ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 

-  Laudo 11/11

Benigno Sánchez García, con DNI número 33832475-G e domicilio para efectos de notificacións na r/ Algalia de Abaixo, 24, Santiago de Compostela, designado árbitro en virtude de acta de compromiso arbitral asinada o día 2 de marzo de 2011 polos suxeitos lexitimados para iso (segundo se verá máis adiante) do conflito colectivo suscitado no sector de actores e actrices de teatro de Galicia, e logo das actuacións practicadas, ás cales máis adiante se aludirá, ditou laudo arbitral, con base nas seguintes consideracións:

Antecedentes.

1. Con amparo no establecido no Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos colectivos de traballo (en adiante AGA), con data 2 de marzo de 2011, subscribiuse acta de compromiso arbitral asinada, en representación das patronais do sector, por Xosé Manuel Rabón Lamas (Escena Galega) e Luz María Gómez Rodríguez (Escena Galega); e, pola parte social, por Xavier Estévez Montoto (Asociación de Actores e Actrices de Galicia), Roberto Alonso Iglesias (CIG), Raimundo Méndez García (UGT-Galicia) e María Teresa Pérez Pardo (S.N. de CC.OO. de Galicia). Acerca da representatividade de Escena Galega, coa mesma data 2-3-2011 emitiu certificación o presidente do Consello Galego de Relacións Laborais, na cal se di: “1. Que a asociación empresarial Escena Galega formou parte da Comisión Negociadora e asinou o I Convenio colectivo de actores e actrices de teatro de Galicia... 2. Que... en representación da parte empresarial tiña recoñecida lexitimidade suficiente para a negociación e sinatura, de ser o caso, do citado convenio colectivo. 3. Que Escena Galega reúne os requisitos de lexitimación previstos no Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos de traballo (AGA)”.

2. Na acta de compromiso arbitral asinada defínese como cuestión para someter a arbitraxe «...de equidade (artigo 21.4.b do AGA)... a determinación de en que casos se interpreta e se aboa a axuda de custo (artigo 14 do Convenio colectivo de actores e actrices de teatro de Galicia) de xeito completo, e en cales se aboa a metade». En definitiva, as partes solicitan do árbitro que determine como ten que interpretarse e aplicarse o establecido respecto das axudas de custo polo artigo 14 do I Convenio colectivo de actores e actrices de teatro de Galicia.

3. O mesmo día 2 de marzo de 2011, logo da sinatura da acta de compromiso arbitral, o árbitro designado polas partes realizou unha xuntanza conxunta coas partes en conflito, en presenza do xefe do Servizo de Solución de Conflitos do Consello Galego de Relacións Laborais, escoltando o posicionamento de cada unha delas e formulando as preguntas aclaratorias que considerou oportunas en cada caso.

Nesta xuntanza un dos representantes da patronal, o sr. Rabón Lamas, comezou por defender que o establecido no artigo 14 do convenio colectivo non podía desligarse, para a súa interpretación e aplicación, do disposto, respecto da xornada laboral, no artigo 12 do mesmo convenio, que establece:

No seu parágrafo primeiro que «A xornada laboral será de 37 horas semanais, que poderán ter unha distribución irregular cun máximo de 9 horas diarias».

No inciso inicial do parágrafo segundo do número 1: «A xornada conta a partir da hora de convocatoria sempre que o/a artista estea presente».

No número 4: «A xornada laboral en período de representacións, sempre que non se realicen ensaios previos ou posteriores, comeza dúas horas antes da representación e remata trinta minutos despois da finalización desta».

No inciso final do número 6: «Será considerada xornada laboral o tempo de desprazamento ao lugar da representación e de alí ao domicilio, cando se teñan que realizar o/s día/s anterior/es e/ou posterior/es aos da representación, e por este concepto achegarase o importe correspondente a medio bolo».

En síntese, para o representante da patronal, e na medida en que o artigo 14, no inciso inicial do seu primeiro parágrafo, á hora de regular as axudas de custo, remite ineludiblemente, na súa opinión, á regulación da xornada que fai o artigo 12, só é obrigado aboar a axuda de custo completa cando a xornada laboral (que non inclúe os desprazamentos desde o domicilio social da empresa ao lugar de representación e desde este ata o domicilio social da empresa) supere as seis horas e media.

Non comparten esa opinión os representantes da parte social. Para o sr. Estévez Montoto a regulación do artigo 14, no seu primeiro parágrafo, do convenio colectivo é clara: o tempo de desprazamento desde o domicilio social da empresa ata o lugar de representación, e desde este ata o domicilio social da empresa computa para efectos do abonamento da axuda de custo completa. Defende que non cabe facer outra interpretación. Da mesma opinión son os demais representantes da parte social que interveñen a continuación. Suscitouse tamén un intercambio de pareceres sobre a mención que o artigo 14, parágrafo primeiro, fai ao domicilio social da empresa, como punto de partida ata o lugar de representación e de chegada desde este último.

