ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 

-  Laudo 19/16

JOSE Ma CASAS DE RON, designado árbitro segundo o previsto no artigo 20 do Acordo Interprofesional Galego sobre procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflictos de Traballo (AGA), polas partes en conflito na empresa THUNE EUREKA, S.A., segundo compromiso arbitral de data 1 de marzo de 2016, tralo escrito de procedemento de arbitraxe da mesma data, no conflito da empresa, resolve a cuestión laboral formulada, ditando o seguinte laudo, baseándose nos seguintes
ANTECEDENTES
Primeiro.- Son partes neste procedemento arbitral D. Manuel Xesús García Rodríguez, director xerente de Thune Eureka, S.A., D. José Vicente Jamardo Chazo, director financeiro da compañía, sendo asesor D. Raúl Eugenio Goméz Villaverde, Graduado Social-Laborista do Ilustre Colexio de Graduados Sociais de Pontevedra e apoderado para os preitos da empresa. Pola parte social, D. José Antonio Santiago Ramos, D. Arturo Loureiro Míguez e D. Juan Jesús González Lorenzo, delegados de persoal da empresa, e D. Xoán Xosé Bouzas Aboi.
Segundo.- As partes, recoñécense mutuamente lexitimación no procedemento, e entenden que deben presentarse ó resolución arbitral, as diferenzas sobre a interpretación do artigo 23 do convenio colectivo da empresa referida, con ámbito de aplicación 2014-2016.
Terceiro.- O árbitro entende perfectamente cumpridos e garantidos os principios reguladores establecidos no acordo galego, e expresamente a publicidade das posicións e posibilidade de contradición entre as partes, e o propio árbitro ilustrado para poder dirimir o litixio formulado. A estes efectos, comunicou que as partes tiñan un prazo ata as 12 horas do luns 7 de abril, para realizar as alegacións oportunas. E tamén solicitou á empresa, determinada información, ó fin de solucionar a cuestión e litixio concorrente, de, en que data se viña aplicando en determinado sistema e os condicionantes que operaban.
Cuarto.- O árbitro recibiu alegacións do Graduado Social-Laborista referido e informe dos delegados de persoal. É de suliñar este documentado informe do apoderado empresarial, que contén todas as datas requiridas polo árbitro, e por outra banda, o recoñecemento no informe da parte social, que para ós representantes sociais, era moi difícil a recompilación de probas por non ter acceso a determinadas nóminas xustificativas e operativas sobre o complemento ó que ser refire o artigo 23 do convenio colectivo de empresa.
Quinto.- A parte empresarial sinala que o que o artigo 23 do convenio colectivo, dispón que o abono do complemento IT ós traballadores é sobre o 100% do salario base, motivando que hai razóns xurídicas e económicas para esta cuestión. De xeito sucinto, alégase, en primeiro lugar, a normativa establecida na Lei Xeral de Seguridade Social, na que se regula a incapacidade temporal derivada de accidente laboral. E que despois dun pormenorizado análise do corpus normativo de Seguridade Social, conclúe que non dispoñemos dun precepto que poida resolver o conflito, debéndose acudir a outras fontes do dereito, como o costume, e acreditando, coa testemuña, que dende o ano 2000, en Thune Eureka, S.A., os traballadores/as percibiron o complemento de IT ata o 100% do seu salario líquido anual. Engade sentencia do Tribunal Supremo en recurso para unificación da doutrina de 2009. E asemade abre unha segunda vía de argumentación, cun estudo das cantidades percibidas de xeito non periódico, polos traballadores/as, e a obriga do rateo durante os doce meses anteriores, que implicaría unha desvirtuación do sistema dos complementos de IT, e que na empresa vense aplicando desde o ano 2000.

