ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 

-  Laudo 14/06

LAUDO ARBITRAL

José Mª Casas de Ron, designado árbitro en acta de compromiso de data 29 de marzo de 2006, conforme ao art. 20 do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflictos de Traballo (AGA), no conflicto que afecta á empresa GANDARA CENSA, SA. dirime a cuestión resolvendo a situación de litixio conforme ao presente laúdo, baseándose nos seguintes:

ANTECEDENTES

Primeiro.- En data 29 de marzo de 2006, reunidos dunha parte D. Antonio Blanco Guerrero, Director de Persoal de Gándara Censa, S. A., e D. Francisco Pazos Pesado, Letrado asesor desta; e doutra, D. José Miguel Ramos Bausela, presidente do Comité de Empresa, D. Jorge Luis Marchan Pérez, secretario deste, D. José Manuel Bernárdez Alvarez, Delegado de U.G.T., D. Manuel Soto Martínez, Delegado de C.I.G., e D. Santiago Vila Figueiras, Delegado de CC.OO., acordan someterse a un procedemento de arbitraxe, recoñecéndose mutuamente lexitimados no procedemento, e designando como árbitro ao actuante. Ao devandito procedemento foille asignada a referencia AGA 14/06.

Segundo.- O conflito formulouse á finalización do proceso de negociación colectiva seguido na empresa dende o ano 2005, a non se alcanzar acordo na determinación de cuestións relativas á antigüidade e a súa remuneración polos traballadores. Para estes efectos, as partes mantiveron diversas reunións dende setembro de 2005, sen alcanzarse acordos, deixando para o fin da fase negociadora estas cuestións, e resolvendo definitivamente condicionar a sinatura do convenio colectivo á resolución de tal cuestión, mediante este procedemento de solución extraxudicial.

Terceiro.- O trámite de audiencia ás partes, aos efectos de manifestar as súas alegacións ao árbitro, tivo lugar en data 29 de marzo. Os participantes son as mesmas persoas que figuran na acta de compromiso arbitral, e ás que se fixo referencia no apartado primeiro destes antecedentes.

Cuarto.- A representación dos traballadores manifestan ao árbitro, recollido de forma sucinta, que o 1 de xaneiro de 1997, e por tres anos, asinouse un convenio na empresa SANTAZ-CENSA, S. A. No ano 2001, e por crise da anterior, creouse unha sociedade laboral, achegando, practicamente tódolos traballadores, á nova sociedade, as prestacións por desemprego, cantidades satisfeitas polo FOGASA, e os créditos hipotecarios sobre instalacións. Así mesmo, decidíuse a vixencia e continuidade do convenio colectivo da antiga empresa, que sería de aplicación ata que entrase en vigor un novo substituíndo ao anterior na súa totalidade como tal conxunto normativo. Na práctica, o que se produce é unha situación de plena continuidade empresarial, sen prexuízo dos cambios na titularidade. A cuestión que se debate en definitiva, é a aplicación da antiga Ordenanza Laboral para as Industrias Siderometalúrxicas, relacionada co artigo 25 do antigo convenio de Santaz-Censa, S. A., que regula este concepto mediante quinquenios, e complementándose coa citada Ordenanza aos efectos da data da súa remuneración, ao non estar expresamente previsto no citado convenio colectivo. Sinalan os representantes sindicais que, nestes últimos cinco anos xerouse un novo quinquenio, sendo de aplicación a previsión da Ordenanza para ser percibido polos traballadores. Na actual negociación colectiva, coa nova sociedade anónima, sucesora da antiga SAL, esta cuestión está solucionada na propia negociación, quedando unicamente sen resolver, precisamente, a data a partir da cal se devenga o concepto salarial por antigüidade. Manifestan así mesmo ao árbitro o feito de que a propia empresa ofreceu, no seu momento, pagalo dende abril, non estando os representantes dos traballadores de acordo ao considerar que debe ser efectiva nos termos previstos na ordenanza laboral siderometalúrxica. A porcentaxe por antigüidade está acordada en acta de negociación do convenio colectivo. Así mesmo, sinalan neste trámite de audiencia, as peculiaridades que se dan para os traballadores na constitución dunha sociedade anónima laboral, ante a crise da anterior empresa, e por outra banda, significando o coñecemento que parte dos actuais socios tiñan da situación como integrantes dunha consultora que interveu sobre a xestión da empresa a partir do ano 2002. Ademais, instrumentalmente desaparece o concepto de antigüidade substituído por un concepto salarial denominado plus de afectación.

