ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 

-  Laudo 12/06


Carlos Doménech de Aspe, designado árbitro no procedemento tramitado conforme ao artigo 26 do AGA promovido pola representación da empresa Corporación Alimentaria Peñasanta S. A. e aceptado pola representación dos traballadores, oídas as partes e examinada a documentación, dita o seguinte

LAUDO

ANTECEDENTES. -

O día 4 de marzo comunícase ao Comité de Empresa a necesidade de realizar traballos o día 11 de marzo ao amparo do acordo formalizado o 17 de febreiro de 2005.

A representación da empresa en data 7 de marzo de 2006 remite ao Consello Galego de Relacións Laborais escrito de solicitude de arbitraxe obrigatoria ao amparo do establecido no acordo formalizado en data 17 de febreiro de 2005.

Con data 8 de marzo, o árbitro mantén reunión coas partes que manifestan en síntese o seguinte:

O representante da empresa comunica que, na fábrica de Granda (Asturias), produciuse unha avaría nunha das turbinas de gas reducindo a dispoñibilidade de liñas de esterilización, o que fai necesario que, a fábrica de Robra (Lugo), lle absorba parte da produción de leite e, para iso, solicita o traballo no sábado día 11 de marzo. Presenta na comparecencia o informe da avaría sen sinatura e un comunicado interno do Responsable de Programación da Produción.

Pola súa banda, a representación dos traballadores, despois de facer mención a que a comunicación da empresa produciuse con atraso, aduciu que non existía motivo ningún para incrementar a xornada de traballo en sábado xa que a produción que se pretendía realizar ese día houbese podido ser perfectamente levada a cabo durante a semana normal, engadindo que, na semana en curso, estábase a reducir, baseándose nunha parada de limpeza total, claramente a produción. Achegan programación das tres últimas semanas con cifras de produción prevista, existencias, etc. Estima a representación dos traballadores que a medida obedece exclusivamente a unha resposta da empresa pola conflitividade que existe neste momento na fábrica.

Despois dun debate sobre os aspectos concretos da posible necesidade de realizar o traballo, exame con detalle dos cadros de programación e opinións contraditorias sobre a planificación e organización do traballo da empresa, non existe coincidencia das partes na necesidade da realización do traballo do sábado.

A empresa remite na noite o mesmo día ao árbitro, cunhas notas adxuntas, as programacións das dúas semanas anteriores ás examinadas na comparecencia.

CONSIDERACIÓNS. -

É preciso en primeiro lugar facer mención ao atraso na comunicación da empresa alegado pola representación dos traballadores, feito certo que incumpre o acordo subscrito do 17 de febreiro de 2005 pero que o árbitro entende que non pode considerarse o atraso de horas como constitutivo dun defecto de nulidade de toda a decisión en canto que non provoca un prexuízo, mais que o simple atraso, nin produce indefensión aos traballadores.

En canto ao tema de fondo, a diferenza de criterio das partes vén motivada fundamentalmente pola sospeita dos traballadores de que se trata dunha medida tendente exclusivamente a prexudicalos, opinión que se basea no exame e discusión das planificacións efectuadas pola empresa e nas cifras reflectidas nelas en relación á produción e as existencias.

E iso, sen estar claro o tema produtivo para o árbitro xa que se manexan parámetros distintos e variados: datos previstos e datos reais, existencias e produción, materia prima remitida e absorbida, distintas clases de produtos e de elaboracións e marcas, necesidade técnica e duración das paradas de limpeza etc., e que, nun primeiro e sinxelo exame, existe certo uniformidade nas planificacións e continuidade con correccións de existencias nas series semanais achegadas, leva ás seguintes reflexións:

Existe un feito certo que é a avaría dun elemento esencial na produción da factoría de Granda que leva á súa consideración na planificación da produción xeral do grupo empresarial.

Non pódese nin débese efectuar polo árbitro un xuízo profundo sobre a correcta ou incorrecta planificación da produción pola empresa nin suplir as posibles carencias na idoneidade da organización do traballo polos que no complexo empresarial teñen encomendada esa función con mais capacidade e coñecemento técnicos e posibilidade de acceso a todos os datos tanto reais como previstos.

Debe presumirse a inexistencia de mala fe, salvo proba en contrario, na adopción de decisións produtivas sobre todo tendo en conta, neste caso, que, de ser certa a opinión manifestada pola representación dos traballadores, a empresa estaría a pretender producir o mesmo a maior custo polas compensacións que contempla o acordo para o traballo en sábados, cuestión que parece contraria a toda lóxica.

En todo caso, o resultado “a posteriori” permitirá xulgar a realidade dos plans empresariais e mesmo establecer o precedente que permita ser valorado para futuras autorizacións pola mesma causa.

Iso lévanos á consideración de que, partindo da presunción de inexistencia doutra perversa finalidade, o feito acaecido da avaría pretende paliarse pola empresa co incremento de produción da fábrica de Lugo, aumento que loxicamente debe alcanzarse coa realización do traballo en maior número de días á semana, cuestión que se deberá resolver co exercicio da facultade exclusiva da empresa de organización do traballo.

Baseándose nas consideracións apuntadas dítase a seguinte

RESOLUCIÓN

Procede autorizar a realización de traballos o sábado día 11 de marzo de 2006 nas condicións do acordo formalizado en data 17 de febreiro de 2005.

Santiago de Compostela a 9 de marzo de 2006



O ÁRBITRO



Carlos Doménech de Aspe