ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 

-  Laudo 28/13

JOSE Mª CASAS DE RON, designado árbitro por acta de constitución de arbitraxe prevista no artigo 20 do Acordo Interprofesional Galego sobre procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflitos de Traballo (AGA) de data 8 de xaneiro de 2013, no conflito xurdido na empresa Botamavi Servicios Generales Marítimos, S.L. (SEGEM) sobre diferenzas na negociación do Convenio Colectivo en diversas  cuestións que afectan a aspectos substanciais do Convenio, resolve os asuntos formulados ditando o seguinte laudo, para o que se acolle ó prazo excepcional fixado no artigo 24 do AGA, e comunicado ó Servizo de Solución de Conflitos do Consello Galego de Relacións Laborais a baixa do actuante e baseándose nos seguintes

ANTECEDENTES E FUNDAMENTOS

Primeiro.- A partir da constitución da Mesa na que foron parte, en varias reunións da mesma, por unha banda, a representación empresarial de Botamavi Servicios Generales Marítimos, S.L.(SEGEM), D. Cristina Fernández Silva, apoderada e directora de RRHH e D. Camilo Castro Silva, asesor, e por outra banda o representante legal dos traballadores D. Alfonso Jorge Penela San Luis e a representación sindical a través de D. Luciano Villar Fernández, Secretario Comarcal da FEGAMT-CIG.
Segundo.- As cuestións que se formulaban a arbitraxe son as diferenzas na negociación do Convenio Colectivo de empresa en diversas materias, como salarios, xornada de traballo, e determinación do réxime das horas extraordinarias, segundo o artigo 17 do vixente Convenio Colectivo.
Terceiro.- Aberta a sesión de comparecencia, o árbitro entende perfectamente garantidos os principios de igualdade e contradición, garantías que se mantiveron en tódalas reunións celebradas. Así mesmo comunica ás partes que, coñecidas as peticións e ofertas recíprocas, vai partir da doutrina das últimas posicións, para o cal solicitou das propias partes na comparecencia determinación das mesmas dado o conflito de intereses formulado. Esta será a base da súa decisión no presente conflito.
Cuarto.- O árbitro solicitou da empresa os cadros organizativos de quendas e réxime de traballo, gardas e descansos, primeiro de dous traballadores, no que se incluíu o propio representante legal dos traballadores, e doutros dous nunha segunda petición e finalmente a totalidade dos cuadrantes horarios e a presenza do propio encargado D. José Collazo Corbacho. Esta análise documental, e as aportacións das propias partes, que colaboraron co árbitro son as que serven de fundamento para as súas decisións contidas na parte dispositiva.
Quinto.- A empresa, SEGEM, ten un cadro de persoal moito máis reducido con respecto a outras empresas do grupo, na que os custos de persoal, sendo importantes, non son tan decisivos, e por outra banda, a viabilidade empresarial, está máis asegurada polo propio obxecto do servizo portuario prestado e a propia dimensión do cadro de persoal. Efectivamente, dáse un contexto de crise sectorial importante que motivou que non se puidera chegar a acordo nas catro reunións anteriores celebradas ó presente procedemento, e formulándose nas celebradas en data 14 e 21 de decembro do 2012 a última oferta empresarial que consistiu no IPC real do ano 2011 para este ano 2012, e para o ano 2013 o 1,5% de suba salarial máxima, anos de vixencia prevista polas partes para o Convenio. Ó longo do procedemento da negociación, o árbitro comunicou ás partes  a súa doutrina de respecto sobre as últimas posicións da negociación, sen prexuízo de entender daquelas outras cuestións que tiveran que ver con réxime organizativo e que puidera  ter influencia nos vectores económicos e de competitividade da razón social. Estas cuestións vense, en función das achegas das dúas partes, na necesidade de establecer  iguais condicións nos dous grupos de traballo, no seu réxime de quenda semanal, o establecemento dun sistema eficiente no rexistro de horas extraordinarias e o réxime de compensación das horas extraordinarias transcorridos dende o mes de agosto ata a data na que se ditara o laudo.
A estes efectos, pola representación legal dos traballadores, xa se reclamara na primeira das reunións, un réxime idéntico nos dous grupos ou quendas de traballo de catro traballadores, constituídos por un patrón, un mecánico, un mariñeiro, e un condutor-chofer. O propio encargado, en reunión do 23 de xaneiro, percibiu a petición que o árbitro impón agora, na parte dispositiva do presente laudo, como garantía de igualdade organizativa e seguridade en tódolos dereitos que afectan a tódolos integrantes do cadro de persoal, manténdose unha orde estrito de chamamentos durante os sete días da semana, de tal sorte que cada traballador manterá a súa posición no grupo e no réxime dos chamamentos, sen que poida ser alterado, coa excepción do condutor-chofer pola súa especial natureza, é dicir, que o segundo de garda soamente poderá ser chamado no caso de ocupación efectiva do primeiro, e así sucesivamente co resto dos integrantes.
Esta sería a primeira cuestión. A segunda é que tódolos traballadores teñen como dereito básico na súa prestación de servizos un coñecemento e control do seu contido horario incluído o sistema de horas extraordinarias e o seu número. Pois ben, esta é a segunda decisión que se incluirá na parte dispositiva do laudo.
A terceira cuestión é que parte da xornada ten que ser considerada como extraordinaria. O árbitro vai manter o réxime vixente ata agora, máis analizando polo miúdo os cadros organizativos, e  en función das propias observacións obtidas nas reunións, considera que tendo en conta que a organización da empresa baséase en dous grupos de traballo, un con horario de 8 a 13 horas e de 15 a 18 horas, e outro cun horario de 8 a 14 horas e retén ata o comezo da xornada do día seguinte, e que no convenio da empresa existe un plus de dispoñibilidade, non poder ter o carácter de horas extraordinarias as realizadas os días normais da semana entre as 14 e 18 horas, e polo contrario, teñen o carácter de extraordinarias, como se ven facendo o resto das realizadas incluídas as que efectúen os fin de semana e festivos.
A cuarta cuestión decídese polo árbitro en función da última posición negocial das partes, segundo se recolleu polo propio árbitro. A empresa en reunións de negociación de datas  14 e 21 de decembro de 2012 ofreceu os incrementos anteditos no primeiro paragrafo de este punto quinto, e estes, son os que utilizará o árbitro como antecedentes para fixar a súa posición na parte dispositiva do laudo, segundo a técnica de ter en conta as derradeiras posicións negociadoras nos conceptos cuantificables ós que refire o artigo 3 do E.T.
Pois ben, os anteriores presupostos, contidos nos puntos precedentes, son os que serven ó árbitro a fin de decidir a solución neste conflito de interese derivado da negociación ordinaria do Convenio Colectivo nos aspectos materiais anteditos.