Os/as traballadores/as, no seu informe, sinalan que existe unha base de discusión, pois como consecuencia da aplicación por parte da empresa, do complemento do 100 % ata alcanzar o salario base, o resultado de aplicar o 75% da base reguladora do mes anterior, daría como resultado o incumprimento do espírito do citado artigo 23 do convenio, porque non se chega a aboar, na práctica, ningún complemento, nalgún caso, existindo traballadores/as ós que se lle pode aboar ou non. Abonda noutras consideracións, como é que a pesar de que a empresa ten convenio propio, este está asociado ó convenio de industrias siderometalúrxicas sen convenio propio da provincia de Pontevedra. E que este convenio, nos casos nos que se retire á IT, di que se complementará o 100% da base reguladora. E na reunión da comisión paritaria do 3 de setembro de 2015, a parte social, xa manifestou a súa proposta de que se aboara o complemento ata o 100% da base reguladora, e que non tiñan inconveniente en que se lles descontara a parte proporcional das pagas extraordinarias.
Sexto.- Pois ben, o litixio estriba na interpretación do artigo 23 do convenio colectivo de empresa que di textualmente "a prestación por incapacidade temporal derivada de accidente laboral acorrido no centro de traballo ou en desprazamentos a outros centros ou lugares de traballo, aboarase no 100% dende o primeiro día de baixa". A discrepancia é clara, sobre o que opera o complemento, se sobre o salario, ou sobre a base reguladora.
Os convenios colectivos resolven a cuestión dalgunhas maneiras, uns elixindo un camiño e outros outro, sen que aquí o criterio numérico teña significado, toda vez que o dato fundamental, é que esta materia, no caso presente, está regulado por un convenio de empresa. Por outra banda, a lexislación da Seguridade Social non contén previsión algunha, tendo que acudir o árbitro, seguindo as regras de interpretación do artigo 3 do Código Civil, e descartando a interpretación literal, pois esta non aclara nada na dicción do precepto colectivo sobre o sistema de cálculo, a outras fontes do dereito, tanto xurisprudencias como científicas, así como a aplicación dun contexto temporal histórico, e a propia opinión do actuante na materia.
O árbitro solicitou á empresa, e examinou, determinada documentación, convenios de empresa e nóminas, sobre a aplicación en recibo de salarios ós traballadores/as do citado complemento, regulado no artigo 23 do convenio. Consta, e así se establece como probado, que dende o ano 2000, información da que non dispoñía os representantes legais dos traballadores/as, segundo o seu escrito, a empresa aboa o complemento previsto no artigo 23 sobre o salario líquido neto. Pois ben, esta é a realidade. Pode dicirse que o uso empresarial, que se constitúe pola acción da costume en fonte de dereito, de aboar o complemento sobre o salario, é elemento importante constituínte da decisión que se somete ó procedemento arbitral. Por outra parte, é importante sinalar que estamos ante un convenio de empresa, co cal, a asociación en determinada materia a outro convenio sectorial ou de ámbito provincial, que poida regular a materia concreta de xeito diferente, non pode admitirse, pois os convenios, segundo o E.T. son normas que deben valorarse globalmente, non aceptándose a elección de regulacións concretas, aplicando un convenio ou outro, por materias.
Tamén é suliñable a doutrina xurisprudencial. Neste sentido, o Tribunal Supremo, admite e establece a corrección do abono de complemento sobre o salario. E asemade, unha interpretación histórica, ou indo un pouco máis alá, por parte do actuante, historicista, lévao á posición de, que, sen prexuízo de que exista negociación colectiva que vai por outro camiño, esta interpretación é máis acorde cos mecanismos de Seguridade Social reparadores, se analizase a lexislación. Esta última posición a mantén tamén a doutrina científica e académica, consultada polo árbitro.
En base a estas premisas, xa non debe entrar nin entra, o árbitro a valorar a argumentación, polo miúdo, do sistema de rateo das cantidades irregulares percibidas polos traballadores/as, nin na situación económica da empresa, que, por outra parte, non difire da situación xeral de crise pola que atravesa todo o sector.
En base todo o anterior, e as normas establecidas no Acordo Interprofesional Galego sobre procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflictos de Traballo (AGA), para o seu procedemento de arbitraxe, dispoño
ÚNICO:
O artigo 23 do convenio de empresa THUNE EUREKA S.A., pode aplicarse validamente, entendendo que o complemento por IT derivado de accidente laboral, ocorrido no centro de traballo ou no desprazamento a outros centros ou lugares de traballo, dentro da xornada laboral, aboarase o 100% dende o primeiro día de baixa, operando sobre o salario líquido neto.
O presente laudo arbitral poderá ser impugnado polos motivos, vías e prazos que establecen os artigos 65.4 e 163.1 da Lei Reguladora da xurisdición social.
Vigo, 2 de maio de 2016

O árbitro

José Mª Casa de Ron