ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
ACORDO INTERPROFESIONAL GALEGO SOBRE PROCEDEMENTOS EXTRAXUDICIAIS DE SOLUCIÓN DE CONFLICTOS DE TRABALLO

(RESOLUCIÓN do 30 de abril de 2013, da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia da modificación do Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos de traballo, DOG do 24 de maio de 2013)

Limiar

O 4 de marzo de 1992 as organizacións sindicais e empresariais intersectoriais máis representativas no ámbito de Galicia, a Confederación de Empresarios de Galicia, UGT Galicia, SN de CC.OO. de Galicia e CIG asinaron un acordo dos previstos no artigo 83.3 do Estatuto dos traballadores, para regular os procedementos extraxudiciais de solución dos conflitos colectivos laborais en Galicia.

Este acordo, un dos primeiros asinados en todo o Estado nesta materia, supoñía unha aposta pola autonomía colectiva como senda idónea para construír un sistema de relacións laborais adaptado ás peculiaridades e intereses propios da realidade socioeconómica e laboral de Galicia, diante da falla de competencia autonómica no ámbito material da lexislación laboral.

Nestes vinte anos, as relacións laborais evolucionaron notablemente e a solución extraxudicial de conflitos colectivos en Galicia amosa un balance de aplicación positivo. A eficacia e a axilidade de actuación dos mecanismos previstos no Acordo galego de solución extraxudicial de conflitos no traballo (AGA), a calidade das persoas mediadoras e dos árbitros, a porcentaxe de acordos e de solucións consensuadas acadados e o grao de satisfacción amosado polos usuarios do sistema, consolidaron día a día un mecanismo baseado na negociación, no entendemento e no acordo. Logo do tempo transcorrido, o AGA forma parte da nosa realidade laboral e concíbese como un instrumento útil, como un servizo de interese xeral e relevancia pública baseado nos principios de eficacia, gratuidade e celeridade e como unha alternativa á vía xudicial, máis próxima e máis satisfactoria para as persoas traballadoras e para as empresas.

Non só a aposta dos interlocutores sociais e empresariais polos sistemas de solución extraxudicial senón tamén o tempo transcorrido e os cambios lexislativos operados nos últimos anos foron os que aconsellaron unha adecuación e reforma en clave de mellora do AGA, respectando sempre o principio de voluntariedade que o caracteriza.

A intervención do AGA nos conflitos derivados de bloqueos ou discrepancias na negociación durante os períodos de consultas exixidos nos artigos 40.2, 41.4, 44.9, 47.1 e 2, 51.2 e 82.3 do Estatuto do traballadores; a substitución do período de consultas por unha mediación ou arbitraxe acordada polo xuíz nos procedementos concursais; a actualización e adecuación a criterios de proporcionalidade e representatividade da composición da comisión de conciliación e mediación ou o impulso á promoción do procedemento por parte do propio servizo de solución de conflitos do Consello Galego de Relacións Laborais, son algunha das novidades que se introducen neste texto.

Baseándose no anterior, as organizacións sindicais e empresarial, mencionadas ao comezo, asumen unha vez máis a iniciativa e a responsabilidade de dotar Galicia e o noso sistema de relacións laborais dun reformado acordo de solución extraxudicial de conflitos no traballo, mellorado e modernizado, e proceden á súa sinatura como un elemento clave de autocomposición dos conflitos colectivos de traballo nas relacións laborais galegas por parte das organizacións sindicais e empresarial.

CAPÍTULO I - Disposicións xerais

Artigo 1. Natureza xurídica e eficacia do Acordo

Este Acordo interprofesional estipúlase ao abeiro do establecido no artigo 83.3 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, versa sobre a determinación de procedementos de solución extraxudicial de conflitos colectivos de traballo, goza da natureza xurídica e da eficacia que corresponde aos convenios colectivos regulados pola devandita lei e é de aplicación xeral e directa, polo que para a súa efectividade e vixencia non necesita a incorporación expresa das súas cláusulas aos convenios colectivos celebrados na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Partes negociadoras

As partes asinantes do presente Acordo interprofesional son, dun lado, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e, doutro, as organizacións sindicais Unión Xeral de Traballadores de Galicia (UGT-Galicia), Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (SN de CC.OO. de Galicia) e Confederación Intersindical Galega (CIG). Ambas as partes recoñécense mutua e reciprocamente capacidade e lexitimación para a sinatura do presente acordo segundo o teor do disposto nos artigos 83, 87 e 88 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores e 6 e 7 da Lei orgánica de liberdade sindical e preceptos concordantes.

