ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 

-  Laudo 6/10


JOSE Mª CASAS DE RON, designado árbitro en acta de compromiso arbitral de data 18.01.10,  según o previsto no artigo 20 do Acordo Interprofesional Galego sobre procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflictos de Traballo (AGA), polas partes en conflicto na empresa Transporte Sanitario Pontevedra Norte, SL (TRANSA),  resolve as cuestión plantexada ditando o seguinte laudo, baseándose nos seguintes

ANTECEDENTES


Primeiro.- En data 18.01.10 asinouse o compromiso arbitral previsto no artigo 20 do AGA, sendo asinantes da mesma, por una banda, D. José Luis Montero Senra, por parte da empresa; e D. Alfonso Boullosa Costas, D. Francisco Antonio Muñoz Martínez, e D. José Rosales Barcia, delegados de persoal polas centrais sindicais UGT, CCOO e CIG, respectivamente. Nomease árbitro o asinante, ós efectos de someter a resolución arbitral a determinación, conforme o convenio colectivo vixente do sector de ambulancias da Comunidade Autónoma de Galicia, de cómo terá que computarse o exceso da xornada ordinaria laboral, ben como horas de presencia, ben como horas extraordinarias, referida o servicio 061.

Segundo.- O árbitro pediulle ás partes que, por escrito, presentasen as súas alegacións en defensa das súas respectivas posturas, trámite que realizaron todas as partes antes da xuntanza, celebrada o día 05.02.10, a que asistiron, ademáis dos asinantes do compromiso arbitral, o asesor sindical da CIG D. Xabier Aboi Pérez.

Terceiro.- Con motivo dos procesos negociadores seguidos na empresa, as partes comunicaron en varias ocasións o árbitro a súa petición de suspensión do procedemento pola posibilidade de chegar a acordo. O non ser así, díctase o presente laudo fora do prazo ordinario previsto no Acordo Galego para Solución Extraxudicial de Conflictos Colectivos de Traballo.

Cuarto.- O árbitro entende perfectamente garantidos os principios de igualdade e contradicción, e considérase suficientemente ilustrado para solucionar o conflicto plantexado nas xuntanzas celebradas o 18 de xaneiro, 5 de febreiro  e 13 de abril do ano en curso.

Quinto.- As posicións das partes pódense resumir do xeito seguinte: A empresa manifesta que todo traballador ten que ter traballado o termo do ano natural 1800 horas, e que, dadas as especiais características do servicio de ambulancias contratadas pola empresa para o servicio 061, que implica a existencia de horas de presencia, éstas non poden ter a consideración de tempo de traballo efectivo. O artigo 24 do Convenio determina un cómputo cuatrisemanal das horas de traballo efectivas (160) e horas máximas de presencia (50), sendo a final de ano cando se sabe si o traballador tivo ou non exceso de xornada, entendendo a empresa que as primeiras 650 horas que excedan das 1800 horas correspondería aboalas como de presencia e soamentes a partir de aquí aboar horas extraordinarias, que poderían ser compensadas, por acordo, con tempo de descanso. Ademáis, engade, o acordo asinado en Compostela o día 21 de febreiro de 2008 entre a Administración, empresa e comité de folga, en que se dí na súa cláusula 11 que a empresa pagará as horas de exceso de xornada a precio de hora de presencia, cando as autoridades competentes na materia a tratar dicten unha resolución para calquera empresa do sector do transporte sanitario de Galicia, a empresa pagará con efectos retroactivos do 1 de xaneiro de 2008, a diferenza favorable aos traballadores, caso de existir.

Por parte das representacións legais dos traballadores, e concretamente por parte da CIG, sinálase que o cálculo da xornada ordinaria e tempo de presencia se tería que facer en relación coa xornada anual de 1800 horas, e que terán consideración de horas extraordinarias, e como tal deberán aboarse aquelas horas que excedan da xornada ordinaria, que se establece en 12 horas e 10 minutos según o calendario laboral acordado coa empresa, xa “que estamos obrigados a realizar un exceso de xornada, o non poder deixar de atender os servizos que saen preto da nosa hora de saída e ter éstes consideración de Urxentes en tódolos casos”. Engade diversa documentación a estos efectos.

As representacións de UGT e CCOO, pola súa banda, sinalan que o calendario laboral, pactado e asinado o pasado 21 de decembro, establece para o ano 2010 unha xornada anual de 12 horas diarias de luns a domingo. A efectos de cálculo de horas traballadas, a xornada laboral componse de 8 horas de turno normal máis 4 horas denominadas de presencia. Os efectos de dilucidar qué é unha hora extraordinaria, o artigo 16 do vixente Convenio sinala que terán a consideración de hora extraordinaria as horas de traballo efectivo que superen a xornada ordinaria, manifestando que as horas extraordinarias non forman parte das 1800 horas de xornada laboral nin da suma das horas de presencia anuais. Do artigo 16 e do 15 e 24 do Convenio Colectivo, as horas que excedan a xornada ordinaria son horas extras, deducíndose que as horas de traballo ordinario están xa determinadas nun calendario anual e non poden considerarse horas de presencia porque non estamos a espera ou expectativa de servicio, senón que xa se está traballando e son horas de servicio efectivo.

