ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 

-  Laudo 7/06

LAUDO ARBITRAL


José Mª Casas de Ron, designado árbitro en acta de compromiso arbitral de data 25 de xaneiro de 2006 conforme ao art. 20 do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflictos de Traballo (AGA) no conflicto que afecta á negociación do Convenio colectivo do sector da Sanidade privada da provincia de Ourense, dirime a cuestión resolvendo a situación de litixio conforme ao presente laudo baseándose no seguintes

ANTECEDENTES


1. En data 10 de xaneiro de 2006 as partes lexitimadas na negociación colectiva do primeiro convenio para o sector da Sanidade privada da provincia de Ourense, ante o atasco e complicacións xurdidas na citada negociación, decidiron acollerse ao procedemento de mediación establecido no AGA, nomeando para estes efectos mediador ao árbitro que subscribe.

2. En datas 10, 18 e 25 de xaneiro celebráronse as oportunas mesas de mediación, nas que, sen prexuízo de alcanzar acordos parciais en varias das materias obxecto de litixio, non se alcanzou un acordo global, dadas as diferencias nas materias estritamente salariais e ao condicionar a parte social o pacto total ao acordo na devandita materia salarial, decisivo pois, para estes efectos.

3. Na reunión celebrada o día 25 de xaneiro e ás 22 horas, a pesar dos avances producidos como se dixo, dadas as dificultades de concertación nas táboas salariais e nos efectos que sobre este contido se derivan do salario base e outros, o mediador propuxo ás partes ditar el mesmo unha proposta á mesa. As partes comunicaron ao mediador que preferían someterse a unha arbitraxe que afectase ás materias que a continuación se establecen, nomeando en acta ao efecto árbitro ao mediador actuante.

4. As materias sometidas a arbitraxe, sobre a base do texto último en negociación do convenio, son as seguintes:

- Ámbito temporal do convenio.
- Réxime de descansos en festivos e domingos.
- Horas extraordinarias.
- Gardas localizadas.
- Antigüidade.
- Pagas extraordinarias.
- Plus de traballo nocturno.
- Incapacidade temporal.
- Licencias retribuídas.
- Código de conducta.
- Incrementos salariais.

Estas son as materias propostas para a arbitraxe, resolvendo así as cuestións en negociación do convenio colectivo para incorporalas ao proxecto consensuado en data de inicio da mediación solicitada no seu día.

PROCEDEMENTO

1. No presente procedemento o árbitro considera perfectamente garantidos os principios de audiencia, contradicción e igualdade, dada as tres xuntanzas da comisión de mediación previas á decisión de sometemento arbitral de data 25 de xaneiro, e na que as partes puideron explicar ante o mediador, agora árbitro, diferencias e motivos destas, alegando o que estimaban pertinente, con contradicción entre partes.

2. O árbitro asume, como elementos propios da súa decisión dirimente, as últimas posicións das partes na mediación efectuada, na forma que foron comunicadas in voce polo actuante ás partes.

3. Interviñeron na mediación e na decisión de someterse ao procedemento arbitral, pola parte económica D. Fernando Fernández Marcuello, D. Carlos Rodríguez Mourís e Dna. Belén García Calvo, actuando como asesora Dna. María de Miguel Pérez. Pola parte social interviñeron D. Luis González González e Dna. Purificación Paradela Rodríguez de CC.OO., D. José Rodríguez Alonso de UGT, Dna. Julia Fernández Alonso de CSIF e D. Aser Díaz González da CIG.

4. A solución arbitral polas materias formuladas dítase en equidade, intentando atopar posición equilibrada entre as propostas empresariais e das representacións sindicais.

5. Respectaranse “ad personam” aquelas condicións máis beneficiosas que teña o traballador/a concedidas pola empresa, derivadas de pacto ou costume, coas salvidades previstas no artigo 6 do convenio relativo á compensación e absorción de condicións económicas, sen que en ningún caso poida existir minoración das percepcións salariais que en cómputo global veña gozando o traballador/a.

6. Para estes efectos, a parte dispositiva do laudo que a continuación se dita incorporarase ao texto do Convenio Colectivo para a Sanidade privada da provincia de Ourense.

O árbitro, conforme ao procedemento establecido na Sección Terceira, artigos 20 e seguintes do Acordo Interprofesional Galego Sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflictos de Traballo, texto revisado, publicado no DOG de 4 de maio de 1995, dita o seguinte laudo que como parte dispositiva incorporarase como redacción ou contido do Convenio, manténdose para estos efectos, no resto das cuestións, o texto do proxecto de convenio de data 2 de novembro de 2005, manexado polo árbitro e incorporado ao expediente de arbitraxe do AGA.