Artigo 3. Ámbito territorial e funcional

O ámbito de aplicación do presente acordo é a Comunidade Autónoma de Galicia. Os procedementos de solución de conflitos nel previstos serán de aplicación calquera que sexa o sector ou subsector de actividade que corresponda á empresa ou ás empresas afectadas, sempre que o ámbito territorial en que produzan os seus efectos os aludidos conflitos non exceda a Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4. Ámbito obxectivo

1. Os procedementos de solución establecidos neste acordo interprofesional esténdense tanto aos conflitos colectivos de traballo de interpretación e aplicación coma aos conflitos colectivos de traballo de intereses. En particular, son susceptibles de someterse a tales procedementos os seguintes tipos de conflitos:

a) Conflitos de interpretación ou aplicación dunha norma estatal ou da Comunidade Autónoma de Galicia, de convenio ou acordo colectivo, calquera que sexa a súa eficacia, de pacto ou acordo de empresa ou de decisión ou práctica de empresa de carácter colectivo.

b) Conflitos derivados de bloqueos ou discrepancias na negociación ou revisión dun convenio, acordo ou pacto colectivo, entre eles, os mencionados no parágrafo terceiro do artigo 86.3 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores.

c) Conflitos no seo das comisións paritarias dos convenios colectivos que imposibiliten o acordo destas sobre as cuestións que teñan encomendadas legal ou convencionalmente.

d) Conflitos derivados de bloqueos ou discrepancias na negociación durante os períodos de consulta exixidos nos artigos 40.2, 41.4, 44.9, 47.1 e 2, 51.2 e 82.3 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, ou á finalización destes.

e) A substitución do período de consultas, acordada polo xuíz, por unha mediación ou arbitraxe, por instancia da administración concursal ou da representación legal dos traballadores, nos supostos do artigo 64.5 da Lei concursal.

f) Os conflitos que motiven a impugnación de convenios colectivos, de forma previa ao inicio da vía xudicial.

g) Conflitos de impugnación directa de convenios ou pactos colectivos non comprendidos no artigo 163 da Lei reguladora da xurisdición social, para os efectos exclusivos da conciliación ou mediación que sexa necesaria de acordo co artigo 156 da devandita lei.

h) Conflitos na determinación dos servizos de seguridade e mantemento en caso de folga.

2. O emprego dos indicados procedementos en relación coas materias sometidas a un preceptivo período de consultas comprende os supostos en que a lei considere a posibilidade de substitución deste por un procedemento de mediación ou arbitraxe.

Artigo 5. Duración

1. O presente acordo entrará en vigor o día da súa sinatura, con independencia da data de publicación no Diario Oficial de Galicia.

2. A súa vixencia alcanzará ata o 31 de decembro de 2013 e pode denunciarse por escrito por calquera das partes asinantes cun aviso previo mínimo de tres meses. Na falta de denuncia en tempo e forma, o Acordo prorrogará a súa vixencia por períodos anuais, conforme o disposto polo artigo 86.2 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores.

CAPÍTULO II - Intervención previa das comisións paritarias

Sección 1ª. Intervención en materia de interpretación e aplicación
de convenios, acordos e pactos colectivos

Artigo 6. Carácter e promoción da intervención

1. Os conflitos colectivos derivados da interpretación ou aplicación dos convenios ou acordos colectivos elaborados conforme o disposto no título III do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores deberán ser sometidos á comisión paritaria con carácter previo á promoción de calquera procedemento de composición previstos neste acordo.

2. Os conflitos colectivos derivados da interpretación ou aplicación dos demais convenios, acordos ou pactos colectivos que teñan establecida unha comisión paritaria deberán ser sometidos a ela con carácter previo á promoción mencionada no número anterior cando o convenio, acordo ou pacto colectivo de que se trate dispoña a obrigatoriedade de tal sometemento.

3. Para os efectos deste artigo, considerarase efectivamente establecida a comisión paritaria cando no texto do convenio, acordo ou pacto colectivo conste a súa sede ou as organizacións que forman parte dela.

4. Na falta de normas de procedemento contidas no propio convenio, acordo ou pacto colectivo, a intervención da comisión paritaria será solicitada por calquera das partes asinantes daquel ou polos lexitimados segundo o artigo 15, mediante escrito dirixido á sede indicada no número anterior ou, na súa falta, ante o Servizo de Solución de Conflitos do Consello Galego de Relacións Laborais, que asumirá o deber de promover a convocatoria inmediata da comisión.

Artigo 7. Decisión

1. Salvo que o convenio, acordo ou pacto colectivo estableza outra cousa, a comisión paritaria adoptará as súas decisións sobre os conflitos de interpretación ou aplicación por maioría de cada unha das partes que a compoñen.

2. A solución así obtida incorporarase ao contido do convenio, acordo ou pacto interpretado e será obxecto de inscrición e publicación nos termos legal ou regulamentariamente establecidos.

3. A decisión que verse sobre a interpretación ou aplicación dun dos convenios ou acordos colectivos elaborados conforme o disposto no título III do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores terá a mesma eficacia xurídica e tramitación que estes.

Artigo 8. Esgotamento do procedemento

1. Na falta de normas de procedemento establecidas no propio convenio, acordo ou pacto colectivo, considerarase esgotado ou decaído o trámite previo ante a comisión paritaria cando esta non logre alcanzar un acordo ou, en todo caso, cando transcorran quince días naturais desde a presentación da correspondente solicitude sen que a solución se produza.

2. Da imposibilidade de acordo levantarase acta, da cal se deberá facilitar copia aos interesados.

3. Non se computará para os efectos do prazo sinalado no punto primeiro o período de vacacións laborais, cando o seu desfrute sexa establecido con carácter xeral para todo o persoal dentro do ámbito do convenio, acordo ou pacto.

