ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 

-  Laudo 45/08

LAUDO ARBITRAL


CARLOS DOMENECH DE ASPE, designado árbitro en acta de compromiso arbitral de data 30 de setembro de 2008 subscrita pola representación da empresa CESPA S.A., membros da parte social do Tribunal das probas de ascenso para cubrir as prazas da subrogación na Planta de Clasificación do Complexo Medioambiental de Cerceda (SOGAMA) e representantes das centrais sindicais CIG e UGT baseándose no establecido no Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflitos de Traballo (AGA), visto o expediente e oídas as alegacións das partes, dita o presente

LAUDO

OBXECTO DA ARBITRAXE

Cuestións xurdidas na valoración da experiencia e antigüidade durante a celebración das probas de ascenso para cubrir as prazas da subrogación na Planta de Clasificación do Complexo Medioambiental de Cerceda.

ANTECEDENTES

Unha vez celebradas as probas establécese a puntuación que correspondeu a cada un dos aspirantes, elaborándose un listado coas puntuacións (Acta de puntuacions de data 19 de setembro de 2008), no que se atribúe 0 puntos no apartado correspondente á experiencia acreditada dentro do xeral de Idoneidade.
Na acta de puntuacions do 25 de setembro de 2008 faise constar:
“A parte social do tribunal dictamina que a decisión de elexir o sistema de valoración definitivo se someta a unha arbitraxe no seo do AGA, e que o tribunal se someta o dictamen do mesmo.
Da mesma maneira quere aclarar o sucedido o día das correcions dos exames e valoracions dos candidatos o valorar a experiencia pois a parte social quería valorar esta cuestión coa documentación que poseía nese momento e coa que xa se fixera a valoración da antigüedade, pero a parte empresarial determinou claramente entón que se valoraría a todo o mundo cun "0" o non presentar nada nadie para que se lle valorara este apartado. Por elo ambas partes concluiron con asignarlle un cero a todolos candidatos na valoración da experiencia.
A parte empresarial acordou dar cero puntos polas valoracións da experiencia e manifestou que se dese dous días á xente para que entregara a mesma, e non se chegou a un acordo nese sentido. En calquera caso, a parte empresarial entende que o prazo de cinco dias para reclamar posibilita que todo o mundo o poida facer e que poidan reclamar o que lles parezca reclamable. Entende que esa e precisamente a finalidade do prazo en si. Ademáis constata posteriormente que se presentan 33 reclamacións e que éstas deben ser resoltas.”

Ante a discrepancia xurdida, na acta do 26 de setembro de 2008 maniféstase que "a parte empresarial acepta a proposta da parte social do tribunal de someterse a unha mediación ou arbitraxe para decidir sobre as valoracións da experiencia e a antigüedade non proceso de selección, para o que se mandará un escrito o CGRL para que actúe de mediador.

Promóvese procedemento de arbitraxe ante o Consello Galego de Relacións Laborais, subscribíndose compromiso arbitral e celebrándose reunión en data 30 de setembro de 2008 na que, con presenza de dous representantes da empresa CESPA S.A., tres membros da parte social do Tribunal e representantes das centrais sindicais CIG e UGT, debátese o asunto presentado formulando as alegacións ao árbitro que consideraron convenientes e se lle achegou a documentación pertinente.


CONSIDERACIÓNS E FUNDAMENTOS XURÍDICOS

Polo que se refire ao primeiro punto sometido ao procedemento arbitral, a valoración da "experiencia acreditada" na puntuación das probas, é preciso efectuar dúas precisiones previas:
Tal e como se manifestou na reunión mantida co árbitro, a cuestión non afecta ao xeito de valorar a experiencia, no que non existe discrepancia, senón á decisión de valorala ou non para os efectos de establecer a puntuación final das probas neste caso concreto.
Por outra banda, é clara, en xeral, a necesidade de ter en conta a experiencia nos casos de promoción interna e control de ascensos, xa que tal circunstancia é contemplada no Regulamento que regula tales probas valorando, no seu punto 7.2, a idoneidade do seguinte xeito:

“Idoneidade- 20 puntos
Según as características do posto e categoría á que se aspira, e acadando cada un deles unha puntuación máxima de 10 puntos, teranse en conta os seguintes aspectos:
Experiencia acreditada nos traballos de categoría solicitada e acreditación da mesma….”

