ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 

-  Laudo 26/08

LAUDO ARBITRAL

CARLOS DOMENECH DE ASPE, designado árbitro en acta de compromiso arbitral de data 16 de xuño de 2008 subscrita polas representacións da empresa e dos traballadores de VEICAR S.L. baseándose no establecido no Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflitos de Traballo (AGA), visto o expediente e oídas as alegacións das partes, dita o presente

        LAUDO
ANTECEDENTES

En data 2 de maio de 2008 solicitouse pola representación legal dos traballadores de VEICAR S.L. unha arbitraxe no seo do AGA que foi aceptado como mediación pola representación da empresa.
Efectuada a mediación en data 13 de maio de 2008, as partes, ante a falta de coincidencia nos puntos formulados, deciden buscar a solución someténdose a unha arbitraxe, remitindo a representación dos traballadores escrito de promoción de data 4 de xuño de 2008.
É necesario ampliar o prazo por imposibilidade de asistencia da empresa nas datas inmediatas e subscríbese compromiso arbitral en data 16 de xuño de 2008.
Na devandita data o árbitro mantén reunión coas partes debaténdose os puntos sometidos a arbitraxe. Solicítase de ambas as dúas representacións que fagan chegar ao árbitro un resumo das súas posturas e acheguen a argumentación e documentación en que se basean para mantelas.
Unha vez recibida a documentación e ante a necesidade de aclarar diversos puntos, o árbitro cita novamente ás partes co fin de manter unha reunión que se celebra o día 14 de xullo de 2008.
Nesta reunión debátense todas as cuestións formuladas e se poñen de manifesto o árbitro tanto os problemas que se formulan na interpretación do Convenio Colectivo como os que suscitan na práctica, expresando as partes as posibilidades de aplicación de distintas opcións.
A cuestión sometida a arbitraxe concrétase nos seguintes puntos recollidos literalmente da solicitude dos traballadores:

"1)- Artigo 11. Horas traballadas, horas extraordinarias e  sustitucións.
O comité opina que ás horas a compensar a causa das substitucións de traballadores poderán ser elexidas por estes con consentemento da empresa, baseándonos en que a modificación do horario anual asinado a finais de ano polos traballadores e a empresa soamente pode ser modificado por acordo entre as partes.
2)- O comité entende, que as horas que os xefes de servizo realizan fora do seu horario de traballo o ser requiridos para unha intervención, computarán como horas extraordinarias e deberán ser tratadas como tales sen poder ser restadas do débito anual ata as 1800.
3)- O noso entender a empresa non pode modificar de forma unilateral un horario asinado e aceptado por ambas partes a principio de ano.
4)- Os delegados de prevención deben ser compensados ca devolución das horas que empregaron no curso de prevención de riscos laboráis obrigado para as súas funcións.
5)- A empresa non pode facer cumprir as horas que falten os bombeiros e xefes de quenda ata as 1800 fora do horario anual, xa que o noso calendario é pechado e acordado empresa-traballadores.
6)- Solicitamos tamén que se aclare dunha vez, quen ten a obriga de arranxar todos os incumprimentos que teñen os parques en materia de prevención de riscos laboráis que aínda están por arranxar ".

As partes argumentaron a defensa das súas posturas e, nas reunións  mantidas, tiveron todas as garantías para ser oídas e formular as alegacións que estimaron pertinentes.

CONSIDERACIÓNS E FUNDAMENTOS XURÍDICOS

As cuestións presentadas refírense na súa maioría ao tratamento que deben  ter as horas que se realicen por distintos motivos, horas que o Convenio Colectivo denomina xenericamente como horas extraordinarias e que, en moitos casos, se realizan, por diferentes motivos, fora das sinaladas ordinariamente para cada traballador no calendario laboral.

É preciso, polo tanto, clarificar que os termos empregados na redacción do Convenio Colectivo para o tratamento das horas, segundo as circunstancias en que se realizan, crean certa confusión á hora de determinar a súa regulación.

Non hai dúbida de que "a duración da xornada de traballo será a pactada nos Convenios colectivos ou contratos de traballo" (artigo 34-1 do Estatuto dos Traballadores).

O artigo 35-1 do Estatuto dos Traballadores establece que "terán a consideración de horas extraordinarias aquelas horas de traballo que se realicen sobre a duración máxima da xornada ordinaria de traballo, fixada de acordo co artigo anterior"

O Convenio Colectivo recolle, no seu artigo 11: "Todos os traballadores terán que realizar ata un máximo de 1800 horas anuais de presenza nos seus postos de traballo co horario redactado no anexo.
A diferenza entre as 1800 horas/ano e as traballadas dos bombeiros e dos cabos segundo o horario, serán realizadas en emerxencias, reunións, formación ou outras actividades necesarias para realizar as funcións encomendadas.
Os Cabos adicarán un número de horas ó ano a realizar outras tarefas do seu cargo: reunións con dirección, programación de traballos, etc. Con cargo ata un máximo de 1800 horas/ano ".