Sección 2ª. Intervención motivada por desacordo no período de consultas sobre inaplicación na empresa de condicións de traballo previstas no convenio colectivo

Artigo 9. Carácter da intervención

Os conflitos derivados do desacordo no período de consultas exixido polo artigo 82.3 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores deberán ser sometidos á comisión paritaria do correspondente convenio colectivo con carácter previo á promoción de calquera procedemento de composición previstos no presente acordo, sempre que o devandito convenio establecese a obrigatoriedade do expresado sometemento ou cando este sexa solicitado por calquera das partes do período de consultas.

Artigo 10. Esgotamento do procedemento

Considerarase esgotado o trámite de intervención previa da comisión paritaria cando esta non alcance un acordo ou, en todo caso, cando transcorran sete días naturais desde a promoción da referida intervención sen recaer decisión ningunha sobre a discrepancia sometida a ela.

CAPÍTULO III - Procedementos de solución de conflitos

Sección 1ª. Disposicións comúns

Artigo 11. Procedementos e principios reitores

1. Os procedementos de solución de conflitos de traballo instaurados neste Acordo interprofesional consisten nun procedemento de conciliación e mediación e un procedemento de arbitraxe.

2. Os anteriores procedementos rexeranse polos principios de gratuidade, celeridade, imparcialidade e inmediación do órgano ante o cal se desenvolvan, igualdade, audiencia das partes, contradición e calquera outro cuxa observancia veña imposta pola Constitución ou as leis, sen que poida producirse indefensión.

Artigo 12. Articulación

1. Coa única excepción dos conflitos na determinación dos servizos de seguridade e mantemento en caso de folga, cuxa solución se somete ás normas relativas ao procedemento de arbitraxe regulado no capítulo IV, a resolución dos conflitos colectivos de intereses e os conflitos colectivos de interpretación ou aplicación incluídos nos ámbitos obxectivo, territorial e funcional do presente acordo rexerase polas normas relativas ao procedemento de conciliación e mediación regulado na sección segunda deste capítulo III.

2. Fracasado o procedemento de conciliación e mediación a que se refire o número anterior, os conflitos colectivos de intereses e os conflitos de interpretación ou aplicación que nel se indican poderán ser obxecto do procedemento de arbitraxe regulado na sección terceira deste mesmo capítulo.

3. Sen prexuízo do disposto no número precedente, a resolución dos conflitos para os cales o número primeiro deste artigo prevé o procedemento de conciliación e mediación pódeno someter voluntariamente as partes ao procedemento de arbitraxe regulado na sección terceira do presente capítulo, sen necesidade de acudir previamente, pois, ao mencionado procedemento de conciliación e mediación.

4. A tramitación dos escritos de promoción dos procedementos de conciliación e mediación e dos escritos de promoción directa dos procedementos de arbitraxe requirirá, cando verse sobre conflitos en que sexa obrigatoria a intervención previa da comisión paritaria, a acreditación de non ter alcanzado esta un acordo ou de non ter tido efecto a solicitude da devandita intervención.

Artigo 13. Promoción e impulso

O Servizo de Solución de Conflitos a que se refire o artigo 32 deste acordo poderá realizar actuacións tendentes a impulsar a promoción dos procedementos previstos nel por parte dos suxeitos lexitimados, e pode convocar por propia iniciativa e logo de consentimento das dúas partes cantas xuntanzas considere precisas para poñer en marcha os referidos procedementos.

Artigo 14. Xestión dos procedementos

O Servizo de Solución de Conflitos será o soporte administrativo e xestor dos procedementos aquí regulados. Este servizo recibirá os escritos a que dean lugar os procedementos, efectuará as citacións e notificacións, rexistrará os documentos oportunos e, en xeral, encargarase de cantas tarefas sexan precisas para posibilitar e facilitar o axeitado funcionamento dos mencionados procedementos, de conformidade co que se establece nas disposicións seguintes. Tamén poderá realizar actuacións tendentes a impulsar a promoción daqueles por parte dos suxeitos lexitimados.

Sección 2ª. Procedemento de conciliación e mediación

Artigo 15. Suxeitos lexitimados

Estarán lexitimados para promover este procedemento:

1. Con carácter xeral, a CEG e os sindicatos UGT-Galicia, SN de CC.OO. de Galicia e CIG en calquera dos ámbitos a que se refire o conflito, sempre que teñan un interese directo e lexítimo.

2. Especificamente e segundo os tipos de conflitos a que resulta de aplicación:

a) Nos conflitos mencionados na letra a) do artigo 4.1 deste acordo, aqueles suxeitos a que a lei outorgue lexitimación para promover un proceso de conflito colectivo demandando a interpretación ou aplicación da norma, do convenio ou acordo colectivo, do pacto ou acordo de empresa ou da decisión ou práctica de empresa de carácter colectivo que se encontre na orixe do conflito.

b) Nos conflitos mencionados na letra b) do artigo 4.1 deste acordo, a representación dos traballadores e a representación dos empresarios ou a empresa ou as empresas que participen na negociación.

c) Nos conflitos mencionados na letra c) do artigo 4.1 deste acordo, os que determine o propio convenio colectivo ou, noutro caso, as dúas partes da comisión paritaria, conxuntamente.

d) Nos conflitos mencionados na letra d) do artigo 4.1 deste acordo, o empresario e a representación dos traballadores participante no correspondente período de consultas. Tamén o xuíz do concurso ou quen este determine, no suposto do último parágrafo do artigo 64.5 da Lei concursal.

