ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 

-  Laudo 18/06



                                           LAUDO ARBITRAL

CARLOS DOMENECH DE ASPA, designado árbitro en acta de compromiso arbitral de data 5 de abril de 2006 subscrita polas representacións das empresas e traballadores do sector de Comercio de Alimentación da provincia da Coruña baseándose no establecido no Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflitos de Traballo (AGA), visto o expediente e oídas as alegacións das partes, dita o presente

LAUDO

OBXECTO DA ARBITRAXE

Aclaración sobre a porcentaxe de representatividade da parte social na Comisión negociadora do Convenio Colectivo de Comercio de Alimentación da provincia da Coruña. Cínguese o obxecto aos seguintes feitos: Se ben a porcentaxe de representatividade da parte social foi fixada baseándose no número de delegados, pertencentes a este sector, de cada un dos sindicatos no momento da constitución da Comisión Negociadora, a negociación do Convenio Colectivo supraprovincial do Grupo de Empresas Eroski formula a cuestión de determinar se, ao estar incluídos na súa negociación os representantes dos traballadores desta empresa contabilizados no seu día, debe considerarse a súa exclusión para o cálculo de representatividade no Convenio provincial, dado que este non lles vai ser de aplicación.

ANTECEDENTES

O día 26 de xaneiro de 2006 constitúese a Comisión Negociadora do Convenio Colectivo de Comercio de Alimentación da provincia da Coruña acordándose por unanimidade, en virtude da correspondente certificación, a porcentaxe de representatividade da parte social, composta polos sindicatos USO, CCOO, FETICO, UGT E CIG.

Sendo constituída en data 29 de decembro de 2005 a Comisión Negociadora do Convenio Colectivo de Supermercados do Grupo Eroski, alcánzase acordo definitivo e, con data 22 de marzo, ten entrada no Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais solicitude de inscrición rexistro e publicación no BOE do citado Convenio.
Este Convenio asinado é de aplicación aos traballadores das empresas pertencentes ao grupo Eroski da provincia da Coruña a representatividade sindical da cal foi tida en conta para a contabilización da porcentaxe de representatividade na Comisión Negociadora do Convenio Colectivo de Comercio de Alimentación da provincia da Coruña.
Solicítase polos sindicatos USO, CCOO, UGT E CIG ao Consello Galego de Relacións Laborais arbitraxe que, unha vez aceptado pola representación empresarial, da lugar á subscrición de compromiso arbitral en data 5 de abril de 2006 asinado por todas as representacións de empresas e traballadores.
Con esta mesma data o árbitro reúne as partes que clarifican as súas posturas en relación coa cuestión formulada e que sucintamente se recollen:
A representación da Asociación de Supermercados e Autoservicios da provincia da Coruña (ASAC) estima que é un problema que afecta á representación social e, por iso, non debe adoptar decisión ningunha respectando o que se acorde.
CCOO, UGT e CIG consideran que non pode admitirse a duplicidade de negociación en dous convenios de ámbito distinto, debendo terse en conta que unha parte da representación vai negociar o Convenio Provincial cando non vai ser afectada por el, polo que debe axustarse a proporcionalidade da representación da parte social a quen é realmente de aplicación.
USO declara que a representación foi fixada no momento da constitución da Comisión Negociadora e debe ser respectada no transcurso das deliberacións sen entrar en cambios que poderían ser continuos pola subscrición de novos convenios de empresas ou grupos de empresa, postura que mantén tamén, e así maniféstao, FETICO.
Despois de diversas consideracións e deliberacións dáse por rematada a comparecencia e aberto o período para o ditado do Laudo arbitral.

