ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 

-  Laudo 5/08

LAUDO ARBITRAL


CARLOS DOMENECH DE ASPE, designado árbitro en acta de compromiso arbitral de data 25 de febreiro de 2008 subscrita polas representacións da empresa e dos traballadores de JOSÉ LANTERO E HIJOS S.A. baseándose no establecido no Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflitos de Traballo (AGA), visto o expediente e oídas as alegacións das partes, dita o presente

LAUDO

OBXECTO DA ARBITRAXE

Situación das categorías profesionais nas máquinas troqueladoras rotativas.

ANTECEDENTES

O 9 de novembro de 2007, reunidas as representacións dos traballadores e da empresa José Lantero e Hijos, S.A., na mediación promovida no seo do AGA., as partes chegaron a un acordo, en relación coa implantación da cuarta quenda de traballo, que, no seu penúltimo parágrafo, establecía o seguinte:

"As partes asinantes do presente acordo adquiren o compromiso de estudar a situación das categorías profesionais nas máquinas troqueladoras rotativas, por ser estas as máquinas afectadas, nun prazo máximo dun mes, e en caso de desacordo, transcorrido o devandito prazo someterase a devandita cuestión a unha arbitraxe"

Mantidas conversas entre as dúas representacións, non se chegou a ningún acordo, polo que, en data 8 de febreiro de 2008, se solicitou ao Consello Galego de Relacións Laborais a arbitraxe prevista.

En data 25 de febreiro de 2008, o árbitro reúne ás partes, que manifestan os argumentos en apoio das súas posturas, e solicita a continuación a cada unha delas unha memoria escrita expoñendo as súas razóns e incorporando a documentación pertinente.

Remitida a documentación solicitada, por parte do Comité de Empresa, unha vez expostos os seus motivos, efectúa a proposta seguinte:

"Recoñecer e outorgar a todos os Equipos das tres troqueladoras  impresoras, Ward-1, Ward-2 e Göpfert, a categoría de Oficial-1ª para o posto de Xefe de Equipo. Recoñecer e outorgar a aqueles operarios que asumen temporalmente o posto de Xefe de Equipo, nas devanditas troqueladoras impresoras, como mínimo, a categoría de Oficial-2ª, por demostrar coñecementos abondos para o pleno manexo da máquina. Recoñecer e outorgar a todos os Equipos das tres troqueladoras impresoras, as categorías de Oficial-2ª  para os Operarios de Saída e de Oficial-3ª para os Operarios de Alimentación; por ser máquinas con iguais equipamentos e realizar os operarios as mesmas funcións.
Respectar o estipulado no CNAG para ascensos, en lugar de utilizar a figura da libre designación como pretende a Dirección. Respectar o que establece a Constitución Española e o Estatuto dos Traballadores sobre a non discriminación das persoas en función da súa ideoloxía.
Unha vez estean fixados os nove equipos de traballo destas máquinas, coas súas categorías e operarios encadrados neles, establecer os equipos que formen a nova 4ª Quenda nesas máquinas ".

Pola súa banda, a empresa expuxo os seus argumentos en contra das pretensións do Comité, sinalando no seu escrito que:

"A pesar de todo o anteriormente exposto a empresa propuxo á parte social as seguintes melloras:
-Suba de categoría de Oficial de 2ª a Oficial de 1ª para dúas persoas que estaban a ocupar o posto de maquinista nas últimas quendas creadas.
-Suba de categoría a Oficial de 3ª para os dous traballadores da empresa con categoría de auxiliar que se incorporaron á 4º quenda, en virtude dos prazos recollidos na proposta de creación da devandita quenda, detallada anteriormente e que se achega a este informe.
-Subida de categoría de Oficial 3ª a Oficial 2ª a outro traballador da empresa que presta os servizos na Ward 2, máquina na que está establecida a categoría de Oficial 2ª, en virtude dun acordo interno do 2003 dado que cumpriu os requisitos establecidos para a consolidación da categoría.
Proposta que non se aceptou e propiciou a necesidade da presente arbitraxe ".