O empresario e a representación dos traballadores deberán actuar conxuntamente cando se trate de substituír o período de consultas polo procedemento obxecto desta sección segunda.

e) Nos conflitos mencionados na letra e) do artigo 4.1 deste acordo, aqueles suxeitos a que a lei confira lexitimación para a impugnación xudicial dos correspondentes convenios ou pactos colectivos.

3. A lexitimación para a promoción do procedemento requirirá, ademais:

a) Cando interveñan os órganos de representación unitaria dos traballadores, a conformidade da maioría dos seus membros.

b) Cando interveñan as seccións sindicais, que estas sumen, no seu conxunto, a maioría dos membros mencionados na letra anterior, salvo que se trate dun dos conflitos a que fan referencia as letras a) e e) do artigo 4.1 deste acordo.

c) Nos períodos de consultas en que interveña unha comisión supletoria da falta de representación unitaria ou sindical dos traballadores, a conformidade de dous dos seus membros.

d) Nos conflitos derivados de bloqueos ou discrepancias na negociación ou revisión dun convenio, acordo ou pacto colectivo en que interveñan asociacións empresariais ou sindicatos, a conformidade da maioría da representación da comisión negociadora que actúe como promotora.

e) Cando interveña a comisión paritaria dun convenio, acordo ou pacto colectivo que non dispoña outra regra de lexitimación, a conformidade da maioría de ambas as dúas partes.

4. O disposto nas letras a), b), c) e d) do número precedente tamén será de aplicación para prestar a conformidade ao inicio do procedemento a que se refire o parágrafo primeiro do o artigo 17.3 deste acordo.

Artigo 16. Solicitude de promoción do procedemento

1. A promoción do procedemento iniciarase coa presentación dun escrito dirixido ao Servizo de Solución de Conflitos do Consello Galego de Relacións Laborais.

2. O escrito de iniciación deberá conter os seguintes datos:

a) A identificación do empresario ou dos empresarios, se procede, ou dos suxeitos ou representacións que exerzan, no ámbito do conflito de que se trate, lexitimación para acollerse ou adherirse ao procedemento ou á posibilidade de comparecer nel. A expresada identificación esténdese, se é o caso, aos demais compoñentes da parte a que pertenza o suxeito promotor do procedemento.

b) O obxecto do conflito, con especificación da súa xénese, desenvolvemento e feitos que se consideren relevantes para a súa resolución, así como da pretensión e dos argumentos que a fundamenten.

c) O grupo de traballadores afectado polo conflito e o ámbito territorial deste.

d) No suposto de conflitos en que sexa obrigatoria a intervención previa da comisión paritaria, a acreditación de non ter alcanzado esta un acordo ou de non ter tido efecto a solicitude da devandita intervención.

e) Se é o caso, a representación que se exerce para promover o procedemento mediante a presentación do escrito.

f) Data e sinatura de quen inicia o procedemento.

Artigo 17. Admisión da promoción e localización das partes

1. Cando o suxeito ou os suxeitos que promoven o procedemento non reúnan o requisito que corresponda segundo o disposto no punto segundo do artigo 15 deste acordo, o responsable do Servizo de Solución de Conflitos consultará, no prazo de tres días hábiles, a conformidade dos demais compoñentes da parte afectada para alcanzar o cumprimento daquel. O devandito prazo será dun día hábil nos conflitos que versen sobre discrepancias nos períodos de consultas.

2. Se non se obtiver a conformidade indicada no apartado anterior, o Servizo de Solución de Conflitos procederá a arquivar o escrito de promoción e porá isto en coñecemento do suxeito ou suxeitos promotores e dos demais suxeitos afectados.

3. Acreditado inicialmente ou a través da consulta do responsable do Servizo de Solución de Conflitos o cumprimento do requisito que proceda de acordo co punto segundo do artigo 15 deste acordo, o devandito servizo remitirá o escrito de promoción á outra parte afectada polo conflito, co fin de que esta, no prazo de tres días hábiles, preste a súa conformidade ao inicio do procedemento. O devandito prazo será dun día hábil cando o conflito verse sobre discrepancias xurdidas nos períodos de consultas.

Nos conflitos a que fai referencia o artigo 4.1.a) deste acordo o antedito servizo tamén remitirá o escrito de promoción ás demais organizacións sindicais ou asociacións empresariais representativas, órganos de representación unitaria ou seccións sindicais cuxo ámbito de actuación corresponda ou sexa máis amplo que o do conflito, para os efectos da súa participación no procedemento, se o consideran conveniente. Forman parte das aludidas organizacións sindicais e asociacións empresariais representativas ás cales se debe remitir, se é o caso, o escrito de promoción, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e as organizacións sindicais Unión Xeral de Traballadores de Galicia (UGT-Galicia), Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (SN de CC.OO. de Galicia) e Confederación Intersindical Galega (CIG).

