ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 

-  Laudo 31/16

JOSE Ma CASAS DE RON, designado árbitro segundo o previsto no artigo 20 do Acordo Interprofesional Galego sobre procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflictos de Traballo (AGA), polas partes en conflito na empresa REMOLCADORES NOSA TERRA, S.A. (REMOLCANOSA),segundo compromiso arbitral de data 22 de abril de 20Ì6, tralo escrito de procedemento de arbitraxe da mesma data, no conflito da empresa, resolve a cuestión laboral formulada, ditando o seguinte laudo, baseándose nos seguintes
ANTECEDENTES
Primeiro.- Son partes neste procedemento arbitral D. Jaime Martínez Landín, Director Xeral de RRHH da empresa REMOLCADORES NOSA TERRA, S.A. (REMOLCANOSA), asesorado polo letrado D. Gonzalo Iglesias Rial. Pola representación social, o presidente do comité de empresa D. Gonzalo Soliño Soliño (CCOO) e o secretario do mesmo, D. Francisco Suárez Bermúdez. Comparecen, como testemuñas, os mergulladores que se reflectirán máis adiante.
Segundo.- As partes, recoñecéndose mutuamente lexitimación no procedemento, e entenden que deben presentarse ó resolución arbitral, as discrepancias existentes entre a empresa e a representación sindical, sobre a designación de xefes de equipo nas labores de mergullo, ante as discrepancias coas comunicacións efectuadas pola empresa, entre os traballadores que teñen esa cualificación e titulación profesional na compañía. A estes efectos, o árbitro tivo as reunións tendo en conta a dispoñibilidade das persoas en situación de desembarco ou libres de servizo.
Terceiro.- O árbitro entende perfectamente cumpridos e garantidos os principios reguladores establecidos no acordo galego, e expresamente a publicidade das posicións e posibilidade de contradición entre as partes, e o propio árbitro ilustrado para poder dirimir o litixio formulado. A estes efectos, solicitou documentación técnica sobre a organización da empresa, tipo de embarcacións, cadros de persoal, con especificación de especialidades, e prescricións da propia Xunta de Galicia sobre os traballos encargados, e as alegacións que as partes considerasen oportunas.
Cuarto.- A Dirección da empresa sinala que ten implantado un modelo de comunicación que indica que os mergulladores deben estar en posesión da titulación correspondentes para a intervención que van realizar os xefes de equipo. E que inclúe, ademais dos documentos das súas responsabilidades, o documento de autorización emitido pola Consellería do Medio Rural.
O conflito preséntase nas autorizacións para esa Consellería, que non son constantes, e que implican exame de bateas ou control de marisqueo, ou cultivo, ou extraccións parecidas. Non se realizan tarefas de obra, ou outras que requiran coñecementos técnicos específicos. A discusión preséntase cando concorren dous ou máis mergulladores ca cualificación adecuada para ser xefe de equipo. No entendemento ca responsabilidade do nomeamento recae na empresa, é cando a empresa elabora o criterio a utilizar. Sobre a base de que ostentando a cualificación básica, pódese ser xefe de equipo, cos requirimentos mínimos necesarios e exixibles, e entre eles, o de primeiros auxilios, a empresa considera que a condición e exercicio debe recaer no mergullador que teña, nese momento, a cualificación exixida e a maior antigüidade e experiencia na empresa. En resumo, segundo a normativa vixente, o importante é ter a cualificación necesario sendo o criterio, a experiencia e a antigüidade e non a maior titulación.