1. O presente convenio terá unha duración de dous anos, iniciando a súa vixencia o día 1 de xaneiro de 2006 e rematando o 31 de decembro de 2007. (Incorporarase ao artigo 4).

2. As empresas que pola súa natureza presten servicios continuados durante as 24 horas do día durante todo o ano, na organización de quendas de traballo, terán en conta a rotación destas e que ningún traballador/a, permanecerá en quenda de noite máis de 4 noites durante unha semana, salvo adscrición voluntaria. (Incorporarase como último parágrafo, apartado 1, ao artigo 14).

3. Festivos e domingos. Con carácter xeral e salvo cambio operado pola normativa vixente, quedan fixados 14 festivos ao ano. Cando a quenda de presencia física do traballador/a coincida en día festivo ou domingo, estes serán retribuídos segundo o establecido no Anexo II. Para estes efectos considéranse como quendas retribuídas as comprendidas entre as 22 horas do día anterior e as 22 horas do propio día festivo ou domingo.

Naqueles servizos, seccións ou departamentos que requiran a realización dunha xornada habitual, os festivos anuais e domingos serán repartidos conforme a quendas de traballo establecidas por sistemas rotatorios e alternos, agás para o persoal vinculado contractualmente a ditos días. En ningún caso os traballadores /as prestarán servizo mais de 9 festivos ao ano. (Incorporarase como apartado 3, ao artigo 14).

4. A realización das horas extraordinarias imprescindibles por razóns organizativas ou produtivas derivadas de necesidades do servizo por ausencias imprevistas, cambios de quendas e outras de carácter análogo. (Incorporarase como apartado b ao artigo 15).

5. Antigüidade. Os traballadores/as comprendidos dentro do ámbito de aplicación do presente convenio percibirán, como complemento persoal de antigüidade, un aumento periódico polo tempo de servicios prestados á mesma empresa. O devandito aumento consistirá no abono de 18 euros por cada trienio cumprido.

Os traballadores/as que na data de entrada en vigor do presente convenio viñesen percibindo o devandito complemento, manterán a devandita percepción, observando a retribución establecida no presente apartado para os trienios pendentes de cumprir (Incorporarase como artigo 19).

6. O denominado plus de asistencia incorpórase ao salario base, que se denomina salario base mensual.

7. Incapacidade temporal. As empresas complementarán ata o 100% do salario de convenio as prestacións económicas derivadas de accidente laboral ou enfermidade profesional, e nos casos de hospitalización. No caso de traballadoras beneficiarias do subsidio por risco durante o embarazo, a empresa complementará ata o 100% da base reguladora correspondente. (Incorporarase como artigo 24).

8. O artigo 20 do convenio terá en conta o apartado 6 deste contido dispositivo no concernente ao novo concepto de salario base mensual que incorpora salario base e plus de asistencia.

9. Os conceptos salariais relativos a plus festivos/domingos, plus gardas localizadas e plus de traballo nocturno, establécense no apartado correspondente a táboas salariais que se engade.

10. O código de conducta queda establecido do seguinte xeito:

O presente acordo sobre Código de Conducta laboral ten como fin o manteñemento dun ambiente laboral respetuoso coa normal convivencia, ordenación técnica e organización da empresa, así como a garantía e defensa dos dereitos e lexítimos intereses dos traballadores e empresarios.

A dirección da empresa poderá sancionar as accións ou omisións culpables dos traballadores/as que supoñan un incumprimento contractual dos seus deberes laborais, dacordo coa graduación das faltas que se establece nos artigos seguintes.

Corresponde á empresa, no uso da facultade de dirección, impoñer sancións nos  temos estipulados no presente acordo.

A sanción das faltas requirirá comunicación por escrito ao traballador, facendo constar a data e feitos que o motivaron. O mesmo tempo a empresa dará conta aos representantes legais dos traballadores de toda sanción por falta grave ou moi grave que se impoña.

Imposta a sanción, o cumprimento temporal da mesma poderase dilatar ata sesenta días despois da data da súa imposición.

Graduación das faltas
Toda falta cometida polos traballadores/as clasificarase en atención a súa transcendencia ou intención en: leve, grave ou moi grave.