Cando a promoción do procedemento teña por obxecto a substitución dun período de consultas ou en calquera outro caso en que o soliciten conxuntamente ambas as dúas partes do conflito, o servizo procederá, sen máis, a realizar o emprazamento previsto no seguinte número.

4. Expresada a conformidade ao inicio do procedemento a que se refire o parágrafo primeiro do número anterior, ou directamente, no caso previsto no último parágrafo de igual número, o Servizo de Solución de Conflitos procederá a emprazar, no prazo de tres días hábiles, a todos os suxeitos que deban ser partes do procedemento, co fin de constituír a comisión de conciliación e mediación. O prazo para o emprazamento será dun día hábil cando o procedemento promovido teña por obxecto a substitución dun período de consultas ou verse sobre discrepancias xurdidas nel.

A falta de prestación expresa da conformidade exixida determinará, nos supostos en que esta sexa necesaria, o arquivamento das actuacións.

Artigo 18. Constitución da comisión de conciliación e mediación

1. A comisión de conciliación e mediación, de composición paritaria, quedará validamente constituída coa presenza dos suxeitos que promovesen o procedemento e aceptasen a súa iniciación e se encontren directamente afectados por este, en proporción á súa representación no ámbito do conflito.

2. A comisión estará constituída por un número de membros non superior a catorce, sete por cada unha das partes, ademais de tres representantes da Confederación de Empresarios de Galicia e un representante de cada unha das representacións sindicais UGT-Galicia, SN de CC.OO. de Galicia e Confederación Intersindical Galega, que terán dereito a asistir a maiores con voz e sen voto.

3. Levantarase acta da sesión de constitución da comisión de conciliación e mediación. No mesmo acto procederase, co auxilio da persoa responsable do Servizo de Solución de Conflitos, a designar por unanimidade o conciliador-mediador, que será o presidente da devandita comisión, con voz e sen voto.

4. Se non se lograr acordo unánime na designación do conciliador-mediador, o Servizo de Solución de Conflitos presentará aos membros da comisión unha lista impar de conciliadores-mediadores, da cal unha e outra parte descartarán, por maioría, de forma sucesiva e alternativa, os nomes que consideren conveniente ata que quede un só conciliador-mediador.

5. Por igual voto favorable da maioría de cada parte poderase designar un conciliador-mediador non incluído no rexistro de conciliadores-mediadores do Servizo de Solución de Conflitos do Consello Galego de Relacións Laborais, previsto no artigo 31 deste acordo.

Artigo 19. Celebración do acto de conciliación

O conciliador-mediador, unha vez designado, convocará de inmediato as partes da comisión de conciliación e mediación para compareceren no prazo máximo de tres días hábiles; ou no día seguinte hábil, cando o procedemento promovido verse sobre discrepancias nun período de consultas ou teña por obxecto a substitución deste. Durante a comparecencia, intentará a avinza entre as partes, moderando o debate e concedendo ás partes cantas intervencións crea conveniente, podendo chegar a suxerir solucións equitativas, así como a convocatoria de novas sesións da comisión, co fin de chegar a un acordo.

Artigo 20. Terminación da conciliación

1. O trámite darase por concluído nos seguintes supostos, que serán reflectidos nas correspondentes actas:

a) Mediante avinza entre as partes.

b) Mediante decisión de ambas as partes de propoñer unha mediación formal conforme determina o artigo seguinte ou de someter as súas discrepancias ao procedemento de arbitraxe que regula a sección terceira deste mesmo capítulo.

c) Mediante desavinza definitiva entre as partes, sen que estas entendan posible acudir ao trámite consecutivo de mediación.

d) Mediante o transcurso de quince días hábiles desde a primeira reunión da comisión, que poderán ser prorrogados por acordo expreso das partes, sen que se adoptase ningunha das solucións anteriores. O devandito prazo reducirase a catro días hábiles, tamén prorrogables por acordo expreso das partes, cando o procedemento promovido verse sobre discrepancias nun período de consultas ou teña por obxecto a substitución deste.

2. Tanto a avinza coma a decisión de proposta de mediación ou de sometemento ao procedemento de arbitraxe requirirán, cando o procedemento promovido verse sobre discrepancias xurdidas nun período de consultas ou substitúa este, que a conformidade ou o voto favorable da representación dos traballadores proceda dos que dentro dela conten, polo menos, coa maioría pedida legalmente para a válida adopción do acordo que cabe alcanzar no referido período.

Artigo 21. Trámite de mediación

1. Non alcanzada a avinza, as partes da comisión de conciliación e mediación poderán acordar que o mediador efectúe, no prazo máximo de cinco días hábiles, unha proposta de solución do conflito sobre todos ou algúns dos puntos formulados. A antedita proposta deberá ser emitida de modo motivado e por escrito e notificarase a todos os membros da comisión. O indicado prazo máximo será de tres días hábiles, prorrogable ata cinco por acordo expreso das partes, cando o procedemento promovido verse sobre discrepancias nun período de consultas ou substitúa este.

