ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 

-  Laudo 33/06



LAUDO ARBITRAL

José Mª Casas de Ron, designado árbitro en acta de compromiso de data 12 de xuño de 2006, conforme ao artigo 20 do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflitos de Traballo (AGA), no conflito que afecta á empresa URBANOS DE OURENSE UTE, dirime a cuestión resolvendo a situación de litixio conforme ao presente laudo baseándose nos seguintes:

ANTECEDENTES

Primeiro.-En data 5 de xuño de 2006 constituíuse a mesa de mediación no conflito na negociación colectiva do convenio da empresa Urbanos de Ourense UTE, concesionaria do servizo de transportes urbanos de Ourense. Foi designado mediador o árbitro actuante, en virtude de acta de constitución de conciliación e arbitraxe da mesma data. Esta mesa de mediación mantivo reunións o día 5, 7 e 12 de xuño.

Segundo.- Na reunión seguida do día 12 de xuño na mesa de negociación conformada, por unha banda, por D. Edelmiro Fernández Reveiro, D. Rafael González Castro, D. Fidel Martínez González, D. Manuel Maneiro López, D. Francisco Javier Pérez Bravo e D. María de Miguel Pérez en representación da empresa, e por outra banda, D. José Luis Fernández Celis, D. José Camilo Bretaña Álvarez e D. Emilio Bahamonde López en representación da UGT; D. José Gómez Gómez, D. Antonio Álvarez Álvarez e D. Etelvino Blanco Rodríguez en representación da CIG; D. Camilo González Borrajo, D. Xosé Gómez Gómez en representación de CC.OO. e D. José Manuel Gómez Iglesias en representación do Grupo de Traballadores Independentes, ante o bloqueo na negociación dun punto relativo á incapacidade temporal, e á aplicación a mesma dunha cláusula de absentismo, a parte empresarial solicitou o acordo da parte social, para que a fixación dos límites de días de baixa por incapacidade temporal os efectos de ser incluído na citada cláusula de absentismo, se fixera a través dun laudo arbitral, nomeando a estes efectos árbitro ao mediador para o cal preguntaron pola súa aceptación.

Terceiro.- Aceptado o compromiso arbitral polo mediador, e constituída a correspondente acta de compromiso arbitral, o xa árbitro, para esta exclusiva cuestión, comunicou a todas as partes as condicións da arbitraxe, significando as mesmas que dada a súa participación en todo o procedemento de negociación, considerábase perfectamente informado das posicións das partes e dos termos da petición de arbitraxe.

Cuarto.- No presente procedemento o árbitro considera garantidos os principios de audiencia, contradición e igualdade, xa que as partes puideron explicar ante o árbitro diferenzas e motivos destas, alegando o que estimaban pertinente con contradición entre as mesmas.

FUNDAMENTOS DA ARBITRAXE

A cuestión a dirimir neste conflito de intereses é cal debe ser o límite de días de baixa a fin de establecer o indicativo ou ratio de absentismo ao fin de configurar unha cláusula de control do absentismo no artigo 19º do Convenio Colectivo da empresa, relativo a compensación en caso de baixa por accidente de traballo ou enfermidade.

As posicións das partes, que buscan de consenso unha mellora da situación da empresa nesta cuestión, establecéronse, despois de prolixas negociacións, nos seguintes días; pola representación da empresa, a partir do cuarto día de baixa, e por parte da representación dos traballadores, a partir do decimo quinto, baseándose ambas as dúas en variadas razóns. O árbitro ten que decidir fundamentándose en criterios de operatividade e equidade, e mantendo a utilizada e reiterada doutrina arbitral das derradeiras posicións das partes; é dicir, arbitrará en funcións dos últimos posicionamentos das partes en conflito. Ademais, considérase que ambas as dúas cuantificacións teñen razóns de sustento, pois o límite dos catro días sostense operativo por ser precisamente a partir deste día cando indispoñiblemente a baixa reporta prestación, e tamén a partir do décimo quinto día, por ser este cando a prestación por incapacidade temporal é a cargo da entidade xestora, mutua ou empresa colaboradora.

Estes son os termos da arbitraxe e de conformidade coas normas previstas no artigo 20 e seguintes do Acordo Galego para a solución extraxudicial de conflitos colectivos de traballo(AGA), veño a ditar o seguinte laúdo, que ten esta

PARTE DISPOSITIVA

O artigo 19 do Convenio Colectivo para o ano 2006 da empresa URBANOS DE OURENSE UTE, incorporará dentro do parágrafo relativo a cláusula de absentismo que, ao fin de calcular o indicativo ou ratio de absentismo interanual, se computarán as baixas a partires de mais de nove días.

O presente laudo poderá recorrerse ante a xurisdición social nos termos establecidos no apartado 4º do artigo 24 do AGA.

Dado en Ourense a 13 de xuño de 2006.


O árbitro


José Mª Casas de Ron