Sucédense as intervencións duns e de outros ata que o árbitro considera que o tema está suficientemente debatido e dá por rematada a xuntanza, tras comunicarlles ás partes que emitirá o seu laudo no prazo establecido no artigo 24.2 do AGA.

Fundamentos do laudo.

1. A cuestión que hai que dilucidar reside, en definitiva, en determinar cal das dúas posturas, nos termos formulados no punto 3 dos antecedentes deste laudo, debe prevalecer, e que consecuencias debe ter tal prevalencia. Corresponde, polo tanto, resolver sobre cal é o sentido que hai que dar ao primeiro parágrafo do artigo 14 do I Convenio colectivo de actores e actrices de teatro de Galicia.

2. parágrafo primeiro do artigo 14 do I Convenio colectivo de actores e actrices de actores de teatro de Galicia dispón: «Establécese unha axuda de custo completa ou media axuda de custo en función da xornada laboral, tomando como referencia a máxima de nove horas, polo tanto, cando se superen entre a saída do domicilio social da empresa e a chegada despois da función as seis horas e media (correspondente a media xornada) pagarase unha axuda de custo completa. Para as compañías institucionais non se prevé a media axuda de custo».

Aínda que as partes solicitaron do árbitro que subscribe que sometese a súa decisión á equidade, non podemos esquecer que a interpretación das normas conforme este criterio non pode contrariar nin torcer o sentido que se desprenda do seu teor literal, de xeito que, cando a dicción literal da norma non ofreza dúbidas, debe prevalecer a máxima latina de que «in claris non fit interpretatio», o que resulta consonte coa natureza do disposto no artigo 3.1 do Código civil, conforme o cal, para interpretar as normas haberá que observar, en primeiro lugar, o sentido propio das palabras da norma que se debe interpretar.

4. Este é o caso sometido a esta arbitraxe. Por máis perfectible ou mellorable que resulte a redacción actual do primeiro parágrafo do artigo 14 do I Convenio colectivo de actores e actrices de teatro de Galicia, da súa literalidade despréndese, sen lugar a dúbidas, que o aboamento dunha axuda de custo completa se supedita a que o tempo transcorrido, desde que o traballador sae desde o domicilio social da empresa ata que retorna a este, supere as seis horas e media. En medio, o tempo que se computará será o necesario para o desprazamento desde o domicilio social da empresa ata o lugar da representación; as dúas horas previas á representación (artigo 12.4 do convenio colectivo); o tempo que dure a representación; a media hora posterior ao remate da función (artigo 12.4 do convenio colectivo); e o tempo necesario para retornar, desde o lugar da función ata o domicilio social da empresa.

5. Resulta ocioso debater sobre se para o cálculo deste tempo se pode ou non ter en conta a saída e chegada desde e ata o domicilio do traballador, por canto o artigo reflectido é de novo moi claro sobre o particular: o lugar de saída e chegada para o cómputo a que se refire é o domicilio social da empresa. Todo iso, como é lóxico, á marxe de que as partes poidan, se for da súa recíproca conveniencia, articular, por vía da negociación colectiva, outros sistemas de cómputo que a experiencia da aplicación deste I Convenio colectivo aconselle pór en práctica no futuro.

En consideración a canto antecede, e en exercicio das atribucións conferidas polas partes e do establecido nos artigos 20 a 24 do AGA, garantidos os principios de audiencia, contradición e igualdade daquelas neste procedemento arbitral, a parte dispositiva deste laudo concrétase na seguinte resolución arbitral.

Único. O parágrafo primeiro do artigo 14 do I Convenio colectivo de actores e actrices de teatro de Galicia (DOG n.º 83, do 30 de abril de 2009) debe ser interpretado no sentido de que as empresas están obrigadas a aboar aos seus traballadores unha axuda de custo completa cando transcorran máis de seis horas e media entre a saída desde o domicilio social da empresa de que se trate ata o lugar da representación, e o regreso desde este ata o domicilio social da empresa. En medio, o tempo que se computará será o necesario para o desprazamento desde o domicilio social da empresa ata o lugar da representación; as dúas horas previas á representación (artigo 12.4 do convenio colectivo); o tempo que dure a representación; a media hora posterior ao remate da función (artigo 12.4 do convenio colectivo); e o tempo necesario para retornar, desde o lugar da función ata o domicilio social da empresa.

Contra o presente laudo poderase recorrer ante a xurisdición social, nos termos establecidos no número 5 do artigo 24 do Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos de traballo (AGA).

O que se di na Coruña, 17 de marzo de 2011.