2. As partes deberán expresar por escrito a súa aceptación ou o rexeitamento da proposta, que se presentará ao mediador. A proposta presumirase rexeitada se, no prazo de cinco días hábiles contados desde o día seguinte ao da súa notificación, as partes non presentasen o devandito escrito aceptando aquela. O indicado prazo máximo será de dous días hábiles cando o procedemento promovido verse sobre discrepancias nun período de consultas ou substitúa este.

3. No prazo de cinco días hábiles, ou no seguinte día hábil, cando o procedemento promovido verse sobre discrepancias nun período de consultas ou substitúa este, o mediador redactará unha acta final que expresará os suxeitos que interveñen e as razóns ou causas por que se rexeitou ou se aceptou a proposta.

4. No caso de que a proposta de mediación sexa rexeitada, o mediador, se existir a vontade expresa de ambas as partes de se someteren ao procedemento de arbitraxe e a devandita vontade contase coa maioría que corresponda segundo o previsto nos artigos 15.2 e 20.2 deste acordo, recolleraa na acta, que reunirá os contidos referidos no número 3 deste artigo, e remitirá a documentación tramitada ata o momento ao Servizo de Solución de Conflitos para que este proceda de acordo coas regras do artigo 24.

Artigo 22. Efectos da promoción dos procedementos de conciliación e mediación e eficacia e impugnación das solucións alcanzadas

1. A iniciación dos procedementos de conciliación e mediación impedirá, en relación con calquera das cuestións obxecto deles, a convocatoria de novas folgas e a adopción de medidas de peche patronal, o exercicio de accións xudiciais ou administrativas ou o emprego de calquera outro medio de solución.

2. No procedemento promovido sobre discrepancias nun período de consultas ou que teña por obxecto a substitución deste, a avinza en conciliación ou a aceptación da solución proposta polo mediador, só admisible na forma prevista no artigo 20.2 deste acordo, terá a mesma eficacia que o acordo alcanzado no devandito período.

3. Nos demais casos, a eficacia da avinza en conciliación ou da acta final de aceptación da solución proposta polo mediador será a propia dun convenio colectivo dos regulados no texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, sempre que o correspondente acordo sexa adoptado polos que reúnan os requisitos de representatividade e de maiorías previstos nos artigos 87, 88.2 e 89.3 do devandito texto legal. Pola contra, a solución alcanzada só producirá efectos para os traballadores ou empresarios directamente representados por quen subscribise a avinza ou aceptase a proposta do mediador.

4. A avinza en conciliación ou a acta de aceptación da solución proposta polo mediador remitirase á autoridade laboral para os efectos de rexistro, depósito e publicación oficial, cando proceda. Cando o procedemento teña a súa orixe no desacordo no período de consultas previsto no artigo 82.3 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, a expresada avinza ou aceptación notificarase á comisión paritaria do convenio colectivo.

5. O acordado en conciliación ou mediación poderá ser impugnado na forma e nos prazos que establece o artigo 67 da Lei reguladora da xurisdición social. A súa executividade rexerase polo disposto no artigo 68 do mesmo texto legal.

Sección 3ª. Procedemento de arbitraxe

Artigo 23. Supostos en que procede o emprego do procedemento de arbitraxe

1. O procedemento de arbitraxe requirirá a manifesta expresión da vontade das partes en conflito de someterse á decisión imparcial do árbitro, que terá carácter de obrigado cumprimento.

2. Procederá a promoción do procedemento de arbitraxe nos seguintes supostos:

a) A seguir da falta de avinza na conciliación ou do rexeitamento da proposta de solución presentada polo mediador, cando as partes da comisión de conciliación e mediación decidan someter a resolución do conflito ao procedemento arbitral, segundo o previsto nos artigos 20.1.b) e 2 e 21.4 deste acordo.

b) Directamente, cando as partes afectadas por un conflito non excluído deste procedemento decidan someter a súa resolución a arbitraxe.

3. Non admiten o seu sometemento ao procedemento de arbitraxe os conflitos a que fai referencia o artigo 4.1.e) deste acordo.

Artigo 24. Promoción do procedemento

1. A promoción directa do procedemento de arbitraxe requirirá a presentación dun escrito no Servizo de Solución de Conflitos subscrito polos suxeitos lexitimados segundo o artigo 15 deste acordo. O devandito escrito deberá expresar os contidos descritos no artigo 16.2 e o compromiso de aceptación do laudo que se dite, así como o árbitro proposto ou a solicitude de designación conforme as regras do número 4. Cando o Servizo de Solución de Conflitos comprobe que algunha das partes promotoras non reúne a maioría que corresponda segundo o disposto nos artigos 15.2 e 20.2, procederá a arquivar a solicitude de promoción e porá isto en coñecemento daquelas.

2. Nos supostos en que o procedemento de arbitraxe se inicie como consecuencia da decisión a que se refire o artigo 20.1.b) deste acordo, ao escrito de promoción uniranse a documentación de que se dispón e as actas das reunións da comisión de conciliación e mediación.