PARTE DISPOSITIVA

E, en base a tódolos anteriores antecedentes, dítase o seguinte laudo, de conformidade coas normas previstas no artigo 20 e seguintes do Acordo Galego par a Solución Extraxudicial de Conflitos Colectivos de Traballo:
1-Establécese un sistema de traballo nos grupos ou quendas de catro traballadores idéntico na súa organización e disposición, cos elementos contidos no punto quinto do presente laudo.
2-Establecerase un sistema eficiente de rexistro de tódalas horas extraordinarias que se realicen, de xeito que se garante o seu control polo representante legal dos traballadores e polos traballadores afectados (art. 35 E.T.).
3-A empresa procederá a cuantificar as horas extraordinarias realizadas polo persoal entre os meses de agosto 2012 e marzo 2013, inclusive, toda vez que o persoal deixou de percibir as realizadas en función da súa realización, a fin de que ditas prolongacións da xornada podan ser compensadas por descansos como regra xeral ou compensada economicamente ó longo do presente ano 2013. A empresa deberá informar ó representante legal dos traballadores do sistema de compensación e a súa aplicación.
4-A excepción das horas de posible traballo para o persoal con horario de 8 a 14 horas máis retén, realizados por estes entre as 14 e as 18 horas, os días ordinarias de semana o resto de horas serán consideradas extraordinarias segundo o réxime vixente sendo tamén extraordinarias as realizadas en fin de semana e festivos.
5-Os incrementos salariais para o ano 2012 será o IPC real oficial ano 2011 (2,4%), aplicándose sobre os conceptos salariais establecidos no anterior Convenio Colectivo. Para o ano 2013 o incremento salarial que fixa o árbitro, será o 2%, aplicándose de idéntica maneira.

O presente laudo poderá recorrerse ante a Xurisdición Social nos termos establecidos no apartado 5º do artigo 24 do AGA.

Dado en Vigo, 12 de abril de 2013.

O árbitro

José Mª Casas de Ron