ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 

-  Laudo 7/11


JOSE Mª CASAS DE RON, designado árbitro por acta de compromiso arbitral prevista no artigo 20 do Acordo Interprofesional Galego sobre procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflictos de Traballo (AGA) de data 15 de febreiro de 2011, pola partes en conflicto nas empresas NODOSA, SL, NODOSAT, SL e NODOMAR MORRAZO, SL,  resolve a cuestión plantexada ditando o seguinte laudo, baseándose nos seguintes


ANTECEDENTES

Primeiro.- En data  15.02.11,  a mesa, da que forman parte, por unha banda, Rafael Outeiral Graña, Director de Recursos Humanos das empresas NODOSA, SL, NODOSAT, SL e NODOMAR MORRAZO, SL;  e, por outra a representación sindical integrada por Francisco Javier Poceiro Santos, en representación da CIG, e Juan José Álvarez Boubeta, en representación de UGT, e Lourdes Diz Lorenzo, asesora sindical da UGT, asinan acta de compromiso arbitral,  ós efectos de que, o que suscribe, dicte laudo en relación co artigo 30 do Convenio Colectivo de aplicación (Convenio Colectivo para as empresas do Metal da provincia de Pontevedra sen convenio propio), determinar a consideración dos días de folga legal, ós efectos do cómputo de xornadas para establecer, no seu caso, días adicionais de descanso.

Segundo.- En xuntanza celebrada con anterioridade o inicio do procedemento, concretamente o  o día 29.11.10, as partes, reunidas co agora árbitro,  tiveron ocasión de transmitirlle as suas posicións en canto o tema plantexado, posicións que perfilaron definitivamente na xuntanza de data 15.02.11 a que se fixo referencia no antecedente primeiro.

Terceiro.- A estes efectos, ademáis, acordouse un prazo,  para que as partes lle fixeran chegar ó árbitro as súas alegacións, por escrito, ata o 22.02.11.  Tanto a parte social como a empresarial, achegaron, no seu momento, por escrito, as súas argumentacións, acompañadas, no primeiro caso, por un comentario xurisprudencial sobre o tema, e, no segundo, por una sentencia da Sala do Social do Tribunal Supremo (recurso número 182/2002).

Cuarto.- O árbitro entende perfectamente garantidos os principios de igualdade e contradicción. Por outra parte, o árbitro considerase suficientemente ilustrado ademais para poder dictar laudo neste conflicto, dada a súa intervención nas xuntanzas as que se fixo referencia. Consignar, asimesmo, que na fundamentación xurídica do presente laudo o actuante solicitou a colaboración e opinión da tamén mediadora-árbitro do colexio de conciliadores-mediadores-árbitros de Pontevedra, Verónica Martínez Barbero.

Quinto.- Consta no expediente a acta da comisión paritaria do Convenio Colectivo de traballo para as empresas do metal sen convenio propio da provincia de Pontevedra (2009-2011), de data 04.03.10, na que se conclúe: “Se trata de una consulta que excede de la competencia de la Comisión Paritaria por tratarse de un tema que afecta al derecho de huelga y a sus efectos. Pudiendo la Comisión Paritaria únicamente pronunciarse sobre temas derivados de la interpretación y aplicación de artículos de convenio, y sinedo la cuestión planteada una cuestión jurídica, no derivada del convenio, se plantea a fin de poder dar una respuesta a este tema, informar a la empresa de la posibiliad de remitir esta consulta al Consello Galego de Relacións Laborais, como órgano competente para dirimir este tipo de cuestiones y dar un criterio interpretativo al respecto, ofreciéndose esta Comisión para ayudar a su presentación en el Consello Galego de Relacións Laborais”.