3. A promoción do procedemento de arbitraxe considerado no artigo 21.4 rexerase polo que nel se establece.

4. Na falta de acordo unánime das partes, o Servizo de Solución de Conflitos, no prazo máximo de tres días hábiles desde a promoción do procedemento, ou no día seguinte hábil, cando o devandito procedemento verse sobre discrepancias xurdidas nun período de consultas ou substitúa a este, presentará unha lista impar de árbitros, da cal unha e outra parte descartarán, por maioría, de forma sucesiva e alternativa, os nomes que consideren convenientes ata que quede un único árbitro. Así mesmo, polo voto favorable da maioría de cada unha das partes, estas, no prazo sinalado, poderán optar por designar un árbitro non incluído no rexistro de árbitros a que se refire o artigo 31.

Artigo 25. Efectos da promoción do procedemento

A promoción do procedemento de arbitraxe implicará, en relación con calquera das cuestións sometidas a el e resoltas pola decisión arbitral, a renuncia ao recurso á folga e á adopción de medidas de peche patronal. Tamén impedirá a utilización de vías xudiciais ou administrativas ou de calquera outro medio de solución das indicadas cuestións; o anterior non afecta a posibilidade de impugnación xudicial do laudo nos termos previstos no artigo 27 deste acordo.

Artigo 26. Tramitación

1. O árbitro comezará de modo inmediato a súa actividade unha vez que sexa designado, e poderá solicitar a información que considere necesaria para o desenvolvemento da súa función. Tal desenvolvemento terá lugar na forma que o árbitro considere oportuna, sen prexuízo da observancia dos principios mencionados no artigo 11.2 do presente acordo. As partes quedan obrigadas a presentar a documentación que lles sexa requirida.

2. No momento de iniciarse a primeira xuntanza co árbitro, asinarase un compromiso arbitral. O compromiso arbitral debe conter os seguintes datos:

a) As cuestións concretas sobre as que debe versar a arbitraxe.

b) O criterio, de dereito ou de equidade, ao que debe axustar o árbitro a súa decisión.

c) O prazo para a emisión do laudo, cando as partes do compromiso arbitral consideren necesario que a devandita emisión se produza nun prazo distinto do supletorio previsto no número seguinte deste acordo.

3. Da primeira e da última das xuntanzas do procedemento levantarase acta pola persoa do Servizo de Solución de Conflitos que asista o árbitro, agás que se acorde expresamente levantala de todas as xuntanzas. Este, tras a lectura daquela e, se for o caso, a introdución dos cambios que dispoña, deixará constancia nela da súa conformidade.

4. Se as partes non tiveren sinalado no escrito de compromiso arbitral un prazo distinto para a emisión do laudo, a devandita emisión deberase producir no prazo máximo de dez días hábiles contados a partir do seguinte ao da designación do árbitro. Excepcionalmente, atendendo ás dificultades do conflito e á súa transcendencia, o árbitro poderá prorrogar o devandito prazo mediante resolución motivada; en todo caso, o laudo deberá ditarse antes do transcurso de vinte e cinco días hábiles contando desde o seguinte ao da designación do árbitro.

5. O laudo arbitral haberá de estar motivado e será notificado de modo inmediato ás partes e ao Servizo de Solución de Conflitos. Deberá sinalar os recursos que procedan contra el, o órgano ante o cal se deben interpoñer e os prazos e demais requisitos para facelo; tamén deberá sinalar, cando proceda, a súa propia vixencia temporal.

Artigo 27. Eficacia e impugnación do laudo arbitral

1. No procedemento promovido para resolver discrepancias nun período de consultas ou en substitución deste, a eficacia do laudo arbitral será a mesma que a do acordo alcanzado no devandito período. Nos demais casos, será a propia dun convenio colectivo dos regulados no texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, sempre que o compromiso arbitral figure subscrito polos que reúnan os requisitos de representatividade e de maiorías previstos nos artigos 87, 88.2 e 89.3 do devandito texto legal. Pola contra, o laudo só producirá efectos para os traballadores ou empresarios directamente representados polos subscritores do referido compromiso.

2. O laudo arbitral remitirase á autoridade laboral para os efectos de rexistro, depósito e publicación oficial, cando proceda. Así mesmo, notificarase á comisión paritaria do convenio colectivo cando o procedemento teña a súa orixe no desacordo no período de consultas previsto no artigo 82.3 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores.

3. O laudo arbitral poderá ser impugnado polos motivos, vías e prazos que establecen os artigos 65.4 e 163.1 da Lei reguladora da xurisdición social. A súa executividade rexerase polo disposto no artigo 68.2 de igual texto legal.

CAPÍTULO IV - Mecanismos de determinación de servizos de mantemento en caso de folga

Artigo 28. Negociación de servizos de mantemento

1. Convocada folga nun sector ou empresa determinado, o sindicato ou sindicatos convocantes, ou a representación unitaria ou sindical dos traballadores na empresa, presentarán á contraparte empresarial afectada, acompañada do aviso previo, unha proposta dos servizos de mantemento que sexa preciso prestar durante esta e que corresponda garantir ao comité de folga, así como dos traballadores que deban atendelos.

2. No prazo máximo de dous días naturais, ambas as dúas partes deberán negociar para chegar a un acordo sobre a determinación dos servizos de mantemento, e aceptar ou modificar a proposta dos convocantes. Ambas as dúas partes estarán obrigadas a negociar de boa fe.

