ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 

-  Laudo 26/12

CARLOS DOMENECH DE ASPE, designado árbitro en acta de compromiso arbitral de data 4 de xuño de 2012 subscrita polas representacións da empresa e dos traballadores de GAIA GESTIÓN DEPORTIVA S.L. (centro deportivo de Noia), baseándose no establecido no Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflitos de Traballo (AGA), visto o expediente e oídas as alegacións das partes, dita o presente

LAUDO

OBXECTO DA ARBITRAXE

A cuestión concreta sobre a que se solicita a arbitraxe ten a súa orixe  nas discrepancias xurdidas entre as partes sobre o descolgue salarial solicitado pola empresa, formulándose unha arbitraxe en equidade.

ANTECEDENTES

A empresa Gaia Gestión Deportiva S.L. como concesionaria da xestión do centro deportivo municipal de Noia, en data 8 de marzo  de 2012, "comunica a apertura formal de consultas, establecida no  artigo 41.1 do Estatuto dos Traballadores e o artigo 47 do convenio  colectivo de aplicación, preceptiva para a tramitación do Descolgue salarial do Convenio Colectivo para as Instalacións Deportivas e  Ximnasios de ámbito no territorio da Comunidade Autónoma de  Galicia, publicado no DOG con data de 20/9/2010 e con código  de convenio 8201065", baseándose na evolución negativa dos resultados  de explotación do centro deportivo municipal de Noia que  provocaron unha grave situación de perdas.

En data 16 de abril de 2012 levántase acta de finalización de período de consultas sen acordo entre as partes constando na mesma anotación da  representante dos traballadores na que textualmente se recolle: "... pola parte sindical queremos incidir en que consideramos un erro o mesmo, xa que simplemente estamos á espera de que por parte do concello se sinale data de reunión ".

Con data 15 de maio de 2012 ten entrada no consello Galego de Relacións Laborais escrito de promoción do procedemento de arbitraxe, constando como promotor D. Marcos Fernández Conde, representante legal de Gaia Gestión Deportiva S.L., e no que se establece como cuestión concreta sobre a que terá que versar a arbitraxe: "procedencia das medidas formuladas pola empresa para paliar a situación económica tan negativa que vén arrastrando e que deriva a explotación en ruinosa ". Establécese no escrito de promoción que o criterio da decisión arbitral debe ser o de equidade.

Con data de entrada do 23 de maio de 2012 maniféstase pola CIG e a representante dos traballadores a conformidade co procedemento formulado.

O Consello Galego de Relacións Laborais convoca ás partes para o día 28 de maio de 2012, reunión que se apraza para o día 4 de xuño por imposibilidade de asistencia dunha das partes.

Chegado este día celebrouse a reunión co árbitro, unha vez subscrito o compromiso arbitral e a designación do mesmo, e as partes expuxeron ao árbitro o punto de desacordo e formularon as alegacións que estimaron convenientes, consistentes, sucintamente, nas seguintes:

Por parte da empresa comunícase a situación económica que fai necesaria a redución de custos e, incluso, leva á solicitude de rescisión da concesión do Concello de Noia.

A representación dos traballadores pon de manifesto a existencia de deficiencias na contabilidade, entre outras cuestións, por imputacións de gastos da empresa en cantidade superior á que correspondería pola entidade do centro de traballo e fai referencia á falta de información detallada das súas contas.

O árbitro, na comparecencia, insta ás partes a que examinen cos datos concretos a contabilidade e, unha vez aclarados estes termos, lle remitan por escrito as alegacións nas que fundamentan cada unha das súas posturas.

A empresa remite por correo electrónico de data 11 de xuño escrito de alegacións e a representación dos traballadores preséntao o 26 de xuño, escritos que se dan aquí por reproducidos e se incorporan ao expediente.

Novamente convoca o árbitro ás partes co fin de aclarar algúns extremos das alegacións, reunión que se celebra o día 29 de xuño de 2012 na que as partes se manteñen nas mesmas posturas de inicio. A empresa achega documentación contable na que se reflicte que, aínda excluíndo aqueles gastos considerados "conflitivos", existen perdas no centro de traballo de Noia, documentos que se incorporan tamén ao expediente.

