ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 

-  Laudo 26/13

JOSE Mª CASAS DE RON, designado árbitro por acta de constitución de arbitraxe prevista no artigo 20 do Acordo Interprofesional Galego sobre procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflitos de Traballo (AGA) de data 11 de xaneiro de 2013, no conflito xurdido na empresa  CORPORACIÓN DE PRÁCTICOS DEL PUERTO Y RÍA DE VIGO, S.L. sobre diferenzas na negociación do Convenio Colectivo en diversas  cuestións que afectan a aspectos substanciais do Convenio, resolve os asuntos formulados ditando o seguinte laudo, para o que se acolle ó prazo excepcional fixado no artigo 24 do AGA, baseándose nos seguintes
ANTECEDENTES
Primeiro.- En data 11 de xaneiro de 2013, constituíuse a mesa ante o árbitro designado no procedemento, da que forman parte, por unha banda, a representación empresarial integrada por D. Francisco Vuelta Fernández, apoderado da citada Corporación e a letrada asesora Da. Beatriz Lago Gómez, e por outra banda a representación sindical integrada por D. Manuel Alvariña Calvar, representante legal dos traballadores da empresa e D. Luciano Villar González, Secretario Comarcal da FEGAMT-CIG, en calidade de asesor.
Segundo.- As cuestións que se formulaban a arbitraxe son as diferenzas que teñen as partes sobre retribucións na negociación salarial para o Convenio Colectivo, que ten unha vixencia acordada polas partes para os anos 2013 e 2014.
Terceiro.- Aberta a sesión de comparecencia, o árbitro entende perfectamente garantidos os principios de igualdade e contradición, garantías que se mantiveron en tódalas reunións celebradas. Así mesmo comunica ás partes que, coñecidas as peticións e ofertas recíprocas, vai partir da doutrina das últimas posicións, para o cal solicitou das propias partes na comparecencia determinación das mesmas dado o conflito de intereses formulado. Esta será a base da súa decisión no presente conflito.
Cuarto.-  No laudo  ditado en  data 30 de  decembro de 2011,  o presente árbitro estableceu no punto 6 da súa parte dispositiva, as condicións económicas para o ano 2012 , establecida , con carácter xeral, nunha suba do IPC. No punto 7, as partes quedaron comprometidas a acudir ó procedemento de arbitraxe a fin de establecer estas condicións para o ano seguinte, no caso de que, por algunha razón, non houbera posibilidade de confirmar as mesmas.
Quinto.- A situación fáctica que se reflicte para a negociación do presente Convenio é a prevista no antedito apartado.
A representación empresarial sinala unha importante baixada da cifra de negocio no ano 2012, con perdas en 3 trimestres dos 4 do ano, entendendo, incluso, que se dan as circunstancias de concorrencia de causa económica para un descolgue de Convenio Colectivo previsto no E.T. no seu artigo 32. As previsións para o ano 2013, constatadas polas investigacións arbitrais nas correspondentes Autoridades que afectan ós servizos da citada Corporación son unha diminución da frecuencia dos cruceiros de preto dun 30%, perdas de ingresos por non chegar o Porto de Vigo determinadas liñas (froiteiros), e a falta de actividade, de xeral coñecemento, dos estaleiros, que provocan unha total falta de actividade dos servizos de practicaxe neste sector.
Tódolos datos se encadean neste contexto, agravado porque non houbo incremento das tarefas para a empresa dende o ano 2010, a asunción da implantación dos sistemas integrados ISO, datos todos que simbolizan na baixada dun preto de 17% no número de tráficos que precisan os servizos da practicaxe no Porto de Vigo. O único aspecto positivo sería o aumento decretado pola Autoridade Portuaria, como entidade administradora das tarifas no 3,07%, incremento tamén verificado polo árbitro.
Pola representación social discrépase da posición empresarial. Sinálase que se recoñece unha carga de traballo menor, motivada pola crise, se ben hai que relacionala co GT, recoñecendo como se dicía, o número de diminución de tráficos, e polo tanto, servizos de practicaxe. A representación legal dos traballadores, sinala, a maiores desta cuestión, que os tripulantes teñen que facer maior traballos de documentación, que existe unha diferenza dos ingresos dos prácticos e dos patróns e mariñeiros, e que entende que a empresa, a pesares de todo, tivo uns beneficios de 412.623,90 euros. Solicitan ó árbitro que investigue e clarifique esta cuestión, incidindo en que tamén se quere eliminar a roupa de traballo e o complemento económico que os traballadores teñen por esta materia. Como últimas exposicións, solicitan que o árbitro valore os datos económicos reais, que non se pode pedir un 20% de baixada salarial, ou o descolgue do Convenio Colectivo, senón pensar no persoal tamén como integrantes da empresa.