A empresa, así mesmo, detalla a estrutura actual dos equipos de  traballadores nas máquinas troqueladoras rotativas:

WARD l: 9 traballadores, distribuídos en tres quendas de traballo.
1ª  quenda (mañá): 1 Oficial 1ª 1 Oficial 2ª e 1 auxiliar.
2ª  quenda (tarde): 1 Oficial 2ª, 1 Oficial 2ª e 1 auxiliar
3ª  quenda (noite):1 Oficial 1ª, 1 auxiliar e 1 auxiliar

WARD 2: 9 traballadores distribuídos en tres quendas de traballo.
1ª  quenda (mañá): 1 oficial 1ª, 1 oficial 3ª e 1 auxiliar*(i).
2ª  quenda (tarde): 1 Oficial 2ª, 1 Oficial 3ª e 1 auxiliar.
3ª  quenda (noite): 1 Oficial 1ª, 1 Oficial 3ª e 1 auxiliar

GOPFERT: 9 traballadores distribuídos en tres quendas.
1ª  quenda (mañá): 1 Oficial1ª, 1 Oficial 2ª e 1 auxiliar.
2ª  quenda (tarde): 1 Oficial1ª, 1 Oficial 2ª e 1 auxiliar
3º  quenda (noite): 1 Oficial 1ª, 1 auxiliar e 1 auxiliar* (ii)

(*) Con efectos de 1 de marzo de 2008, e en virtude do Acordo relativo á 4ª quenda, (i) na 1ª quenda da Ward 2, o traballador que desempeña o posto de saída (actualmente, auxiliar) consolidou a categoría de oficial 3ª; e (ii) na 3ª quenda da Göpfert, o auxiliar de alimentación consolidou tamén a de oficial 3ª.

CONSIDERACIÓNS E FUNDAMENTOS XURÍDICOS

Como consideracións previas á resolución do punto sometido a arbitraxe deben facerse as seguintes reflexións:

É preciso concretar o tema de fondo sometido á arbitraxe: as categorías que deben ostentar os traballadores que desempeñan as funcións correspondentes a determinados postos de traballo e, consecuentemente, as que corresponden a estes; cuestión que é necesario distinguir da asignación desas categorías a traballadores concretos.

En efecto, para a atribución de categorías superiores a traballadores determinados entran en xogo, entre outras, as normas sobre ascensos, promoción profesional etc., que, polo que se refire aos graos de oficialía, vén expresamente taxado no artigo 6.4.4., puntos 1, 2 e 3 do Convenio Colectivo e, por iso, a estas prescricións debe aterse a empresa. En consecuencia, non debe entrar o árbitro a xulgar a idoneidade ou prelación dun traballador ou outro para obter a praza convocada que dá lugar a ostentar a categoría superior e, moito menos, valorar nun caso concreto a posible contravención de normativa como a Constitución Española ou o Estatuto dos Traballadores.

Por outra banda, a realización de traballos de categoría superior, se ben supón un indicio da categoría que correspondería ao posto desempeñado, debe ser unha situación motivada exclusivamente por casos de necesidade e non con habitualidade, que, en todo caso, dá lugar á automaticidade de asignación da categoría cando se reúnen as condicións que prevé o artigo 6.6.3. c) do Convenio Colectivo. Tampouco debe levar á conclusión de que, se ben demostra a porcentaxe de coñecementos que contempla a norma para unha determinada categoría, salvo que o seu traballo o requira ou cumpra os requisitos antes sinalados, a categoría que debe corresponderlle é a que require a actividade que desempeña no seu posto habitual de traballo.

En conclusión, a cuestión sometida a arbitraxe contráese á determinación das categorías que corresponden aos postos de traballo das máquinas troqueladoras rotativas detallados polas partes, independentemente da aplicación que debe realizarse da normativa vixente sobre ascensos para os traballadores que, realizando eses traballos, teñen asignada unha categoría inferior.

Pois ben, entrando directamente no fondo do tema, os equipos que desempeñan o seu labor nas máquinas troqueladoras rotativas están compostos cada un por tres traballadores que, segundo a descrición da propia empresa, ostentan categorías distintas, polo que é preciso examinar a función que teñen atribuída e así determinar a que categoría pode corresponder.

En primeiro lugar, ademais do grao de coñecemento que se lle esixe como maquinista ou condutor de máquina, examinando a composición dos equipos, tal e como é descrita pola representación da empresa, á fronte destes atópase este traballador que debe exercer realmente a función de Xefe de Equipo e, para iso, de acordo coa definición que contén o Convenio Colectivo, artigo 6.1.2.4., esta condición osténtaa un Oficial de 1ª, categoría que vén avalada mesmo pola actuación da empresa en relación con estes traballadores: abono de retribucións de superior categoría, consolidacións e ata a realidade que mostra que todas as categorías nestes postos, agás 2, o son de Oficial 1ª, dándose a circunstancia de que a propia empresa propuxo nas negociacións a suba de categoría de Oficial 2ª a Oficial 1ª a dúas persoas que estaban a ocupar o posto de maquinista.