CONSIDERACIÓNS E FUNDAMENTOS XURÍDICOS

A cuestión sometida a arbitraxe consiste en determinar se debe readaptarse a parte social en proporción á representación real dos traballadores afectados pola aplicación do Convenio Provincial que se está a negociar, ou ben manter a existente no momento de constituírse a Comisión Deliberadora, contraéndose exclusivamente á afectación que supón a negociación dun Convenio, o do Grupo de Empresas Eroski, a representación social da cal na provincia da Coruña se contabilizou para fixar a representatividade inicial do Convenio Provincial e, en función dela, participan os sindicatos nas súas deliberacións. É de sinalar que esta contabilización pode considerarse unha situación sobrevida pola sinatura do convenio de grupo de empresas citado ou un defecto de orixe xa que, no momento da constitución da comisión negociadora do convenio provincial, xa podía ser coñecida esta circunstancia, dada a constitución en data anterior da do convenio de grupo de empresas.  
O problema formulado admite distintas reflexións nun ou noutro sentido.
Podería argumentarse en defensa do mantemento da proporcionalidade inicial a estabilidade na negociación e a eliminación de certa inseguridade xurídica que se pode producir durante as deliberacións, cunhas posibilidades de mobilidade e cambios durante o seu transcurso que prexudicarían e dificultarían o desenvolvemento normal do proceso negociador para a consecución dun acordo.
Pero, fronte a esta postura, a adaptación á representación real, ademais de obedecer á racionalidade de que sexan os afectados polo Convenio, en proporción a súa representación, os que negocien as súas propias condicións laborais, evitaría a ilóxica participación en varias negociacións dos mesmos representantes aínda sen serlles de aplicación un convenio (a parte empresarial comunicou a non asistencia ás reunións dun representante do grupo Eroski xa que non afectaría o convenio ás empresas do grupo e, consecuentemente, aos seus traballadores) e evitaría a posibilidade de prácticas que poderían incorrer en certa competencia desleal
Entrando no exame legal da cuestión, é de sinalar que o Estatuto dos Traballadores, despois de establecer no artigo 88 o dereito de tódolos suxeitos lexitimados a participar nela en proporción a súa representatividade, refírese á afectación do Convenio como circunstancia esencial para a validez da constitución da Comisión Deliberadora, cuestión que reitera a expresada no artigo 87 cando considera lexitimados os sindicatos que conten cun mínimo do 10 por cento dos membros dos Comités de empresa ou Delegados de persoal no ámbito xeográfico e funcional a que se refira o Convenio. Está, polo tanto, o Estatuto dos traballadores referendando a necesidade de que os que negocien e cheguen a un acordo nun Convenio Colectivo sexan os realmente afectados polo seu ámbito de aplicación en proporción á implantación que poidan ter no sector, cuestión lóxica xa que, doutro modo, a colisión de xuros de parte dos negociadores pode enturbar a consecución do acordo ou producir efectos non desexados polos directamente interesados. Así mesmo a desproporción na composición da unidade de negociación podería incorrer na lesión do dereito de liberdade sindical da organización que pode ver minguada a súa representatividade en relación coa real, tal e como sinala a Sentenza do Tribunal Constitucional de data 24 de novembro de 1987: “...se se admite que o art. 28.1 da Constitución ampara a intervención das asociacións sindicais na negociación colectiva, e tense en conta que a participación desas organizacións nos convenios colectivos de eficacia xeral vén condicionada polo seu respaldo electoral, haberá que admitir tamén que a medición da representatividade dos distintos sindicatos concorrentes nunha negociación pode ter algunha incidencia no dereito á liberdade sindical. Así, do mesmo modo que a exclusión das negociacións dun sindicato lexitimado para participar nelas supón un atentado á liberdade sindical, como declarou este Tribunal na STC 73/1984, do 27 de xuño, a asignación dun menor número de representantes na comisión negociadora e a redución conseguinte da súa capacidade de acción dentro desta, como resultado dunha minoración inxustificada do índice de representatividade atribuído a un sindicato, podería cualificarse tamén como lesión do dereito recoñecido no art. 28.1 da Constitución” sinalando posteriormente que “a medida da representatividade condiciona a participación na comisión negociadora do convenio e a capacidade de actuación do sindicato, polo que incide na liberdade sindical”
Con esta premisa non pode admitirse o mantemento durante o proceso de negociación dunha situación, con defecto inicial ou que se viu modificada polo cambio das circunstancias de representatividade dos que forman parte como interlocutores no convenio, xa que equivalería a consolidar, ata a consecución do acordo, as capacidades de acción dos sindicatos distintas ás que deterían na realidade actual e, por iso, incidindo na liberdade sindical. Chégase á conclusión, polo tanto, de que, para manter a axeitada correlación entre a representación e a capacidade de negociación, é necesario acomodar a porcentaxe de participación á efectividade real de representación, cuestión perfectamente posible, aínda que supoña a redución de representatividade dalgún sindicato, tal e como recoñece a Sentenza do Tribunal Constitucional de data 24 de novembro de 1987 antes citada: “É evidente que en moitos casos a minoración da representatividade e da capacidade de obrar dun sindicato, ao igual que a súa exclusión da mesa de negociacións, pode estar xustificada, e que, se efectivamente se funda nun motivo xuridicamente aceptable, unha actuación dese tipo non supón lesión ningunha da liberdade sindical. Iso pon de manifesto que a diminución do número de representantes dun sindicato na comisión negociadora dun convenio colectivo, derivada dun reaxuste da cota representativa asignada a cada un dos participantes, só poderá cualificarse como lesiva da liberdade sindical se ten a súa orixe nunha decisión contraria á lei ou claramente arbitraria e inxustificada”
