ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 

-  Laudo 57/06

LAUDO ARBITRAL


José Mª Casas de Ron, designado árbitro en acta de compromiso arbitral de data 18 de decembro de 2006 conforme ao art. 20 do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflictos de Traballo (AGA) no conflito que afecta a empresa SODEXHO ESPAÑA, SA, expediente referencia 57/06, con convocatoria de folga indefinida a partires do día 18 de decembro, dirime a cuestión resolvendo a situación de litixio conforme ao presente laudo baseándose no seguintes

ANTECEDENTES

As partes ante a situación de bloqueo no conflito que motivou convocatoria de folga indefinida a partir das 0 horas do día 18 de decembro, plantéxanse acudir a un procedemento extraxudicial de conflitos aceptado polas partes en expediente de promoción de conciliación e mediación de data 13 de decembro, nomeándose mediador ao árbitro que dita o seguinte laudo.

Constituida a mesa correspondente, en data 18 de decembro nas instalacións da Delegación da Consellería de Traballo de Ourense, asistindo por unha banda, D. José Riestra Ainsua e D. Pablo Matheu Lamuela, en representación da empresa SODEXHO ESPAÑA, SA, e de outra, D. Adriano Fernando Brito Ferreira, secretario local de CIG Valedoras; como representante da parte social e da traballadora Da. María Soledad Alonso García, as partes ante a situación referida, propoñen ao mediador, habilitalo como árbitro ao fin de ditar unha resolución dirimente nas cuestións que motivan as diferenzas como son as consecuencias do despedimento da traballadora Da. María Soledad Alonso García, situación de denuncias recíprocas entre a empresa e a parte social, decisión arbitral que solucionaría o conflito desconvocándose a folga.

As partes ilustran ao árbitro sobre a circunstancia existente de situación de folga sinalando a necesidade de fixar indemnización para o despedimento da citada traballadora, situación de denuncias efectuadas pola empresa ante a guardia civil do Barco de Valdeorras, denuncias efectuadas polo sindicato da CIG ante as instancias laborais, e a situación xeral de deterioro social que existe na empresa.


PROCEDEMENTO

O árbitro, a vista dos antecedentes anteriores considera que ten os datos para poder ditar a resolución laudal solicitada. Asimesmo, no presente procedemento, considera garantidos os principios que informan o mesmo, según a norma reguladora do acordo de solución extraxudicial de conflitos, ca audiencia ás partes, na cal de forma directa e contradictoria puideron manter as súas posicións e alegacións.

FUNDAMENTOS DA RESOLUCIÓN

A cuestión que se dirime é a propia dun conflito de intereses, no que en definitiva solicitase ao arbitro unha solución en xustiza nas cuestións que separan ás partes e que provocaron, tras o feito do despedimento a unha traballadora, folga, procedementos xudiciais, denuncias antes as forzas de seguridade, reclamacións ante os órganos laborais e un notable malestar  social entre a  dirección da empresa e os/as traballadores/as.

Parte tamén o árbitro da doutrina das últimas posicións, para o cal solicitou das propias partes na comparecenza determinación das mesmas. Está será a base da súa decisión non conflito de intereses no que atinxe as consecuencias do despedimento, e reclamacións recíprocas, decisión que serve para desconvocar a folga con efectos simultáneos a emisión desta resolución arbitral.

O árbitro, conforme ao procedemento establecido na Sección Terceira, artigos 20 e seguintes do Acordo Interprofesional Galego Sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflictos de Traballo, texto revisado, publicado no DOG de 4 de maio de 1995, dita o seguinte laudo ca seguinte parte dispositiva.

LAUDO

1.- A indemnización que se fixa polo despedimento da traballadora da empresa SODEXHO ESPAÑA, SA Da. María Soledad Alonso García e a consignada no seu día no Xulgado Decano do Social de Ourense.

2.- A empresas aboará á citada traballadora os salarios deixados de percibir dende a data 10 de outubro de 2006  o 18 de decembro de 2006 inclusive, e aplicándose asimesmo as correspondentes obrigas de seguridade social.

3.- A empresa desistirá das súas denuncias efectuadas ante garda civil do Barco de Valdeorras, e a parte social desistirá das interpostas ante os órganos laborais, todas elas referidas o conflito seguido.

4.- As partes renuncian ás accións xudiciais plantexadas e especificamente  ao xuizo sinalado para o día 20 de decembro ante o xulgado do social.

5.- A emisión do presente laudo pon fin ao conflito desde este mesmo día 18 de decembro de 2006.

O presente laudo poderá recorrerse ante a xurisdicción social nos termos establecidos no apartado 4 do art 24 do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflictos Colectivos de Traballo (AGA).


Ourense, 18 de decembro de 2006

O arbitro




José Mª Casas de Ron