Faltas leves
Consideraranse faltas leves as seguintes:
1. A impuntualidade no xustificada na entrada ou na saída do traballo de ata tres ocasións nun período dun mes.
2. A inasistencia inxustificada dun día ao traballo nun período dun mes.
3. Non notificar con carácter previo, ou no seu caso, dentro das 24 horas seguintes, a inasistencia ao traballo, salvo que se probe a imposibilidade de facelo.
4. O abandono do servicio ou do posto de traballo sen causa xustificada por períodos breves de tempo, se como consecuencia diso se ocasionase perxuizo dalgunha consideración nas persoas ou nas cousas.
5. Os deterioros leves na conservación ou mantemento dos equipos e material de traballo dos que  fose responsable.
6. A desatención ou falta de corrección no  trato co público.
7. Non comunicar á empresa os cambios de residencia ou domicilio, sempre que estes poidan ocasionar algún tipo de conflito ou perxuizo á empresa.
8. Non comunicar coa puntualidade debida os cambios experimentados na familia do traballador/a que teñan incidencia na Seguridade Social ou na Administración Tributaria.
9. Todas aquelas faltas que supoñan incumprimento de prescricións, ordes ou mandatos dun superior no exercicio regular das súas funcións que non comporte perxuizos para as persoas ou as cousas.
10. A inasistencia a cursos de formación teórica, práctica, dentro da xornada ordinaria de traballo, sen a debida xustificación.
11. Discutir cos compañeiros/as, ou clientes dentro da xornada de traballo.
12. A embriaguez  ou consumo de drogas non habitual no traballo.

Faltas graves
Se considerarán faltas graves as seguintes:

1. A impuntualidade non xustificada na entrada ou na saída do traballo en máis de tres ocasións no  período dun mes.
2. A inasistencia non xustificada ao traballo de dous a catro días, durante o período dun mes. Bastará unha soa falta cando esta afectara ao relevo dun compañeiro/a ou se, como consecuencia da inasistencia, ocasionárase perxuizo dalgunha consideración á empresa.
3. O falseamento ou omisión maliciosa dos datos que teñan incidencia tributaria na Seguridade Social.
4. Entregarse a xogos ou distraccións de calquera índole durante a xornada de traballo de maneira reiterada e causando, con elo, un perxuizo ao desenvolvemento laboral.
5. A desobediencia ás ordes ou mandatos das persoas de quen se dependa organicamente no  exercicio regular das funcións, sempre que elo ocasione ou teña unha transcendencia grave para as persoas ou as cousas.
6. A falta de aseo ou limpeza persoal que produza queixas xustificadas dos compañeiros de traballo e sempre que previamente mediara a oportuna advertencia por parte da empresa.
7. Suplantar a outro traballador/a, alterando os rexistros e controis de entrada ou saída ao traballo.
8.   A neglixencia ou desidia no traballo que afecte á boa marcha do mesmo, sempre que delo non se derive perxuizo grave para as persoas ou as cousas.
9. A realización, sen previo consentimento da empresa, de traballos particulares, durante a xornada de traballo, así como o emprego para usos propios ou alleos dos útiles, ferramentas, maquinaria ou vehículos da empresa, incluso fora da xornada de traballo.
10. A reincidencia na comisión de falta leve (excluída a puntualidade) aínda que sexa de distinta natureza, dentro dun trimestre e mediando sanción.
11. Calquera atentado contra a liberdade sexual dos traballadores/as que se manifeste en ofensas verbais ou físicas, falta de respeto á intimidade ou á dignidade das persoas.
12. A embriaguez ou consumo de drogas non habituais, se repercute negativamente no traballo ou constitúen un perxuizo ou perigo no nivel de protección da seguridade e saúde dos traballadores no   traballo.

Faltas moi graves
Se considerarán como faltas moi graves as seguintes:
1. A impuntualidade non xustificada na entrada ou na saída do traballo en máis de dez ocasións durante o período dun mes, ou ben máis de vinte nun ano.
2. A inasistencia ao traballo durante tres días consecutivos ou cinco alternos nun período dun mes.
3. O fraude, deslealdade ou abuso de confianza nas xestións encomendadas e o furto ou roubo, tanto aos  seus compañeiros/as de traballo como á empresa ou a calquera outra persoa dentro das dependencias da empresa, o durante o traballo en calquera outro lugar.
4. A simulación de enfermidade ou accidente. Entenderase que existe infracción laboral, cando encontrándose de baixa o traballador/a por calquera das causas sinaladas, realice traballos de calquera índole por conta propia ou allea. Tamén terá a consideración de falta moi grave toda manipulación efectuada para prolongar a baixa por accidente ou enfermidade.
5. O abandono do servizo ou posto de traballo sen causa xustificada aínda por breve tempo, se como  consecuencia do mesmo se ocasionase un perxuizo considerable á empresa ou aos compañeiros do traballo, puxese en perigo a seguridade ou fose causa de accidente.
6.     O quebrantamento ou violación de segredos de obrigada confidencialidade da empresa.
7. A realización de actividades que impliquen competencia desleal á empresa.
8. Á disminución voluntaria e continuada no rendemento do traballo normal ou pactado.
9. Os malos tratos de palabra ou obra, a falta de respeto e consideración aos seus superiores ou aos familiares destos, así como aos seus compañeiros/as de traballo, provedores e clientes da empresa.
10. A reincidencia en falta grave, aínda que sexa de distinta natureza, sempre que as faltas se cometan nun período de dous meses e fosen obxecto de sanción.
11. A desobediencia ás ords ou mandatos dos seus superiores en calquera materia de traballo, se implicase perxuizo notorio para a empresa ou os seus compañeiros/ras de traballo, salvo que sexan debidos ao abuso de autoridade.
12. Os atentados contra a liberdade sexual que se produzan aproveitándose dunha posición de superioridade laboral, ou se exerzan sobre persoas especialmente vulnerables pola situación persoal ou laboral.

