ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 

-  Laudo 46/05

LAUDO ARBITRAL


José Mª Casas de Ron, designado arbitro en acta de compromiso arbitral de data 14 de decembro de 2005 conforme ao art. 20 do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflitos de Traballo (AGA) no conflito que afecta á empresa GRUPO ZENA PIZZA S.COM. P.A. Centro de traballo Romero Donallo (Santiago), dirime a cuestión resolvendo a situación de litixio con arranxo ao presente laudo baseándose nos seguintes

ANTECEDENTES

1. Na data 12 de decembro constituíuse a mesa de conciliación e mediación, no procedemento de solución extraxudicial de conflitos (AGA), cos representante dos traballadores e da empresa referida. Foi designado no acta de compromiso mediador o árbitro que subscribe o presente laudo.

2. No procedemento de mediación puxéronse de manifesto os desacordos existentes entre as partes que motivan o conflito colectivo e declaración de folga. Estes desacordos refírense a réxime de descansos en fin de semana, sistemas de control de horarios, cadros de distribución de xornada e de vacacións, réxime de acumulación de festivos a vacacións, condicións en materia de seguridade e saúde laboral, sistema de control de pedidos, horarios en outros traballos e porcentaxe de traballadores indefinidos en cadro de persoal. Estas son as cuestións que en definitiva se presentaron  no procedemento de mediación celebrado na data 12 de decembro do ano en curso.

3. No citado procedemento asistiron en representación da empresa D. Carlos Galve Requena  e D. Roberto Seoane Rouco e por parte dos traballadores o seu delegado de persoal D. José Mahía Cotón e como asesor D. Paulo Rubido membro del sindicato CIG.

4. Na mediación as partes chegaron a acordo en todos os temas referidos anteriormente, a excepción do relativo a porcentaxe de traballadores fixos no cadro de persoal. A estes efectos por parte do mediador refundíronse en sete puntos as cuestións a conciliar alcanzándose acordo, que sen embargo condicionouse á solución global do conflito por compromiso arbitral, dado o desacordo definitivo no sétimo punto xa referido, de porcentaxes do cadro de persoal, razón pola cal se incorporan ao presente laudo as soluciones e redaccións propostas polo mediador na sesión de mediación.


PROCEDEMENTO

1. No presente procedemento o árbitro considera perfectamente garantidos os principios de audiencia, contradición e igualdade, dada as sesión previa ao acto arbitral celebrada na data 12 de decembro, na sede do Consello Galego de Relacións Laborais e na que as partes puideron explicar ante o mediador, agora árbitro, diferenzas e motivos das mesmas, alegando o que estimaban pertinente, con contradición entre partes.

2. A cuestión que se presenta ao procedemento arbitral estriba na determinación do cadro de persoal aos efectos de cumprir co 70% de porcentaxe de emprego fixo no centro de traballo da empresa en Santiago de Compostela.

O V Convenio colectivo estatal de elaboradores de produtos cociñados para a súa venda á domicilio 2003,2004,2005 así como o Acta de revisión salarial definitiva para o ano 2004 e incremento salarial para o ano 2005 prevén uns grupos e categorías profesionais nas que se distribúe o persoal ao servizo dos establecementos ou tendas. No procedemento de mediación repasáronse os supostos contractuais e incidencias que afectaron ao persoal, así como o nivel do cadro de persoal a efectos de poder establecer o cómputo o porcentaxe do 70% de emprego fixo. Efectuadas arbitralmente as oportunas averiguacións obsérvase que ese 70% de emprego fixo, porcentaxe que se debe alcanzar de forma equilibrada entre o persoal de xerencia e persoal de produción, necesita un posto de traballo hasta o 30 de xuño do 2006, posto de traballo que analizado o cadro de persoal ten a vocación de posto fixo e na categoría de repartidor. E dicir, por parte da empresa nos últimos tempos adoptáronse as medidas de conversión contractual de determinados traballadores de xerencia e de produción - reparto que motiva que a diferenza estribe nun posto de traballo, que necesariamente, por equilibrio de cadro de persoal, será de repartidor, durante medio ano, posto de traballo que ocupado debe ser transformado en emprego fixo no seu día.

