ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 

-  Laudo 19/07


JOSE Mª CASAS DE RON, designado árbitro por acta de constitución de arbitraxe prevista no artigo 20 do Acordo Interprofesional Galego sobre procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflitos de Traballo (AGA) de data 2 de abril de 2007, no conflito xurdido sobre diferencias na negociación do Convenio Colectivo en diversas  cuestións que afectan a aspectos sustanciais do Convenio, resolve os asuntos plantexados ditando o seguinte laudo, para o que se acolle ó prazo excepcional fixado no artigo 24 do AGA, baseándose nos seguintes

ANTECEDENTES

Primeiro.- En data 2 de abril de 2007, constituíuse a mesa ante o árbitro designado no procedemento, da que forman parte, por unha banda a representación empresarial integrada por D. Manuel Martínez Sasía e D. Jesús Lemos Giraldez, en representación da Corporación de Prácticos del Puerto y Ría de Vigo, SL. E por outra banda a representación sindical integrada por D. Manuel Alvariña Calvar e D. Jorge Barcia Aparicio, en representación dos traballadores; e D. Luciano Villar González e D. Fernando Fonseca Malvido, en representación da central sindical CIG.

Segundo.- As cuestións que se plantexaban a arbitraxe son as diferencias que teñen as partes sobre retribucións, suba anual, pagas extraordinarias, valor/hora ordinaria, plus de actividade, tempo de traballo e vixencia do convenio colectivo da Corporación de Prácticos del Puerto de Vigo, SC, publicado no DOG de 22 de xuño de 2005.

Terceiro.- Aberta a sesión de comparecencia, o árbitro entende perfectamente garantidos os principios de igualdade e contradicción, e está totalmente informado das posicións das partes e das súas diferencias. Así mesmo comunica ás partes que, coñecidas as peticións e ofertas recíprocas, vai partir da doutrina das últimas posicións, para o cal solicitou das propias partes na comparecenza determinación das mesmas. Esta será a base da súa decisión no presente conflito.

A parte social fai entrega ó árbitro das dúas últimas ofertas datadas o 6 de novembro de 2006, nas que fan referencia á suba salarial, xornada de traballo, horas extraordinarias, e cálculo da hora normal. Poñen énfase na necesidade de regular a xornada ordinaria como outras empresas noutros portos, e ter unha plantilla suficiente ós efectos de distribución do traballo. A estes efectos, tamén solicitan establecer o importe do valor da hora normal no convenio colectivo, a fin de fixar as compensacións por horas de presencia en termos reais. Solicitan o establecemento das subas salariais na vixencia do convenio.

Pola parte empresarial matízanse as súas posicións, significando varias cousas principais: 1) que o tempo de traballo e o tempo de embarque no mar xa está corrixido en función dos coeficientes reductores existentes na Seguridade Social do mar; 2) que aumentou a plantilla; e 3) que a empresa, polas súas peculiaridades de prestación de servizos para a organización portuaria, necesita estabilidade, cun proxecto de regulación social a longo prazo. Estas son as premisas que se significan ó árbitro, sen prexuízo dunha maior pormenorización que se terá en conta a fin de establecer os presupostos dispositivos do presente laudo.

Pois  ben, os anteriores presupostos, contidos nos puntos precedentes, son os que serven ó árbitro a fin de decidir a solución neste conflito de interés derivado da negociación ordinaria do convenio colectivo nos aspectos materiais anteditos


FUNDAMENTOS DA RESOLUCIÓN

O primeiro que establece o árbitro é que a análise da negociación colectiva noutros portos (Bilbao, Algeciras, Gijón...) non aporta, en canto ás  posibles solucións arbitrais, outras cuestións que as meramente comparativas, dada a casuística de solución de cada realidad portuaria a estes efectos; polo cal  vai decidir en función das realidades empresariais e sociais que lle foron postas de manifesto na comparecencia celebrada.

Con respecto á vixencia do convenio, este árbitro entende que catro anos poden significar o período de estabilidade necesario en función da conxuntura e realidade portuaria e dos restantes presupostos materiais do convenio.

En canto á xornada, enténdese que unha xornada ordinaria de 1800 horas en cómputo anual é un módulo razoable para os patróns de embarcacións da practicaxe. Este módulo vese complementado coas horas de presencia, e deste xeito o cálculo total non se ve alterado salvo nunha porcentaxe de menos dun 4 % do tempo de traballo ordinario en función do trasvase de horas que se realiza no laudo, diminuíndo o módulo de horas ordinarias.

