ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 

-  Laudo 27/06

LAUDO ARBITRAL

José Mª Casas de Ron, designado árbitro en acta de compromiso de data 24 de maio de 2006, conforme ao artigo 20 do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflitos de Traballo (AGA), no conflito que afecta á empresa CORPORACIÓN ALIMENTARIA PEÑASANTA, S.A.(CAPSA), centro de traballo de Vilagarcía de Arousa, dirime a cuestión resolvendo a situación de litixio conforme ao presente laudo baseándose nos seguintes:

ANTECEDENTES

Primeiro.-En data 3 de maio de 2006, reunidos dunha parte D. Ramón Moraga Valseca, D. Diego Santos Tamayo e D. Pablo Pascual García en representación de CAPSA e doutra Dna. María E. García del Rio, D Valentín Fernández Currás, Dna. Teresa Grela Vilasánchez e Dna. Sandra Vázquez López en representación da UGT; D. Cesar García Balboa en representación de CC.OO.; e D. Manuel Danis Agra en representación da CIG, acordan someterse a un procedemento de arbitraxe, recoñecéndose mutuamente lexitimados no procedemento, e designando como árbitro ao actuante. Ao devandito procedemento foille asignada a referencia AGA 27/06.

Segundo.- O conflito ten como orixe a comunicación a doce traballadores do centro de traballo de Vilagarcía de Arousa, de escrito asinándolles unhas tarefas ou ordes de traballo, para a empresa conforme as potestades de organización do traballo, e nembargante, rexeitadas polos traballadores, ao considerar que se trata dunha modificación substancial de condicións de traballo, sen seguirse pola empresa, os procedementos establecidos a estes efectos no Estatuto dos Traballadores.

Terceiro.- O trámite de audiencia ás partes, para os efectos de manifestar as súas alegacións ao árbitro, tivo lugar en data 24 de maio de 2006. Os participantes son as mesmas persoas que figuran na acta de compromiso arbitral, e ás que se fixo referencia no apartado primeiro destes antecedentes.

Cuarto.-A posición dos representantes dos traballadores resúmese no seguinte, recollido de xeito resumido: esta novas tarefas asinadas a doce dos traballadores é unha modificación de condicións de traballo que afectan a tres seccións. Non é un simple cambio de traballo, senón que os traballadores van realizar funcións que non son propias da súa categoría por titulación, o tratarse de funcións analíticas do laboratorio, implicando un cambio de categoría. Creen que se trata de funcións cando menos de auxiliar de laboratorio. Significan que unicamente en determinados días (por exemplo en domingos) realizan análise pero en pequeno número comparativamente cos que fan na sección de laboratorio, intentando a empresa, que cousas que eran de laboratorio, agora se transfiran a estes doce operarios. Estas novas tarefas supoñen funcións que os traballadores nunca fixeron, invadindo as funcións de control de calidade do laboratorio. Así mesmo estas novas funcións van a provocar que poda sobrar persoal de laboratorio sobre todo na sección de análise físico - químicos. Así mesmo hai unha maior atribución de responsabilidade do persoal sen que aumente a categoría profesional e sen suba de salario. Rexeitan en definitiva a intención da empresa, rexeitándoa por modificación substancial, sinalando que son tarefas e funcións de laboratorio e que ademais provoca demasiada polivalencia para o persoal.

