ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 

-  Laudo 51/08

JOSE Mª CASAS DE RON, designado árbitro en acta de compromiso arbitral de data 14.07.08,  según o previsto no artigo 20 do Acordo Interprofesional Galego sobre procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflictos de Traballo (AGA), pola partes en conflicto na empresa Boteros Amarradores de Vigo, SL (Botamavi),  resolve as cuestión plantexada ditando o seguinte laudo, baseándose nos seguintes

ANTECEDENTES

Primeiro.- O artigo 9 do convenio colectivo da empresa Boteros Amarradores de Vigo, SL sinala que as discrepancias que poidan xurdir se someterán o procedemento de arbitraxe previsto no artigo 20 do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflictos de Traballo (AGA).

Segundo.- En data 14.07.08 asinouse o compromiso arbitral previsto no artigo 20 do AGA, sendo asinantes da mesma, por una banda, D. José M. García Vázquez e Dª Cristina Fernández Silva, asesorados por D. Camilo Castro Silva, por parte da empresa; e D. José Angel Rodríguez Diaz delegado de persoal, e D. Fernando Fonseca Malvido e D. Luciano Villar González, asesores da CIG. Nomease árbitro o asinante, ós efectos da determinación do cadro de persoal óptimo para as funcións de amarre/desamarre na empresa, no contexto da negociación colectiva e obrigas legais en tempo de traballo, descansos e conciliación da vida laboral e familiar.

Terceiro.- Na acta de constitución de arbitraxe difírese o inicio do  procedemento ata a data necesaria,  unha vez rematado o período estival, e na que ambas partes poidan achegar o árbitro as súas propostas, e diversa documentación que lle serviría para ter un coñecemento máis profundo do tema a tratar.

Cuarto.- A Inspección Provincial de Traballo e Seguridade Social tivo coñecemento dos turnos de traballo que se están a realizar na empresa, amosando a súa preocupación polo cumprimento da legalidade vixente en materia de descansos semanais e en días festivos fixados como mínimos pola normativa contida no Estatuto dos Traballadores, así como no regulamento sobre xornadas especiais de traballo.

Quinto.- Entregada polas partes a documentación a que se fixo referencia no antecedente segundo, estudiou o árbitro as circunstancias que se están a producir na empresa en canto a cadros horarios, cadrantes de persoal, turnos, etc., referida o periodo 2006-2008.


Sexto.- O árbitro entende perfectamente garantidos os principios de igualdade e contradicción, e considérase suficientemente ilustrado para solucionar o conflicto plantexado, dada a súa intervención no conflicto colectivo xurdido na negociación do convenio colectivo da empresa, na que foi nomeado mediador e no que se chegou a acordo con data 10.10.08, despois de varias reunións da mesa de conflicto.

Sétimo.- Efectuados os cálculos oportunos, chega a conclusión de que, coa plantilla que existe actualmente na empresa, 8 traballadores de mar e 14 amarradores de terra, tendo en conta a xornada estipulada no convenio colectivo, e o réximen de horas de presencia ou tempo de garda, é imposible cumprir co establecido nos artigos 34 e seguintes do RD Legislativo 1/1995, de 24 de marzo, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores, así como na Sección V do RD 1561/1995, de 21 de setembro, sobre xornadas especiais de traballo.

Octavo.- Os traballadores teñen fixado por lei un dereito o descanso de, como mínimo, día e medio semanal ininterrumpido, tal como se establece no artigo 37 do ET, en cumplimento dos parámetros do apartado 2 do artigo 40 da CE. Asimesmo existe unha regulación contida no artigo 34 da mesma norma legal, que fai referencia a duración máxima da xornada ordinaria, a distribución do tempo de traballo, e descanso mínimo entre xornadas. Asimesmo, no apartado 6 deste mesmo artigo se di que anualmente se elaborará pola empresa o calendario laboral. Pois ben, tendo en conta a lexislación meritada, o imprescindible convenio colectivo da empresa, e o propio prego de condicións, o árbitro, tamén inspector de traballo, observa a imposibilidade material de que, coa plantilla actual, poda a empresa cumprir coas esixencias legais mínimas en xornada ordinaria, aplicando por suposto o regulamento de xornadas especiais para a actividade, así como no imprescindible réxime de descanso semanal obrigatorio.

O árbitro, coa axuda e colaboración de persoal da propia Inspección Provincial de Traballo e Seguridade Social, observou e analisou detidamente a organización e os cadrantes de traballo da actividade, e conclúe con que é necesario un aporte de traballo superior o que se pode dispor cos medios actuais, polo que é necesario incrementar a plantilla, sendo éste por outra banda o motivo de discrepancia entre a parte empresarial e a representación dos traballadores, toda vez pola empresa non se poden incrementar, o seu xuizo, o persoal o non estar previsto no prego de condicións, e por outra banda os traballadores significan a necesidade de incrementar para poder obter así os seus dereitos sobre o tempo de traballo.

Noveno.- Visto o anterior, é necesario establecer que os dereitos dos traballadores que afecten a materias básicas do desenvolvemento da súa vida laboral, como é o tempo de traballo e descansos semanais mínimos, nas esixencias establecidas nas Leis e Regulamentos, e asemade nos convenios colectivos, son irrenunciables, non poidendo dispoñer os traballadores de tales dereitos recoñecidos, por ser indispoñibles. E esta argumentación definitiva para o árbitro sobre a base da comprobación material da citada imposibilidade organizativa e productiva da empresa con respecto a xornada de traballo e descanso semanal, para o cal a empresa e o ente concedente deberán ter en conta tales mínimos nos requisitos do cadro de persoal a fixar.


PARTE DISPOSITIVA

En base a todos os anteriores antecedentes, dítase o seguinte laudo, de conformidade coas normas previstas no art. 20 e seguintes do Acordo Galego para a Solución Extraxudicial de Conflitos Colectivos de Traballo:

UNICO.- O cadro de persoal da empresa Boteros Amarradores de Vigo, SL (Botamavi) ós efectos da plantilla mínima exisida, deberá  incrementarse, a partir del 01.01.09, en seis traballadores/as máis (dous de mar e catro de terra), como esixencia mínima, e por imperativo legal, para garantir o cumplimento das normas legais e regulamentarias sobre tempo de traballo e descansos mínimos, contidas no Estatuto dos Traballadores, aprobado por RD Legislativo 1/1995, de 24 de marzo, e na Lei 48/03, de 26 de novembro, sobre Portos de Interés Xeral, e o Regulamento sobre xornadas especiais de traballo aprobado por RD 1561/1995, de 21 de setembro, e asimesmo a Ley 39/99, de 5 de noviembre, para promover a conciliación da vida familiar e laboral das persoas traballadoras.

O presente laudo poderá recorrerse ante a xurisdicción social nos termos establecidos no apartado 5º do artigo 24 do AGA.

Vigo,  24 de outubro de 2008

O árbitro



José Mª Casas de Ron