Quinto.- Pola parte social mantéñense unha dobre consideración. Por unha parte, o presidente do comité de empresa entende que se o mergullador dispón dunha titulación mínima, o xefe de equipo non ten que ser o máis especializado. Sen embargo, mergulladores citados por este árbitro, como Víctor Casterje Pérez, coa titulación de técnico mergullo media profundidade e cinco especialidades, estima que a titulación debe ser elemento decisivo ós efectos da designación do xefe de equipo.
Sexto.- En definitiva, estamos ante un conflito sobre a aplicación e apreciación do significado das normas, que se concretan na orde do 14 de outubro de 1997, na que se aproban as normas da Seguridade ó exercicio das actividades subacuáticas, e por outra banda, os procedementos establecidos na orde de 23 de abril de 1999 na Consellería de Pesca, Marisqueo e Agricultura, e nas autorización anuais efectuadas para a empresa Remolcanosa, S.A., pola Xefatura de Coordinación da Área do Mar de Vigo, sección de investigación pesqueira, tamén da Xunta de Galicia.
Sétimo.- O árbitro, formulada a cuestión, sobre a controversia de designación, ten en conta, as seguintes premisas. Por unha banda, o cumprimento estrito da normativa, nunha materia na que existe risco profesional elevado como a actividade de mergullo. As normas referidas son as que se aplican ó mergullo profesional, e explicitada nos puntos anteriores.
Por outra banda, o Texto Refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores, aprobada por RD Lei 2/2015, 22 de outubro, establece que a organización e a dirección das empresas corresponde ós empresarios.
E asemade, as regras do artigo 3 do Código Civil din, que a interpretación das normas ten que facerse de xeito literal, tendo en conta o seu contexto histórico, dunha maneira sistemática e lóxica, e aplicando o principio que onde a lei non distingue, nós non podemos distinguir, no sentido de que non existe previsión ó respecto.
A empresa ten no cadro de persoal un número de mergulladores que prestan servizos en varias embarcacións. Anualmente a Xunta de Galicia autoriza e encarga á empresa determinados traballos. Cada buque ten os seus mergulladores, que traballan en equipo (xefe, vixiante e dous mergulladores); os xefes de equipo cobran un complemento. Todos os mergulladores teñen a titulación técnica mínima exixible. É neste intre, cando se produce a distorsión, base do presente litixio. A empresa decide sobre a base do encargo da Xunta quen ostenta a categoría de xefe de equipo, tendo en conta que en cada embarcación, como se dicía, hai un xefe de equipo, un vixiante, e os dous mergulladores, estando embarcado tamén o inspector da Consellería da Autoridade Autonómica antedita. E esta decisión é a que se cuestiona, e se presenta ó arbitraxe.
O árbitro ten claro unha cuestión. Se todos os mergulladores implicados na decisión organizativa da empresa teñen a titulación técnica mínima exixible, pódese entender válido o criterio de maior antigüidade ou experiencia na empresa, ou pola contra, poderíase establecer un criterio de maior titulación ou maior número de especialidades. Pero o quid da cuestión radica, en que a empresa, coa premisa de que todos os mergulladores teñen a titulación mínima, e que se cumpren os presupostos e requisitos establecidos pola Autoridade correspondente, é quen ten o poder sobre a organización e dirección do traballo, segundo a norma fundamental contida no E.T.; se a empresa decide e comunica ó persoal para o seu coñecemento, tal como fixo e así achegou a documentación correspondente ó árbitro, e ademais está baixo a Autorización anual de intervencións subacuáticas, autorización administrativa, tamén autonómica, ten que admitirse que a empresa pode optar por un dos modelos, sendo válido, que opte polo de maior antigüidade e experiencia profesional. É dicir, se cumpre a lei, se cumpren as normas de seguridade, cúmprense as de autorización administrativa, e a empresa, no exercicio no seu poder de organización e dirección decide quen ostenta a condición de xefe de equipo, sen prexuízo de que poidan estar a bordo outros mergulladores que teñan cualificación ou especialización distintas, maiores ou menores ó xefe de equipo designado. Púxose de exemplo ante o árbitro, o réxime existente na máquinas dos buques con respecto á problemática dos xefes de máquinas e o persoal ó seu cargo.
Todo o anterior, ademais, é consonte segundo as normas de interpretación reguladas no Código Civil ás que se fixeron referencia.
Este razoamento é o que, en definitiva, leva á árbitro a determinar que o sistema implantado pola empresa de nomeamento de xefe de equipo, é un sistema de decisión que cumpre a normativa cando concorran dous ou máis mergulladores, coa opción de ostentar dita xefatura, e concorrencia. E obvio é, sempre salvando os supostos excepcionais, nos que a actividade de inmersión require unha especial cualificación técnica ou formativa, ostentando, neste caso, a xefatura, o mergullador que as ostente, aínda que non sexa o traballador con máis antigüidade ou experiencia na empresa, razoadamente este baseado no sinxelo sentido común.
En base todo o anterior, e as normas establecidas no Acordo Interprofesional Galego sobre procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflictos de Traballo (AGA), para o seu procedemento de arbitraxe, dispoño
ÚNICO:
Na empresa REMOLCANOSA, S.A., a designación de xefes de equipo pódese determinar en base ó mergullador que ostente a maior antigüidade o u experiencia profesional, como criterio xeral, e dentro das atribucións que marca a lei para a organización e dirección das empresas, coa excepción daqueles traballos de mergullo que de xeito excepcional, requiran unha especialización ou técnica concreta, segundo os requirimentos que exixa o servizo encargado concreto.
O presente laudo arbitral poderá ser impugnado polos motivos, vías e prazos que establecen os artigos 65.4 e 163.1 da Lei Reguladora da xurisdición social.
Vigo, 2 de maio de 2016
O árbitro


José Mª Casa Ron