FUNDAMENTOS DA ARBITRAXE

1.- O presente conflicto ten que ser visto en base os presupostos constitucionais que para a preservación e garantía do exercicio do dereito de folga sentou o noso Tribunal Constitucional en reiterada e coñecida doctrina; por todas, o árbitro cita a sentencia do Tribunal Constitucional 189/93, moi descriptiva do que a continuación se vai tratar. Asimesmo, e por delimitar o corpus normativo concordante con dita regulación constitucional, hai que citar as directivas comunitarias 93/104 CE, modificada pola 2000/34 CE, sobre tempo de traballo e descansos en relación a protección de saúde, dereito de disfrute de vacacións anuais, sentencia do Tribunal de Xustiza das Comunidades Europeas de 18.03.04, diversas sentencias do Tribunal Supremo, e por todas as de 10.12.93, 27.12.93 e 11.10.94, e tamén por ser moi descriptivas do caso que aquí se trata a da Audiencia Nacional de 24.02.04 e tamén, por citar un Tribunal Superior, a do TSJ-País Vasco de 22.05.07. Tamén significar as previsións contidas no Estatuto dos Traballadores reformado neste punto pola Lei 35/10, de 17 de setembro, de medidas urxentes para a reforma de mercado de traballo, e o artigo 30 do convenio colectivo de traballo para empresas do metal sen convenio propio da provincia de Pontevedra para os anos 2009, 2010 e 2011,  de aplicación nas empresas onde se plantexa o conflicto.

2.- A parte empresarial entende que se altera o réxime de sacrificio en caso de dereito de folga, se o exercicio de dereito de folga non afecta ó plus de asistencia. Alega, como razoamento xurídico, unha sentencia do Tribunal Supremo, de xullo de 2002, sobre afectación do descanso diario establecido de 15 minutos para o bocadillo, no caso de que un traballador secundara unha convocatoria de folga, e non considerar analóxicamente como tempo de traballo efectivo ditas xornadas de exercicio de folga, seguindo o razoamento do Tribunal Supremo con respecto o tempo de bocadillo na citada sentencia de 9 de xullo de 2002. En definitiva, a posición empresarial, é que, exercido o dereito de folga, tales ausencias o traballo teñen que afectar o plus de asistencia, pois senón se derivaría unha situación inxusta o non ter penalización económica tal exercicio, nun concepto salarial que premia ou prima a asistencia o traballo.

3.- A representación da parte social, alegando xurisprudencia variada, estima que é unánime a que mantén que determinados conceptos laborais non poden ser afectados polo exercicio de folga porque se lesionaría tal dereito, e que hai que distinguir entre uns casos e outros decantándose os tribunais por unha interpretación proteccionista, afirmando que a folga legal non pode afectar nin a vacacións, nin a súa cuantía nin a súa duración, realizando unha aplicación analóxica da regra de cómputo como días de servizo para o cálculo de tal concepto retributivo das ausencias xustificadas o traballo, citando as sentencias do Tribunal Supremo, Sala do Social de 22.01.93, 24.01.94, 11.10.94 e 12.03.96. Entenden, neste senso, seguindo o razoamento, que non se pode afectar o plus compensatorio por asistencia porque se lesionaría o dereito e incluso se descontaría duas veces salarialmente, penalizándose o traballador dobremente, e ademais polo exercicio dun dereito básico dos traballadores.

4.- Sentada así a situación, vai o árbitro a continuación a fundamentar e razoar sobre a súa posición neste conflicto xurídico, que ten consecuencias para os intereses dos traballadores e da empresa.