Quinto.- A representación da empresa sinala ao árbitro, en primeiro lugar, que se opón radicalmente a interpretación do representante dos traballadores. As cartas de comunicación sinalan que non hai modificación substancial, senón tarefas novas por a incorporación ao proceso produtivo dun novo equipo de traballo e métodos. As funcións non se ven alteradas para estas doce persoas, senón que hai tarefas novas pero non esenciais. A máquina introducida é unha mais do proceso, que non supón engadir nada substancial aos operarios, traballadores substancialmente diferentes do persoal de laboratorio. Sinala que as porcentaxes de tempo de traballo incorporado pola novo equipo e métodos é moi baixo. Así mesmo sinala que para un cadro de persoal no centro de traballo de 104 persoas o ser afectados doce, a modificación non debe ser considerada como colectiva pois ademais o art. 41 do ET fala de empresa e non de centro de traballo. Tecnicamente ademais considera a empresa que son análises fisioquímicos rutinarios, distintos dos bioquímicos mais complexos, para os cales non son necesarias titulacións específicas, o ser técnica que se adquire simplemente ca práctica, que emprega pouco tempo da xornada de traballo, e mais nesta última época en que existe menos saída de leite, que non se ve compensada como unha suba de produto concentrado. O centro de traballo non ten ocupación plena en ningunha das dúas quendas. Outros centros do sector teñen implantado estes procedementos dende fai 6 ou 7 anos, sistemas de autosuficiencia para o traballador, que implican dentro das categorías simples tarefas novas, sen engadir mais carga de traballo, que afecta a varios perfís de operarios, e sen que sexa modificación substancial ou colectiva.

Sexto.- O árbitro a fin de ditar laudo solicita determinadas informacións que se resumen nos seguintes puntos: os traballadores afectados son doce, oito afectados pola introdución da máquina de análise denominada Milkoskan (entre a sección de recepción e a de ultrafiltrado), e catro na sección de pesaxe de cubas. Están encadrados todos no grupo de persoal obreiro, sendo especialistas de segunda e primeira os das seccións de recepción e ultrafiltrado e de peóns especialistas os de pesaxe de cubas. As labores que veñen realizando poden delimitarse nas seguintes para as seccións correspondentes: os catro especialistas da sección de recepción pasteurizan, termirizan, lavan os silos, manexan chaves e válvulas reguladoras, tomas mostras de cisternas, analizan mostras, cargan e descargan todo con axuda dun proceso informático denominada SAP, do que por certo sinalan que tamén foi no seu momento unha modificación de tarefas. A maiores, a introdución da máquina Milkoskan referida, supón tomar unha mostra, quentala por baño a 40º, metela na máquina, comprobar o resultado e cubrir un parte, para actuar en función do resultado, modificando o fabricado no seu caso. Na sección de ultrafiltrado, os catro especialistas limpan tanques, cargan e descargan produto, manexan chaves a válvulas e utilizan tamén o sistema informático SAP, así mesmo toman mostras que se achegan o laboratorio. A maiores, utilizan a máquina Milkoskan referida, cun proceso idéntico o mais arriba descrito. Sinalan especificamente para estes traballadores, que a máquina esta a 70 m dos postos de traballo de ultrafiltrado. Por último, os catro peóns de pesado de cubas, limpan escaleiras, axudan o queixeiro, limpan cubas, baixadas, final de cubas, chans, e manexan chaves e válvulas para a baixada de pasta, baixo as instrucións do queixeiro e utilizando báscula na pesaxe.

Así mesmo o árbitro observa o dato fundamental, como é que o persoal viña facendo determinados análises, antes xa da introdución da máquina Milkoskan e novas tarefas e método. Neste senso facíanse análises ca utilización de pipeta e tubos de ensaio, coa axuda de preparados medindo acidez (acidímetro), e niveis de alcohol e antibiótico nos produtos. Estas labores teñen uns tempos que se incorporan a organización produtiva do traballo, podendo considerarse similares as introducidas, salvo na organización da súa cadencia.

Sétimo.- No presente procedemento o árbitro considera perfectamente garantidos os principios de audiencia, contradición e igualdade, xa que as partes puideron explicar ante o árbitro diferenzas e motivos destas, alegando o que estimaban pertinente con contradición entre as mesmas.

FUNDAMENTOS DA ARBITRAXE

A cuestión que expón o árbitro e determinar se as novas tarefas para os traballadores da sección de recepción, ultrafiltrado e pesaxe de cubas, significan unha modificación substancial e colectiva de condicións de traballo, e a subseguinte aplicación dos procedementos do art. 41 do ET. Nos apartados quinto e sexto descríbense as observacións que o árbitro incorpora ao presente laudo, a fin de poder valorar o traballo, as novas tarefas, e resolver no litixio plantexado.

