apuntadas dita a seguinte

RESOLUCIÓN

É de aplicación o Convenio Colectivo de centro de traballo das empresas que prestan servizos no Complexo Ambiental de Cerceda, como subcontratistas da Sociedade Galega de Medioambiente (Sogama), recollido na Resolución de 25 de xuño de 2002 (publicado no DOGA de 22 de xullo de 2002), ós traballadores da empresa NERVIÓN MONTAJES Y MANTENIMIENTOS, S.L. que realizan as funcións de mantemento que ten subcontratadas no citado complexo.

O presente Laudo poderá ser impugnado ante a Xurisdición Social de acordo co punto 5 do artigo 24 do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflitos de Traballo.  

Dado en A Coruña a 23 de xuño de 2004

O ÁRBITRO