ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 

-  Laudo 13/05


ARBITRAXE




Na cidade de Lugo, a catorce de marzo de dous mil cinco.

Antecedentes

O presente conflicto formalizouse inicialmente como mediación, no marco do sistema de solución extraxudicial de conflictos, en relación co convenio colectivo, entre a empresa SETEX APARKI, S.A., e a representación dos traballadores.

Ambalas dúas partes asistiron á reunión:

EN REPRESENTACIÓN DE SETEX APARKI,. S.A.

Lourdes López de Aguilar, directora de Recursos Humanos.
Manuel Pérez Gegundez, delegado do centro de traballo de Lugo.

EN REPRESENTACIÓN DA PARTE SOCIAL

Hipólito Arias de la Fuente, Delegado de Persoal no centro de traballo de Lugo.
Manuel Lorenzo Fernández, Secretario xeral do Sindicato Intercomarcal da Federación de Servicios de Lugo, de UGT- Galicia.
Fernando Teijeiro Valledor, asesor de UGT-Galicia

En presencia do mediador designado, José Vazquez Portomeñe, integrante do rexistro de conciliadores-mediadores e árbitros de Lugo, as partes, logo do intercambio de criterios e de establecer negociación, acordaron transformar a mediación inicial en arbitraxe, que versará sobre os feitos e fundamentos xurídicos que, de seguido se fan constar.

As partes someteron expresamente as súas diferencias ó arbitro designado, José Vázquez Portomeñe, consonte con acta levantada ó efecto.

Así pois, a presente arbitraxe dirime as diferencias existentes entre as partes, consonte cos feitos e fundamentos xurídicos que, de seguido se fan constar:



Feitos que se declaran probados:

Único: Sobre o convenio colectivo que rexe as relacións laborais entre as partes existe diferencia, ata o punto de estancarse as negociacións, que teñen unha longa duración.

O mediador oiu ás partes, coñeceu as súas posturas diverxentes, valorou o contido das mesmas e as circunstancias concorrentes.

Fundamentos xurídicos:

Único: Cando existen diverxencias en materia laboral, como é o presente caso, as partes lexitimadas, neste caso presentes e con representatividade total respecto do marco do conflicto, en uso das facultades que lles da a súa autonomía, poden acudir ó sistema de solución extraxudicial de conflictos colectivos, pola vía de mediación ou de arbitraxe.

O árbitro unha vez designado, como sucede neste caso, está facultado para resolver tódolos temas suscitados, tendo a súa decisión validez de Convenio Colectivo, consonte co Estatuto dos Traballadores e o sistema de solución extraxudicialm establecido no marco galego.

Enténdese, pois, esta arbitraxe como de equidade e no marco laboral, como proxeción da autonomía dos interlocutores sociais.

En consecuencia de canto precede, díctase o presente,

LAUDO ARBITRAL:

1º.- As partes procederán, no prazo de 15 días, a redactar o texto articulado do convenio colectivo que rexe as relacións laborais entre a empresa e os seus traballadores.

2º.- Os efectos deste convenio colectivo son dende o día 1 de xaneiro de 2002, tendo en conta que a vixencia do anterior convenio rematou o 31 de decembro de 2001, existindo unhas longas negociacións para consensuar os seus termos.

3º.- Os criterios concretos que rexerán a redacción do texto articulado do convenio serán os seguintes:

· Retribucións salariais:
o Ano 2002: IPC real
o Ano 2003: IPC real
o Ano 2004: IPC real máis 2 puntos
o Ano 2005: IPC real máis 2,5 puntos
o Ano 2006: IPC real máis 2,5 puntos

· Paga de beneficios:
o Para o ano 2005: 200 euros lineais
o Para o ano 2006: 626 euros lineais

· Vacacións:
o Disfrutaranse preferentemente nos meses de xuño a setembro, ambos os dous inclusive.
o Para o ano 2005, disfrutaranse 33 días naturais e para o 2006, 35 días naturais.

· Días de asuntos propios: Ante a diferencia interpretativa existente en relación á forma de disfrute dos días de asuntos propios, dirímese do seguinte xeito: “Os días de asuntos propios non poderán disfrutarse en sábados, domingos, festivos ou vísperas de festivos no período de xuño a setembro, nin os días 24, 25, 31 de decembro, 1 de xaneiro e festas locais”.

· En todo o non indicado especificamente no punto anterior, estarase ao disposto no último convenio colectivo asinado.

· Esta proposta transacional é resultado dun equilibrio en normalidade, logo de oídas as partes e valoradas as súas posturas, non só durante as diversas fases da longa negociación  senón na posición final da mesma.

Así pois, esta proposta ten en conta o longo período de tempo transcorrido dende o remate do convenio anterior ata o momento actual, polo que se procede a un reparto equitativo de custos en todo o período de vixencia do convenio sobre o que versa a mediación, sendo razonable un incremento levemente maior nos últimos tres anos, por non ser práctica habitual na negociación colectiva a retroacción en exceso.

Ao mesmo tempo, a incidencia do incremento das vacacións, tamén razonable nunha dinámica normal de negociación colectiva,  tense que proxectar, obviamente,  no ano en curso e no vindeiro, non tendo sentido a súa retroacción.

Por último, na entidade dos incrementos retributivos e de vacacións, tense en conta o longo período de vixencia do convenio, que compensa o nivel dos mesmos.

Esta arbitraxe poderá ser impugnada ante a Xurisdicción Social, consonte co establecido no Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflitos Colectivos (AGA)


O árbitro designado


Asdo. José Vázquez Portomeñe.