Polo que se refire aos operarios de saída, ademais da propia descrición de funcións e a substitución que poden facer do xefe de equipo, permite deducir que se lles require uns coñecementos que alcanzan a porcentaxe que se esixe para a súa consideración como Oficiais de 2ª e, se ben iso non determinaría automaticamente a consideración de consolidación desa categoría, existe unha asunción pola empresa de este feito plasmada nos acordos de 1999 e 2003, nos que se establece, nas máquinas obxecto da arbitraxe, a categoría de Oficial 2ª e é recoñecida pola propia empresa, á hora de retribuír este posto, como de categoría superior para os que ostentan categoría inferior. Non pode acollerse favorablemente o argumento da empresa de que "ese traballador cobrará a diferenza económica coa categoría superior, baseándose nese acordo, que establece esa categoría superior nesas máquinas á fixada no Convenio Nacional, que en calquera caso terá un tratamento individualizado" xa que o que aquí se está a tratar é a categoría que comporta ese posto e a que, consecuentemente, debe ostentar o traballador que habitualmente, e non en casos esporádicos de necesidade, o desempeña.

Por último, no que se refire aos operarios de alimentación, sen prexuízo da retribución que poida corresponderlle polo desempeño en ocasións de traballos de categoría superior, non se achegou polas partes argumento formal ningún en apoio da atribución dunha categoría superior á de Auxiliar, salvo a consideración subxectiva e dificilmente medible polo árbitro da porcentaxe de coñecementos, ou a referencia a unha operación concreta, a complexidade da cal non se acreditou, que non pode constituírse no elemento esencial para atribuír unha categoría no contexto da totalidade de funcións. A iso engádese a circunstancia de que non existe compromiso empresarial de recoñecemento desta categoría, polo que, neste caso, non existe argumento que poida servir de apoio á solicitude dos representantes dos traballadores, deixando a salvo a petición individual en demanda de clasificación profesional daqueles traballadores que consideren que o traballo que desempeñan, pola súa calidade ou duración, os fai acredores dunha categoría superior.

É preciso facer mención á situación que deu orixe á controversia agora suscitada, a constitución da 4ª quenda, para a que non existe xustificación ningunha operativa que motive un tratamento diferenciado co resto das quendas en relación cos seus postos de traballo, dadas as funcións que deben realizar os traballadores que a conforman. A posible transitoriedade desta quenda, alegada pola empresa e fixada no acordo nun máximo de 15 meses, non exclúe a consideración de que os traballos que nela se realizan corresponden ás mesmas categorías que nas demais quendas e, en consecuencia, deben operar as mesmas premisas de necesidade de ascensos aos que se destinen a ela con regularidade ou posibles consolidacións de categorías en situacións de necesidade esporádica da súa cobertura.

Polo tanto, e como conclusión das consideracións anteriores, as categorías que corresponden aos postos de traballo das quendas establecidas nas máquinas troqueladoras rotativas deben corresponderse con que o maquinista-condutor realiza funcións clasificadas como de Oficial 1ª, o operario de Saída as de Oficial 2ª e o operario de Alimentación as de Auxiliar.

En consecuencia, este árbitro por todas as consideracións apuntadas dita a seguinte

RESOLUCIÓN

Os equipos de traballadores que prestan os seus servizos nas máquinas troqueladoras rotativas deben estar cubertos coas categorías de Oficial 1ª, Oficial 2ª e Auxiliar, categorías que deben ostentar, polo menos, os traballadores que regularmente os conforman, sen prexuízo de que sexan aplicadas, cando as necesidades esporádicas o requiran, as prescricións retributivas e de consolidación que contempla o Convenio Colectivo e, en todo caso, a adaptación das categorías dos traballadores debe producirse, naqueles casos que sexa preciso, por consolidación da categoría ou por ascenso, conforme ao previsto normativamente.

O presente Laudo poderá ser impugnado ante a Xurisdición Social de acordo co punto 5 do artigo 24 do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflitos de Traballo.

Dado en A Coruña a 14 de marzo de 2008



                                                            O ÁRBITRO



                                                 Carlos Domenech de Aspe