O árbitro comunica que valorará os datos da Autoridade Portuaria, os asentos fiscais, os datos que o propio árbitro poida obter, e todo dentro dunha negociación colectiva realista no contexto dun marco xeral e económico. A empresa, coa súa asesora, rexeitou de xeito total os beneficios sinalados pola parte social, sinalando que a facturación é pública, e colocando tódolos balances, contas, declaracións de impostos e facturas á disposición do árbitro, que as examinou ó respecto. As diferenzas parten dunha situación concreta que se presentou no mes de setembro coa saída de dous prácticos, e diversas cuestións de pagos e amortizacións, inducindo ó erro que os ingresos se computan de xeito inmediato e os gastos teñen un retraso dun mes no seu cómputo e asento contable. A realidade son as baixadas anteditas sinalándose así mesmo, que xa están en cadro a 31 de decembro pasado os 9 prácticos, que por certo, tiveron que renunciar a dúas mensualidades a fin de obter liquidez para realizar pagos e amortizacións.
Pois ben, os anteriores presupostos, contidos nos puntos precedentes, son os que serven ó árbitro a fin de decidir a solución neste conflito de interese derivado da negociación ordinaria do Convenio Colectivo nos aspectos materiais anteditos de diferenzas nas táboas salariais.
FUNDAMENTOS DA RESOLUCIÓN
Por outra banda, parece claro que o árbitro, na proposta de solución arbitral, ten que acoller as últimas posicións das partes, toda vez que é un conflito de intereses e que as posicións últimas poden ser asumidas como elementos determinantes ós efectos de marcar a solución. Os presupostos, a estes efectos, son os seguintes.
É evidente que ambas partes coñecen e comparten a situación xeral de economía nas actividades marítimas ó redor do Porto de Vigo, cuestión esta que agradece o árbitro, cuestión esta que favorece o seu labor. O árbitro, mantendo a vixencia do Convenio Colectivo de dous anos, establecerá un sacrificio salarial e repercutirá parte da suba salarial de tarifas deste ano, no vindeiro ano, por razóns de praxes económica e de maior seguridade, toda vez que é posible que o réxime de conxelación tarifaria afecte tamén á Corporación de Prácticos, como xa aconteceu neste ano 2013 co resto de operadores marítimos no Porto e na Ría de Vigo.
A baixada de tráfico dos cruceiros, pola eliminación das escalas dunha das liñas máis activas nos últimos anos no Porto, as subas continuas nos custos do combustible, a baixada no número de tráficos e da tonelaxe implica que o contexto xeral sexa negativo. Non cre necesario reflectir neste punto, cal é a situación da negociación colectiva en materia salarial na provincia, ou na comarca de Vigo, bisbarra na que aínda é máis acusado o descenso, e nunha actividade que se ve condicionada pola crise industrial e do transporte, de coñecemento público. En base a isto acordará unhas medidas conxunturais estritas, se ben ca matización de se por un avatar, nos momentos presentes de difícil futuro, o contexto mudara decisivamente, as partes quedaron comprometidas para poder retomar á finalización do primeiro ano de vixencia un marco de acordo que revisara o contido do laudo, acordo ó que o actuante ineludiblemente se suma.

PARTE DISPOSITIVA
En base a tódolos anteriores antecedentes, dítase o seguinte laudo, de conformidade coas normas previstas no artigo 20 e seguintes do Acordo Galego par a Solución Extraxudicial de Conflitos Colectivos de Traballo:
1.- Condicións económicas:
No ano 2013 non se producirán no Convenio Colectivo, suba salarial. No ano 2014, as suba salarial establécese nun 1% en tódolos conceptos salariais establecidos no Convenio Colectivo.
2.- Outras cuestións:
A empresa disporá o necesario para dotar ó persoal en cadro da roupa de traballo na maneira establecida no Convenio Colectivo. O cumprimento do anterior será xustificado ante o Delegado de Persoal/Prevención.
O presente laudo poderá recorrerse ante a Xurisdición Social nos termos establecidos no apartado 5º do artigo 24 do AGA.
Dado en Vigo,  27 de marzo de 2013.
O árbitro


José Mª Casas de Ron