Facebook CGRL Twitter CGRL Buscar Contacto AGA Ditames Enlaces Novas Organizacións Normativa Convenios colectivos Publicacións CGRL
 
Carta do Presidente Natureza, finalidade e funcións do Consello Competencias e procedemento externo Estructura Organigrama técnico administrativo Actividade

De acordo coa nova normativa reguladora o Consello, para o exercicio das súas funcións, actúa a través dos seguintes órganos:

1) Órganos de goberno

• Órganos unipersonais

. A Presidencia
. A Secretaría Xeral

• Órganos colexiados

. O Pleno
. A Comisión Permanente

2) Outros órganos colexiados

• O Observatorio Galego da Negociación Colectiva
• O Comité Delegado do Pleno para a emisión de ditames
• A Comisión para a Igualdade de Mulleres e Homes na Negociación Colectiva
• As comisións de traballo

Órganos unipersoais de goberno

O presidente/a

O presidente/a é nomeado polo presidente/a da Xunta de Galicia, a proposta do conselleiro/a competente en materia de traballo, logo de ser aprobada a proposta pola metade máis unha das persoas membros de cada unha das representacións que integran o Pleno do Consello, reunido para o efecto. O seu cesamento efectuarase mediante decreto do presidente/a da Xunta de Galicia, por proposta do conselleiro/a competente en materia de traballo, coa aprobación previa pola metade máis unha das persoas membros de cada unha das dúas representacións que integran o Pleno do Consello.

A duración do seu mandato será de catro anos, prorrogable a outros catro co pronunciamento previo do Pleno ao respecto.

Son funcións da presidencia:

  1. Exercer a representación do Consello.
  2. Convocar as sesións do Pleno e da Comisión Permanente, fixar a orde do día e presidir e moderar o desenvolvemento dos debates.
  3. Formalizar cantos acordos fosen necesarios para o cumprimento dos fins do Consello.
  4. Supervisar a xestión do conxunto de áreas e servizos do Consello.
  5. Dirixir, promover e coordinar a actuación do Consello e velar para que se cumpran as súas finalidades.
  6. Presentarlle ao Pleno o anteproxecto de orzamento anual do Consello.
  7. Presentarlle ao Pleno o plan e a memoria de traballo anuais do Consello.
  8. Adoptar as medidas necesarias para aplicar os acordos aprobados polo Pleno, polas comisións de traballo e polo Observatorio Galego da Negociación Colectiva.
  9. Convocar, por iniciativa propia ou a instancias do Pleno ou da Comisión Permanente, a persoas técnicas ou expertas para que asistan ás xuntanzas dos órganos colexiados, cando se considere conveniente.
  10. Visar as actas e os certificados dos acordos acadados no Consello.
  11. Cantas outras funcións sexan propias da súa condición de titular da presidencia.

O secretario/a

O secretario/a é nomeado por orde do conselleiro/a competente en materia de traballo entre funcionarios/as pertencentes ao grupo A, por proposta de quen ostente a presidencia do Consello, logo de consulta coas organizacións empresariais e sindicais representadas neste. O seu cesamento será acordado por orde do conselleiro/a competente, por proposta do presidente/a, quen dará conta deste ás organizacións referidas. Como a figura da vicepresidencia queda suprimida, a Secretaría Xeral asume as funcións que lle eran inherentes.

Son funcións da secretaría as seguintes:

  1. Ocupar a secretaría do Pleno, da Comisión Permanente e de calquera outro órgano colexiado que puidese constituírse, asistindo ás reunións con voz pero sen voto.
  2. Exercer a coordinación técnico-administrativa dos distintos servizos do Consello e velar pola súa eficacia e funcionamento.
  3. Redactar acta e darlles o curso correspondente aos acordos que adopte o Consello.
  4. Certificar os actos e acordos que realice e adopte o Consello.
  5. Despachar co presidente/a os asuntos ordinarios e aqueloutros que lle fosen encargados por aquel.
  6. Asumir a dirección do persoal ao servizo do Consello.
  7. Elaborar o plan e a memoria anuais do Consello para a súa presentación e conseguinte aprobación polo Pleno, dentro do primeiro trimestre do ano.
  8. Substituír ao presidente/a nos casos de vacante, enfermidade ou calquera outra causa xustificada, a xuízo do Pleno, así como substituílo/a naquelas comisións de traballo que o Pleno determine constituír.
  9. Expedir certificacións das actas, ditames e acordos aprobados polos órganos colexiados por petición de calquera persoa con interese lexítimo.
  10. Levar o arquivo e custodiar a documentación dos órganos colexiados do Consello.
  11. Presidir as reunións do Pleno do Consello de nomeamento ou cesamento da persoa titular da presidencia do mesmo.

Órganos colexiados de goberno

O Pleno

O Pleno, integrado por todas as persoas que compoñen o Consello, constitúe o máximo órgano de decisión do organismo e se lle atribúen as competencias establecidas no artigo 3 da lei reguladora e no artigo 10 do regulamento interno.
Ademais, entre as funcións atribuídas especificamente a este órgano está a de aprobar o orzamento do Consello para cada exercicio, acordar as indemnizacións por razón de servizo que lles corresponda as conselleiras e conselleiros, así como as retribucións aos profesionais que colaboren co Consello e aprobar o regulamento de funcionamento interno do Consello e as súas posibles modificacións.
Os acordos do Pleno do Consello serán adoptados pola maioría absoluta das persoas que o integran con dereito a voto, e faranse constar en acta, se fose solicitado, os votos discrepantes, coa fundamentación dos mesmos.