Dítase este laudo arbitral superando o prazo de dez días hábiles dende a designación do árbitro, debido ás circunstancias excepcionais que concorren: tempo de presentación de alegacións, necesidade de clarificación de puntos nas formulacións, etc., pero sen superar o prazo establecido no artigo 24.2 do Acordo Interprofesional Galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos de traballo (AGA).

CONSIDERACIÓNS E FUNDAMENTOS XURÍDICOS

PRIMEIRO. -

É preciso ter en conta que se solicita, e neste sentido se expresa a conformidade, a emisión dun laudo con criterio de decisión en equidade e non en dereito e, no que se refire a esta distinción -arbitraxe de dereito e de equidade- parece pertinente recordar que a liña divisoria entre ambas as dúas modalidades arbitrais se atopa no feito de que o árbitro de dereito resolve o litixio aplicando unha norma preexistente realizando unha actividade de subsunción do caso concreto no tipo legal en todo semellante á que levan a cabo os xuíces e Tribunais de xustiza, mentres que o árbitro de equidade decide a contenda mediante unha solución de oportunidade.

SEGUNDO. -

A pertinencia do ditado do laudo neste caso concreto vén motivada polo considerado no artigo 47 do I Convenio Colectivo de instalacións deportivas e ximnasios da Comunidade Autónoma de Galicia, publicado no DOG do 20 de setembro de 2010, que textualmente sinala: "O réxime salarial establecido neste convenio non será de necesaria ou obrigada aplicación para aquelas instalacións cuxa estabilidade económica puidese verse danada como consecuencia da súa adecuación.

Por acordo entre a empresa e os representantes dos traballadores da instalación afectada, poderase proceder, logo de desenvolvemento de período de consultas en termos do artigo 41. 4 º do Estatuto de traballadores, a inaplicar o réxime salarial previsto neste convenio colectivo, cando a situación e perspectivas económicas da instalación se puidesen ver danadas como consecuencia de tal aplicación, afectando ás posibilidades de mantemento do emprego nesta.

A empresa deberá achegar aos representantes dos traballadores a documentación que acredite de forma obxectiva a concorrencia da situación antes citada, e así, a título enunciativo cabería mencionar: Conta de explotación da instalación correspondente así como balance de situación da instalación, incluíndo información relativa tanto ás partidas de gasto (persoal, mantemento, investimentos e gastos xerais) como de ingresos.

O acordo de inaplicación deberá determinar con exactitude a retribución que van percibir os traballadores da dita empresa, establecendo, se é o caso, e en atención á desaparición das causas que o determinaron, unha programación da progresiva converxencia cara á recuperación dás condicións salariais establecidas neste convenio colectivo, sen que, en ningún caso, a dita inaplicación poida superar o período de vixencia do convenio ou, se é ou caso, os tres anos de duración.

En caso de desacordo entre ás partes, esta cuestión someterase ao procedemento do AGA, ou cal terá carácter vinculante para ás partes".

TERCEIRO. -

O caso concreto sometido a arbitraxe, "procedencia das medidas formuladas pola empresa para paliar a situación económica tan negativa  que ven arrastrando e que deriva a explotación en ruinosa", obriga, en primeiro lugar, a concretar cáles son estas medidas.

E iso vén reflectido no escrito que acompaña ao de promoción do procedemento de arbitraxe nos seguintes termos: "Sendo a partida de Gastos de Persoal, unha partida de gasto que supón o 77,06% do total de gastos do centro, e tendo en conta que o resto de gastos xa foi recortado ao mínimo, a organización vese obrigada a formular un descolgue salarial, e polo tanto a inaplicación das táboas salariais do convenio, que sumado ao resto de contención do gasto, propicie levar ao centro a unha situación viable, dado que é totalmente inviable asumir as cifras presentadas coa situación actual de ingresos ".

As medidas que se formulan para alcanzar a viabilidade son:

REDUCIÓN PLUS DE TRANSPORTE,
REDUCIÓN UN 30% A PAGA EXTRA,
REDUCIÓN 10 HORAS A SALA FITNESS,
REDUCIÓN 20 H SEN LIMPEZA
REDUCIÓN ½ DIRECTOR.

Loxicamente, o presente procedemento arbitral só contemplará, entre estas medidas, aquelas circunstancias que afecten ao descolgue salarial, xa que, entre elas, figuran algunhas que dependen doutros factores alleos ao tema laboral ou ligados aos termos da concesión.

