ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 

-  Laudo 27/11


                                           LAUDO ARBITRAL




CARLOS DOMENECH DE ASPE, designado árbitro en acta de compromiso arbitral de data 19 de maio de 2011 subscrita polas representacións da empresa e dos traballadores da FUNDACIÓN TIC baseándose no establecido no Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflitos de Traballo (AGA), visto o expediente e oídas as alegacións das partes, dita o presente

LAUDO

ANTECEDENTES

O árbitro convoca ás partes, que comparecen en data 19 de maio de 2011, as cales expoñen ao árbitro as circunstancias que motivan o sometemento a un laudo arbitral no seo do AGA e formulan as alegacións que estimaron pertinentes, que, en síntese, son as seguintes:
Negociouse, entre as representacións da empresa e dos traballadores, un acordo que afecta ás condicións laborais de todos os centros de traballo englobados na empresa "FUNDACIÓN TIC".
En todos os temas houbo avinza, agás no concernente ás materias de salario base, pagas extraordinarias e antigüidade, plasmando, no mesmo pacto subscrito, que, ao non conseguir as dúas partes reunidas chegar a un acordo nestes puntos concretos, deciden someterse a unha arbitraxe do Acordo Galego de Solución extraxudicial de Conflitos.
No que se refire ao primeiro punto, consistente na porcentaxe de incremento a aplicar sobre os salarios vixentes, a diverxencia é cuantitativa, entre o 3% que mantén a empresa e o 7% que demanda a representación dos traballadores.
No segundo punto a cuestión contráese á equiparación no número de pagas extraordinarias entre o persoal de EIS e o de CPP, xa que o segundo ten soamente 2 pagas recoñecidas mentres que o primeiro goza de 3 pagas.
O último punto, concernente á antigüidade, é unha demanda dos traballadores que afectaría, en principio, a un grupo, compensando a aplicación ao outro dun complemento que se satisfai en concepto formal distinto e que a representación da empresa considera que, en caso de aplicarse, o seu importe tería que ser diminuído da porcentaxe a aplicar sobre os salarios, provocando, ademais, confusión nos dous colectivos na determinación do seu concepto e a súa contía.
Os conceptos económicos que se pretenden aplicar, como consecuencia deste laudo, deberán ter efectos dende 1 de xaneiro de 2012.


CONSIDERACIÓNS E FUNDAMENTOS XURÍDICOS

Como cuestión previa é preciso facer unha consideración de carácter xeral que debe ser tida en conta á hora de chegar á decisión resolutiva final:
Trátase dun conflito que, aínda contendo compoñentes xurídicos, pode ser cualificado como económico ou de intereses e, polo tanto, é necesario precisar que a liña divisoria entre as modalidades arbitrais, xurídica e de intereses, atópase no feito de que o árbitro de dereito resolve o litixio aplicando unha norma preexistente, realizando unha actividade de subsunción do caso concreto no tipo legal en todo semellante á que levan a cabo os xuíces e Tribunais de xustiza, mentres que o árbitro de equidade decide a contenda mediante unha solución de oportunidade.
Pois ben, examinados os puntos sometidos a arbitraxe dende esta óptica, é preciso facer as seguintes reflexións:
A solución de equidade na primeira cuestión desemboca nunha decisión equidistante das dúas pretensións, a da empresa e a dos traballadores, o que, en exercicio dunha operación matemática e sen ter en conta outros factores xa que non se alegaron, supón a aplicación dun incremento do cinco por cento sobre os conceptos salariais, incremento que se compensará co futuro aumento que se pacte no Convenio Colectivo.
No tema das pagas extraordinarias é preciso ter en conta o factor discriminatorio que supón, no seo dun acordo unitario para dous colectivos, o mantemento dunha situación desigual neste punto, polo que, a xuízo do árbitro, debe ser reparada esta diferenza e considerar que, en ambos os dous casos, debe gozarse o mesmo número de pagas extraordinarias, tres, para o persoal de EIS e de CPP, o que leva á conclusión de que o segundo deberá ver incrementadas estas pagas cunha máis sobre as dúas que viña gozando prorrateadas nas mensualidades ordinarias.
Por último, é de sinalar que o punto referente á antigüidade, o percibo dun plus por este concepto, ofrece dificultades para o seu recoñecemento: desigualdade no tratamento dos dous colectivos, falta de uniformidade na consideración dos pluses, compensación con distintos conceptos e cálculos e posible derivación económica na súa repercusión sobre a porcentaxe a aplicar sobre os salarios coa conseguinte diferenza de trato tamén neste punto.
Por iso, este árbitro cre que o tratamento da posible constitución dun complemento de antigüidade só para un colectivo, coas consecuencias que iso reportaría, debe tratarse dun xeito global na definición do complemento unitario para todos os traballadores, pertenzan ao colectivo que pertenzan, definindo os fundamentos e razóns do seu cálculo e no marco axeitado de negociación que debería ser a do próximo Convenio Colectivo.

Por todas as consideracións apuntadas dita a seguinte

RESOLUCIÓN

O incremento a aplicar sobre os salarios vixentes será do 5% sobre todos os conceptos salariais, compensando neste aumento o que puidera producirse no futuro Convenio Colectivo.
Aplicarase unha paga extraordinaria mais, un total de tres, aos traballadores do Centro de Produción de Programas (CPP) efectuándose o seu prorrateo mensual.
Estes conceptos económicos producirán efectos dende 1 de xaneiro de 2012.
A posible implantación dun complemento de antigüidade ou de calquera outra índole deberá, no seu caso, ser obxecto de negociación no seo das deliberacións do Convenio Colectivo.

O presente Laudo poderá ser impugnado ante a Xurisdición Social de acordo co punto 5 do artigo 24 do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflitos de Traballo.

Dado en Santiago de Compostela a 24 de maio de 2011




                                                            O ÁRBITRO



                                                  Carlos Domenech de Aspe