ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 

-  Laudo 54/07

JOSE Mª CASAS DE RON, designado árbitro en acta de compromiso de data 10 de decembro de 2007, prevista no artigo 20 do Acordo Interprofesional Galego sobre procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflitos de Traballo (AGA), no conflito que afecta á empresa FRIGOLOURO, SA, dirime a cuestión resolvendo a situación de litixio conforme ó presente laudo, baseándose nos seguintes

ANTECEDENTES

Primeiro.- En data 10 de decembro de 2007, reunidos dunha parte D. Natalio Rodríguez, D. Aurelio López Lois e Dª Ana Moreno Lugrís, en representación da empresa antedita, e por outra D. Antonio Fernández Pexegueiro, en representación de Unos; D. Vicente Porto Pellón, D. José Fernández Sequieros, D. José Luis Osorio Fernández, D. Miguel Cabaleiro Fernández, D. José Doval Ucha, D. Jesús Barros Rodríguez, D. Angel Doval Miguel e D. Ricardo Rodríguez Pérez, en representación de SITF; D. Juan Antonio Lorenzo Soto, D. Victor Manuel Alonso Miguez e D. Miguel Román Caride, en representación de CCOO; D. Santiago Fernández Diaz, D. José Antonio Rodríguez Martínez, D. Avelino de los Angeles Lage, D. Evaristo Taboas Marquez e D. Juan Luis Fernández Olea, en representación de UGT; acordan someterse a un procedemento de arbitraxe, recoñecéndose mutuamente lexitimados no procedemento, e designando como árbitro ó actuante.

Segundo.- O conflicto ven dado pola interpretación do termo “programada” na acta de Acordo da Reunión Extraordinaria Comité Empresa, – Calendario Ano 2008 – Vacacións anuais, referido á segunda semana de vacacións para o ano 2008, tal como se reflicte na acta de data 5 de novembro de 2007.

Terceiro.- O trámite de audiencia ás partes, ós efectos de manifestar as súas alegacións ó árbitro, tivo lugar en data 10 de decembro do presente ano. Os participantes na xuntanza son, por parte da representación empresarial as mesmas persoas que figuran na acta de compromiso arbitral, e ás que se fixo referencia no apartado primeiro destes antecedentes. Faise constar que o día 5, pola situación de preaviso de folga, houbo unha xuntanza na que estivo representado o comité de folga por D. Juan Luis Fernández Ojea, D. José Antonio Rodríguez Martínez, D. Avelino de los Angeles Lage, D. Evaristo Táboas Márquez, todos eles de UGT; e D. Ignacio Couñago Lara e D. Ricardo González Goyanes, asesores da mesma central sindical; asistindo pola parte empresarial D. Natalio Rodríguez, D. Aurelio López e Dª Ana Moreno.

Cuarto.- Aberta a sesión, intervén a parte social significando en primeiro lugar a representación do STIF que o termo “programada” é a plasmación do que significa programación do calendario, e que é a expresión da liberdade do traballador para concertar as súas vacacións. Que esta programación da seguridade ás partes, prevendo menos posibilidades de equivocarse, evítanse trastornos os traballadores, e mellórase a organización. Esta solución é para o 2008 exclusivamente. Por último manifesta que éste é o parecer dos traballadores.

A representación de UGT manifesta que, o seu parecer, os traballadores non queren unha programación de 4 semans, senón que queren o anterior réxime, e que os días a máis do ano 2008, se incorporen o concepto de resto de días soltos, evitando así a imperatividade de programar unha semán máis do réxime de inverno. Entendía a representación de UGT vulnerado o dereito adquirido polos traballadores o establecemento do calendario vacacional de acordo o uso e costume da empresa; isto motivou a promoción pola UGT dunha convocatoria de folga, conflito resolto en sede administrativa na Delegación Provincial da Consellería de Traballo, polo compromiso de acudir o procedemento de arbitraxe do Acordo Galego para a Solución Extraxudicial de Conflictos Colectivos de Traballo (AGA). Este acordo está na orixe do presente procedemento, posteriormente asumido polas partes.

A representación de CCOO entende o plantexamento reflictido no anterior parágrafo, e estaría a que a 4ª semana estivera fora do calendario programado de vacacións, entendendo ademais que, dado que agora xa hai problemas, crearíanse outros.

Por parte da representación do sindicato UNOS, entende que máis dun 70% da plantilla ten aínda días sen disfrutar, e que é mellor que esté establecida unha programación, entendendo, por outra banda, que o que se recolle en determinados escritos deberían de conter toda a verdade e non as medias.

Pola parte da empresa, signifícase que se acata a decisión de 5 de novembro, como fruto dun acordo entre partes democrático, e cun órgano colexiado. Con respecto o termo “programación” entende que a designación das datas dentro dos periodos previstos, sendo o traballador quen protagoniza o acordo, que sempre foi así, e que a diferencia e que no ano 2008, por razóns de distribución de días hai máis horas, sempre a vista do artigo 49 do convenio colectivo, mecanismo que sempre funcionou. En ningún caso é lesivo, e é a organización mais acorde a realidade empresarial e social.

