ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 

-  Laudo 41/08

LAUDO ARBITRAL

CARLOS DOMENECH DE ASPE, designado árbitro en acta de compromiso arbitral de data 9 de setembro de 2008 subscrita polas representacións da empresa e dos traballadores de INDUSAL RÍAS ALTAS S.A. baseándose no establecido no Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflitos de Traballo (AGA), visto o expediente e oídas as alegacións das partes, dita o presente

LAUDO

OBXECTO DA ABITRAXE

Aclarar o exceso de xornada en cómputo anual do cadro de persoal no ano 2007 determinando o número de horas e o seu importe.

ANTECEDENTES

A empresa comezou a súa actividade en abril de 2007 realizando os traballadores, a medida que se incorporaban á empresa, un calendario laboral que, a xuízo da súa representación, incluíu un exceso de horas sobre a xornada establecida no Convenio Colectivo.

Despois dun tempo de negociacións, no que se subscribiu un escrito no que se adquirían algúns compromisos (entroutros, a opción do traballador entre a compensación ou o pagamento das horas excedidas), non se chegou a acordo entre as partes na determinación concreta das horas que se superaron no cómputo anual durante ese período.

Ante ese desacordo decidíuse o sometemento da cuestión a arbitraxe subscribindo acta de compromiso arbitral en data 9 de setembro de 2008.

Nesa mesma data o árbitro reúne ás partes efectuándose diversos cálculos e manifestando as representacións da empresa e dos traballadores as razóns das súas posturas, chegándose a unha conclusión na fórmula e establecendo un período no que se deberían concretar, en virtude dela, as cantidades que correspondería a cada un dos traballadores, para despois, en caso de discrepancias concretas, sometelas á decisión do árbitro.

Se ben existiu coincidencia nalgúns puntos neste período, ao seu termo mantívose a discrepancia nunha parte do cálculo, polo que, unha vez comunicado ao árbitro o resultado, reuníu de novo ás partes en data 19 de novembro de 2008.

En síntese, as partes coinciden en que os días laborables durante o ano 2007, unha vez excluídos os festivos, domingos e vacacións, fosen 272 no caso de traballar todo o ano.

Non admite dúbida que o Convenio Colectivo establece un cómputo anual de 1.800 horas.

O cómputo do traballo efectivamente realizado por cada produtor é perfectamente comprobable.

A discrepancia xurdíu na fórmula que debería utilizarse para concretar as horas que, proporcionalmente ao tempo traballado por cada produtor, correspondería ter realizado en xornada ordinaria, para así, comparando coas efectivamente realizadas, determinar o posible exceso.


CONSIDERACIÓNS PREVIAS

Coñecidas as horas que efectivamente realizaron os traballadores, trátase de calcular aquelas que se deberían terse traballado de acordo coa xornada establecida no Convenio Colectivo en función do tempo no que cada traballador prestara servizos, para, unha vez restadas de aquelas, obter o resultado das que deben ser consideradas como exceso da xornada ordinaria e proceder ao seu abono ou compensación, segundo elección do traballador de acordo co pacto subscrito.

Iso lévanos á conclusión de que a cuestión estriba nunha proporción directa: se a 272 días lle corresponden 1800 horas, ao tempo de prestación de servizos correspóndelle proporcionalmente un número de horas.

É preciso determinar, polo tanto, como se calculan os días laborables que lle corresponden a cada traballador en función do tempo de prestación de servizos no ano 2007.

Unha primeira visión xeral levaríanos a establecer a proporción en función de que se a 365 días lle corresponden 272 laborables, ao número de días de prestación de servizos de cada traballador lle correspondería un número de días laborables proporcional, pero iso sufriría unha desviación en función dos festivos que puidesen coincidir con cada un dos períodos.

Máis exacto, e así o recoñeceron as partes, será calcular para cada traballador o número de días laborables que debería traballar como horas ordinarias, efectuando, concretamente no período que traballou cada un deles, o mesmo cálculo que se utiliza para determinar os días laborables do ano natural.

En consecuencia, este árbitro por todas as consideracións apuntadas dita a seguinte

RESOLUCIÓN

Para o cálculo dos días laborables e así determinar as horas que proporcionalmente debería ter traballado cada produtor, deberá aplicarse a seguinte fórmula:

Ao período natural de prestación de servizos de cada traballador, efectuando a regularización que corresponda en virtude da súa posible coincidencia coas vacacións, restaráselle o número de domingos e festivos que coinciden dentro dese período, así como os días que proporcionalmente lle correspóndan de desfrute de vacacións.


O presente Laudo poderá ser impugnado ante a Xurisdición Social de acordo co punto 5 do artigo 24 do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflitos de Traballo.



Dado en Santiago a 21 de novembro de 2008




                                                            O ÁRBITRO


Carlos Domenech de Aspe