ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 

-  Laudo 51/07


                                           LAUDO ARBITRAL




CARLOS DOMENECH DE ASPE, designado árbitro en acta de compromiso arbitral de data 3 de decembro de 2007 subscrita polas representacións da empresa e dos traballadores de TALHER S.A. (servizo de xardinería da Xunta de Galicia en Santiago de Compostela) baseándose no establecido no Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflitos de Traballo (AGA), visto o expediente e oídas as alegacións das partes, dita o presente

LAUDO

ANTECEDENTES


Convocadas as partes, comparecen en data 3 de setembro de 2007 na sede do Consello Galego de Relacións Laborais: D. Carlos García en representación da empresa e D. Anxo Noceda e Dª Mariluz Sestayo en representación da parte social, expoñendo ao árbitro o punto sometido a arbitraxe e formulando as alegacións que consideraron convenientes.
Fundamentalmente trátase neste procedemento de determinar a recompilación e sintetización dos distintos acordos existentes no ámbito do centro de traballo de TALHER S.A. (adscrito ao servizo de xardinería da Xunta de Galicia en Santiago de Compostela) como mellora no seu conxunto do Convenio Colectivo estatal de xardinería.



CONSIDERACIÓNS PREVIAS

Trátase dun conflito que, aínda contendo compoñentes xurídicos, pode ser cualificado como económico ou de intereses e, polo tanto, é necesario precisar que a liña divisoria entre as modalidades arbitrais, xurídica e de intereses, encóntrase no feito de que o árbitro de dereito resolve o litixio aplicando unha norma preexistente realizando unha actividade de subsunción do caso concreto no tipo legal en todo semellante á que levan a cabo os xuíces e Tribunais de xustiza, mentres que o árbitro de equidade decide a contenda mediante unha solución de oportunidade.
Por outra parte é claro que o árbitro debe cinguirse na súa decisión unicamente ao plantexamento formulado polas partes e ao que someteron como obxecto da súa decisión a través deste procedemento. "Caberá o recurso contra o laudo arbitral no caso de que non se observasen no desenvolvemento da actuación arbitral os requisitos e formalidades establecidos para o efecto, ou cando o laudo resolvese sobre puntos non sometidos á súa decisión ". (Artigo 91 do Estatuto dos Traballadores)
Pois ben, oídas as partes e tendo en conta o achegamento de cada unha das posturas en todos os puntos, estímase polo árbitro que as condicións laborais plantexadas na arbitraxe e tratadas na comparecencia deben ser as contidas no ditado da presente:


RESOLUCIÓN


Este Laudo ten por obxectivo a recompilación e  sintetización dos distintos acordos existentes no ámbito  do centro de traballo de TALHER (adscrito ao  servizo de xardinería da Xunta de Galicia en Santiago de Compostela) e que no seu conxunto  constitúen unha mellora do C. C. Estatal XARDINERÍA.

1º. - Ámbito funcional.

O presente laudo regulará a relación de traballo entre a empresa TALHER e os/as traballadores/as adscritos ao "Servizo de XARDINERÍA da Xunta de Galicia" en Santiago de Compostela.

2º. - Ámbito persoal.

Afecta a todos/as os/as traballadores/as que de presente ou futuro presten os seus servizos na empresa TALHER no "Servizo de XARDINERÍA da Xunta de Galicia" en
Santiago de Compostela, así como ás futuras empresas adxudicatarias deste "Servizo de Xardinería da Xunta de Galicia".

3º. - Vixencia e duración.

O presente laudo establecese cunha duración de caracter indefinida e no non establecido en acordos precedentes entrará en vigor na data do seu ditado; no establecido en acordos precedentes a súa entrada en vigor será a que se determine en cada un deles.


4º.- Estrutura Salarial:

4.1 – Será a establecida  no C.C. Estatal de Xardinería para cada categoría e por cada un dos conceptos que en virtude do mesmo corresponderan.