Quinto.- Pola súa banda, a representación da empresa sinala que estamos ante unha situación complexa pola confusión entre a representación social e económica dos pasados anos, situación que se mantivo ata setembro do ano 2005, cando descualificouse a antiga SAL e converteuse en Sociedade Anónima. Estaríase ante un problema de deslinde entre ámbalas dúas calidades de representación, significando ademais que a empresa quere unha nova negociación colectiva, para o cal se comezou a negociación en setembro de 2005. No 2001, doce traballadores constitúen unha sociedade limitada laboral, posteriormente transformada en sociedade anónima laboral, que recolle aos antigos traballadores, fixando antigüidade do 14 de xuño de 2001, e cumprindo o compromiso de reingreso. A cuestión que se debate é se pode existir continuidade para estes efectos, entendendo a representación empresarial que a solución está no artigo 44 do Estatuto dos Traballadores e en Sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia do ano 2002, que ante litixios en materia de antigüidade e complementos, motivados por demandas de traballadores aos que a propia SAL se opón, e por iso recorre, decide que non hai subrogación, sinalando a relación laboral como nova. Non se pode estar, en definitiva, á conveniencia dunha parte en cada momento, senón manter unha liña coherente coa lei e coas decisións xudiciais. Manifesta así mesmo que a intervención da sociedade consultora foi a petición dos órganos rectores da propia SAL, e que é a propia SAL quen non recoñece a antigüidade. Así mesmo, non consta ningún procedemento de adhesión ao antigo convenio colectivo de Santaz-Censa, S. A. no ano 2001 ou seguintes. A empresa, que negocia un novo convenio colectivo a partir de setembro de 2005, só acepta o concepto de antigüidade como elemento de negociación ou de xestión empresarial.

Sexto.- Os representantes dos traballadores achegan ao árbitro dous actas de negociación de convenio, de datas 27 de outubro de 2005 e 16 de xaneiro de 2006, acordo do 23 de setembro de 2004, referencia da Ordenanza Laboral para as Industrias Siderometalúrxicas e do seu artigo 76, convenio colectivo da antiga Santaz-Censa, S. A., e sentenza de 8 de xullo de 2005 do Xulgado do Social Número Tres de Vigo. Pola representación da empresa achégase certificación de que ningún traballador percibe na actualidade cantidade ningunha polo concepto de antigüidade, de data 28 de marzo de 2006, dúas sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia do 16 de abril de 2002 e do 6 de novembro de 2002, en recurso de suplicación. Ámbalas dúas partes, así mesmo, trasladan ao árbitro senllos escritos onde constan alegacións.

Sétimo.- No presente procedemento o árbitro considera perfectamente garantidos os principios de audiencia, contradicción e igualdade, xa que as partes puideron explicar ante o árbitro diferencias e motivos destas, alegando o que estimaban pertinente, con contradicción entre estas.

FUNDAMENTOS DA ARBITRAXE

A cuestión que se formula á decisión arbitral deriva dunha decisión complexa, que considera non só un conflito de solución xurídica, senón tamén con elementos ou aspectos de conflito de intereses. Así mesmo se formulan polas partes elementos de técnica xurídica, elementos instrumentais e outras cuestións propias dun conflito de intereses, elementos todos eles que provocan a complexidade referida. Parte o árbitro da premisa de non entrar naquelas cuestións que teñen que ver coa determinación da existencia ou non dunha problemática de sucesión de empresas, pola creación en 2001 da sociedade laboral, primeiro limitada e logo anónima, e valorar diferencias entre empresa en crise e creación da nova sociedade laboral, formalización e causa da transmisión de elementos patrimoniais ou integrantes da explotación, procedencia do capital achegado polos traballadores, etc., toda vez que partimos do feito fáctico de que na nova sociedade laboral intégranse a práctica totalidade dos traballadores, e coas consideracións que as sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia de 2002, achegadas pola empresa, efectúanse.

A representación empresarial parte duns presupostos xurídicos, ben defendidos polo seu letrado-asesor, que en principio inclinan cara ás teses empresariais a cuestión en litixio. As dúas decisións xurisdiccionais do Tribunal Superior, na que é a propia Sociedade Anónima Laboral a recorrente, enmarcaría a cuestión na imposibilidade de ir, en dereito, contra os propios actos, situación que se formularía ao ser os propios traballadores integrantes da SAL, como se dicía, os recorrentes. O resto da argumentada posición empresarial prodúcese no mesmo sentido, dada a dobre calidade de traballador e integrante dos órganos propios das sociedades laborais das mesmas persoas.

