ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 

-  Laudo 7/04

Benigno Sánchez García, con DNI 33.832.475-G, e domicilio a efectos de notificacións en r/ Algalia de Abaixo, 24, Santiago de Compostela, designado árbitro en virtude de acta de sometemento a arbitraxe, asinada o día 11 de marzo de 2004 polos suxeitos, lexitimados para elo, do conflicto colectivo suscitado no sector de transporte de viaxeiros en autobús por estrada da provincia de A Coruña, e logo das actuacións practicadas, ás que máis adiante se aludirá, ven de dictar LAUDO ARBITRAL, en base ás seguintes consideracións.


ANTECEDENTES


1. Que con data 3 de marzo de 2004, representantes das asociacións  patronais máis representativas do sector (Transviac, Anetra-Galicia, e Transgacar) presentan diante do Consello Galego de Relacións Laborais escrito solicitando a intervención deste organismo, a fin de activar os mecanismos previstos no Acordo Interprofesional Galego de Solución Extraxudicial de Conflictos Colectivos de Traballo (AGA), concretamente os de arbitraxe, para solventar o conflicto suscitado no sector máis arriba reflectido, centrando tal conflicto na diverxencia na interpretación do artigo 2 do convenio colectivo provincial de transporte de viaxeiros en autobús por estrada da provincia de A Coruña, de xeito que se determine si, en base ó disposto en tal artigo, e na lexislación complementaria aplicable, “...o citado convenio está ou non prorrogado ata o 31.12.04”. Complementan tal solicitude afirmando ter instado, con data 25.02.04, o pronunciamento da Comisión Paritaria do devandito convenio colectivo, sinalando que tal Comisión adptou o acordo de someter as discrepancias ó AGA, a través dunha arbitraxe, propoñendo, finalmente, a quen subscribe como árbitro. No expediente aberto polo Consello Galego de Relacións  Laborais, constan a conformidade das correspondentes federacións dos sindicatos CIG e CC.OO (ambas con data 8 de marzo de 2004) ó procedemento arbitral proposto polas representacións patronais.

2. Con data 11 de marzo de 2004, subscríbese acta de compromiso arbitral, asinada, en representación das patronais do sector, por D. Carlos Botas Piñón (Transviac); D. José Luis Liñares Louzao (Transviac, Transgacar e Anetra); D. Fernando J. Míguez Rey (Transviac); D. Juan Gómez (Transgacar); D. Carlos García Cumplido (Transgacar), D. Eugenio Geijo Carril (asesor de Transviac): e, pola parte social, porD. Ernesto López Rey (CIG); D. Xesús Mª Pastoriza Santamarina (CIG); D. Emilio Bahamonde López (UGT); D. Demetrio Chorén Vázquez (UGT); D. José M. Lado Lestón (CC.OO); e D. Félix Grobas Rodríguez (CC.OO). En tal acta se reitera como obxecto da arbitraxe o reflectido no punto 1 destes Antecedentes, designándose árbitro a quen subscribe, e especificando que a súa decisión deberase axustar a dereito.

3. O mesmo día 11 de marzo de 2004, o árbitro celebra xuntanzas conxuntamente e por separado con cada unha das partes, a fin de que se posicionaran definitivamente respecto da cuestión debatida.


FEITOS DECLARADOS PROBADOS


1. O artigo 2 do convenio colectivo do sector de viaxeiros en autobús por estrada da provincia de A Coruña (DOG de 31 de xaneiro de 2001) dispón:
“Terá unha duración desde o 1 de xaneiro de 2000 ata o 31 de decembro de 2002, con opción de ser prorrogado para o ano 2003, se as partes así o acordasen na comisión negociadora especial que logo se definirá.
Se ningunha das partes o denunciase coa antelación mínima dun mes ó da data da súa expiración, prorogarase tácitamente por un ano, incrementando tódolos conceptos económicos no IPC real dos 12 meses anteriores máis un punto.
Unha vez producida a denuncia, manterá vixencia o seu contido normativo, integramente, ata a sinatura dun novo convenio. Non obstante, para favorece-lo interese negociador das partes, esta ultravixencia unicamente se producirá durante a anualidade completa seguinte á de vixencia normal do convenio.”

2. Na comparecencia das partes diante deste árbitro o día 11 de marzo de 2004, manifestaron que a redacción deste artigo viña sendo prácticamente a mesma desde hai anos, se ben nunca foi necesaria a súa completa aplicación, porque nunca antes se tivera producido a situación actual: prorroga durante 2003 do contido do convenio ante a falta de denuncia, e nova falta de denuncia a finais de 2003, o que, para a representación patronal implica unha nova prórroga, por outro ano (para 2004), do seu contido, o que se ten  levado xa á práctica, na medida en que as diferentes asociacións cursaron instruccións ós seus asociados para que, en 2004, con efectos desde  o día 1 de xaneiro, aplicasen un incremento salarial equivalente ó IPC de 2003 máis un punto. Este punto de vista non é compartido pola representación social, para quen a prórroga prevista polo artigo cuestionado tan só é posible que se produza o primeiro ano seguinte ó de remate da súa vixencia “ordinaria”, o que implica que, desde o día 1 de xaneiro de 2004, o convenio colectivo de referencia carece de calquer contido, estando as partes obrigadas a negociar un novo convenio colectivo.
Polo demáis, as partes, tras expoñer argumentos de diferente índole a favor das súas respectivas posicións, e a preguntas deste árbitro, afirmaron que se carece de actas das xuntanzas dos sucesivos convenios colectivos que viñeron sendo de aplicación no sector, que pudieran aclarar o tema debatido.