Pola súa banda, o artigo 34-6 do Estatuto dos Traballadores determina que "anualmente se elaborará pola empresa o calendario laboral, debendo expoñerse un exemplar do mesmo nun lugar visible de cada centro de traballo". A fixación do calendario laboral corresponde, en principio, á empresa, sen outros límites que os establecidos legalmente respecto ao réxime de descansos, e a consulta previa aos representantes dos traballadores salvo que se autolimite esta facultade a través do mecanismo da negociación colectiva. En todo caso, a variación do calendario laboral deberá seguir, no caso de que afecte a condicións substanciais de traballo, o trámite establecido polo artigo 41 do Estatuto dos Traballadores.

A doutrina recollida, entre outras, na Sentenza do Tribunal Supremo, ditada en recurso de casación ordinario, con data 22 xullo 1995, establece:
  «Os conceptos de xornada, sexa diaria, mensual ou anual, e de horario son conceptos moi próximos e vinculados entre si, pero entre ambos é a xornada a que presenta unha maior relevancia e transcendencia, por canto que ela é a que determina nitidamente o número de horas que se han de traballar, dentro do lapso temporal de que se trate; o horario é unha consecuencia ou derivación da xornada, pois nel precísase o tempo exacto en que cada día se ha de prestar servizo, tendo sempre á vista e como norma a respectar a duración da xornada estatuída. Por conseguinte, no radio de acción en que se moven estes dous conceptos, hai, en principio, certa supeditación ou subordinación do horario á xornada. De ahí que, calquera disparidade ou diverxencia que entre eles xurda ao ser aplicados na realidade do tráfico xurídico, loxicamente ha de ser salvada e resolta de modo que prevaleza e se respecte a xornada establecida, aínda que para iso teñan que sufrir algunha modificación ou padecemento os horarios anteriormente marcados; só podería, en tales casos, manterse o predominio ou preferencia do horario sobre a xornada, se así se dispuxese en norma legal ou convida, ou así se estipulase no correspondente pacto...».

Todo isto leva á consideración de que, salvo a existencia dunha declaración xudicial de dereito adquirido a unha xornada inferior, o cómputo da duración máxima da xornada ordinaria está cifrado no Convenio Colectivo en 1.800 horas, polo que terán a consideración e tratamento de horas extraordinarias as que superen anualmente a devandita cifra.

Non obstante, en aras á solución da situación conflitiva que se xera na aplicación na práctica das horas que por distintos motivos teñen unha regulación específica no Convenio Colectivo e atendendo ás declaracións das partes naqueles puntos que poderían concretar o seu tratamento sen xerar discrepancias significativas na súa realización, o árbitro maniféstase, sen entrar en valoracións conceptuais, no que atinxe ao canle procedimental para a aplicación das prescricións contempladas no Convenio Colectivo.

Non se fai mención no fallo do laudo ao punto 6 xa que, ademáis da súa falta de concreción, é clara a responsabilidade legal dos cumprimentos en materia de prevención de riscos do empresario suxeito da relación laboral cos traballadores (artigos 14 e 15 da Lei de Prevención de Riscos Laborais)

En consecuencia, este árbitro por todas as consideracións apuntadas dita a seguinte

RESOLUCIÓN


1. As denominadas horas extraordinarias a que se refire, en xeral, o artigo 11 do Convenio rexeranse polas seguintes regras:
Elaborarase unha lista mensual dos traballadores que prefiren percibir o seu abono e aqueles cuxa preferencia sexa a da compensación por tempos de descanso. Esta lista realizaraa o Xefe de parque coa participación do representante dos traballadores.
A empresa decidirá nun prazo de unha semana desde a súa realización se opta pola compensación de horas ou polo seu abono en metálico.
No caso das horas realizadas para substitución por baixa dun compañeiro, a empresa debe manifestar a súa opción entre a compensación, cada unha equivalente a dúas horas de descanso, ou o abono dos 3 € no momento de solicitar ao traballador a súa realización.
No caso de optar a empresa pola compensación por tempos de descanso, o traballador elixirá a data de desfrute que deberá estar comprendida nos 4 meses posteriores á realización das horas, coas condicións e circunstancias que sinala o artigo 11. Nos casos de conflitos que se presenten entre as solicitudes dos traballadores, observarase a preferencia por orde rigorosa no tempo da solicitude.

2. Aos traballadores que se contrate, no seu caso, seranlle de aplicación todas as condicións laborais fixadas polo Convenio Colectivo, de acordo co artigo 2 do mesmo.

3. Terán a consideración de traballo efectivo as horas empregadas no desprazamento dende o centro de traballo e na realización do curso nos casos de formación en materia de prevención de riscos dos representantes dos traballadores.


O presente Laudo poderá ser impugnado ante a Xurisdición Social de acordo co punto 5 do artigo 24 do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflitos De Trabajo.


Dado en A Coruña a 16 de xullo de 2008



                                                            O ÁRBITRO




                                                 Carlos Domenech de Aspe