Sen embargo, na delimitación previa do suposto convén sinalar que a aplicación das solucións xurisdiccionais nesta materia e nas formuladas no seu día ante os Xulgados do Social e resoltas polo Tribunal Superior, teñen un enorme contido casuístico, presuposto que en todo caso se debe de manter na análise de tales decisións xudiciais. Mesmo algunha sentencia, como a achegada polos traballadores do 8 de xullo de 2005, poderían entenderse como matización ás solucións anteriores.

Tamén convén sinalar o carácter necesariamente instrumental e por iso con decisións deste tipo, ás veces de contido contradictorio, que se observa na transmisión de empresas coa aparición de sociedades laborais, en procedementos de superación de crise, co fin de evitar medidas traumáticas sobre o mantemento e estabilidade no emprego dos traballadores. Estes procedementos supoñen, expresa e tacitamente, a utilización de mecanismos que compatibilicen a aplicación das normas establecidas no ordenamento laboral, mercantil, fiscal, que afectan a tódalas iniciativas empresariais con carácter xeral, coas necesidades que a propia superación da crise e permanencia no emprego supoñen, a través dunha entidade de economía social.

Outros aspectos necesitan a consideración do árbitro actuante. O primeiro deles é facer referencia a certa problemática, que poderiamos englobar nos epígrafes de prohibición de fórmulas de autocontratación polos propios traballadores e mantemento da doutrina que impide ir contra os propios actos. Efectivamente, unha primeira visión podería aparentar a existencia de elementos destas formulacións irregulares. Pero tamén é sabido que a xurisprudencia e a doutrina máis actual, recoñecen para estas entidades de economía social, ferramenta en moitos casos de mantemento de emprego e entidades empresariais, un plus de laboralidad para os integrantes destas sociedades, con respecto aos propios actos que os socios traballadores dispoñen nos órganos de goberno, e que son perfectamente compatibles cos intereses que os mesmos tamén teñen como traballadores. Este plus de tipificación laboral permite este dobre xogo, e obriga a certa flexibilidade na valoración destas situacións. É oportuna, nesta orde de cousas a admisión que a doutrina xudicial efectúa, da posibilidade de que nas sociedades laborais se poida dar mesmo a calidade simultánea de membro do Consello de Administración e de alto directivo. Estas consideracións permítennos sinalar que debe de valorarse como unha solución instrumental, esta dobre calidade por parte dos traballadores e non entender no caso presente de supostos de autocontratación.

A segunda das cuestións refírese á certificación emitida pola empresa sobre o feito de que non se aboa ningún concepto retributivo por antigüidade. Sen embargo, hai que sinalar que tódolos traballadores perciben un concepto salarial denominado plus de afectación, de idéntica contía ao anterior de antigüidade. Novamente o carácter instrumental de certas decisións, hai que velo á luz do establecido nos apartados anteriores. Por outra parte, as propias sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, en asuntos relacionados con percepcións de traballadores da SAL, así determínano, seguindo o antigo aforismo de que as cousas son o que son e non como llelas denomine.

Tamén convén reflectir o feito contradictorio do coñecemento ou non por parte da actual dirección da Sociedade Anónima dos anteriores feitos. O árbitro, nesta cuestión, recolle o feito fáctico de que o actual 30% do conxunto de accionistas participou como integrantes dunha consultora, que coñeceu da xestión social nos tres primeiros anos de vida da sociedade laboral e que, a partir do 2004, fíxose cargo de xestión. Parece lóxico que aínda que poidan considerarse determinadas cuestións como elemento de negociación e de xestión, tamén non poida alegarse un descoñecemento da situación que impida facerse cargo e tomar razón de tales cuestións.

