ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 

-  Laudo 1/08

JOSÉ Ma CASAS DE RON, designado arbitro en acta de compromiso arbitral de data 24 de xaneiro de 2008, prevista no artigo 20 do Acordo Interprofesional Galego sobre procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflitos de Traballo (AGA), no confuto que afecta á empresa DORNIER, SA, dirime a cuestión resolvendo a situación de litixio conforme ó presente laudo, baseándose nos seguintes
ANTECEDENTES
Primeiro.- En data 24 de xaneiro de 2008, reunidos dunha banda Dª María Antón López, D. Alberto Baña Neira, e D. Francisco Matías Moyano, en representación da empresa antedita, e por outra D. Luis Cordovés Álvarez,  D. Carlos Landín Guillén e D. Julio Fernández Collazo, delegados de persoal, e D. Ignacio Alén Hermida, asesor xurídico da UGT, acordan someterse a un procedemento de arbitraxe, recoñecéndose mutuamente lexitimados no procedemento, e designando como árbitro ó actuante.
Segundo.- Toda vez a necesidade de efectuar un estudio e medición de tempos por un servizo independente ós efectos de solucionar na súa totalidade as discrepancias entre as partes, e consultado o Servicio de Solución de Conflitos, ditáronse dous laudos, un o presente e un o segundo unha vez efectuada a citada medición para aquela cuestión concreta.
Terceiro.- O conflito presente está motivado por discrepancias sobre as posibilidades de información dos representantes legais dos traballadores e a indeterminación de aplicación de determinados dereitos; determinación de zonas de traballo; realización de fotografías polo persoal de control; valoración das funcións de conductor-controlador con utilización de vehículos especiais; carácter e natureza dos posibles cambios organizativos.
Cuarto.- O trámite de audiencias as partes, os efectos de manifestar as súas alegacións ó arbitro, tivo lugar nesta mesma data. Os participantes son as que se fixo referencia no apartado primeiro destes antecedentes.
Quinto.- No presente procedemento, o arbitro considera perfectamente garantidos os principios de audiencia, contradición e igualdade, xa que as partes puideron explicar ante o arbitro diferenzas e motivos destas, alegando o que estimaban pertinente, con contradición entre estas.
Quinto.- O arbitro resolverá o conflicto tendo en conta a doutrina das derradeiras posicións das partes, nas materias suxeitas a arbitraxe, que son coincidentes coa relación da parte dispositiva deste laudo.
Sexto.- Quere o arbitro que quede constancia de que a parte dispositiva prevista nas 13 cláusulas do laudo arbitral de data 18.10.07, cumpriuse en todos os seus puntos, tal como quedou establecido neste trámite de comparecencia, agás a cuestión referida no punto 10° sobre tempos de desprazamento entre locais e inicio das zonas de traballo.
Sétimo.- As discrepancias entre as partes estriban nas diferentes posicións que sobre as cuestións organizativas referidas no punto terceiro manteñen as partes; é dicir, hai grave discrepancia sobre o funcionamento do conxunto de dereitos e de abrigas de empresa e traballadores recíprocamente, e tamén sobre o alcance das facultades de organización e dirección dos directivos da empresa. O arbitro neste punto comunicou as partes, a necesidade de ditar laudo en equidade, en función da dificultade obxectiva de compoñer o conflito de xeito distinto, e baseándose tamén nos parámetros fixados na anterior actuación no servizos de solucións de conflitos do Procedemento no que tamén interveu o actuante.
FUNDAMENTOS DA ARBITRAXE
Baseándose en todo o anterior, resolvo a cuestión formulada no conflito ditando o seguinte laudo, conforme ó artigo 24 do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflitos Colectivos de Traballo, publicado no DOG do 4 de marzo de 1995, que ten a seguinte
PARTE DISPOSITIVA
Primeiro.- Incorpórase como documentación laboral obrigatoria na empresa unha certificación documental de todos os trámites de entrega ou posta a disposición de información prevista no artigo 64 da Lei que aprobou o Estatuto dos Traballadores, e específicamente as referidas a posta a disposición das copias básicas dos contratos e os trámites referidos a rescisión laboral e finiquitos.
Segundo.- No caso de alteración da numeración das zonas de traballo dos controladores, ten que terse en conta por parte da empresa que os erros xustificados pola propia complexidade ou rotación da citada numeración, non poden ser obxecto do réxime disciplinario por estas mesmas razóns.
Terceiro.- Para o persoal controlador considérase correspondentes a súa función profesional a realización de fotografías polo medio dixital previsto, non sendo o número un elemento determinante a estes efectos, puidéndose realizar unha ou varias fotografías.
Cuarto.- Considérase que a introdución de funcións de condución para os traballadores controladores, que implica a utilización dun vehículo especializado ("multamovil"), debe ter a consideración de modificación sustancial de condicións de traballo, o abeiro do artigo 41 do RD Lexislativo 1/1995, de 24 de marzo, polo que se aprobou o Texto Refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores, e por conseguinte sendo necesario o trámite de negociación colectiva puntual no caso de introdución das novas funcións.
Quinto.- En relación coa consideración e natureza dos cambios organizativos, e consonte coa normativa xurídica e científica máis reiterada, ditos cambios viran determinados polas notas de laboralidade, e o seu carácter colectivo, debendo acreditarse a previa discrepancia grave entre as partes na súa implantación, conforme a argumentación establecida nos fundamentos deste laudo.
O presente laudo poderá recorrerse ante a xurisdición social nos termos establecidos no apartado 5° do artigo 24 do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflitos Colectivos de Traballo (AGA).
Dado en Vigo, a 28 de xaneiro de 2008

O arbitro

José Ma Casas de Ron