Nun segundo turno, a representaación do sindicato independiente do SITF non se amosa de acordo coa recollida de firmas, e que si fora un problema de firmas poderían presentar un escrito con máis de 400.

Deste xeito remata a sesión, explicando o árbitro cales son os criterios que empregará na súa resolución, que son os establecidos como criterios interpretativos no Código Civil, así como os criterios establecidos dos procedementos e as cuestións de índole laboral ou social.

Quinto.- No presente procedemento, o árbitro considera perfectamente garantidos os principios de audiencia, contradicción e igualdade, xa que as partes puideron explicar ante o árbitro diferencias e motivos destas, alegando o que estimaban pertinente, con contradicción entre as mesmas.

Sexto.- O árbitro solicitou como elementos documentais o réxime de vacacións dos anos 2005, 2006 e 2007, así como os partes de solicitude de turnos de vacacións referidos a ditos anos, así como os convenios colectivos correspondentes.


FUNDAMENTOS DA ARBITRAXE



A presente cuestión derívase dun plantexamento afectado pola interpretación dun concreto termo establecido na acta de acordo sobre o calendario de vacacións establecido en data 5 de novembro do ano 2007. Por circunstancias derivadas da producción, e a distribución de días festivos ou inhábiles o longo do ano 2008, a representación social e a empresa acadaron acordo relativo ó rexime de vacacións, que se plasma na acta da reunión extraordinaria do comité de empresa de 5 novembro de 2007. Nesta acta establécese que a programación de vacacións será “2 semanas de verano programadas + una semana de invierno programada (como en años anteriores) + una semana de invierno programada, (procedente de las horas sobrantes) + resto a días sueltos (8 días + 6 horas) (para el que quiera pueda programar una semana más fuera del calendario de vacaciones. Con opción a pedirlas juntas o separadas, y a enlazar las del verano con las del invierno) ... Esta programación será única y exclusivamente para el año 2008”.

Pois ben, a vista deste texto, indiscutido dende o punto da súa tramitación, procedemento e aprobación, o árbitro aplicará os criterios da interpretación que se deriva do propio sentido dos termos empregados, da sistemática da cláusula, e do encaixe lóxico da mesma, e todo conforme o sistema de fontes aplicables: acordo de vacacións, convenio colectivo, e o uso empresarial social relativo a esta materia  seguido en periodos anteriores. Da interpretación literal da cláusula, revélase como dato esencial o termo “más” cando se sinala “+ una semana más de invierno programada”; é indubitado para o árbitro que esta seman máis de inverno programada ten conexión directa coa outra seman de inverno programada, incorporada nos últimos anos de xeito normalizado. E decir, estamos ante un concepto organizativo coñecido e empregado, ó que se incorpora este ano outro pero exactamente do mesmo carácter. A interpretación sistemática da cláusula de vacacións reforza tamén esta tese, na súa propia redacción e no seu propio encaixe, pois sinala que o resto (de días a mais), se incorporan o cuarto concepto de días soltos (8 días + 6 horas), pero aclarando “para el que quiera pueda programar una semana más fuera del calendario de vacaciones”. É decir, o que o calendario prevé e establece é unha semana máis de inverno programada, que evidentemente procede das horas sobrantes, e establece  un cuarto concepto como se viña facendo, de días soltos, que para o ano 2008 incorpora un día máis, máis seis horas.

Esto é, a xuicio do árbitro, o que de xeito claro establece a cláusula de vacacións, cláusula titulada “programación de vacaciones”.

Complementario desta cuestión é que é un uso empresarial consolidado que a programación, sempre dentro das posibilidades organizativas, se estableza en torno a un concerto ou consenso que protagoniza o propio traballador coa súa propia preferencia por unhas determinadas datas. E isto non se modifica nin se debe modificar. O sistema de concertación, deberá seguir funcionando, polo que, para o establecemento da citada programación, en base as preferencias comunicadas polos propios traballadores, éstas se fagan do xeito ordinario e empregando os parámetros que as partes consolidaron polo paso do tempo e pola aplicación das súas propias normas concertadas.

Estos son, en definitiva, os criterios que se derivan da obrigada aplicación dos mecanismos de interpretación exisidos pola nosa lei, e que se derivan no laudo, conforme ó artigo 24 do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflictos Colectivos de Traballo, publicado no DOG do 4 de marzo de 1995, que ten a seguinte

PARTE DISPOSITIVA

O termo “programada” correspondente a “una semana + de invierno” da cláusula de “programación de vacaciones” do punto segundo de “propuestas para la programación de vacaciones de 2008” da acta de reunión extraordinaria de 5 de novembro de 2007, hai que entendela no mesmo sentido que a expresión empregada de programación para “la semana de invierno programada (como en años anteriores”, e sen perxuicio de que a distribución dos días se estableza na forma concertada ou consensuada, tendo en conta as preferencias dos traballadores e as necesidades de servicio por programación de actividade da empresa, e todo elo referido exclusivamente a programación dos citados periodos vacacionais no ano 2008.

O presente laudo poderá recorrerse ante a xurisdición social nos termos establecidos no apartado 5º do artigo 24 do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de conflictos Colectivos de Traballo (AGA).

Dado en Vigo, a 14 de decembro de 2007

O árbitro



José Mª Casas