ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 

-  Laudo 50/09

LAUDO ARBITRAL




CARLOS DOMENECH DE ASPE, designado árbitro en acta de compromiso arbitral de data 2 de setembro de 2009 subscrita polas representacións da empresa MEGASA SIDERURGICA S.L. e O COMITÉ DE EMPRESA baseándose no establecido no Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflitos de Traballo (AGA), visto o expediente e oidas as alegacións das partes, dita o presente


                                                     LAUDO


ANTECEDENTES


O asunto sometido a arbitraxe concrétase, de acordo co compromiso arbitral subscrito polas partes, no seguinte:

"Ante a imposibilidade de chegar a un acordo na fixación dos Servizos de Mantemento e Seguridade para a xornada de folga convocada polo comité de empresa o día 6 dos correntes, tanto a Empresa como o Comité de Folga aceptan someterse ao procedemento de arbitraxe previsto nos artigos 25 e 26 do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflitos de Traballo, e así determinar a inclusión ou non do membro do comité de folga, D. Luís J. Rico Loureiro".

O árbitro convoca as partes, comparecendo en data 4 de setembro: D. Carlos Bascoy Amenedo, D. Vicente Rivas Lamas, D. Alejandro Sevilla Rodríguez e D. Antonio Trinquete Candales en representación do Comité de Folga e, en representación da parte económica, D. José Angel Lourido Pereiro, D. Carlos Gil Robles e D. Eduardo Piñera Bahamonde.

Na reunión efectuada coas partes debátese o tema formulado, argumentando cada unha delas as súas posturas.

Os membros do Comité de Folga expoñen que D. Luís J. Rico Loureiro, ao ser membro do Comité, non debe ser designado para formar parte dos Servizos de Mantemento e Seguridade nos que non estivo incluído en folgas anteriores.

Pola súa banda, a representación da empresa estima que, ao non existir incompatibilidade, debe ser incluído nos citados servizos pola función que desempeña e que lle coincide a súa quenda co día de folga sinalado. Presenta na comparecencia, en apoio do seu razoamento, Sentenza da Sala do Social do TSX de Galicia de data 30 de outubro de 2003 e Informe sobre o caso decidido na devandita sentenza


CONSIDERACIÓNS E FUNDAMENTOS


Non se cuestiona na presente arbitraxe nin a composición nin o número de traballadores que deben constituír os Servizos de Mantemento e Seguridade durante a xornada de folga. Limítase á determinación de se un traballador concreto debe ser incluído nestes, tal e como pretende a empresa.

O Tribunal Constitucional considerou inconstitucional a atribución exclusiva ao empresario da designación dos concretos traballadores que deben efectuar os devanditos servizos contida no R.D.Ley 17/1977 (art. 6.7 STC 11/1981, 8-4-1981), pois «na medida en que a designación feita unilateralmente polo empresario priva os traballadores designados dun dereito que é de carácter fundamental...», na súa designación debe participar tamén o comité de folga.

Por outra parte, non é cuestión sobre a que se deba manifestar o árbitro a compatibilidade ou incompatibilidade xenérica dos membros do Comité de Folga coa súa designación como compoñentes dos Servizos de Mantemento e Seguridade xa que non existe manifestación legal nun ou noutro sentido, polo que o criterio xudicial e os fundamentos da Sentenza do TSX de Galicia de 30 de outubro de 2003 deben ser respectados, tendo en conta, así mesmo, que o fallo se refire a un caso concreto cunhas circunstancias moi distintas, especificamente que os servizos foran pactados previamente co Comité de Folga no que se integraba o propio traballador afectado.

Polo tanto, corresponde ao árbitro determinar se o traballador debe ser incluído nos Servizos de Mantemento e Seguridade neste caso concreto e coas circunstancias específicas desta convocatoria de folga.

E, para iso, é preciso facer mención a esas circunstancias que foron postas de manifesto polas partes na comparecencia:

O traballador ostenta a categoría de "mecánico de rápida intervención", incluída como tal na relación de postos que forman parte dos servizos.

Existe outro traballador que realiza as mesmas funcións.

O traballador forma parte do Comité de Folga.

Nas convocatorias de folgas anteriores (10) non formou parte dos Servizos aínda que, en tres delas, lle correspondese a quenda, se ben a empresa fixo constar a súa non designación como concesión en aras a desbloquear a situación de oposición do Comité.

A folga, neste caso, ten un día de duración.

Tendo en conta o reflectido exprésanse os seguintes razoamentos:

Non existe necesidade de que sexa un determinado traballador, o membro do Comité de Folga, o que forme parte dos Servizos de Mantemento e Seguridade, xa que outro traballador da empresa pode desempeñar a mesma función e iso, aínda que limita o dereito de folga, non é contrario a este porque responde á fin constitucionalmente lexítimo de atender as necesidades de seguridade e mantemento (TCo 11/1981)

Neste caso a duración da folga (un día) e os precedentes anteriores avalan esta carencia de necesidade xa que, aínda que a empresa alega a súa concesión, reflicte a normalidade da situación mantida nos outros casos sen necesidade de acudir a este traballador concreto.

Os membros do Comité de Folga teñen encomendadas unhas funcións a desempeñar que, se ben poderían ser compatibles coa súa inclusión nos servizos, a posibilidade do seu exercicio debería ser mantida, se iso é posible, durante o desenvolvemento da folga, sen outras obrigas que poden ser asumidas por outros traballadores sen prexuízo ningún para a finalidade que se crearon.

As funcións do comité de folga serán as de «participar en cantas actuacións sindicais, administrativas ou xudiciais se realicen para a solución do conflito» (art. 5 RDley 17/1977); «negociar para chegar a un acordo» dende o aviso previo de folga e durante o seu desenvolvemento (art. 8 RDley 17/1977) e «garantir durante a folga a prestación dos servizos necesarios para a seguridade das persoas e das cousas, mantemento dos locais, maquinarias, instalacións, materias primas e calquera outra atención que fose precisa para a ulterior reanudación das tarefas da empresa» (art. 6.7 RDley 17/1977).

Non se aprecia, en consecuencia, a necesidade, para cumprir o fin previsto legalmente de mantemento e seguridade, de designar a este traballador concreto que, mentres persiste a folga, pode desenvolver as funcións que, como membro do Comité de Folga, lle corresponden.


Por todas as consideracións apuntadas dita a seguinte






RESOLUCIÓN

Na xornada de folga convocada para o día 6 de setembro de 2009, o traballador D. Luis J. Rico Loureiro, membro do Comité de Folga, non debe ser incluído nos Servizos de Mantemento e Seguridade.


O presente Laudo poderá ser impugnado ante a Xurisdición Social de acordo co punto 5 do artigo 24 do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflitos de Traballo.

Dado en A Coruña, a 4 de setembro de 2009


                                                 O ÁRBITRO





                                    
              Carlos Domenech de Aspe