A doutrina administrativa, e sobre todo xurisprudencial sobre a modificación substancial de condicións de traballo, contempla a necesidade duns presupostos obxectivos e substantivos relevantes, para poder considerar como substancial, ademais de colectiva a modificación. Por outra banda tamén son amplos os presupostos que conforman o poder de dirección, organizativo e de xestión dos empresarios. O árbitro estima que en base a funcións, que estes traballadores, do grupo de operarios especialistas de primeira e segunda e peóns especialistas, xa viñan realizando, en tarefas, que inclúen as de análise, non podamos falar de modificación substancial no senso técnico - xurídico, senón dunha nova organización, con maior polivalencia deste operarios, pola incorporación os seus postos de traballo de novas tarefas, se ben de contido parecido as que xa estaban incorporadas en algunha medida nas súas funcións, se ben con unha xestión diferente, que afectan a diversos estremos, incluíndo organización do tempo de traballo, circunstancias as que o árbitro vai referirse a continuación.

A empresa, de xeito normalizado, introduce todos aqueles aspectos organizativos necesarios nos seus plantexamentos de eficiencia e competitividade. A introdución dun novo método na pesaxe de cubas, e un novo equipo de traballo dentro das esixencias de análise de materias primas e produtos, teñen necesariamente que observarse como procedementos normais. Sen embargo, neste caso, danse situacións que convén analizar. En primeiro lugar unha necesidade de información a todos os traballadores destas novas tarefas que inflúen na organización do traballo e do tempo, e afectan a polivalencia dos operarios. Asemade, ao estar incardinadas as funcións de análise dentro do control de calidade, é mais necesario o seu traslado a estes operarios, dada a importancia desta función na empresa. Tamén, e como quedou posto de reflexo no trámite de audiencia de comparecencia das partes, convén solventar por un lado as preocupacións do persoal de laboratorio e por outro o traballo mais eficaz deste servizo. E todo elo, sen prexuízo, que, e non pode ser doutra forma, o árbitro recoñeza, por unha banda, que estamos ante un tema organizativo encaixado no poder de dirección, organización e xestión consubstancial aos empresarios, e por outro que estamos ante unha actividade empresarial tecnificada, que produce elementos de gran calidade e con uns niveis de esixencia alimentaria moi altos e por outra, con un alto nivel de xestión dos recursos humanos e sociais. Estas necesidades, a xuízo de árbitro, a pesares de non poder considerarse a modificación como substancial o abeiro do art. 41 do ET, requiren, e así o recomenda, un concerto cos representantes dos traballadores aos efectos da xestión social das implicacións que estas novas tarefas implican para o persoal afectado, concertación que ben pode artillarse a través dunha mesa específica.

De conformidade coas normas previstas no artigo 20 e seguintes do Acordo galego para a solución extraxudicial de conflitos colectivos de traballo(AGA), veño a ditar o seguinte laúdo, que ten esta

PARTE DISPOSITIVA

A inclusión das novas tarefas comunicadas os doce traballadores das seccións de recepción, ultrafiltrado e pesaxe de cubas da fábrica de Vilagarcía de Arousa da empresa Corporación Alimentaria Peñasanta SA, por escrito con data de 25 de abril de 2006 e con efectos de 25 de maio, non poden considerarse incluídas aos efectos do art. 41 da Lei do ET, aprobado por RD Lex. 1/95 de 24 de marzo. Sen prexuízo desto, requírese para que as consecuencias organizativas e de persoal, se traten de xeito concertado entre a representacións da empresa e traballadores, dentro das fórmulas de diálogo social en uso na empresa.

O presente laudo poderá recorrerse ante a xurisdición social nos termos establecidos no apartado 4º do artigo 24 do AGA.

Dado en Santiago de Compostela a 1 de xuño de 2006.

O árbitro

José Mª Casas de Ron