A empresa manifesta que "non obstante, ao mesmo tempo e de modo paralelo á medida que agora se formula, presentarase ante o Concello un incremento de tarifas acorde ao incremento de gastos nos que se incorreu no centro nos últimos anos ".

E chega á conclusión de que "de alcanzarse esta previsión e manterse durante catro meses continuados cunha media mensual de ingresos de 26.166 euros, a partir dese momento quedaría sen efecto o descolgue salarial formulado; e ademais no devandito momento, abonaríanse os salarios deixados de percibir durante este cuatrimestre de cumprimento" se ben deixa a salvedade de que "en todo caso en tanto non se dean as condicións anteriores o presente descolgue salarial tería validez ata o 31 de decembro de 2012, momento no cal finaliza a vixencia do convenio actual, non permitindo a normativa facer unha formulación posterior a esta vixencia".

CUARTO. -

Do exame da documentación obrante no expediente e da información practicada no procedemento dedúcense dúas conclusións:

Primeira. - Efectivamente a empresa documentou e xustificou a existencia de perdas económicas na explotación, tanto na contabilidade xeral da empresa coma na súa afectación concreta no centro de traballo de Noia obxecto da arbitraxe, acreditada pola contabilidade achegada e mesmo pola auditoría correspondente ás contas anuais correspondentes ao ano 2010. Este feito, por si só, obriga á adopción de medidas para paliar a situación negativa na que se atopa.

Segunda. - O descolgue salarial e a súa duración formúlanse no contexto doutras variables cuxa materialización se atopa pendente da frutificación das xestións que está a levar a cabo a empresa e das que se poden resaltar, por unha parte, a resolución do contrato solicitada ao Concello, o que levaría á posible entrada dunha nova concesionaria e, por outra parte, a presentación e obtención do incremento de tarifas acorde ao incremento de gastos que equilibraría a situación económica que atravesa.

QUINTO. -

Tendo en conta as consideracións anteriores o primeiro razoamento leva á  conclusión de que, dado que a arbitraxe se solicita en equidade, non se  trata de aplicar tallantemente as medidas que a normativa contempla  para a continuidade da existencia dunha diminución continuada de ingresos, sendo clara, ademais, a necesidade de que a decisión do árbitro non vaia máis alá das pretensións e posibilidades contempladas pola propia empresa para a súa solución.

E, en principio, a empresa sinala como medida a adoptar a plasmación do descolgue salarial en cinco puntos e durante un cuatrimestre, transcorrido o cal se aboarían os salarios deixados de percibir durante este cuatrimestre de cumprimento, todo iso tendo en conta a materialización das previsións efectuadas pola empresa.

Non pode coñecer o árbitro se, durante este tempo, se darán as condicións que valorou a empresa nin en qué medida, así coma se as variables antes apuntadas chegaron a algún fin que obrigaría a reconsiderar o alcance cuantitativo ou temporal da medida, polo que, en principio, a propia previsión da empresa de catro meses é a que deberá terse en conta, para, posteriormente e en virtude das condicións existentes no momento da expiración do tempo solicitado, se dea por concluída a medida ou precise, en atención ás circunstancias xurdidas, novas consultas coa representación dos traballadores.

Por todas as consideracións apuntadas dita a seguinte

RESOLUCIÓN

Procede a adopción das medidas de descolgue salarial solicitadas pola empresa, materializadas nos puntos aos que afecte esta circunstancia entre os cinco que a empresa considera: REDUCIÓN PLUS DE TRANSPORTE, REDUCIÓN UN 30% A PAGA EXTRA, REDUCIÓN 10 HORAS A SALA FITNESS, REDUCIÓN 20 H SEN LIMPEZA E REDUCIÓN ½ DIRECTOR.

Esta situación manterase durante catro meses continuados, transcorridos os cales quedará sen efecto o descolgue salarial e se aboarán os salarios deixados de percibir durante este cuatrimestre, sen prexuízo de que, baseándose nas condicións existentes nese momento, se proceda, se é necesario, a reiniciar as consultas coa representación dos traballadores.

O presente Laudo poderá ser impugnado ante a Xurisdición Social de acordo co punto 5 do artigo 24 do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflitos De Traballo.

Dado en Santiago de Compostela a 2 de xullo de 2012




                                                            O ÁRBITRO





                                                  Carlos Domenech de Aspe