ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 

-  Laudo 25/06

LAUDO ARBITRAL

José Mª Casas de Ron, designado árbitro en acta de compromiso de data 3 de maio de 2006, conforme ao artigo 20 do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflitos de Traballo (AGA), no conflito que afecta á empresa CORPORACIÓN ALIMENTARIA PEÑASANTA, S.A.(CAPSA), dirime a cuestión resolvendo a situación de litixio conforme ao presente laudo baseándose nos seguintes:

ANTECEDENTES

Primeiro.-En data 3 de maio de 2006, reunidos dunha parte D. Ramón Moraga Valseca e D. Francisco Cordero Castedo en representación de CAPSA e doutra D. Angel Fuenteseca Teijeiro (CIG), D. Patricio Martinez Otero (CIG), D. Manuel Pérez Mouriz (CIG), Dona Mª Inés Barreiro Rivas (CIG), D. Antonio Fernández López (CIG), D. Carlos Novo Lage (UGT) e D. Fernando Illan Ferreiro (UGT) acordan someterse a un procedemento de arbitraxe, recoñecéndose mutuamente lexitimados no procedemento, e designando como árbitro ao actuante. Ao devandito procedemento foille asignada a referencia AGA 25/06.

Segundo.- O presente procedemento prodúcese ao abeiro da cláusula primeira do Acordo de 7 de decembro de 2004, asinado entre as partes en proceso de mediación do AGA ante o mediador Benigno Sánchez García, que prevé un procedemento arbitral cando a empresa non acade voluntarios e sexa necesario para esta, conseguir como obxectivo traballar en sábado, baseándose en razóns de carácter produtivo.

Terceiro.- O trámite de audiencia ás partes, para os efectos de manifestar as súas alegacións ao árbitro, tivo lugar en data 3 de maio de 2006. Os participantes son as mesmas persoas que figuran na acta de compromiso arbitral, e ás que se fixo referencia no apartado primeiro destes antecedentes.

Cuarto.-A posición dos representantes da empresa resúmese no seguinte, recollido de xeito resumido: Desde o mes de abril de cada ano, por razóns preferentemente climáticas, estamos en período de máxima producción leiteira, por alta produtividade nas instalacións gandeiras, facendo a empresa para cumprir os seus compromisos un alto acopio de materia prima. Por razóns produtivas, necesita que a sección “Torre de leite en polvo” traballe o vindeiro sábado, día 6 de maio, adicándose á fabricación de leite seco ou leite en polvo. Por outra banda, existen excedentes na recollida de leite, que soamente poden ser adicados á fabricación deste tipo de leite en polvo, toda vez que o stockage de leite líquido (UHT ou tetrabrick) é moi abundante. A estes efectos, a empresa aporta gráficos que manifestan a suba de almacén por riba das medias habituais. A representación da empresa pon enfásis en que se trata dunha medida produtiva, toda vez que a producción de leite líquida é por ventas, mercado moi difícil pola competencia e polas características de caducidade do leite líquido, máis curta que o leite en polvo, provocándose que sexa necesario producir deste último, que ademáis pódese destinar ao mercado de aplicacións industriais. A empresa ten unha torre de leite en polvo en Asturias e outra en Lugo. Complementa estas cuestións sinalando que a producción UHT non está a tope senón ao 75%, por razóns de mercado e que os almacéns están ao máximo de capacidade. Estas son as razóns para ter que fabricar este producto, buscando as mellores marxes comerciais, pola necesidade de rendabilizar os seus activos, como mal menor,  pese aos maiores custos do persoal traballando en sábado.

Quinto.- A representación dos traballadores sinalan ao árbitro, en primeiro lugar, que a empresa non deu información, valorando que en realidade estamos ante razóns organizativas. Quere cambiar o producto, preguntándose nembargantes se hai en realidade exceso de producción. A causa que se alega non é produtiva senón organizativa, non xustificándose a medida por falta de información. Ademáis desto, na fábrica de Lugo hai normalidade produtiva, non sabendo a representación dos traballadores cantos litros de leite máis do normal hai na fábrica. O que sí existe é un problema comercial, debendo a empresa demandar máis traballo do departamento comercial. Tamén significa que na anterior arbitraxe, en procedemento similar, non considerou totalmente probadas as razóns produtivas alegadas, sinalando que, de autorizarse o traballo en sábado, non se corresponde a necesidade coa porcentaxe de producción que se incrementa (a estes efectos o árbitro pregunta á empresa cal sería esa porcentaxe, sinalando esta que sobre un 10%). A representación dos traballadores insiste en que a empresa non ofreceu datos de cantos litros a maiores hai sobre o nivel normal, e o que a empresa en definitiva quere é escoller o producto de fabricación. A estes efectos tamén sinala que traballouse recentemente en festivo sen comunicación ao comité de empresa e, sen embargo, non aceptou a empresa o ofrecemento deste comité para traballar o xoves 13 de abril deste ano.