E esta é a cuestión que en definitiva, alcanzándose na sesión de medicación os seis acordos previos nas seis materias xa referidas, permiten ao árbitro, en base a todo o anterior resolver as cuestións presentadas no conflito colectivo da empresa ditando o seguinte LAUDO conforme ao art. 24 do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Conflitos Colectivos de Traballo, publicado no DOG 4 de marzo de 1995, que ten a seguinte PARTE DISPOSITIVA:

a) Réxime de descanso semanal.- a empresa facilitará a posibilidade de que cada traballador, con excepción dos contratados especificamente para traballar vésperas de fin de semana ou festivos, fins de semana, ou festivos, gozar parte do seu descanso semanal un fin de semana cada mes.  Darase conta ao delegado de persoal, e este participará coas súas propostas. Dos supostos de imposibilidade de desfrute de dito réxime de descanso nun fin de semana, que terá en conta as limitacións do cadro de persoal e contractuais, períodos de máxima actividade e grado de absentismo do cadro de persoal

b) Control de xornadas, cadros horarios, cadros de vacacións – a empresa disporá sempre un sistema de control efectivo de horas traballadas. A estes efectos fixaranse cadros e cuadrantes  horarios. A empresa levará un rexistro de horas de prolongación de xornada, horas extraordinarias e horas complementarias nos supostos de contratación a tempo parcial. En todas estas cuestións participará o delegado de persoal, así como todo o persoal terá acceso ao seu rexistro individual.

c) Réxime de vacacións .- os días de vacacións anuais serán de 31 e o seu réxime xeral o que se establece no Convenio Colectivo de aplicación. Elaborarase un cuadrante de vacacións no que participará o delegado de persoal. Os días de descanso legalmente establecidos e aqueles días de vacacións non gozados no ano natural correspondente, gozaranse obrigatoriamente durante o primeiro trimestre do exercicio seguinte nas datas que acorden o empregado afectado e a dirección do centro de traballo. Poderán acumularse os días festivos anuais ás vacacións polos traballadores que teñan dereito, en función do traballado efectivamente no período de referencia e sempre que as condicións referidas  no apartado a) se teñan en conta.

d) Medios de protección colectiva e persoal .- a empresa disporá de todas aquelas medidas en materia de prevención de riscos que correspondan en función das condicións do centro de traballo e da actividade. O delegado de prevención participará na forma prevista na Lei de prevención de riscos laborais e Convenio Colectivo de aplicación. O sistema de prevención na empresa terá en conta as especiais necesidades en canto a equipos de protección individual dos seus traballadores.

e) Control de pedidos.- Mentres non entre o novo sistema de control previsto para marzo de 2006 ou outra data que se dispoña, estabelecerase un réxime transitorio de comprobantes de control de pedidos a disposición dos traballadores que individualmente o soliciten. De dito sistema deberá coñecer o delegado de persoal representante dos traballadores.

f) Porcentaxe (70%) de contratos indefinidos no cadro de persoal. –a empresa tendo en conta o cadro de persoal do centro de traballo na data de 13 de decembro de 2005 deberá manter dende esta data en todo caso e durante o primeiro semestre do ano 2006 un posto de traballo de repartidores. Así mesmo este posto de traballo observará o compromiso empresarial efectuado ante o mediador de transformación en indefinido facilitando conforme ao uso empresarial a dotación para o repartidor de moto propia. A cobertura de dito posto de traballo será por algún dos dous repartidores que na data de 13 de decembro de 2005 tiñan vinculación contractual eventual coa empresa.

O presente laudo poderá recorrerse ante a xurisdición social nos termos establecidos no apartado 4 do art. 24 do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflitos Colectivos de Traballo (AGA).

Dado en Santiago a 14 de decembro de 2005.
El arbitro.