Así mesmo no "Acordo do Tribunal de selección en canto a sistema de valoración de candidatos", achegado na comparecencia das partes, regúlase especificamente no seu punto 5, que, aínda cos posibles erros que conteña, se transcribe literalmente a continuación:
“EXPERIENCIA ACREDITADA NOS TRABALLOS DE CATEGORÍA SOLlCITADA E ACREDITACIÓN DA MESMA
Por cada 329 días que o aspirante acredite no posto o que opta otorgaraselle un punto, sendo o máximo a acadar 10 puntos que se otorgarían con 3285 días (9 anos) de permanencia no posto. Os 9 anos de máximo veñen derivados de que é o tempo que mais ou menos leva a planta de Clasificación en marcha.
Así resultaría:
de 0 a 329 días 0 puntos
de 330 a 658 días 1 puntos
de 330 a 987 días 2 puntos
de 988 a 1316 días 3 puntos
de 1317 a 1645 días 4 puntos
de 1646 a 1974 días 5 puntos
de 1975 a 2303 días 6 puntos
de 2304 a 2632 días 7 puntos
de 22633 a 2961 días 8 puntos
de 2962 a 3285 días 9 puntos
Mais de 3285 días 10 puntos

Polo tanto, o problema céntrase en determinar se a carencia de acreditación no momento de efectuar a solicitude de participación nas probas, trae como consecuencia que esta circunstancia non sexa tida en conta á hora de efectuar as puntuacións.
E isto que, en principio, podería aceptarse como formulación lóxica, no razoamento de que non se pode puntuar aquelo do que non se ten constancia no momento de determinar a valoración, require algunhas reflexións:
Formalmente non se regula o momento procedimental no que debería acreditarse a experiencia podéndose crear unha confusión nos candidatos, xa que a solicitude, formulada nun modelo común, non considera tal circunstancia e tampouco foi posta de manifesto polo Tribunal, engadíndose a posibilidade da crenza de que este é un dato ao que o Tribunal podería doadamente acceder pola constancia desta circunstancia na empresa para a que prestan servizos. Iso motivou que se presentasen 33 reclamacións á lista de resultados, solicitando a incorporación a esta da puntuación correspondente a unha circunstancia contemplada expresamente na normativa que regula estas probas.

En consecuencia, para a decisión que se adopte, estase na alternativa de considerar como determinante a non achega da acreditación no momento da solicitude, o que levaría a resolver negativamente, ou permitir o cumprimento das prescricións consideradas no Regulamento citado e efectuar a valoración tal e como é preceptuado e obxectivamente máis axeitado á finalidade que nel se pretendía, atendendo á posibilidade de confusión que se puido xerar nos traballadores que participan neste proceso.
E esta opción positiva é a que ten en conta o árbitro inclinándose a evitar, ademais, a indefensión na que se puido facer incorrer aos candidatos, valorando así mesmo a necesidade de resolución das reclamacións formuladas.

Polo que se refire á antigüidade, non existe tampouco dúbida no preceptivo da súa valoración e como tal reflíctese no punto 7.3 do Regulamento de promoción interna e control de ascensos como criterio para a puntuación a "antigüedade que cada un dous aspirantes teña na Empresa".
A cuestión que se suscita estriba na antigüidade que debe ser tida en conta á hora de atribuír a puntuación por as distintas circunstancias contractuais que puideron concorrer na vida laboral do traballador e nas variadas situacións en que se atopara na prestación de servizos coa empresa.
E aquí, partindo de que a valoración debe efectuarse, tal e como recolle o Regulamento, en función da antigüidade na empresa, é a que no momento das probas tivese recoñecida por esta formalmente na documentación laboral (ex. últimos recibos de salario), independentemente das discrepancias que puidese haber e que, tratándose dunha posible controversia xurídica entre o traballador e a empresa de orixe, debería ser resolta previamente pola xurisdición social no caso de ser pertinente o cambio de data no recoñecemento da mesma.
Por todo iso e de acordo coas consideracións efectuadas dítase a seguinte:











RESOLUCIÓN


Deberán ser tidas en conta aos candidatos, na valoración das probas celebradas, as puntuacións correspondentes á experiencia acreditada e a antigüidade na empresa formalmente recoñecida por esta.

O presente Laudo poderá ser impugnado ante a Xurisdición Social de acordo co punto 5 do artigo 24 do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflitos de Traballo.



Dado en Santiago a dous de outubro de 2008




                                                             O ÁRBITRO





                                                 Carlos Domenech de  Aspe