Sexto.-  Oídas as partes, o árbitro explica a estas as características especiais do presente procedemento, dados os tempos establecidos no acordo de 7 de decembro de 2004,  entendendo que a labor arbitral debe de basearse na apreciación da causa alegada pola empresa e o seu encaixe no procedemento acordado polas partes.

Sétimo.- No presente procedemento o árbitro considera perfectamente garantidos os principios de audiencia, contradicción e igualdade, xa que as partes puideron explicar ante o árbitro diferenzas e motivos destas, alegando o que estimaban pertinente con contradicción entre as mesmas.

FUNDAMENTOS DA ARBITRAXE

Unha única cuestión ten que valorar o árbitro, que é se se dan as razóns produtivas que figuran no Acordo de 7 de decembro de 2004, ao fin de permitir unha modificación do calendario dentro do réxime previsto no convenio colectivo para o período 2003-2006. O árbitro constata as diferenzas entre as partes, toda vez que a empresa alega a necesidade de traballar un producto en sábado e a representación dos traballadores considera que esto é un cambio organizativo por cambio de producto.

A doutrina científica e a xurisprudencia máis sentada consideran, analizando por analoxía o sistema causal previsto no Estatuto dos Traballadores para as materias referidas aos despedimentos colectivos do artigo 51, para a mobilidade xeográfica do artigo 40 e para os despedimentos por causas obxectivas do artigo 52.c), que as causas produtivas refírense ás cuestións da empresa en relación cos productos fabricados, cos pedidos ou situación comercial, coas situacións de almacenaxe, stockage ou rotación de mercaderías, etc., cuestións que teñen que ver coa actividade da empresa, xeito e resultado produtivo. Asi mesmo, a xurisprudencia considera, por vontade do lexislador nas reformas laborais dos anos 1994 e 1997, que a labor de xuíces ou administración, e conseguintemente para os árbitros dos procedementos de solución extraxudicial de conflitos colectivos de traballo, non é tanto unha valoración da xestión da empresa, toda vez os amplísimos poderes de organización e dirección que a lei laboral recoñece aos empresarios, e así o recolle o árbitro Carlos Doménech na fundamentación dun laúdo nesta concreta materia, senón a apreciación concreta de se a causa alegada é xustamente económica, técnica, organizativa e produtiva, sen invadir o campo propio de xestión empresarial no que, como se decía, nin xuices nin árbitros deben entrar.

Segundo estas tesis, o árbitro no presente procedemento entende as reticencias dos representantes dos traballadores, baseadas na falta de información previa e na ausencia de precisión sobre o volumen produtivo diario e volumen de materia prima utilizada na producción en día ou semana tipo. Sen embargo, o marco establecido pola xurisprudencia para esta arbitraxe é determinante e claro, e desta maneira o árbitro non tén outra solución que concluir que estamos ante unha causa produtiva, elexindo unha das liñas de producción posibles, que no resto dos dias da semana está ao tope do seu rendemento, en uso do seu poder de organización e dirección, que son as razóns que alega a empresa, encaixadas na cláusula primeira do Acordo de 2004, estando vedado, entende este árbitro, a calquera instancia que coñeza nun procedemento nesta materia, valorar a opción empresarial elexida para a fabricación dun producto ou outro, polas razóns anteditas.

Pero tamén, entende este árbitro, que o procedemento establecido no acordo de 2004 ten que xestionarse de xeito distinto, non debendo admitirse un novo, sobre todo á vista de que existen sete posibilidades ao ano para traballar en sábado, que non garanta, previamente, que a representación dos traballadores tivo un perfecto e preciso coñecemento da realidade produtiva da empresa, para que xustamente poda valorarse previamente ao procedemento arbitral, a procedencia da petición empresarial ou, no seu caso, valorar na tramitación arbitral aquela petición.

De conformidade coas normas previstas no artigo 20 e seguintes do Acordo galego para a solución extraxudicial de conflictos colectivos de traballo(AGA), veño a ditar o seguinte laúdo, que ten esta

PARTE DISPOSITIVA

Autorízase á empresa Corporación Alimentaria Peñasanta, S.A. para o traballo na torre de leite en polvo o vindeiro sábado, día 6 de maio de 2006, ben entendido que queda fixada a obrigatoriedade no caso dunha nova petición empresarial de facilitar unha información completa e precisa do réxime produtivo do centro, información que haberá que acreditar tamén no caso dun novo procedemento arbitral en función do acordo de mediación de 7 de decembro de 2004.

O presente laudo poderá recorrerse ante a xurisdicción social nos termos establecidos no apartado 4º do artigo 24 do AGA.

Dado en Santiago de Compostela a 3 de maio de 2006.

O árbitro

José Mª Casas de Ron