ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 

-  Laudo 31/07


                                           LAUDO ARBITRAL




CARLOS DOMENECH DE ASPE, designado árbitro baseándose no establecido no Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflitos de Traballo (AGA), no conflito suscitado pola representación dos traballadores da empresa AUTORIDADE PORTUARIA DA CORUÑA (Expediente 31/07), visto o expediente e oídas as alegacións das partes, dita o presente

LAUDO

OBXECTO DA ARBITRAXE

Establecemento do criterio para o nomeamento dos cargos de Presidente e Secretario do Comité de Empresa da Autoridade Portuaria de A Coruña

ANTECEDENTES

O 30 de maio de 2007 celebráronse as eleccións sindicais na empresa Autoridade Portuaria de A Coruña obténdose os seguintes resultados:

COLEXIO TECNICOS COLEXIO ESPECIALISTAS TOTAL TOTAL
DELEGADOS VOTOS
VOTOS DELEGADOS VOTOS DELEGADOS
CIG 46 3 8 0 3 54
    UGT 42 2 12 1 3 54
   CCOO 49 3 2 0 3 51

O 14 de xuño de 2007 celébrase reunión entre as representacións de CCOO, UGT e CIG para proceder ao nomeamento dos cargos de presidente e secretario do comité de empresa, non alcanzándose acordo, polo que se decide solicitar do Consello Galego de Relacións Laborais unha arbitraxe para o establecemento dos criterios para o devandito nomeamento.

En data 19 de xuño de 2007 ten entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito subscrito polas tres centrais sindicais, CCOO, UGT e CIG, no que expresamente se expón:
"Solicitamos dese Consello Galego de Relacións Laborais unha arbitraxe con carácter urxente que estableza un criterio co fin de poder nomear os cargos de Presidente e Secretario deste órgano colexiado ".

En escritos de datas 22 e 25 de xuño de 2007 a Autoridade Portuaria manifesta a súa conformidade co procedemento promovido polo Comité de Empresa.

O árbitro convoca as partes, comparecendo en data 28 de xuño de 2007, expoñendo ao árbitro o punto de desacordo e formulando as alegacións que consideraron convenientes. Na devandita reunión chegouse ao seguinte acordo, asinado polas tres representacións:
"Reunidas as representacións das tres Centrais Sindicais (U.G.T., CC.OO. e C.I.G.) do Comité de Empresa da Autoridade Portuaria de A Coruña na comparecencia no seo do AGA ante o árbitro D.Carlos Doménech de Aspe, subscriben o seguinte Acordo:
O aprazamento do ditado do LAUDO ata a data do 6 de xullo de 2007 co propósito de chegar a un acordo na cuestión plantexada do nomeamento do Presidente e Secretario do Comité de Empresa. Transcorrida a devandita data sen acordo procederase ao ditado do LAUDO.
Pola súa parte CC.OO. manifesta que na segunda reunión do Comité de Empresa entendeu que se solicitaría un informe non vinculante e en ningún caso unha arbitraxe ".

Non chegándose a ningún acordo durante o período fixado, o árbitro reúnese en data 10 de xullo de 2007 cunha representación de cada unha das tres centrais sindicais expoñéndose as últimas posturas en relación co tema suscitado na arbitraxe.

CONSIDERACIÓNS E FUNDAMENTOS XURÍDICOS

A cuestión que se suscita na presente arbitraxe, determinada pola libre vontade das partes, contráese exclusivamente a determinar os criterios que deben aplicarse na elección dos cargos de Presidente e Secretario do Comité de Empresa, polo que, en principio, debe examinarse, dende un punto de vista legal, como se contempla este tema.

Tanto o artigo 66-2 do Estatuto dos Traballadores ("Os comités de empresa ou centro de traballo elixirán entre os seus membros un presidente e un secretario do comité...) como o artigo 7º do Regulamento de Funcionamento do Comité de Empresa da Autoridade Portuaria ("O Comité de Empresa elixirá entre os seus membros un Presidente e un Secretario"), refírense a este punto dun xeito xenérico, deixándoo unicamente á lóxica da votación, que, neste caso, producíndose na reunión do Comité de Empresa de data 12 de xuño, non permitiu obter unha maioría en ningunha das tres propostas presentadas.

Dada a falta de resultado efectivo na aplicación do criterio legal formal, é preciso acudir á racionalidade como inspiradora do fundamento para a determinación da composición dos cargos en debate.

E, chegados a este punto, o árbitro considera que, non sendo posible dilucidar a cuestión pola maioría de representantes dada a igualdade no seu número das tres centrais sindicais, haberá que acudir a outro parámetro, o número de votantes, o que deixa tamén a UGT e CIG en situación de igualdade (54 votos), sendo, polo tanto, estes dous sindicatos os que deben ostentar os cargos de presidente e secretario.

Mantendo estes criterios de racionalidade e igualdade e, non existindo outra circunstancia obxectiva que permita desfacer a igualdade entre estas dúas centrais sindicais, parece o máis axeitado repartir o tempo de mandato alternando e repartindo os cargos, o que plantexa o último problema que supón decidir a orde que debe gardarse ao ostentalos. Para atopar a solución non parece existir outro modo que a aplicación dun sorteo, fórmula que se emprega, nalgúns casos, no noso ordenamento legal e, en concreto, cando no artigo 71 do Estatuto dos Traballadores, ao decidir a repartición dos postos do comité de empresa, determínase que "se fosen iguais, a adxudicación será por sorteo ". Celebrado este en presenza das tres centrais sindicais na reunión do día 10 de xullo de 2007, deu como resultado que CIG desempeñase en primeiro lugar a presidencia e, loxicamente, UGT a secretaría, durante os dous primeiros anos de mandato para alternarse nos dous seguintes.

Por todas as consideracións apuntadas dita a seguinte


RESOLUCIÓN

A repartición dos cargos de presidente e secretario do comité de empresa da Autoridade portuaria de A Coruña debe realizarse do seguinte modo:
Debe ostentar a presidencia do comité aquel representante elixido como membro do comité que designe CIG durante os dous primeiros anos de mandato, correspondendo a designación da presidencia á central sindical UGT nos dous restantes.
Debe ostentar a secretaría do comité aquel representante elixido como membro do comité que designe a central sindical UGT durante os dous primeiros anos de mandato, correspondendo a designación da secretaría á central sindical CIG nos dous restantes.

O presente Laudo poderá ser impugnado ante a Xurisdición Social de acordo co punto 5 do artigo 24 do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflitos de Traballo.

Dado en A Coruña a 12 de xullo de 2007


                                                            O ÁRBITRO



                                                  Carlos Domenech de Aspe