FUNDAMENTOS DO LAUDO


1. A cuestión a resolver reside, en definitiva, en determinar cal das duas posicións, nos termos planteados no punto 2 dos Feitos Declarados Probados, debe prevalecer, e que consecuencias debe ter tal prevalencia.
Corresponde, polo tanto, discernir sobre cal é o sentido que hai que dar ó artigo 2º do convenio colectivo de referencia, para o que, seguindo o prevenido no artigo 3.1 do Código Civil, haberá que estar, en primeiro lugar, ó sentido propio das palabras da  norma a interpretar, unha vez que, como quedou de manifesto na  comparecencia das  partes diante deste árbitro, non existen actas nin calesquera outros documentos  que permitisen orientar sobre o realmente pretendido polos negociadores.

2. Na medida en que é ás partes negociadoras dos convenios colectivos ás que “...corresponde establecer a duración dos convenios...” (artigo 86.1 do Estatuto dos Traballadores, en adiante ET), convenios que “...se prorrogarán de ano en ano se non mediara denuncia expresa das partes.” (artigo 86.2 ET), hai que concluir, da literalidade do pactado polos negociadores no artigo 2 do convenio colectivo do sector do transporte de viaxeiros en autobús por estrada da provincia da Coruña, que as partes preveron, unha vez rematada a duración ordinaria do convenio colectivo ( tres anos, desde o 1 de xaneiro de 2000, ata o 31 de decembro de 2002) varias hipóteses, con resultados diferentes, no seguinte sentido:
a) Primeiro parágrafo do artigo 2º.- Que as partes prorrogasen para 2003 o contido do convenio colectivo ( y exclusivamente para ese ano, porque o sentido literal non pode conducir a ningunha outra interpretación), o que tería requerido que se acordase tal prórroga na comisión negociadora especial que regula o artigo 32 do convenio colectivo, co resultado dun incremento salarial, en 2003, do IPC real dese ano máis 1,5 puntos, segundo o establecido no artigo 5º do convenio colectivo. A mencionada comisión negociadora especial non chegou a xuntarse, nin tal xuntanza foi instada formalmente por algunha das partes.
b) Terceiro parágrafo do artigo 2º.- Si o convenio colectivo fose denunciado coa antelación mínima dun mes ó da data da súa expiración á que se refire o parágrafo segundo, o convenio tería mantido a “...vixencia do seu contido normativo, íntegramente, ata a sinatura dun novo convenio.” Máis, ainda neste caso, e “...para favorece-lo interese negociador das partes, esta ultravixencia unicamente se producirá durante a anualidade completa seguinte á de vixencia normal do convenio colectivo”, esto é, de novo, exclusivamente durante 2003
c) Segundo parágrafo do artigo 2º.- Chegado o día 31 de decembro de 2002, non instada a xuntanza da comisión negociadora especial, e non denunciado o convenio colectivo,  este foi prorrogado tácitamente “...por un ano...”, esto é, durante 2003, incrementándose todos os conceptos económicos no IPC real dos doce meses anteriores máis un punto. De novo a interpretación literal do precepto non deixa dúbidas a este árbtitro. A expresión “...por un ano...” utilizada polos negociadores opta con claridade pola prórroga única dun ano, frente a expresión, tamén indubitada, “...de ano en ano...”, que utiliza o artigo 86.2 do ET, e que incorpora, de xeito absolutamente xeneralizado, a práctica negocial colectiva do noso país, cando se quere producir a ultravixencia do contido dun convenio, salvo pacto en contrario, en tanto as partes non procedan á súa denuncia.
3. Polo demáis, esta interpretación literal, obrigada polo precitado artigo 3.1 do código civil, parece ser coherente co conxunto do artigo interpretado, todo él orientado a posibilitar tan só un ano de prórroga do convenio colectivo, fose cal fose a opción utilizada das tres que o prepecpto contempla e que vimos de analizar, pretensión que os negociadores reforzan explícitamente no parágrafo terceiro ó aludir, como un desideratum, á necesidade de “...favorece-lo interese negociador das partes...”.


En consideración a canto antecede, en exercicio das atribucións conferidas polas partes e do establecido nos artigos 25 e 26 do AGA, e garantidos os principios de audiencia, contradicción e igualdade daquélas no presente procedemento arbitral, a parte dispositiva deste Laudo concrétase na seguinte


RESOLUCIÓN ARBITRAL

UNICO.- O parágrafo segundo do artigo 2º do convenio colectivo do sector do transporte de viaxeiros en autobús por estrada da provincia da Coruña  (DOG de 31 de xaneiro de 2001) debe ser interpretado no sentido de que, expirada o día 31 de decembro de 2002 a duración ordinaria do devandito convenio colectivo; despois de non terse producido ningunha das circunstancias previstas nos parágrafos primeiro e terceiro de tal artigo; e non denunciado o convenio coa antelación mínima dun mes ó da data da súa expiración ( 31 de decembro de 2002), o convenio quedou prorrogado por un único ano, o ano de 2003, rematado o cual (31 de decembro de 2003) non cabe a posibilidade de novas prórrogas.


O presente Laudo poderá ser recurrido diante da Xurisdicción Social, nos termos establecidos no número 4º do artigo 24 do Acordo Interprofesional Galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos colectivos de traballo (AGA).

O que se di en A Coruña, a 22 de marzo de 2004

O ÁRBITRO