3. A contraparte afectada só poderá negarse a negociar os servizos de mantemento cando a convocatoria de folga sexa realizada por un sindicato que non represente a maioría dos membros de comités de empresa e delegados de persoal do sector en conflito ou, nos casos de folga de empresa, cando o acordo de folga non sexa adoptado pola maioría da representación unitaria ou por seccións sindicais que no seu conxunto conten coa devandita maioría.

4. O deber de negociar os servizos de mantemento no prazo fixado mantense en todo caso se o convocante da folga é un sindicato máis representativo na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 29. Procedemento de arbitraxe en caso de desacordo na determinación de servizos de mantemento

1. Transcorrido o prazo sinalado no artigo anterior sen que se obtivese acordo, ambas as dúas partes someteranse a un árbitro, designado de mutuo acordo ou, na súa falta, mediante o procedemento sinalado no artigo 24 deste acordo, para que, no prazo improrrogable de dous días dende a súa designación, dite un laudo motivado polo que se fixen os servizos de mantemento que se garantirán durante a folga.

2. O árbitro deberá ter en conta para emitir a súa decisión tanto a proposta das organizacións convocantes como as modificacións mantidas pola contraparte afectada, valorando, ademais, as circunstancias concretas de duración ou extensión da folga e a súa posible incidencia na seguridade das persoas e cousas, mantemento das instalacións e ulterior recuperación da actividade produtiva.

CAPÍTULO V - Xestión dos procedementos

Artigo 30. Información dos procedementos

O Servizo de Solución de Conflitos informará os asinantes deste acordo de todos aqueles procedementos promovidos e do seu resultado final.

Artigo 31. Rexistro de conciliadores-mediadores e árbitros

1. Constituirase un rexistro de conciliadores-mediadores e outro de árbitros en cada provincia, así como un rexistro central de ambos os dous, co fin de que interveñan nos procedementos regulados no presente acordo.

2. Os seus membros serán designados por acordo unánime das organizacións asinantes, con periodicidade bianual.

3. Con igual periodicidade bianual, cada unha das organizacións asinantes poderá recusar ata un total de dous membros do conxunto de integrantes de ambos os dous rexistros.

Artigo 32. Solicitude de cobertura do Consello Galego de Relacións Laborais

1. As organizacións asinantes solicitan do Consello Galego de Relacións Laborais o establecemento dun Servizo de Solución de Conflitos, coa dotación humana, material e económica precisa que permita desempeñar eficazmente os labores establecidos no presente acordo.

2. As organizacións asinantes solicitan igualmente do Consello Galego de Relacións Laborais a cobertura económica precisa dos rexistros de conciliadores-mediadores e de árbitros, así como o sistema de axudas para retribuír as súas funcións.

CAPÍTULO VI - Xestión do Acordo

Artigo 33. Comisión paritaria do Acordo interprofesional

1. A interpretación, aplicación, adaptación e revisión do presente acordo confíase a unha comisión paritaria integrada por sete representantes das organizacións sindicais asinantes, en función da súa representatividade, e por un número igual de representantes da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG). Para a súa debida constitución será necesaria a presenza de dez membros, cinco por cada unha das dúas representacións.

2. A comisión paritaria estará presidida polo presidente do Consello Galego de Relacións Laborais ou pola persoa en quen delegue, actuando como secretario un funcionario do propio Consello. Ambos os dous actuarán con voz e sen voto.

3. A comisión paritaria reunirase polo menos dúas veces ao ano, co obxecto de avaliar a aplicación e o funcionamento do Acordo e introducir as adaptacións e revisións que a súa execución precise. Será convocada polo seu presidente, por propia iniciativa ou por solicitude de calquera das organizacións asinantes do acordo. Ás súas reunións deberá asistir unha representación do Consello Galego de Relacións Laborais co fin de subministrar a información que se lle solicite.

4. A convocatoria das reunións ordinarias da comisión paritaria efectuarase cunha antelación mínima de sete días. Por causas extraordinarias, a comisión poderá ser convocada no prazo de vinte e catro horas. A convocatoria expresará a orde do día, que será fixada de acordo cos representantes de cada unha das organizacións asinantes deste acordo.

5. A comisión paritaria adoptará os seus acordos polo voto favorable da maioría de cada unha das dúas representacións presentes. Os devanditos acordos, que serán recollidos en actas, serán remitidos á autoridade laboral para o seu rexistro, depósito e publicación no Diario Oficial de Galicia salvo que a propia comisión, pola natureza do acordo adoptado, decida outra cousa.

Disposición derradeira primeira

As organizacións asinantes comprométense a elaborar, no prazo de vixencia deste acordo, unha proposta de procedementos extraxudiciais de solución de conflitos individuais de traballo que adopte a forma xurídica dun acordo interprofesional.

Así mesmo, as mencionadas organizacións comprométense a negociar coa Administración, en igual prazo, un procedemento para a fixación de servizos mínimos, no caso de folga en servizos esenciais para a comunidade.

Disposición derradeira segunda

Tanto a intervención das comisións paritarias dos convenios colectivos, regulada na sección primeira do capítulo II deste acordo, como o emprego dos procedementos de conciliación e mediación contidos na sección segunda do capítulo III, se consideran intento de conciliación ou mediación para os efectos do artigo 156 da Lei reguladora da xurisdición social.