4.2-  A maiores do establecido no punto 4.1. do presente laudo establecese un “Plus Persoal” consolidábel, cotizábel e non absorbíbel en igual contía para todas as categorías e a percibir en todas e cada unha das mensualidades (incluídas as mensualidades correspondentes as pagas extras de verán e Nadal). Quedando establecido dito Plus para o ano 2007 na contía de 72,12 euros/mes e a partir do ano 2008, este inclusive, tendo que ser revisado e incrementado anualmente nunha porcentaxe igual ao IPC real do ano anterior. Este Plus a partir do 1 de xaneiro de 2008 pasarase a denominar “PLUS de ACORDO”.



5º.- Xornada Laboral: A xornada laboral será idéntica a que en cada momento desenvolva o persoal laboral da Xunta de Galicia, polo que, entre outras cuestións:

5.1. A Xornada laboral será de 37,5 horas semanais, a desenvolver de luns a venres a razón 7,5 horas diarias en xornada continuada de mañá.

5.2. Establécese un descanso dentro da xornada laboral de 30 minutos.

5.3. Establécense como festivos non recuperábeis os días 24 e 31 de decembro.

5.4. Todo o persoal desta contrata desfrutara das mesmas reducións horarias que a Xunta de Galiza estableza para o seu Persoal Laboral, entre outros, nos seguintes períodos do ano: Horario de Verán, Antroido, etc.

5.5. Os/as traballadores/as desta contrata desfrutaran do mesmo número de días de libre disposición ao ano que o Persoal Laboral da Xunta de Galicia.


6º.- Vacacións: Ademais do establecido no C.C. Estatal de Xardinería os/as traballadores/as desta contrata, ao igual que o establecido para o persoal laboral da Xunta de Galicia, terán dereito a desfrutar dun maior número de días de vacacións en función da seguinte escala:

-. O/A traballador/a con 15 anos de antigüidade no centro de traballo: 1 día mais de vacacións.
-. O/A traballador/a con 20 anos de antigüidade no centro de traballo: 2 días mais de vacacións.
-. O/A traballador/a con 25 anos de antigüidade no centro de traballo: 3 días mais de vacacións.
-. O/A traballador/a con 30 anos de antigüidade no centro de traballo: 4 días mais de vacacións.

7º.- No aquí non regulado estarase ao disposto no C.C. Estatal de Xardinería e demais lexislación vixente.

8º.-Cláusula Transitoria: Débese proceder á revisión das categorías profesionais existentes na Empresa segundo co seguinte método:

9.1. Seis traballadores/as, dos/as que actualmente ostentan a categoría de Auxiliares, promocionarán progresivamente á categoría profesional de Xardineiro/a de acordo cos seguintes prazos:

9.1.1. Con efectos do 1 de setembro do 2007 estableceranse dúas categorías de xardineiros/as distribuíndose mensualmente a contía económica correspondente a diferenza entre as mencionadas categorías (Auxiliar e Xardineiro/a) entre os/as seis traballadores/as a partes iguais.

9.1.2. No mes de xaneiro do ano 2008 estableceríanse 4 categorías de xardineiros/as  distribuíndose mensualmente a contía económica correspondente á diferenza entre as mencionadas categorías (Auxiliar e Xardineiro/a) entre os/as seis traballadores/as a partes iguais.

9.1.3. No mes de xullo do ano 2008 estableceríanse 6 categorías de xardineiros/as  polo que de maneira definitiva os/as 6 traballadores/as ascenderían á categoría profesional de xardineiro/a.


O presente Laudo poderá ser impugnado ante a Xurisdición Social de  acordo co punto 5 do artigo 24 do Acordo Interprofesional Galego sobre  Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflitos De Traballo.

Dado en Santiago de Compostela a 5 de decembro de 2007


                                                            O ÁRBITRO



Carlos Domenech de Aspe