Sexto.- Os efectos de solventar o conflicto, ó árbitro terá que apoiarse na regulación legal establecida na Directiva Comunitaria 93/104 relativa a  determinados aspectos de ordenación do tempo de traballo, a xurisprudencia comunitaria en diversos asuntos que logo se citarán, o acordo de 21.02.08, asinado en sede do SERGAS, e que puso fin o conflicto colectivo, o Convenio Colectivo para as empresas e traballadores/as de transporte de enfermos/as e accidentados/as en ambulancia na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG 12.02.10), así como a doctrina científica na materia, todo a vista da normativa legal contida no Estatuto dos Traballadores. Nestas cuestións colaborou co actuante a mediadora-árbitra do AGA do rexistro de Pontevedra Dª Verónica Martínez Barbero.

Asimesmo o árbitro ten en conta que estamos ante unha actividade configurada como un servicio os cidadáns, con concerto administrativo de atención sanitaria, que inclúe diversos supostos de traballo urxente e indispoñible. Por outra banda, considérase que a actividade está fora do ámbito de aplicación do Reglamento de xornadas especiais de traballo, contida no RD 1561/95, de 21 de setembro.

Séptimo.- Convén sentar, en primeiro lugar, algunhas premisas. En primeiro lugar, a xurisprudencia europea non contempla situacións ou categorías intermedias que diferencien períodos de traballo e períodos de descanso. Como consecuencia desto, tampouco se pode valorar o concepto de intensidade de traballo desempeñado a estes efectos. En principio, as horas de presencia a efectos do Convenio Colectivo deben de considerarse tempo de traballo na súa totalidade, tal como reitera a xurisprudencia comunitaria (asuntos SIMAP, JAEGER, PFEIFFER e outros). Posto esto en relación ca nosa regulación legal, é claro que a duración da xornada de traballo é a pactada no Convenio, cos límites establecidos no artigo 34 do Estatuto dos Traballadores, e a xornada anual de 1800 horas pactada no Convenio Colectivo non pode ser superior a que resulte de globalizar e proxectar no ano a duración semanal da xornada; é decir, ten que haber unha relación entre a xornada establecida en cómputo anual, e a súa proxección na semana de traballo. Do xogo dos preceptos legais do Estatuto dos Traballadores, infírese que se poden pactar xornadas en diferentes cómputos sempre que a suma das horas ordinarias e as de tempo complementario de traballo non excedan do límite da xornada máxima legal, sendo todas as horas a partir dese límite xa extraordinarias, regla que se contén no artigo 35.1 do Estatuto dos Traballadores, e que non é dispoñible para a negociación colectiva, sexa cal sexa a denominación que as partes poidan darlle, pois as cousas son o que son, con independencia de cómo se lles nomee.

O Convenio Colectivo sinala que a xornada de traballo para o persoal de movemento será de 1800 horas anuais. A súa distribución será de 40 horas semanais de traballo efectivo que se computarán como 160 horas cuatrisemanais de traballo efectivo máis 50 horas de presencia no mesmo período. Imos ver cales serían as consecuencias a estes efectos.

Polo tanto, dúas son as cuestións que entende o árbitro que se someten a súa consideración: unha, a valoración dos excesos de xornada sobre as prefixadas no Convenio e nos calendarios anuais; e, por outra banda, a consideración dos excesos de xornada cando o traballador está prestando servicio ordinario ambulancieiro, fora da base, toda vez o servicio especial que supón a actividade ambulancieira dentro da organización sanitaria.

Sobre a base de que a xurisprudencia non diferencia entre xornada ordinaria e tempo complementario de traballo, poderíamos incluír aquelas horas de presencia ou en expectativa de traballo, por outra banda o establecemento de límites indispoñibles polas partes na regulación normativa do Estatuto dos Traballadores con respecto a xornada e as horas extraordinarias contidas nos artigos 34 e 35, a propia dicción do Convenio colectivo na regulación da xornada a partir do artigo 24 do mesmo, e todo elo con un enfoque sistemático que ademais teña en conta as especiais características do servicio que se presta polos traballadores/as da empresa, implica que os excesos de xornada por motivos de servicio rematado o horario de traballo ordinario teñen que considerarse como horas extraordinarias pola doctrina que afecta as horas de presencia e porque, ademais, se continúa con unha actividade que, en ningún caso, ten que ver coa que se prevé na propia norma colectiva, de 50 horas máximas de presencia, horas en expectativa ou disponibilidade de traballo, seguíndose a regla xeral de que son horas extraordinarias as horas de traballo efectivo que superen a xornada ordinaria, xornada xa determinada en calendario.




En base a todos estos antecedentes, o árbitro entende que pode dictar unha resolución que resolva as dúbidas sobre o xeito en que debe computarse o exceso de xornada ordinaria laboral do persoal que presta servicios no 061.


PARTE DISPOSITIVA

Ós efectos de determinar a duración máxima semanal do tempo de traballo, establécese que as horas denominadas de presencia son horas de traballo efectivo, e que terán a consideración de horas extraordinarias cando a súa prestación conleve a superación dunha xornada de 40 horas semanais en cómputo anual;  asimesmo terán esta consideración cando se supere a xornada anual de 1800 horas regulada no Convenio Colectivo, debendo ser retribuídas, en consecuencia, como horas extraordinarias, e podendo ser compensadas por descanso, dentro dos catro meses seguintes a súa realización, co caso especial de aquelas que teñan que determinarse unha vez coñecido o cómputo total da xornada anual.

O presente laudo poderá recorrerse ante a xurisdicción social nos termos establecidos no apartado 5º do artigo 24 do AGA.

Vigo,  8 de xuño de 2010

O árbitro



José Mª Casas de Ron