Régimen de sancións.
As sancións máximas que poderán impoñerse pola comisión das faltas sinaladas son as seguintes:

a) Por faltas leves: Amoestación por escrito.

b) Por faltas graves:
? Amoestación por escrito.
? Suspensión de emprego e soldo de dous a vinte días.

c) Por faltas moi graves.
? Suspensión de emprego e soldo de vinteún a sesenta días.
? Despido.

Prescrición:
Dependendo da súa graduación, as faltas prescriben aos seguintes días:

?Faltas leves: dez días.
?Faltas graves: vinte días.
?Faltas moi graves: sesenta días.

A prescrición das faltas sinaladas empezará a contar a partir da data na que a empresa tivo coñecemento da súa comisión e, en todo caso, aos  seis meses de terse cometido.

11. Táboas salariais.

ANO 2006.
ANEXO I

CATEGORIAS PROFESIONAIS Salario base mensual
PERSOAL TECNICO SANITARIO
Médico Xeralista/Médico Especialista 907,13
Psicólogo 907,13
Farmacéutico, Odontólogo 907,13
Enfermeiro/a, Matronas 789,25
Fisioterapeuta, Logopeda 768,75
Técnico Especialista 686,75
Hixienista Dental, Dietista 686,75
PERSOAL SUBALTERNO SANITARIO
Auxiliar de Enfermería 615,00
Auxiliar Sanitario 615,00
Celador Sanitario 615,00
Axudante Odontología 615,00
Axudante Fisioterapia 615,00
CATEGORIAS PROFESIONAIS                                                               Salario base mensual
PERSOAL TECNICO NON SANITARIO
Director xestión/Director Administrativo 907,13
Ledtrado, Economista 907,13
Graduado Social 768,75
Traballador Social 768,75
Diplomado en Empresariales 768,75
Enxeñeiro Técnico en Informática de Xestión 779,00
PERSOAL ADMINISTRATIVO
Xefe de Sección Administrativo 686,75
Oficial Administrativo 686,75
Auxiliar Administrativo 615,00
Técnico de Documentación Clínica 681,63
PERSOAL DE SERVICIOS XERAIS
Xefe deAlmacén/Xefe de cocinga 681,63
Cociñeiro 609,88
Axudante Cociña 589,38
Recepcionista 584,25
Auxiliares de Servicios Xerais 599,63
PERSOAL DE OFICIOS VARIOS
Electricista, Mecánico, Carpinteiro, Fontaneiro,Calefactor, Albanel, Xardineiro, Conductor 625,25
Axudante, Peón 589,38
Vixiante Nocturno 599,63

ANEXO II: PLUS FESTIVOS/DOMINGOS

CATEGORIA PROFESIONAL PLUS FESTIVOS PLUS DOMINGOS
Médico 7 Euros/quenda 5 Euros/quenda
ATS 7 Euros/quenda 5 Euros/quenda
Persoal Técnico 7 Euros/quenda 5 Euros/quenda
Persoal Subalterno (auxiliar) 7 Euros/quenda 5 Euros/quenda
Persoal Oficios Varios 7 Euros/quenda 5 Euros/quenda

ANEXO III: PLUS GARDAS LOCALIZADAS

CATEGORIA PROFESIONAL PLUS
Enfermeiro/a 18 Euros/día
Persoal Técnico 16 Euros/día
Persoal Subalterno (auxiliar) 12 Euros/día
Persoal Oficios Varios 8 Euros/día

ANEXO IV: PLUS TRABALLO NOCTURNO

CATEGORIA PROFESIONAL PLUS
Enfermeiro/a Incremento 25% sobre Salario Base Mensual/diario
Persoal Subalterno (auxiliar) Incremento 25% sobre Salario Base Mensual/diario

ANO 2007

As táboas salariais correspondentes ao ano 2006 incrementaranse no IPC previsto polo Goberno máis un 1% con cláusula de revisión ao IPC real .

O presente laudo poderá recorrerse ante a xurisdicción social nos termos establecidos no apartado 4 do art 24 do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflictos Colectivos de Traballo (AGA).

Dado en Vigo,  a 26 de xaneiro de 2006.

O arbitro


José María Casas de Ron