O Tribunal Constitucional e, en consecuencia, toda a xurisprudencia maior ou menor, conceden unha especial protección ós traballadores polo exercicio do dereito fundamental de folga. Neste senso, sinala que os efectos da folga non poden superar os previstos na lectura constitucional; teñen que ser proporcionais, son por definición limitados, non poden vulnerar o exercicio do propio dereito e, en definitiva, teñen que ser a expresión dun equilibrio de sacrificios tanto pola parte que exerce o seu dereito, como pola parte que soporta as súas consecuencias. E decir, proporcionalidade, limitación, e protección do dereito, son as premisas indispensables para poder interpretar calquera cuestión nesta materia. En ningún caso, pois,  pode gravarse o dereito de folga, non se pode sancionar o dereito de folga, e non se pode prolongar o “perxuicio” que unha parte e outra, dalgunha maneira sufren, con ocasión do exercicio deste dereito fundamental, e por esta razón, de previsión e protección constitucional, a folga non pode afectar os descansos, o réxime de dias festivos, o réxime de vacacións, ou, como neste caso, as posibles melloras establecidas para evitar o absentismo na negociación colectiva das empresas. A folga, pois, é un dereito fundamental, cunha especial estructura, que por aplicación dos preceptos constitucionais ten unha grave incidencia para o empresario, pola súa protección, pero tamén ten unha especial incidencia para o propio dereito fundamental de folga, pola super-protección que tamén ten a liberdade do traballador. Este dereito fundamental, que ten un carácter individual na súa titularidade, e que ten tamén unha titularidade colectiva no seu exercicio, non pode afectar, pois, en base a estes presupostos, nin con carácter colectivo, nin polos seus efectos individuais, porque o elemento diferencial de que a folga sexa un dereito fundamental, vai ter uns efectos moi distintos do resto de causas que poden motivar a inasistencia o traballo. E decir, os premios de asidiudade, os permisos de asistencia, os pluses de asistencia, os pluses de absentismo, non poden ser afectados polo exercicio do dereito de folga, o contrario do resto de causas que se poden dar na relación individual ou colectiva de traballo.

Estas son as razóns que separan a argumentación alegada pola empresa sobre a sentencia do Tribunal Supremo sobre tempo de bocadillo, sendo tamén razón pola que non pode ser a argumentación empresarial acollida polo actuante.

Complementa a anterior articulación ou fundamentación constitucional o resto dos instrumentos normativos ou xurisprudenciais xa citados. Sirvan dous exemplos: na recente Lei de reforma laboral, 35/2010, sinala que non se computarán como falta de asistencia, ós efectos dos despedimentos por causas obxetivas, as ausencias debidas a folga legal polo tempo de duración das mesmas; e tamén exemplo descriptivo a propia previsión do convenio colectivo de aplicación nas empresas cando sinala que “todo o persoal que antes ou durante o periodo de vacacións estea en situación de incapacidade temporal, terá dereito o disfrute das mesmas ou da parte pendente, sempre que cause alta dentro do termo do ano natural correspodente”. Si, en relación coa IT e vacacións, se prevé no convenio tal continxencia, é evidente que non pode discutirse a protección dos traballadores no percibo do plus de asistencia en casos de folga, cando ademais, nestes casos, xa se instrumentaliza o desconto oportuno salarial o suspenderse o contrato de traballo polo exercicio de dereito. No caso de admitirse a dobre penalización, habería, pois, un dobre sacrificio, un dobre desconto, penalización e sacrificio contrarios a protección constitucional explicitada nos presentes fundamentos xurídicos.

En definitiva, a protección constitucional, a regulación limitativa dos efectos que a folga pode producir para os traballadores en determinados dereitos, incluidos os salariais, e específicamente nos pluses de asistencia, asiduidade ou por falta de absentismo, previsións constitucionais que se compadecen perfectamente coa normativa comunitaria, e a interpretación sistemática da propia normativa contida no Estatuto dos Traballadores, e o artigo 30 do convenio colectivo de aplicación ás empresas, a xurisprudencia do Tribunal Supremo citada e de resto de tribunais, e a diferente situación e valoración xurídica que ten o denominado tempo de bocadillo, exisen o árbitro que a súa posición sexa a recollida no seguinte parte dispositiva única do laudo, en base a anterior fundamentación xurídica.

PARTE DISPOSITIVA

UNICA: Ós traballadores que exerzan o dereito de folga non poderán ver afectado o denominado plus de absentismo, en calqueira das súas denominacións, nas empresas NODOSA, SL, NODOSAT, SL e NODOMAR MORRAZO, SL.

O presente laudo poderá recorrerse ante a xurisdicción social nos termos establecidos no apartado 5º do artigo 24 do AGA.

Vigo, 3 de marzo de 2011

O árbitro



José Mª Casas de Ron