Da súa actividade en 2008 dáse conta no seu respectivo apartado.

A Comisión Permanente

A Comisión Permanente é o órgano de goberno ordinario do Consello e estará composta polo presidente/a, polo secretario/a e por seis membros do Consello en representación das organizacións que a compoñen, dos que tres corresponden ás organizacións empresariais e tres aos sindicatos máis representativos.

Entre as súas funcións está a de confeccionar a orde do día das xuntanzas plenarias, elaborar estudos sobre propostas de creación de comisións de traballo, elaborar o orzamento correspondente para cada exercicio, emitir informe para a extensión dos convenios colectivos nos termos establecidos no artigo 7 do RD 718/2005 e pechar a proposta de planificación de actividades do Consello.

Os acordos da comisión serán adoptados pola maioría absoluta dos seus membros con dereito a voto, facéndose constar en acta se así se solicitase os votos discrepantes coa fundamentación dos mesmos.

Da súa actividade en 2008 dáse conta no seu respectivo apartado.

Outros órganos colexiados

Observatorio Galego da Negociación Colectiva

Para o cumprimento das funcións atribuídas ao Consello no punto c) do artigo 3º da nova lei reguladora, créase dentro do organigrama do Consello o Observatorio Galego da Negociación Colectiva, que se configura como un órgano de carácter colexiado.

Estará integrado por seis membros, tres en representación das organizacións sindicais e tres das organizacións empresariais que integran o Pleno do Consello, ademais das persoas titulares da presidencia e da secretaría e poderá contar coa presenza de persoas expertas sen dereito a voto así como cun asesor/a por cada organización sindical e tres pola parte empresarial.

As decisións adoptaranse por acordo da maioría absoluta das persoas que o integran con dereito a voto.

Espérase que este observatorio empece a funcionar en 2009.

Comité Delegado do Pleno para a emisión de ditames

O artigo 3 da nova lei reguladora establece como unha das funcións do Consello a de emitir, con carácter preceptivo e non vinculante, ditame sobre os proxectos normativos dos organismos da Xunta en materia de política laboral.

Para o desenvolvemento desta función creouse en 1991 o Comité delegado do Pleno para a emisión de ditames, cunha representación proporcional similar á do Consello e con normas propias de funcionamento, que foron modificadas en 2003. A nova normativa reguladora configura este comité como un órgano colexiado, que garante a eficacia e axilidade na emisión de ditames. O seu funcionamento seguirá as normas previstas no anexo do regulamento interno do organismo. A principal novidade é a fixación dun prazo máis amplo para a emisión de ditames no caso de borradores de anteproxectos de lei e decretos (un mes), sendo de quince días cando se trate de normas regulamentarias de rango inferior.

Da súa actividade en 2008 dáse conta no seu respectivo apartado.

Comisión Consultiva Autonómica para a Igualdade entre Mulleres e Homes na Negociación Colectiva

A Lei 2/2007, de 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia define, no seu Título III, á Comisión Consultiva Autonómica para a Igualdade entre Mulleres e Homes na Negociación Colectiva como un órgano de asesoramento, control e promoción da igualdade por razón de xénero na negociación colectiva galega adscrito organicamente ao Consello Galego de Relacións Laborais.

Entre as súas competencias está a de asesorar sobre a redacción e aplicación de cláusulas que promovan a igualdade ou removan discriminacións, a análise dos convenios para detectar cláusulas discriminatorias, a organización de actividades de formación en igualdade de xénero dirixidas a empresas e a organizacións empresariais e sindicais, así como a elaboración de recomendacións xerais sobre o nivel axeitado de representación equilibrada entre homes e mulleres.

Esta comisión constará dunha presidencia, que será ocupada por quen ostente a do Consello, tres persoas en representación das organizacións sindicais máis representativas, tres persoas en representación das organizacións empresariais máis representativas e tres persoas de recoñecido prestixio en materia de igualdade por razón de xénero, que participarán con voz, pero sen voto.

As decisión adoptaranse por acordo da maioría absoluta das persoas que a integran con dereito a voto.

O Pleno do Consello poñerá en marcha está comisión e aprobará ao comezo de cada exercicio a súa planificación anual de actividades. Así mesmo, desenvolverá as actuacións que considere necesarias para acadar un acordo marco interprofesional sobre a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, previsto na Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia. Unha vez acadado este acordo, o Consello convocara dentro do primeiro trimestre de cada ano ás asociacións empresariais e aos sindicatos máis representativos co obxecto de mellorar o seu contido e adaptalo á situación laboral, así como de verificar a súa execución.

Comisións de traballo

Segundo a súa lei reguladora, o Consello poderá constituír as comisións de traballo que considere necesarias, así como determinar a súa composición.

As comisións de traballo estarán integradas por persoas designadas polas organizacións empresariais e sindicais representadas no Consello, en proporción e paridade equivalente á do Pleno e terán as competencias que este determine antes da súa constitución.

Estas comisións de traballo examinarán os temas que o Pleno decida e remitirán ao mesmo a resolución das súas conclusións. A presidencia e moderación dos traballos nelas desenvolvidos corresponderalle ao presidente/a do Consello, ou, de ser o caso, ao secretario/a.