Por outra banda, parece claro que o árbitro, na proposta de solución arbitral, ten que acoller as últimas posicións das partes, toda vez que é un conflito de intereses e que as posicións últimas poden ser asumidas como elementos determinantes ós efectos de marcar a solución. Os presupostos, a estes efectos, son os seguintes. En primeiro lugar, o árbitro fixa o valor da hora ordinaria sumando os seguintes conceptos: a media do salario base de todas as categorías (excepto a de auxiliar administrativo), que dá un promedio de 984 €, máis o plus de actividade recollido no convenio vixente ata 2006, é dicir, 320,82 €, máis o plus de embarque (17,55 €); multiplica o total por 12 meses e divídeo entre 1800 horas; o cálculo reflexa un resultado de 8,81 €.

E, con respecto á xornada, entende que no sector, pola súa especificidade, ten que haber un módulo de xornada ordinaria e un módulo de xornada presencial. Sen prexuízo disto, hai que atopar un valor de referencia para a xornada presencial que compense o importante número de horas de traballo/presenciais que se fixan para a empresa. En terceiro lugar, e tamén nos termos económicos, establécese que a compensación directa por tempo de traballo, aínda sendo horas presenciais, teñen que incorporarse ás gratificacións extraordinarias, seguindo a técnica do anterior convenio; e por último nestas cuestións, fixar o incremento de suba, mantendo como técnica a xa recollida no convenio colectivo anterior. Tamén, con efectos económicos, procédese á revisión do denominado plus de actividade, mantendo igualmente a sistemática xa establecida, toda vez que as partes, nestes asuntos, non plantexaron alteracións ó anterior réxime. A estes efectos, o cálculo da hora ordinaria ó que se fixo referencia serve como módulo, nun procedemento que o árbitro entende axeitado, equilibrado e xusto.

O valor da hora ordinaria calcúlao o árbitro a fin de sentar o mesmo como unha das premisas que nos servirá de solución para fixar o denominado plus de actividade, establecido no convenio como compensación pola realización de traballo en réxime de quendas e horas de presencia. Calcúlase entón o plus de actividade, que retribúe, entre outros conceptos, as horas de presencia, multiplicando ese valor da hora ordinaria por 696 horas de presencia, e divídese entre 12 mensualidades, o que dá un importe de 510,98 €. Deste importe calcúlase a parte proporcional non consolidable, en relación coa recollida no anterior convenio de 92 €, e que importa un total de 146,53 €.

Con respecto ás gratificacións extraordinarias, este árbitro entende que, conforme á estructura establecida no artigo 34, deben incorporar a compensación ordinaria polas horas de presencia, constituída no denominado plus de actividade. A estes efectos, deberá incorporarse proporcionalmente o tempo traballado. Asimesmo deben incorporar o concepto compensatorio por útiles e prendas.

PARTE DISPOSITIVA

En base a todos os anteriores antecedentes, dítase o seguinte laudo, de conformidade coas normas previstas no art. 20 e seguintes do Acordo Galego para a Solución Extraxudicial de Conflitos Colectivos de Traballo:

1.- Período de vixencia do convenio: Establécese un período de vixencia do convenio colectivo para os anos 2007, 2008, 2009 e 2010, con efectos  económicos retroactivos dende o 01.01.07.

2.- Xornada: Establécese unha xornada ordinaria de 1800 horas en cómputo anual; así mesmo, para cubrir as especificidades do servizo de practicaxe, establécense 696 horas de presencia.

3.- Condicións económicas:

3.1- Sobre as táboas salariais vixentes ata o ano 2006, establécese unha subida do IPC real máis un punto en todos os conceptos salariais, e así sucesivamente en todos os anos de vixencia do convenio con respecto ó ano precedente, respetando o sistema do anterior convenio colectivo.

3.2.- As pagas extraordinarias incorporarán, conforme á redacción do antigo artigo 34 do convenio colectivo, no seu cómputo, o plus de actividade, e o concepto compensatorio por útiles e prendas.

3.3.- Plus de actividade: fíxase como compensación, idéntica para todas as categorías, a cantidade de 510,98 € mensuais, dos que 146,53 € non son consolidables.

O presente laudo poderá recorrerse ante a xurisdicción social nos termos establecidos no apartado 5º do artigo 24 do AGA.

Dado en Vigo, a 8 de maio de 2007

O árbitro




José Mª Casas de Ron