É preciso examinar agora se a posibilidade do reaxuste da proporcionalidade ten unha base consistente e obedece a unha clara necesidade de acomodación á representación real. A sinatura do Convenio do Grupo de Empresas Eroski afecta, como convenio de grupo de empresas, aos traballadores do grupo e, loxicamente, a negociación se levou a cabo polos seus representantes legais que constituíron a unidade de negociación pola parte social. En consecuencia, nin aos seus traballadores nin aos seus representantes lles afecta o Convenio Colectivo de Comercio de Alimentación da provincia da Coruña polo que, en principio, é incongruente, tanto a súa participación como tales na negociación, como a súa contabilización na proporcionalidade de representación dos traballadores afectados polo convenio e incluídos no seu ámbito de aplicación.
Chegados a este punto é preciso distinguir dúas situacións completamente distintas: por unha parte, a que se formula na negociación de convenios de ámbito distinto pero que, dun xeito directo ou supletorio, poden ambos os dous nalgún momento chegar a ser de aplicación. Es o caso contemplado no artigo 84 do Estatuto dos Traballadores que ampliou as posibilidades de concorrencia dos Convenios colectivos de ámbito superior á empresa correspondentes a distintos niveis ou circunscricións territoriais, ou o artigo 83.2 do estatuto polo que un Convenio colectivo de ámbito xeral pode establecer principios de complementariedade das diversas unidades de contratación, previndo a produción de baleiros de regulación mediante a fórmula de reservar o papel de dereito supletorio doutros Convenios. Neste caso a liña xurisprudencial considera a posibilidade legal de participación en dúas unidades de negociación (Entre outras, Sentenza do tribunal Supremo do 1 de outubro de 1998: “A participación destes en dúas negociacións responde á existencia efectiva de dous Convenios colectivos de distinto nivel, sen que a vixencia atenuada que implica a supletoriedade poida ter unha transcendencia na proporción representativa no banco social da comisión negociadora que o lexislador non previu”).
Outra situación é a que se produce cando non se contempla a posibilidade de afectación directa ou supletoria dun convenio traballadores afectados por un convenio de ámbito distinto. No caso presente, o asinado de Eroski é un convenio de grupo de empresa de ámbito supraprovincial e o que é obxecto de controversia, en canto á composición da comisión deliberadora, é un convenio de sector con ámbito provincial. Neste caso, a carencia da probabilidade de complementariedade ou supletoriedade supón a existencia de dereitos laborais diferenciados que, dada a coincidencia de desenvolvemento da actividade no ámbito provincial, pode provocar a posibilidade de xuros contrapostos que non deben deixarse á vontade das mesmas persoas na negociación, nin determinar a capacidade de decisión baseándose na suma dos dous colectivos representados.
Como consecuencia de todo o exposto, o criterio do árbitro inclínase pola consecución dunha representatividade real, axustada na súa proporcionalidade á verdadeira afectación concreta do ámbito do convenio, o que determina a exclusión na contabilización daqueles traballadores, os incluídos no ámbito de aplicación do Convenio do Grupo de Empresas Eroski, que non van ser afectados polas condicións laborais que se negocian no Convenio Colectivo de Comercio de Alimentación da provincia da Coruña.
Subscríbese, polo tanto, o criterio expresado na sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Castela e León do 26 de xullo de 2001 que, nun caso parecido ao presente, sinala: “Certamente que os preceptos citados, establecen que se atopan lexitimados para negociar os convenios colectivos, “os Sindicatos que conten cun mínimo do 10 por cento dos membros dos Comités de Empresa ou delegados de persoal no ámbito xeográfico e funcional ao que se refire o Convenio, pero tal requisito non o cumpre a Asociación recorrente, pois os 28 delegados con que conta na Provincia de León, non poden ser computados na súa totalidade, pois han de ser excluídos aqueles delegados que pertencen a determinadas empresas nas que interveñen na negociación de convenios colectivos desas empresas nos termos que se fixan no primeiro dos feitos probados, e iso é así, porque caso contrario terían unha dobre representatividade, dunha parte na empresa na que son delegados, e doutro no sector ou no ámbito funcional do convenio colectivo provincial das minas de León, no que non se integran aquelas empresas que teñen convenio colectivo propio, o que implica tamén que os delegados destas últimas negociarían un convenio do que non se atopan afectados, nin exercen representación ningunha de traballadores aos cales se pode incluír no ámbito funcional do tantas veces citado convenio colectivo de Minas de León”
En aras á seguridade xurídica e para evitar situacións reversibles estímase que debe tomarse como referencia, para a acomodación da proporcionalidade da representación, a data que confire validez e eficacia fronte a terceiros ao convenio colectivo do Grupo de Empresas Eroski de acordo co artigo 90 do Estatuto dos Traballadores.

Por todas as consideracións apuntadas dita a seguinte

RESOLUCIÓN

  Aos efectos do previsto nos artigos 87 e 88 do Estatuto dos Traballadores debe calcularse a porcentaxe de representatividade na parte social da Comisión negociadora do Convenio Colectivo de Comercio de Alimentación da provincia da Coruña computando os membros dos Comités de empresa ou Delegados de persoal afectados por este, excluíndo os representantes pertencentes ás empresas incluídas no ámbito de aplicación do Convenio Colectivo de Supermercados do Grupo Eroski no momento da publicación do devandito convenio.

O presente Laudo poderá ser impugnado ante a Xurisdición Social de acordo co punto 5 do artigo 24 do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflitos De Traballo.


Dado na Coruña a 7 de abril de 2006

O ÁRBITRO

Carlos Domenech de Aspe