Sentados todos as anteriores extremos, o árbitro considera que convén establecer tres liñas de cuestións, que lle van servir para fundamentar a resolución do litixio: en primeiro lugar, a retroactividade do convenio colectivo de 1997-1999; en segundo lugar, o propio proceso de negociación colectiva seguido dende setembro de 2005; e terceiro, a doutrina, ben coñecida polos árbitros, de “Última das posicións”e a súa aplicación ao caso. Pois ben, o árbitro admite como posible, que unha vez constituído a SAL e como consecuencia da necesidade instrumental do momento e polo plus de laboralidade anteriormente mencionado e recoñecido pola doutrina xudicial moderna nos supostos de entidades de economía social, a ultractividade do citado convenio en tanto en canto se substituíse por outro na súa totalidade, e con nova norma pactada. Ademais, a existencia dun procedemento de negociación colectiva, iniciado en setembro de 2005, e pechado á data en tódolos temas, agás no concreto sobre a antigüidade que nos ocupa, manifesta a intención de ámbalas dúas partes, primeiro de negociar un convenio colectivo novo e axeitado, pero, por outra parte, tamén a substitución do anterior, regulador das condicións e réxime do concepto retributivo por antigüidade, malia a súa denominación como plus de afectación. Na acta do 23 de setembro de 2004, no seu apartado 4, sinálase expresamente que “polo Grupo investidor comunicarase previamente o momento en que a Sociedade pase de ser S. A. L. a ser S. A., subrogándose a nova Sociedade en tódalas condicións laborais e económicas dos traballadores”. O 8 de setembro de 2005 descualificouse a sociedade laboral e inmediatamente comezou un proceso de negociación colectiva. Na acta de negociación colectiva de data 27 de outubro de 2005, dentro da negociación do convenio, e como acordo, no apartado 7, sinálase que a dirección acepta que para os actuais traballadores o convenio aplicable é o de Santaz-Censa, S. A., e en acta do 16 de xaneiro de 2006, tamén dentro da negociación do convenio e como preacordo sobre o convenio colectivo de Gándara Censa, S. A., recóllese un concepto de antigüidade que sinala que “pagarase ao persoal que estaba en Santaz Censa e constituíu a S. A.L., e aos traballadores con contrato indefinido a 30/11/05 que se incorporaron despois. O persoal con contrato temporal a 30/11/05 ou de nova incorporación non terá dereito ao complemento de antigüidade. Será un 5% do salario base o primeiro quinquenio, e un 0,8% anual os seguintes anos. Aplicarase ata o 2011 inclusive. En 2012 volverase a negociar este tema. Queda pendente dos informes xurídicos, ou dunha posible arbitraxe, a data de comezo de pagamento, ben conforme ao que establecía a derrogada Ordenanza Siderometalúrxica, ou á data de cumprimento da antigüidade que dá dereito ao cobramento deste concepto de acordo ao convido”. Estes tres elementos configuran que o litixio non é, na práctica, o recoñecemento do concepto por antigüidade, senón a data da súa aplicación con respecto aos quinquenios que, de 2001 ata aquí, xeráronse polos traballadores. É neste contexto, cando o árbitro toma e formula como referencia a doutrina da última das posicións, que efectivamente se concreta nas dúas últimas actas reflectidas; Ineludiblemente, o árbitro ten que acudir, como criterio de interpretación lóxica, ao previsto no convenio actual, en tanto non se substitúe polo recentemente xa negociado e que condiciona a súa entrada en vigor a esta solución arbitral. E o convenio que por decisión das partes se aplica ata a data, prevé no seu artigo oitavo, que “a Ordenanza de Traballo para a Industria Siderometalúrxica, aprobada por Orde do 29 de xullo de 1970, e que foi derrogada por Orde do 17 de febreiro de 1988, siga sendo de aplicación naqueles aspectos non regulados polo presente convenio”. E a citada Ordenanza Laboral prevé no seu artigo 76 e), que “os aumentos periódicos por anos de servizo comezarán a devengarse a partir do primeiro de xaneiro do ano en que se cumpra cada quinquenio, se a data de vencemento é anterior a 30 de xuño, e dende o primeiro de xaneiro do ano seguinte se é posterior”. Estas, en definitiva, son as consideracións polas que o árbitro chega á seguinte solución.

Baseándose en todo o anterior, resolvo a cuestión formulada no conflito dictando o seguinte laúdo conforme ao artigo 24 do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflictos Colectivos de Traballo, publicado no DOG do 4 de marzo de 1995, que ten a seguinte

PARTE DISPOSITIVA

É de aplicación ao concepto de antigüidade para os traballadores da empresa GANDARA CENSA, SA, as disposicións contidas no convenio colectivo para os anos 1997-1999 da empresa SANTANZ-CENSA, SA, nos termos e para os traballadores previstos en tal convenio e nos acordos de negociación colectiva reflectidos nas actas de 27 de outubro de 2005 e Preacordo do convenio colectivo do 16 de xaneiro de 2006.

O presente laudo poderá recorrerse ante a xurisdicción social nos termos establecidos no apartado 4 do art. 24 do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflictos Colectivos de Traballo (AGA).

Dado en Santiago a 10 de abril de 2006.

                                        O árbitro,


                     Asdo.: José María Casas de Ron